Esencia Laredo: aprender a emprender

Creación dunha microempresa educativa: Esencia Laredo
O alumnado de quinto e sexto de primaria como organizador e con participación de todo o centro potenciará a competencia da iniciativa e o espírito emprendedor coa creación/xestión da mencionada microempresa e a produción/venda dos seus produtos manufacturados (colonias e xabóns). As mencionadas vendas terán unha finalidade solidaria: apoiar a Asociación Amencer de familias con nenos con necesidades educativas especiais e axudar un alumno do centro e a súa familia, vítimas de violencia de xénero. Este proxecto foi recoñecido co 1º premio de Acción Magistral 2017.

Ana Ruiz del Olmo Pérez, psicopedagoga e titora sexto educación primaria
Abraham Domínguez Cuña, psicopedagogo e mestre de Educación Física
equipodirectivo@ceipdelaredo.com

 

Contextualización

A nosa contorna máis inmediata fainos pensar en verde e facer verdes todas as nosas actuacións. A traxectoria do centro nesta materia (coidado do medio) fai que cada ano repensemos a nosa maneira de relacionarnos coa contorna. Materiais sustentables, charlas, obradoiros, saídas… somos un centro que vivimos para e polo medio ambiente e consideramos este un axente educativo máis no noso claustro.

No curso 2016/17 puxemos en marcha un proxecto denominado Esencia Laredo, mediante o cal quixemos poñer máis en evidencia o valor do coidado do medio. Partindo dunha competencia moi descoidada en educación primaria, como é o sentido da iniciativa e o espírito emprendedor, pretendemos xuntar  a empresa, a solidariedade, a ecoloxía e a sustentabilidade nun proxecto. Partindo da reciclaxe creamos unha empresa (Esencia Laredo) e debuxamos unha serie de actividades que fomentasen esa esencia, a esencia de ser solidarios por unha boa causa: a axuda dun compañeiro do centro que quedou orfo vítima de violencia de xénero.

 

O sentido de iniciativa e espírito emprendedor é unha das novas competencias clave que se incorporaron ao currículo de educación primaria coa nova lei educativa: a LOMCE. A competencia clave do sentido de iniciativa e espírito emprendedor defínese como a habilidade para transformar as ideas en actos. Está relacionada con cuestións tan importantes como as seguintes:
    • A creatividade
    • A innovación
    • A asunción de riscos
    • A habilidade para planificar e xestionar proxectos co fin de conseguir obxectivos
    • O aproveitamento de oportunidades
    • A concienciación sobre os valores éticos

A necesidade no centro de traballo desta competencia baixo un prisma transversal favorece o desenvolvemento deste proxecto, que ten como única finalidade o desenvolvemento da autonomía e a proactividade no alumnado. Así mesmo, o medio como axente educativo é unha necesidade en todo centro educativo, pois posibilita a realización dunha serie de actividades de intervención deste que acompañarán todo o noso camiño neste proxecto. Podemos destacar que, dentro do seo da nosa comunidade escolar e contorna máis inmediata, representantes de asociacións e empresas vinculadas co medio ambiente nos facilitaron a realización do proxecto:

Obxectivos

  • Recoñecer as oportunidades existentes para as actividades persoais, profesionais e comerciais.
  • Comprender as liñas xerais de funcionamento da economía.
  • Comprender as oportunidades e desafíos que afronta todo empresario ou organización.
  • Ser conscientes da postura ética das empresas e de como estas poden ser impulso positivo, por exemplo, mediante o comercio xusto e as empresas sociais.

 

Descrición do proxecto

A necesidade xa especificada na fundamentación, unha estrutura curricular definida para o traballo da competencia da iniciativa e do espírito emprendedor, fixo que no centro se xerase a idea de crear un proxecto de centro no que se aglutinasen as diferentes iniciativas en marcha a través dos programas Proxecta e asociados (Eduemprende, Voz Natura...), que lle desen sentido ás nosas actuacións.

Tras as primeiras reunións no verán de 2016, xorden os primeiros contactos con empresarios do sector redondelán que xustifican unha necesidade temperá no campo da iniciativa empresarial, así como o baixo coñecemento do alumnado en materia de finanzas. Paralelamente, un gran sector docente entendía que o proxecto debería ser solidario cun obxectivo concreto, así como sustentable co medio ambiente.

A Asociación de Empresarios de Redondela, STARTUP Galicia, EDUEMPRENDE-FP e a Fundación BBVA foron os colaboradores para xerar un esbozo de primeiras visitas, obradoiros, encontros, dinámicas no campo empresarial e financeiro... para lle dar forma e estrutura a unha simbólica empresa educativa o máis fidedigna posible.

O campo solidario vén da man dunha necesidade na comunidade dun compañeiro da aula de cuarto que queda orfo vítima do asasinato da súa nai a mans do seu pai; falecen os dous e o seu domicilio queda totalmente desfeito e a súa vida familiar truncada.  Así pois, desde o centro decídese intentar conseguir diñeiro para a reconstrución da súa casa, orzada en aproximadamente 65 000 €, coa finalidade de sensibilizar a comunidade e de que o alumnado tivese un obxectivo claro e concreto de axuda.

Sabiamos que queriamos facer e como (unha empresa), para que (axudar un neno cunha necesidade específica); faltábanos saber cal sería o noso produto de venda. A traxectoria do centro en materia ambiental e sustentable fíxonos decantarnos pola produción vertical das plantas aromáticas para o seu posterior tratamento e conversión mediante procesos sustentables.

Logo de varias reunións, xurdiron os posibles produtos que se podían fabricar: colonias, xabóns, marcapáxinas perfumados e pulseiras.

 

Tras unhas primeiras sesións de formación do alumnado con asesores da Asociación de Empresarios de Redondela, creáronse uns estatutos coas directrices claras da empresa e o seu obxectivo, tamén se dividiron as responsabilidades entre o alumnado segundo as súas destrezas e agrupáronse en diferentes departamentos: vendas, compras, márketing, produción..., principalmente entre os de quinto e sexto de primaria. Así mesmo, a parte obxectiva púxoa a xerente da devandita asociación, que lle pasou unha enquisa ao noso alumnado de “nivel de emprendemento” o cal valoraba a capacidade de proactividade do alumno con base na análise da súa situación actual.

Despois dunha reunión de constitución, iniciamos unha venda de “accións” da empresa, onde cada alumno podía ser socio-fundador desta comprando de unha a catro accións (0,50 € por acción). Dentro dos estatutos estaba reflectida a función de cada alumno e, en caso de non cumprila, o comité de dirección procedería ao despedimento do alumno da empresa sen devolución do importe da acción.

Logo de obter un capital inicial para comprar a materia prima, elaborouse un tríptico de axuda para lles entregar aos empresarios do sector que quixesen colaborar co proxecto. Isto motivou que moita materia prima saíse a prezo de custo e moitas das infraestruturas –palés, xardineiras, substrato...–foron doadas por empresas e particulares.

Mentres o equipo de produción ía traballando no cultivo de plantas duradeiras e aromáticas, fóronse formando, a través dos diferentes talleres existentes (Monte Vivo, Fitocharla, Naturézate, Voz Natura...) e empresarios do sector, en como transformar a materia prima no produto final mediante a extracción de esencias das flores aromáticas escollidas: romeu, lavanda, menta...

Paralelamente, o equipo de márketing formulou unha serie de propostas para recadar diñeiro ata que a produción de colonias e xabóns estivese lista. Pensouse en marcapáxinas elaborados por eles, aromatizados coas súas especies aromáticas, así como en pulseiras identificadoras do proxecto regaladas por unha imprenta de serigrafía (1000 pulseiras de cores). A produción e venda dos marcapáxinas foi baixa –200 a 1 € cada un– debido á escasa capacidade de venda do alumnado en chegar a máis xente, por iso se abriu unha páxina de soporte para a súa venda en liña cun formulario de reserva e pedidos. Con todo, a posibilidade de producir máis marcapáxinas estaba limitada polo tempo que lles custaba facelos, entendendo que a demanda non podía ser satisfeita na súa totalidade. Paralelamente, as pulseiras doadas pola imprenta co logo do centro e da Asociación Amencer foron de interese para a Fundación BBVA que nos abriron as portas das 200 sucursais da súa área sur (Pontevedra-Ourense) para vendelas. O éxito foi rotundo, conseguíronse vender 800. Estableceuse unha canle de doazóns nas mesmas sucursais cun cartel explicativo, grazas ao cal se conseguiron 64 €.

Esta oportunidade xorde cando o director xeral da zona norte do BBVA lle dá audiencia ao noso “equipo financeiro” nas propias instalacións da central de Vigo, tendo eles unha reunión na que “negociaban” un crédito de confianza. Nesta reunión pretendían convencer o devandito director de que a súa idea era factible para eles e para a súa marca. Déuselles así oportunidade de coñecer un banco por dentro, dialogar cos empregados da oficina principal e ver a caixa forte.

Chegaba o momento da venda de colonias e xabóns e a produción foi pequena: 100 unidades de cada ás que había que lles establecer un prezo de venda, tomando como punto de partida que había que sacarlle o dobre de beneficio. Tras xornadas de formación co equipo de finanzas do BBVA e cos asesores do CIFP Manoel Antonio (grazas á axuda de Ana Alzate dentro do programa Eduemprende), 3,5 € por cada unidade foi o establecido, despois de aprender a facer esencias e xabóns, e logo de deseñar a etiquetaxe e a embalaxe os alumnos da Asociación Amencer (discapacitados).

Ao longo do proxecto fíxose unha serie de encontros co Grupo de Apoio á Familia Mateo, o neno do centro ao que queriamos axudar. Tras varias reunións establecéronse unhas relacións moi emotivas e afianzáronse lazos para o futuro con intereses solidarios moi interesantes.

 

As vendas das colonias foron un éxito e enviáronse a empresas de Madrid e Barcelona (poucas unidades) interesadas en difundir o proxecto. A rede Equivalenza situada en Pontevedra e Vigo fíxose eco da nosa iniciativa e expuxo mostras dos nosos produtos.

Os nenos xuntábanse cunha periodicidade semanal nos recreos logo da convocatoria por correo electrónico (o centro ten correos electrónicos corporativos do tipo nombre.apellido@ceipdelaredo.com). De cada reunión, o coordinador tiña que xerar unha acta para que a vise o equipo financeiro. Cada reunión era de obrigatoria asistencia, así como ter a identificación pertinente nela: tarxeta co seu nome e cargo, símbolo de pertinencia e responsabilidade no proxecto e obxecto de identificación do profesorado de garda dos recreos para saber que tal ou cal alumno tiña unha reunión.

As reunións do equipo financeiro (directora financeira e coordinadores dos demais departamentos) eran quincenais e nelas revisábanse as actas xeradas polo alumnado na plataforma e tomábanse as respectivas decisións.

 

Mensualmente facíanse un ou dous talleres de dúas horas de duración sobre os conceptos para traballar no seu proxecto.

Unha visita do conselleiro de Educación e da consellería de Medio Ambiente interesados no noso proxecto foi o desencadeamento para que os medios difundisen a nosa proposta e facilitarnos máis canles de difusión ata chegar ás mesmas escolas creativas de Ferrán Adriá na actualidade.

Os diferentes talleres realizados polos nenos en materia de finanzas, botánica, solidariedade, empresarial, startups... posibilitou unha sensibilización a esa capacidade e espírito emprendedor que nos interesaba.

 

Tiñamos claro que todo o noso camiño era necesario difundilo a tempo real para xerar unha memoria viva e dinámica coa comunidade educativa que nos seguía nas redes sociais (+ 1300 seguidores en Twitter). O feito de que o proceso fose visible desde un principio facía énfase na nosa máxima de aprender facendo:

 

Metodoloxía

O destinatario principal do proxecto é o alumnado de quinto e sexto de primaria e serán eles, coa coordinación dos titores, os responsables de difundir e coordinar as diferentes actividades. Este alumnado estará agrupado por equipos con funcións claras e definidas. Toda a súa actividade queda reflectida en actas de traballo.

Establécense diferentes equipos que, en reunións semanais, quincenais ou mensuais, distribúen as tarefas:

Comité dirección/financeiro
    • Idea do proxecto e produto. Aspectos económicos do produto. Produto como intercambio solidario
    • Bases para emprender
    • Bases para financiar
    • Realizar orzamentos e concretar fonte de financiamento
      
Equipo márketing
    • Identificación de lemas, logos... Paquetería e embalaxes
    • A solidariedade como valor
    • Realización de campañas de difusión: web+app+anuncios +vídeos promos
    • Promocións e descontos
    • Aspectos promocionais concello, entidades externas
        
Equipo produción - compras
    • Construción horto escolar
    • Selección e cultivo de especies idóneas
    • Temporización e coidados. Xestión de incidencias/reposicións
    • Recolección - Produción
    • Diversificación produto: colonia e xabóns
    • Targets e diversificación de produtos segundo variante: colonia N.º 5 – N.º 7 – Xabóns (Forma 1 – Forma 2 ) Contactar con provedores e xestión de compras
          
Equipo vendas
    • Identificar os aspectos contables e a viabilidade económica do produto. Establecer custo produto. Beneficios
    • Venda de produto tipoloxías e xestión: directa e en liña.  Doazóns
    • Xestión de pedidos. Entregas. Facturación

A xestión económica de todo o proxecto foi levada a cabo integramente pola directora financeira, alumna de sexto de primaria. Estableceuse unha “compra simbólica de accións” de 0,50 a 2 € para establecer o capital inicial da empresa e poder facer as primeiras compras establecidas polo equipo de compras.

Avaliación

Concrétanse os indicadores para educación primaria adaptados ao noso proxecto e á idade do alumnado susceptible de avaliación en cada unha das unidades do proxecto:

  • Esencia Laredo – Produción: unidade principal do proxecto.
  • Esencia Laredo – 3R: unidade que pretende fortalecer aspectos de sustentabilidade do centro.
  • Esencia Laredo – TIC: unidade que pretende diversificar a metodoloxía coa utilización das TIC no campo medioambiental.

    • Ser capaz de organizar as súas propias pertenzas.
    • Iniciarse en priorizar as propias actividades.
    • Elaborar listas de tarefas pendentes e levalas a cabo.
    • Elixir entre diferentes alternativas.
    • Aceptar e cumprir responsabilidades axustadas á súa capacidade/equipo.
    • Manter a motivación e determinación para terminar unha acción.
    • Ser capaz de formularse retos persoais e abordalos.
    • Ser capaz de facer propostas de mellora.
    • Ser capaz de levar as ideas á práctica.
    • Pensar antes de actuar, evitar o ensaio-erro.
    • Ser capaz de facer plans para realizar unha acción e poñelos en práctica.
    • Coñecer progresivamente os seus puntos fortes e débiles para afrontar determinadas actuacións.
    • Ter criterio propio para tomar as propias decisións, evitando deixarse levar polos demais.
    • Aprender dos erros e extraer conclusións.
    • Ser capaz de realizar unha autoavaliación.
    • Valorar as propias posibilidades de mellora.
    • Asumir algúns riscos xustificados.
    • Reflexionar sobre os aspectos éticos dalgunhas das súas accións e decisións.
    • Comprender o sentido do comercio xusto.
    • Ser creativo á hora de buscar solucións.
    • Propoñer realizar accións de maneira diferente para conseguir o mesmo.
    • Iniciarse na comprensión do sentido do altruísmo e gratuidade.

Conclusións

O profesorado valorou moi positivamente o proxecto, tanto que neste curso 2016/17 o proxecto Esencia Laredo continúa, como podedes ver na memoria visual. Ten outros obxectivos solidarios (Asociación Sonrisas Pelonas: nenos con cancro) e tende a man á creación de startups educativas grazas a STARTUP Galicia e La Molinera Centro de Innovación Empresarial, integrando robótica e impresión 3D, metodoloxías como o Desing Thinking... propias dos nichos empresariais.

A nosa visión do alumnado modificouse en parte ao descubrir unha nova espita metodolóxica para mellorar as súas competencias, así como de amplificar o debate das avaliacións das propias competencias aprendidas no proxecto dificilmente cuantificables e baremables aínda que suxeitas a uns estándares de aprendizaxe definidos.

A práctica docente modificouse na medida en que abrimos moito máis as portas a axentes externos, o que fixo e fai que cambiemos a nosa maneira de “cubrir o currículo”.

Con todo, valoramos que non foron cambios drásticos pero si alicientes dunha competencia desatendida na etapa de primaria e con poucas referencias documentais e experienciais.
 


 

Bibliografía: 

 

Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
Lei orgánica 8/2013 para a mellora da calidade educativa (BOE 10/12/2013)
Recomendacións do Parlamento Europeo e do Consello do 18 de decembro de 2006 sobre as competencias clave para a aprendizaxe permanente.
Lei orgánica de educación (BOE 04/05/2006)

Sección: