O océano, a última fronteira

Preséntase un ODE en formato SCORM e aplicación para dispositivos Android sobre os ecosistemas mariños de Galicia. O enfoque proposto non só facilita a incorporación dos novos contidos da LOMCE respecto dos proxectos de investigación en ciencias senón que o fai desde unha perspectiva dixital que adoita resultar moi motivadora para os rapaces.

Isabel Segura Espinosa
IES Eduardo Pondal (Ponteceso-A Coruña)
isasegura@edu.xunta.es

Contextualización

A pesar de que Galicia é un país que vive cara ao mar, a maior parte dos materiais de secundaria traballa a ecoloxía e a biodiversidade cun enfoque case exclusivamente terrestre. A presente proposta para Bioloxía e Xeoloxía de primeiro da ESO modifica esta visión centrando o traballo no mar desde o convencemento de que se protexe o que se coñece. Os materiais audiovisuais empregados no ODE foron realizados nos fondos galegos e sempre se procurou empregar exemplos locais en todas as explicacións.

Por outra banda, fíxose un esforzo para introducir a ludificación, as novas ferramentas informáticas e as actividades interactivas no material elaborado.

Cada unha das unidades incorpora unha audioguía que lles facilita o seguimento dos materiais ás persoas con déficit visual.


Obxectivos

  • Asumir responsablemente os seus deberes, coñecer e exercer os seus dereitos no respecto ás demais persoas, practicar a tolerancia, a cooperación e a solidariedade entre as persoas e os grupos, exercitarse no diálogo, afianzando os dereitos humanos e a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, como valores comúns dunha sociedade plural, e prepararse para o exercicio da cidadanía democrática.

  • Desenvolver e consolidar hábitos de disciplina, estudo e traballo individual e en equipo, como condición necesaria para unha realización eficaz das tarefas de aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal.

  • Valorar e respectar a diferenza de sexos e a igualdade de dereitos e oportunidades entre eles. Rexeitar a discriminación das persoas por razón de sexo ou por calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social. Rexeitar os estereotipos que supoñan discriminación entre homes e mulleres, así como calquera manifestación de violencia contra a muller.

  • Fortalecer as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade e nas súas relacións coas demais persoas, así como rexeitar a violencia, os prexuízos de calquera tipo e os comportamentos sexistas, e resolver pacificamente os conflitos.

  • Desenvolver destrezas básicas na utilización das fontes de información, para adquirir novos coñecementos con sentido crítico. Adquirir unha preparación básica no campo das tecnoloxías, especialmente as da información e a comunicación.

  • Concibir o coñecemento científico como un saber integrado, que se estrutura en materias, así como coñecer e aplicar os métodos para identificar os problemas en diversos campos do coñecemento e da experiencia.

  • Desenvolver o espírito emprendedor e a confianza en si mesmo, a participación, o sentido crítico, a iniciativa persoal e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.

  • Comprender e expresar con corrección, oralmente e por escrito, en lingua galega e en lingua castelá, textos e mensaxes complexas, e iniciarse no coñecemento, na lectura e no estudo da literatura.

  • Coñecer e valorar a importancia do uso da lingua galega como elemento fundamental para o mantemento da identidade de Galicia, e como medio de relación interpersoal e expresión de riqueza cultural nun contexto plurilingüe, que permite a comunicación con outras linguas, en especial coas pertencentes á comunidade lusófona.

 

Contidos, criterios de avaliación e competencias clave

Contidos

Criterios de avaliación

C. clave

B1.1. O vocabulario científico na expresión oral e escrita

B1.1. Utilizar adecuadamente o vocabulario científico nun contexto preciso e adecuado ao seu nivel.

CCL

CMCCT

B1.2. Metodoloxía científica: características básicas
B1.3. Experimentación en bioloxía e xeoloxía: obtención, selección e interpretación de información de carácter científico a partir da selección e a recollida de mostras do medio natural ou doutras fontes 
  

B1.2. Procurar, seleccionar e interpretar a información de carácter científico, e utilizala para formar unha opinión propia, expresarse con precisión e argumentar sobre problemas relacionados co medio natural e a saúde.

CD

CAA

B1.4. Planificación e realización do traballo experimental, e interpretación dos seus resultados
B1.5. Normas de seguridade no laboratorio e coidado dos instrumentos e do material

B1.3. Realizar un traballo experimental coa axuda dun guión de prácticas de laboratorio ou de campo, describir a súa execución e interpretar os seus resultados.

CMCCT

CSC

CSIEE

B2. 18. Contaminación das augas doces e salgadas

B2.14. Xustificar e argumentar a importancia de preservar e non contaminar as augas doces e salgadas.

CSC

B3.1. Concepto de biodiversidade. Importancia da biodiversidade
B3.2. Sistemas de clasificación dos seres vivos. Concepto de especie. Nomenclatura binomial
B3.3. Reinos dos seres vivos: moneras, protoctistas, fungi, metafitas e metazoos

B3.1. Recoñecer a importancia da biodiversidade e as características morfolóxicas principais dos grupos taxonómicos.

CCEC

CMCCT

B3.1. Concepto de biodiversidade. Importancia da biodiversidade. Clasificación dos seres vivos. Concepto de especie. Nomenclatura binomial.
B3.3. Reinos dos seres vivos: moneras, protoctistas, fungi, metafitas e metazoos

B3.2. Categorizar os criterios que serven para clasificar os seres vivos e identificar os principais modelos taxonómicos aos que pertencen os animais e as plantas máis comúns.

CMCCT

B3.1. Concepto de biodiversidade. Importancia da biodiversidade.
B3.2. Sistemas de clasificación dos seres vivos. Concepto de especie. Nomenclatura binomial
B3.3. Reeinos dos seres vivos: moneras, protoctistas, fungi, metafitas e metazoos

B3.3. Describir as características xerais dos grandes grupos taxonómicos e explicar a súa importancia no conxunto dos seres vivos.

CMCCT

B3.4. Invertebrados: poríferos, celentéreos, anélidos, moluscos, equinodermos e artrópodos. Características anatómicas e fisiolóxicas
B3.5. Vertebrados: peixes, anfibios, réptiles, aves e mamíferos. Características anatómicas e fisiolóxicas

B3.4.Caracterizar os principais grupos de invertebrados e vertebrados.

CMCCT

B3.7. Clasificación de animais e plantas a partir de claves dicotómicas e outros medios

B3.6. Utilizar claves dicotómicas ou outros medios para a identificación e a clasificación de animais e plantas.

CAA

B4.1. Ecosistema: identificación dos seus compoñentes
B4.2. Factores abióticos e bióticos nos ecosistemas
B4.3. Ecosistemas acuáticos

B.4.1. Diferenciar os compoñentes dun ecosistema

CMCCT

B4.5. Factores desencadeantes de desequilibrios nos ecosistemas
B4.6. Estratexias para restablecer o equilibrio nos ecosistemas

B4.2. Identificar nun ecosistema os factores desencadeantes de desequilibrios e establecer estratexias para restablecer o seu equilibrio.

CMCCT

B4.7. Accións que favorecen a conservación ambiental

B4.3. Recoñecer e difundir accións que favorezan a conservación ambiental.

CSC

CSIEE

B5.1. Método científico. Elaboración de hipóteses e a súa comprobación e argumentación a partir da experimentación ou da observación

B5.1. Planear, aplicar e integrar as destrezas e as habilidades propias do traballo científico.

CAA

CMCCT

B5.1. Método científico. Elaboración de hipóteses e a súa comprobación e argumentación a partir da experimentación ou da observación

B5.2. Elaborar hipóteses e contrastalas a través da experimentación ou da observación e a argumentación.

CCL

B5.2. Artigo científico. Fontes de divulgación científica

B5.3. Utilizar fontes de información variada e discriminar e decidir sobre elas e sobre os métodos empregados para a súa obtención.

CMCCT

CD

B5.3. Proxecto de investigación en equipo: organización. Participación e colaboración respectuosa no traballo individual e en equipo. Presentación de conclusións

B5.4. Participar, valorar e respectar o traballo individual e en equipo.

CSC

CSIEE

B5.3. Proxecto de investigación en equipo: organización. Participación e colaboración respectuosa no traballo individual e en equipo. Presentación de conclusións

B5.5. Expor e defender en público o proxecto de investigación realizado.

CAA

CMCCT

CSIEE

CD

 

Recursos empregados

  • OpenOffice Writer 3.0

  • Appinventor. Ferramenta do MIT para producir aplicacións para dispositivos Android

  • Microsoft Paint. Programa para modificación de imaxes

  • Youtube. Aloxamento web para vídeos

  • Drive. Aloxamento web para arquivos compartidos

  • Audacity. Programa para edición de audio

  • Exelearning. Ferramenta para producir materiais en formato SCORM

  • Kahoot.com. Ferramenta en liña para elaborar cuestionarios

  • Educaplay. Ferramenta para realizar actividades: sopas de letras, encrucillados...

  • Descrición da actividade

 

Os apartados dos que consta o recurso son:

  1. A biodiversidade mariña. Estudo da biodiversidade mariña. Este primeiro bloque inclúe a maior parte dos contidos teóricos incluídos na unidade. A proposta de secuencia é a seguinte:

  • Descubrindo a biodiversidade. As expedicións científicas. Introdución sobre as grandes expedicións científicas aos océanos. Neste apartado traballamos as ideas previas dos alumnos con respecto ao tema que se vai estudar, así como a motivación. Tamén permite comezar a mellorar na busca de información en Internet. (No apartado “Os científicos do mar” tamén se traballa esta cuestión fundamental para evitar que o noso alumnado sexa náufrago no océano da información)

  • Organizando a biodiversidade. Criterios de organización dos seres vivos e introdución ás claves dicotómicas. Introdución á clasificación dos seres vivos.

  • Pictionome. Introdución á nomenclatura científica. Regras básicas de nomenclatura traballadas a partir dun xogo, o Pictionome, que dá nome ao apartado.

  • Mundo microscópico. Estudo de virus, bacterias, protozoos e fungos. Inclúense dúas actividades de laboratorio: observación de bacterias de iogur e observación de microorganismos nunha gota de auga.

  • Algas. Estudo das algas. Inclúe unha actividade de laboratorio: cromatografía en papel de pigmentos fotosintéticos.

  • Invertebrados. Estudo dos principais grupos de invertebrados. É con diferenza o máis longo de todos os apartados e tamén o que ten maior número de actividades. Inclúe unha actividade de laboratorio: estudo das espículas das esponxas.

  • Vexetais. Estudo do reino vexetal: musgos, fentos, ximnospermas e anxiospermas. Inclúe unha investigación sobre o crecemento das lentellas coa que se practica o método científico. Tamén se propón unha actividade de campo para fotografar vexetais en forma dun safari fotográfico e unha actividade de laboratorio para estudar a flor.

  • Vertebrados. Estudo dos vertebrados: peixes, anfibios, réptiles, aves e mamíferos. Comeza cunha introdución aos cordados: salpas e ascidias. Inclúe unha actividade de campo para estudar as aves.

  • Ecosistemas. Introdución aos biomas acuáticos. Inclúe unha experiencia de laboratorio sobre salinidade e temperatura.

  • Interactuando no ecosistema. Introdución á dinámica dos ecosistemas: relacións tróficas, redes e cadeas tróficas, relacións intraespecíficas e interespecíficas.

  • Caderno de mergullo. Instrucións para realizar o caderno de mergullo, un dos compoñentes da aplicación final. Trátase dunha serie de fichas, un mínimo de vinte e cinco, de organismos diferentes: mundo microscópico, algas, fentos, musgos, ximnospermas, anxiospermas, esponxas, cnidarios, platelmintos, moluscos, anélidos, crustáceos, insectos, arácnidos, equinodermos, peixes, anfibios, réptiles e mamíferos. As fichas irán facéndose a medida que se estudan os distintos grupos. Inclúe ligazóns ao modelo en docx e pdf.

  1. A última fronteira da natureza. Estudo das dificultades no estudo do medio mariño a partir do mergullo deportivo: adaptacións ao medio mariño, temperatura, luz e presión. Este apartado compleméntase co anterior. Ambos os dous analizan as características dos biomas mariños. Inclúe unha experiencia de laboratorio sobre a lei de Boyle.

  2. Os científicos do mar. Proposta de investigación sobre algúns dos científicos máis relevantes na investigación dos océanos. Os científicos serven de escusa para analizar tamén as relacións entre o científico e a sociedade na que lle tocou vivir. Este apartado forma parte da aplicación que realizarán os alumnos e da avaliación final do seu traballo.Este apartado tamén incorpora unha guía sobre a organización do traballo e o tratamento dos dereitos de autor. Antes de comezar é interesante que traballemos cos alumnos a busca de información en Internet.

  3. Agresións ao medio mariño. Estudo do concepto de biodiversidade, da súa importancia e das causas da súa destrución.

  • Sobreexplotación. Analízase a pesca, cunha breve introdución ás artes de pesca e á etiquetaxe das capturas, o problema da sobrepesca e as posibles solucións.

  • Contaminación. Visión xeral do problema de contaminación dos océanos con especial atención aos problemas de bioacumulación de contaminantes e das mareas negras. Introdúcense o problema do branqueo dos corais e a súa relación coa contaminación atmosférica.

  • Destrución do litoral. Visión xeral do problema e introdución á amplificación de riscos consecuencia da destrución do litoral (tsunamis e inundacións).

  1. Lendo o mar. Lecturas sobre o mar: divulgación, novela... A lectura comprensiva é un soporte fundamental da aprendizaxe, polo que todas as materias deben colaborar na formación de lectores competentes. Neste sentido, o labor fundamental do docente debe ser o de servirlle de guía ao alumnado coa presentación de títulos adecuados á súa idade e incluso personalizados na medida das posibilidades de cada rapaz. Este esforzo non debe limitarse á novela senón que, no nivel educativo no que nos atopamos, tamén debe incluír a divulgación científica como unha magnífica forma de atender á diversidade de intereses e motivacións dos alumnos.

  2. Proxecto de investigación. Proposta de diversos proxectos de investigación sobre os ecosistemas mariños de litoral. Control de variables, recollida de información, elaboración de informes e conclusións... Inclúe os seguintes apartados que enlazan a documentos en pdf:

  • A investigación científica. Introdución ao método científico mediante a elaboración dunha columna de densidades no laboratorio. Os alumnos deberán producir un artigo científico sobre o seu proxecto de investigación polo que neste apartado tamén se explica como facelo.

  • Propostas de investigación. Cada proposta realízase mediante un pdf no que se explica a proposta de investigación. Cada grupo, ou alumno, deberá desenvolver un proxecto diferente facendo un artigo que publicarán na súa aplicación. Tamén se propón a exposición pública dos resultados na clase e pode pensarse na posibilidade de expoñer algún dos traballos nalgún dos congresos ou feiras de investigación que se convocan ao longo do curso. No apartado “Distintas miradas ao mar” enlázanse varias propostas de ciencia cidadá. Non se inclúen estas propostas no proxecto xa que é importante que produzan e publiquen resultados propios.

  1. Distintas miradas aos ecosistemas mariños. Materias para atender a diversidade na aula. Este apartado está estruturado en tres seccións:

  • Para grumetes. Material para alumnos con dificultades de aprendizaxe que precisan de apoio educativo. A estrutura deste apartado permite tratar os contidos de forma independente ao resto do grupo-clase pero tamén enlazar con eles grazas a ligazóns co material xeral dos bloques de biodiversidade. Desta forma a adaptación resulta flexible e pode adecuarse ás necesidades dos alumnos.

  • Para pasaxeiros. Colección de xogos relacionados co mar. Unha forma de motivar o alumnado cara á aprendizaxe.

  • Para oceanógrafos. Materiais para os alumnos que queiran profundar no coñecemento dos océanos. Préstase especial atención a proxectos de ciencia cidadá nos que se poidan implicar os rapaces. Deste xeito aténdense os alumnos con especiais capacidades.

 

Metodoloxía

Trátase dun traballo deseñado para ser desenvolvido ao longo de todo o curso dunha forma autónoma e paralela ao resto dos contidos da materia. Na unidade o profesor será fundamentalmente un colaborador nun proceso de aprendizaxe abordado desde distintas perspectivas para favorecer a implicación do alumnado.

A proposta metodolóxica realízase pensando en organizar os rapaces en grupos heteroxéneos que permitan retroalimentación no proceso de aprendizaxe. En calquera caso, tamén se propoñen actividades para realizar de forma individual.

Tendo en conta que presentamos a unidade como unha aplicación, daremos moita importancia ao intercambio de información, traballo... mediante os recursos da web 2.0.

Avaliación

Unha proposta didáctica coma esta esixe unha metodoloxía didáctica e unha avaliación adecuadas.

Ao longo da unidade propóñense múltiples actividades de clase que poderán ser avaliadas mediante listas de cotexo. As lecturas tamén poderán incluírse na avaliación mediante un anecdotario ou presentacións públicas. O glosario será fundamental na avaliación xa que é un instrumento de aprendizaxe de enorme importancia.

A aplicación final desenvolvida polo alumno vainos permitir avaliar o seu traballo. Os alumnos deberán incluír unha aplicación que incorpore, como mínimo, catro pantallas:

  • Inicio

  • Científico estudado polo alumno.

  • Biodiversidade. Neste apartado enlazarán o traballo final sobre a clasificación dos seres vivos (caderno de mergullo). Proponse que este consista na elaboración dun arquivo en pdf no que se inclúan as características de cada un dos seis grupos propostos xunto co caderno de mergullo elaborado por cada alumno (fichas de exemplos de cada grupo). Os grupos non se corresponden coa clasificación de Whittaker dos cinco reinos nin cos dominios pero tampouco parece necesario neste nivel profundar demasiado na clasificación dos seres vivos. A actividade está especificada con máis detalle no apartado correspondente da aplicación xeral.

  • Traballo de investigación. Enlace ao traballo de investigación en pdf. Como sucedía no caso anterior, temos que publicalo previamente.

No modelo que se inclúe na proposta didáctica aparece unha opción de presentación, o mínimo esixido, pero seguro que os alumnos melloran o deseño.


 

A avaliación debe considerarse, en todo caso, coma un proceso aberto susceptible de retroalimentación. Para realizar un seguimento do proceso de avaliación poden empregarse medidas como:

Análise das dificultades atopadas no desenvolvemento das unidades.
Discusión na clase cos alumnos sobre cada un dos bloques traballados.
Elaboración de cuestionarios de retroalimentación.

Evidentemente, esta necesidade de retroalimentación tamén é imprescindible no actual deseño, polo que se agradece o envío das conclusións da retroacción para valorar a posibilidade de realizar cambios no presente proxecto.

Dispoñibilidade
A aplicación “O océano, última fronteira" pódese descargar no Google play. (Ligazón)
O paquete SCORM está dispoñible no repositorio Abalar. (Ligazón)

Licenza

O océano, a última fronteira da ciencia é un proxecto realizado por Isabel Segura durante unha licenza retribuída pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria baixo licenza CC-BY-NC-SA
Quedan fóra desta licenza os textos, imaxes, recursos... que manteñen a súa propia licenza, sinalada en cada caso.

 

 

Bibliografía: 

 

 

HICKMAN, C. (2009): Principios integrales de zoología. Madrid:Mcgraw-Hill (14.ª ed.).
Hofrichter, R. (2005): El mar Mediterráneo. Barcelona: Omega (1.ª ed.).
KUNZIG, R. (2009): La exploración del mar. Pamplona: Laetoli.
CAMPBELL, AC. (1979): Guía de campo de la flora y fauna de las costas de España y de Europa. Madrid: Omega.
 

Palabras clave: