Biblioteca escolar, un organismo vivo

Non é o mesmo ter unha biblioteca abandonada á súa sorte (por moitos volumes que conteña) que organizarse para poder aproveitar as distintas posibilidades que ofrece para a formación lectora, a adquisición de competencias clave e o desenvolvemento de habilidades diversas no ámbito da información, o traballo colaborativo, a investigación, a posta en marcha de proxectos conxuntos e a aprendizaxe de aspectos básicos para unha convivencia democrática.

Cristina Novoa Fernández
Asesora de Bibliotecas Escolares de Galicia
crisnovoa@gmail.com

Concibir a biblioteca escolar como un ser que respira pode ser unha imaxe evocadora e tamén unha maneira de enfocar o traballo que, ao cabo, nos resulte oportuna. Existen moitas metáforas para referirse á biblioteca escolar, pero aquela que a imaxina como un organismo vivo permítenos falar da súa capacidade de adaptación aos tempos sociais e educativos, ás circunstancias do centro e ás necesidades das persoas para as que existe: o alumnado e o profesorado, fundamentalmente, pero tamén as familias; en definitiva, a comunidade educativa. Permítenos falar de como se expande, como esixe un maior espazo canta máis vida cobra, cantas máis necesidades atende e canto máis se adapta a intereses e inquietudes dos seus usuarios. Axúdanos a entender a necesidade que ten a biblioteca escolar de ser atendida, consentida, alimentada… para contribuír ao seu desenvolvemento e para evitar a súa morte por abandono e inanición. E, tamén, permítenos falar da súa capacidade de resiliencia, esa capacidade de adaptación que, segundo o dicionario da RAE, “teñen os seres vivos fronte a un axente perturbador ou un estado ou situación adversos”.

 

Nestes tempos en que as humanidades perden peso no sistema educativo fronte aos axustes nos recursos destinados á educación, poderán sobrevivir (e están chamadas a ter un papel esencial) aquelas bibliotecas, mellor dito, aquel profesorado que entenda o papel que pode xogar a biblioteca no seu centro e que se poña á fronte dun movemento de impulso da biblioteca escolar: que lidere a procura de recursos, a renovación non só das instalacións, o equipamento ou a colección, senón das funcións para desenvolver no contexto dunha comunidade educativa concreta; que avalíe o estado da biblioteca e planifique a súa posta en marcha ou a súa reactivación, tomando como oportunidades as dificultades nas que se atopa, formándose, convertendo a biblioteca no “servidor central” en materia de información e de lectura, imprescindible para o desenvolvemento dos contidos curriculares; traballando de forma colaborativa, creando redes con outros profesionais, sexan bibliotecarios ou docentes, que entenden igualmente a importancia desta ferramenta ao servizo da educación. Terán futuro aquelas bibliotecas escolares que saiban escoitar as necesidades das persoas usuarias, dos membros da súa comunidade educativa e ofrezan servizos e oportunidades para seguir crecendo como persoas autónomas ás que lles gusta participar con outras en actividades enriquecedoras, moitas veces deseñadas e organizadas por elas mesmas e en función dos seus intereses.

A biblioteca escolar debe ter os sentidos alerta e unha gran capacidade para reaccionar de maneira inmediata, ou case, ao que percibe como necesidade ou interese nos seus usuarios naturais. Respirar coa súa xente, coa comunidade á que serve.

 

1. De innovación e bibliotecas

A activación da biblioteca escolar, máis aló da preservación duns materiais máis ou menos valiosos, do aumento da colección como indicador de valía, o préstamo de títulos recomendados polos departamentos ou as facilidades para consultar os materiais informativos, veu sempre da man do profesorado máis dinámico, asociado, nos anos oitenta e noventa, aos movementos de renovación pedagóxica, atento ás necesidades do alumnado en materia de lectura e de información; atento, tamén, ás tendencias en materia de transmisión do coñecemento e de comunicación; profesorado que necesitou as bibliotecas escolares para poder exercer a súa función docente e renovar as súas prácticas metodolóxicas, superando as limitacións do libro de texto. Pero esta activación respondeu, en gran parte tamén, a unha concepción do traballo da lectura nos centros vinculada á chamada “animación á lectura”, debedora de tendencias no sector público de lectura que se filtrou a través da formación permanente do profesorado e dos apoios do persoal bibliotecario, especialmente nalgunhas comunidades autónomas.

Así se foron configurando bibliotecas con recursos extraídos dos gastos de funcionamento dos centros e con achegas de editoriais, familias e outras institucións. As actuacións da administración para atender estes recursos educativos foron irregulares e sempre escasas. Coa publicación da Lei orgánica de educación de 2006 e a incorporación do coñecido artigo 113 que, por primeira vez, recoñecía a obrigatoriedade de que todos os centros educativos contasen cunha biblioteca escolar e que marcaba claramente, ademais, as funcións deste recurso no centro educativo, parecía abrirse unha etapa de esperanza. No período 2006-2011, o Ministerio de Educación, en réxime de convenio coas comunidades autónomas, puxo en marcha un plan de mellora das bibliotecas escolares que durante eses anos inxectou nas bibliotecas unha importante cantidade de recursos económicos, con irregular resultado.

 

Nestes últimos anos, as bibliotecas tiveron un desenvolvemento máis amplo nalgúns territorios do Estado ca noutros, debido á existencia de programas estables que permitiron destinar recursos económicos para as bibliotecas escolares, xa de forma unilateral, e actuar ao mesmo tempo sobre a formación permanente do profesorado ou impulsar programas de estímulo da lectura, a investigación e o uso das bibliotecas escolares, entre outras actuacións. Pero o panorama é moi desigual, como poñen de manifesto os estudos e estatísticas sobre as bibliotecas escolares en España.

Desde Galicia, falamos dun programa de bibliotecas escolares que se foi desenvolvendo desde o ano 2005 con certa estabilidade e con importantes avances. Púidose demostrar que, cando hai investimento en bibliotecas escolares, propostas vinculadas ás necesidades manifestadas polos docentes e, ao tempo, fundamentadas nas recomendacións dos organismos internacionais (IFLA, UE) en materia bibliotecaria e en materia educativa e, ao mesmo tempo, liñas de traballo en materia de formación permanente do profesorado coordinadas co programa de bibliotecas, pódense agrupar nunha mesma dirección unha gran cantidade de vontades e conseguir que as bibliotecas escolares se convertan no motor de cambio pedagóxico nos centros.

Este cambio non vén dado pola mellora das instalacións, do mobiliario ou do equipamento tecnolóxico que, sen dúbida, contribúen a iso, da mesma forma que o fan a renovación dos recursos impresos ou a incorporación de materiais audiovisuais e electrónicos nas coleccións dos centros. Os cambios prodúcense cando o profesorado vinculado ás bibliotecas entra na cultura da avaliación e da planificación con obxectivos de mellora, fundamentalmente. As bibliotecas escolares galegas funcionaron como “aceleradores” da innovación[1] na medida en que lideraron a incorporación de proxectos interdisciplinarios, os traballos por proxectos e outras metodoloxías activas, a lectura como alfabetismo múltiple e as competencias informacionais, o traballo colaborativo do profesorado e do alumnado ou a implicación das familias na formación dos pequenos lectores.

Desde este contexto, e co apoio de estudos de carácter internacional sobre o poder das bibliotecas escolares, resulta preocupante observar como algunhas correntes que se din de innovación pedagóxica, que ocupan moitas páxinas de prensa e gran cantidade de espazo na web, que aglutinan institucións, centros educativos e empresas privadas, prescinden sinxelamente da biblioteca escolar nas súas propostas e promoven como prácticas innovadoras experiencias que non inclúen entre os seus espazos ou os seus recursos a biblioteca escolar e todas as súas oportunidades.

[1] Biblioteca escolar, acelerador da innovación, lema elixido para a campaña de bibliotecas escolares de 2012/13 pola Consellería de Cultura, Educación e OU.

2. De competencias para o século XXI e estudos de impacto da biblioteca nas aprendizaxes

Son moitas as institucións que nos lembran cales han de ser as competencias, habilidades e destrezas que han de acadar os nosos estudantes para poder desenvolverse con fluidez na sociedade do século XXI. Con algunhas variacións, practicamente todas as fontes coinciden en que hai unha serie de alfabetizacións imprescindibles: a lectura, a aritmética, as ciencias, as tecnoloxías da información e da comunicación, unha mínima formación financeira, os coñecementos culturais e os valores cívicos. Incídese tamén na importancia de desenvolver a creatividade, o espírito crítico, as habilidades de comunicación e de traballo colaborativo. E, da mesma forma, recoñécense como calidades de carácter que deben desenvolverse: a curiosidade, a iniciativa, a persistencia, a capacidade de adaptación, as habilidades de liderado e autonomía, a consciencia social e cultural.[2]

 

As oportunidades que ofrece unha biblioteca escolar á hora de traballar por un alumnado que reúna ao longo da súa vida académica obrigatoria este tipo de coñecementos, habilidades e competencias son indiscutibles. Para iso, obviamente, a biblioteca ha de reunir uns mínimos requisitos e ha de ser todo o centro o que responda no ámbito organizativo, de planificación, de cultura pedagóxica, de priorizar contidos á hora de organizar o currículo, para garantir a consecución destes obxectivos.

Os estudos de impacto da biblioteca escolar sobre as aprendizaxes, realizados no ámbito anglosaxón[3], fálannos de resultados definitivos que se resumen en tres campos: maior logro académico, mellores resultados de aprendizaxe e mellores actitudes para a aprendizaxe. É dicir, aquel alumnado que pasa por centros que contan con bibliotecas activas conseguen non só mellores notas, senón tamén maior coñecemento e ademais desenvolven hábitos e interese pola aprendizaxe ao longo da vida. Agora ben, para que a biblioteca escolar produza estes efectos ten que reunir algúns requisitos:

  • Un bibliotecario a tempo completo, cualificado, proactivo e con funcións de xestión.
  • Persoal de apoio para levar a cabo tarefas rutineiras que lle permitan ao bibliotecario realizar actividades de formación, colaboración e promoción, así como tarefas profesionais de desenvolvemento da colección.
  • Unha biblioteca que facilita o acceso físico e virtual aos recursos, na biblioteca, nas aulas e na casa, en horario lectivo e fóra del.
  • Unha colección física e virtual adecuada, actualizada, diversa, que apoia o plan de estudos e atende as necesidades do lecer dos estudantes.
  • Tecnoloxía en rede para facilitar o acceso e o uso da información, e a construción do coñecemento e a súa difusión.
  • Formación en función das necesidades individuais e curriculares de estudantes e mestres, que abarca contidos das materias, a alfabetización informacional e os intereses propios de lectura.
  • Colaboración cos docentes, a dirección do centro, outros bibliotecarios e outros axentes externos para garantir a oferta de servizos máis adecuados de apoio á aprendizaxe.

É obvio que aínda queda moito por facer no noso contexto para conseguir bibliotecas con este características, pero aquelas que están en camiño demostraron xa, cos esforzos das comunidades educativas que as poñen en pé, que a súa influencia pode ser enorme na formación do alumnado. Non é o mesmo traballar con libros de texto e, como moito, ofrecer unha colección máis ou menos actualizada de libros de ficción para estimular o hábito da lectura, que contar cunha biblioteca organizada, inserida na vida do centro, cun programa de actividades diversas e ben planificadas, con servizos pensados no alumnado ou con espazos e tempos para as familias. Non é o mesmo ter unha biblioteca abandonada á súa sorte (por moitos volumes que conteña), que organizarse para poder aproveitar as distintas posibilidades que ofrece para a formación lectora, a adquisición de competencias clave e o desenvolvemento de habilidades diversas no ámbito da información, o traballo colaborativo, a investigación, a posta en marcha de proxectos conxuntos e a aprendizaxe dos aspectos básicos para unha convivencia democrática.

[2] Informe Foro Económico Mundial: Nova visión para a educación: Fomentar a aprendizaxe social e emocional a través da tecnoloxía (2016) Accesible en http://www3.weforum.org/docs/WEF_New_Vision_for_Education.pdf

[3] DorothyWilliams, CarolineWavellandKatieMorrison (2013). ImpactofSchoolLibraries on Learning . Criticalreviewofpublishedevidence to inform the Scottish educationcommunity. Robert GordonUniversity Institute for Management, Governance&Society (ImaGeS).

3. Biblioteca escolar, unha actitude

Finalmente, ofrecerlle ao alumnado unha biblioteca escolar útil é sobre todo unha cuestión de actitude. Antes que pensar nos recursos convén ter claro que tipo de biblioteca se quere poñer en marcha, cal é a situación actual da biblioteca con respecto a un modelo que entendemos como desexable, que cambios convén realizar na biblioteca que xa temos, que prácticas pedagóxicas pretendemos estimular, que dinámicas queremos poñer en marcha, que tipo de lector queremos axudar a formar. Con recursos limitados pero obxectivos definidos, referencias actualizadas e traballo colaborativo, pódese ofrecer un servizo básico de biblioteca con influencia na formación do alumnado, pero tamén é certo que, con recursos fantásticos, escasas referencias, obxectivos pouco claros ou erráticos, a desorientación está garantida.

 

Xa en 2011, o Marco de referencia sobre as bibliotecas escolares, publicado polo Ministerio de Educación, afirmaba que “as bibliotecas escolares que se precisan na actualidade son centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe: contornas educativas específicas integrados na vida da institución escolar. Apoian o profesorado no exercicio das súas prácticas de ensino e facilítanlle ao alumnado a aprendizaxe dos contidos curriculares, así como a adquisición de competencias e hábitos de lectura, nunha dinámica aberta á comunidade educativa”.[4]

Aínda que pasou pouco tempo, os cambios tecnolóxicos e sociais exercen unha forte presión en todos os ámbitos educativos e a biblioteca escolar, na súa tendencia para adaptarse a novas circunstancias, adquire un novo papel. Ha de superar a súa configuración como centro de recursos para pasar a ser unha “contorna” educativa porque non pode circunscribirse a unha sala específica senón que ha de abrirse a todo o centro: todo o centro ha de ser biblioteca; pero non só. A biblioteca aproveita as posibilidades que ofrece a tecnoloxía e a través da rede pode ser accesible desde calquera punto e en calquera momento. Os seus servizos, as oportunidades que lle ofrece á comunidade educativa en materia formativa, de fomento da lectura, de comunicación, de expresión e creación, de convivencia, deben responder aos intereses que os distintos integrantes desa comunidade poñen de manifesto, e ha de deseñar os mecanismos para coñecer eses intereses e esas necesidades para poder actuar despois en consecuencia.

Segundo as Directrices IFLA de 2015,[5] a biblioteca escolar é unha contorna física e dixital de aprendizaxe na escola onde a lectura, o interese, a investigación, o pensamento, a imaxinación e a creatividade son centrais para a viaxe cara á información e coñecemento dos estudantes, tamén cara ao seu crecemento persoal, social e cultural.

O que se necesita nestes momentos educativos son bibliotecas como espazos de encontro, intercambio, formación, colaboración… entre os distintos sectores da comunidade educativa. Do mesmo xeito ca o resto das bibliotecas, as escolares han de ser lugares sociais para o desenvolvemento das persoas, espazos creativos onde construír coñecemento, compartir intereses, explorar, investigar e crear xunto a outros, traballar de forma colaborativa; desenvolver proxectos, imaxinar, aprender a traballar manualmente; debater, saber como argumentar e razoar: aprender a pensar. As bibliotecas ceden a súa obsesión polo silencio en favor dunha comunidade viva onde cada membro pode desenvolver a súa creatividade, acceder aos recursos culturais e de aprendizaxe, producir obxectos culturais en distintos soportes e formatos e compartir experiencias a partir das súas lecturas, as súas vivencias, os seus coñecementos, as súas investigacións, as súas creacións.

Unha das liñas máis claras para introducir innovación nos centros educativos é a superación do grupo-aula e da rixidez dos horarios por materias. Un traballo interdisciplinario e en favor das competencias informacionais e mediáticas esixe outra organización espacial, outros tempos, outros agrupamentos. A biblioteca escolar é unha oportunidade para introducir novas prácticas metodolóxicas e, tamén, para diversificar o uso dos espazos e os tempos. Unha estratexia para introducir cambios na institución escolar comeza por modificar, ampliar, reconverter a vella biblioteca nunha factoría para a construción de coñecemento, un laboratorio creativo de aprendizaxes, aberto a toda a comunidade educativa na medida do posible, pero esencialmente ao servizo do desenvolvemento curricular e da adquisición de competencias por parte do alumnado. Isto pode realizarse en varias fases e a primeira pode ser ampliar e diversificar os espazos: lectura individual, traballo en grupo, lectura informal; espazo para o acceso a recursos audiovisuais de maneira autónoma; equipamento informático diverso que favoreza o traballo colaborativo; equipamento para a creación audiovisual, para actividades de comunicación; espazos e materiais para a expresión artística, robótica, materiais diversos para traballos manipulativos (espazo maker ou espazo creativo), impresión 3D…

 

Unha configuración diferente aos clásicos postos de lectura favorecerá un uso diferente da biblioteca e dos seus recursos. Espazos de circulación todo o amplos que se poida e os libros integrados plenamente nesta nova concepción da biblioteca, porque non hai que esquecerse deles, do soporte impreso e doutros soportes como o libro dixital ou o audiolibro. Nesta nova forma de entender a biblioteca escolar, os materiais impresos non sobran; debe configurarse ese laboratorio creativo de aprendizaxes como un contedor  cultural variado que ofrece todas as posibilidades de acceso ao patrimonio cultural e unha fonte de información múltiple que permite o contraste de datos e referencias, así como o acceso á mellor literatura posible, á vez que facilita a creación de textos e produtos audiovisuais ou electrónicos.

[4] Marco de referencia para as bibliotecas escolares. Ministerio de Educación (2011).

[5] International Federation of Library Associations.IFLA School Library Guidelines (2015).

4. E unha biblioteca para que?

Unha biblioteca escolar que se atopa en fase de transformación cara a ese “laboratorio creativo de aprendizaxes” que se propón é unha contorna para a lectura, para a formación lectora e literaria, para a lectura comprensiva e a comunicación a través de todo tipo de textos. Hoxe en día, falar de lectura é falar de alfabetismos múltiples, de textos de ficción, xornalísticos, de divulgación, científicos… é falar de imaxes fixas e en movemento, de narrativas transmedia, de gráficos e de publicidade, de cinema, de música e de Internet en toda a súa complexidade. É un espazo, tamén, para a formación literaria, para a lectura individual e para a socialización da lectura: clubs de lectura, actividades de lectura compartida, acompañamentos lectores… A biblioteca é o instrumento indispensable para poñer en marcha programas e plans de lectura e para a realización de actividades de extensión cultural (recomendacións de lectura, presentación de libros, conferencias, recitais poéticos e musicais, exposicións, certames literarios, talleres de narrativa, poesía, cómic, vídeo ou fotografía; semanas culturais, festivais de curtas, cinefórum…). En definitiva, a biblioteca como factoría da palabra e do pensamento.

 

Outro grande ámbito de actuación para a biblioteca escolar é o das competencias informacionais e mediáticas, as denominadas competencias ALFIN/AMI, tal e como se recolle nun recente informe do Grupo de Traballo ALFIN, do Consello de Cooperación Bibliotecaria.[6] O seu papel aquí é o de dispoñer do equipamento e dos recursos necesarios para que o alumnado poida acceder ás distintas fontes de información dispoñibles, pero, tamén, o de apoiar o equipo docente nestas tarefas, ou ben organizar directamente programas para a adquisición de destrezas no uso, procura, tratamento e produción de información. Debe ofrecer oportunidades para que se poidan desenvolver pequenos proxectos de investigación que permitan, ao tempo, formarse nas habilidades necesarias para unha procura e recuperación eficaz da información, a valoración das distintas fontes que se van utilizar, a comunicación e aplicación do coñecemento adquirido ou o traballo colaborativo. Todo iso a través de distintos soportes e formatos, entre os que se atopan os diferentes medios de comunicación, Internet ou as redes sociais.

Temos sempre en mente que a biblioteca escolar é un espazo singularmente privilexiado para integrar humanidades e ciencias na formación do alumnado; de aí a importancia do seu liderado á hora de coordinar propostas de carácter interdisciplinario, de propiciar prácticas educativas que superen a estreita marxe das materias e permitan a construción do coñecemento desde “ámbitos” de traballo ou a interacción entre as distintas áreas de aprendizaxe. Incorporar á biblioteca un recuncho para a tecnoloxía ou para o traballo manipulativo á beira de propostas poéticas ou de investigación científica. Aprender a mirar o mundo, a exploralo desde a biblioteca escolar, en toda a súa complexidade, deixando atrás os camiños trillados do libro de texto tradicional e aprendendo a elaborar rutas de navegación propias.

Gústame dicir que a biblioteca pode ofrecer agulla e fío co que coser os distintos proxectos e programas do centro, moitas veces dispersos, para elaborar entre todos unha fermosa colcha de patchwork multicolor cada curso escolar. Ademais, esta contorna creativa de aprendizaxes pode ser tamén unha excelente plataforma para a exposición das producións escolares, xa sexa a través dun espazo web ou en formato analóxico: por exemplo, pódese organizar nos recreos un tempo para a exposición de traballos, proxectos, habilidades musicais ou plásticas, un “micrófono aberto” para a lectura de textos, a comunicación dunha idea, a presentación do último vídeo realizado no obradoiro de imaxe…

 

A biblioteca debe ser un espazo inclusivo, coma o resto do centro, por outra banda, e dar cabida a todas e a todos. Debe asegurarlle a todo o alumnado o acceso aos recursos culturais, especialmente a aqueles que por cuestións socioeconómicas non os teñen nas súas casas. Debe albergar pequenos espazos de traballo e os mellores equipos para que calquera membro da comunidade educativa, calquera grupo que se forme coa finalidade que sexa poida realmente ter oportunidade de montar un vídeo, por exemplo, ou de crear un produto audiovisual, ou de deseñar un proxecto de mellora dalgún aspecto do barrio ou do propio centro…

Esta contorna creativa de aprendizaxes pode tamén ofrecerlle ao alumnado hiperconectado na súa vida cotiá, na súa contorna familiar, un espazo para a desconexión e a “aprendizaxe lenta”, para a conversación e a orientación se así o precisa ou, simplemente, un tempo e un lugar para atoparse consigo mesmo, cos seus intereses ou os seus descubrimentos a través dos libros.

E as familias? Implicar as familias na formación lectora das súas fillas e fillos é un labor da biblioteca escolar e pódese organizar a través de charlas periódicas, de faladoiros de pais, pero tamén de actividades de lectura compartida, da “hora do conto” ou dunha infinidade de propostas que buscan a súa colaboración. Nos centros de secundaria adoita ser máis difícil este achegamento e, polo menos en Galicia, está a conseguirse a través dos grupos de lectura mixtos ou de adultos (a experiencia “Ler xuntos” que Aragón exportou a outros territorios é tamén un excelente exemplo). A colaboración cos proxectos interdisciplinarios mediante charlas ou entrevistas é tamén outra vía de colaboración que funciona ben. Ultimamente estamos a ver proxectos de tipo audiovisual nos que se pide a colaboración das familias, por exemplo, a gravación na casa dun vídeo mentres se elabora unha receita de cociña ou se realiza un experimento científico e nos que participa o alumno e un ou varios adultos da familia. Os concursos de fotografía temática, asociados a algún proxecto, son tamén moi ben recibidos. É, así mesmo, un terreo para explorar, a colaboración directa de pais e nais no equipo de biblioteca, como colaboradores. Nas zonas rurais galegas, son varias as bibliotecas escolares que están abertas polas tardes coa colaboración das familias.

E que pasa co currículo? Pois que se vai desenvolvendo a medida que se desenvolven os proxectos e as actividades. Claro que, para iso, ten que haber unha planificación exquisita previa, o suficientemente flexible como para incorporar propostas do alumnado ou das familias, pero rigorosa nas súas formulacións para conseguir unhas determinadas aprendizaxes que, como docentes, temos que ter moi claras a comezos de cada curso escolar. E todo por escrito, en programas e plans ben estruturados coas achegas de todos.

[6] Integración das competencias ALFIN/AMI no sistema educativo: contexto, referencia e propostas. MECD (2016). Accesible en https://sede.educacion.gob.es/publiventa/integracion-de-as-competencias-alfinami-en-o-sistema-educativo-referencias-contexto-e-propostas/ensenanza-bibliotecas/20721C.

5. E á Administración que lle toca?

Pois as administracións teñen unha gran responsabilidade no desenvolvemento das bibliotecas escolares. Tanto a Administración central á hora de establecer o marco normativo que asegure a súa presenza no sistema educativo, cos recursos materiais e humanos indispensables, coma as comunidades autónomas á hora de exercer as súas competencias e velar porque todo o alumnado teña acceso a un servizo educativo de carácter esencial para o desenvolvemento das competencias que están escritas nos documentos curriculares. As administracións son responsables do panorama actual das bibliotecas escolares en España, no ámbito xeral, pero ademais algúns territorios, como Galicia (e moitos centros no ámbito individual), están a realizar importantes esforzos. Existen unhas desigualdades enormes entre comunidades autónomas, non só en canto aos recursos materiais dispoñibles, senón tamén en canto á orientación que se lles dá a estas bibliotecas a través da formación do profesorado, ou cando se fai que dependan do sector público de lectura, ou se vinculan exclusivamente a plans de lectura comprensiva (ou o que é máis grave, a actividades de “animación á lectura” case unicamente), obviando o seu importante papel como mediadoras na formación doutras competencias imprescindibles; ou simplemente cando se deixan a poula… e que cada centro faga o que poida.

O artigo 113 da LOMCE non foi desenvolvido convenientemente e, máis aló dos recursos materiais imprescindibles para a súa constante actualización, as bibliotecas precisan unha definición clara de quen se vai facer cargo delas, con que formación, con que horas semanais de dedicación, con que perfil, con que apoios, con que funcións, cales son os seus ámbitos de actuación, de que maneira deben contribuír á adquisición das competencias clave previstas nos currículos e doutras competencias que, a teor dos expertos, é imprescindible desenvolver para moverse con fluidez na sociedade actual. En resumo, depende das administracións que as bibliotecas existan e para iso precísanse orzamentos, normativa, establecemento do posto de profesor-bibliotecario, formación axeitada, flexibilidade á hora de adaptar un modelo base a cada comunidade educativa e a cada tipoloxía de centro, creación de redes institucionais convenientemente atendidas, impulso de redes locais ou comarcais, identificación e difusión de boas prácticas, materiais de apoio… e escoita activa do profesorado que coñece as necesidades actuais en cada comunidade autónoma; e tócalle a cada Administración incidir nos ámbitos nos que a súa actuación é máis feble para conseguir que o famoso artigo 113 sexa unha realidade en todos os centros educativos e as bibliotecas cumpran o papel que lles corresponde neste momento de imprescindibles cambios metodolóxicos.

 

6. As bibliotecas como “terceiro lugar”

O informe Prospectivas 2020: as dez áreas que máis van cambiar nas nosas bibliotecas nos próximos anos,[7] elaborado por un grupo de traballo do Consello de Cooperación Bibliotecaria e publicado en 2013, avanzaba xa algúns cambios que se ían producir nas bibliotecas, tamén nas dos centros educativos. Aquel informe incidía no papel das bibliotecas como “terceiro lugar”, eses espazos diferentes do traballo ou do fogar aos que as persoas acudimos simplemente polo pracer de estar, relacionarnos, falar ou pasar o tempo dunha forma grata (sobre a idea do sociólogo Ray Oldenburg, 1989). O que vemos nas bibliotecas públicas, pero tamén se empeza a ver nas bibliotecas escolares máis “maduras”, é que esta tendencia é unha realidade. Así o demostran, por exemplo, as múltiples experiencias dos clubs de lectura en centros de ensino en Galicia: o alumnado e algúns adultos da comunidade educativa que participan neles valoran esas oportunidades que se lles ofrecen para a aprendizaxe non formal e tamén para a socialización, a participación, a vivencia da cidadanía, en definitiva.

Finalmente, a biblioteca escolar non é máis ca unha creación do centro ao servizo da aprendizaxe e do desenvolvemento persoal e social dos membros da súa comunidade educativa, cos recursos dos que poida dispoñer, co espazo que poida gañar e adaptar para desenvolver actividades enriquecedoras, pero sobre todo co enfoque de servizo público educativo vivo, flexible, atento, receptivo e proactivo. Porque as bibliotecas escolares deben saír a gañarse a aqueles colectivos que, en principio, descoñecen as súas oportunidades aínda cando lles son necesarias, e non poden esquecer a súa función como factor de compensación de desigualdades, se cadra o primeiro e máis importante obxectivo que debe guiar toda a súa actuación.

[7] Accesible aquí: http://www.ccbiblio.es/wp-content/uploads/Estudo_prospectiva_2020.pdf

 

Este artigo é tradución e revisión do orixinal, publicado nun monográfico sobre bibliotecas escolares da revista dixital Forum Aragón (FEAE. Zaragoza, 2017) [Accesible en https://issuu.com/feaearagon/docs/forumaragon21]

Bibliografía: 

 

 

Algunhas referencias:

WILLIAMS,D.; WAVELL, C. e MORRISON, K. (2013): Impact of School Libraries on Learning. Critical review of publish edevidence to inform the Scottish education community.

IFLA/UNESCO (1999): Manifesto IFLA/UNESCO sobre a biblioteca escolar. Recuperado de http://www.unesco.org/webworld/libraries/manifestos/school_manifesto_é.html.

IFLA (2015): IFLA School Library Guide lines. Recuperado de https://www.ifla.org/publications/node/9512.

Integración das competencias ALFIN/AMI no sistema educativo: contexto, referencia e propostas (2016). Grupo de Traballo ALFIN. Madrid: Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Recuperado de https://sede.educacion.gob.es/publiventa/integracion-de-as-competencias-....

Instrucións do 1 de setembro de 2017, da DX de Centros e RRHH en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares durante o curso 2017/2018... (2017). Xunta de Galicia, CCEOU. Recuperado en http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/instrucions_bibliotecas_...

Marco de referencia para as bibliotecas escolares (2011). Comisión Técnica de Bibliotecas Escolares. Madrid: Ministerio de Educación. Recuperado de http://www.mecd.gob.es/cultura-mecd/dms/mecd/cultura-mecd/areas-cultura/...óns-tecnicas-de-cooperacion/escolares/Marcoreferenciabescolares.pdf.

Prospectiva 2020. As dez áreas que máis van cambiar nas nosas bibliotecas nos próximos anos (2013). Grupo estratéxico para o estudo de prospectiva sobre a biblioteca na nova contorna informacional e social. Consello de Cooperación Bibliotecaria. Madrid: Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Recuperado de http://www.mecd.gob.es/cultura-mecd/gl/dms/mecd/cultura-mecd/areas-cultu....

 

 

 

Sección: