eTwinning: o traballo colaborativo internacional no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes
Francisco Javier Núñez Aguado
franjana@edu.xunta.es
IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo)
Durante o curso 2014/15 levouse a cabo unha actividade formativa sobre eTwinning, plataforma colaborativa recoñecida pola Unión Europea para fomentar a colaboración entre membros da comunidade educativa internacional. Anteriormente, o centro contaba xa con experiencias deste tipo relacionadas coas TIC, polo que existía unha predisposición moi favorable por parte do claustro para aventurarse neste tipo de proxectos. Cómpre dicir, ademais, que entre o profesorado había docentes que tiñan unha traxectoria persoal interesante no traballo con eTwinning e que podían ofrecer moito neste reto.
Esta formación realizouse a través dun seminario permanente e, posteriormente, dun plan de formación permanente do profesorado, co asesoramento do Centro de Formación e Recursos de Lugo. Máis adiante, un grupo de profesores tomou a iniciativa e deuse de alta en eTwinning, comezando a desenvolver proxectos na plataforma. Estes viñeron consolidar e darlle visibilidade a un traballo de colaboración entre docentes de distintos países que, doutro xeito, se atoparía disperso e sería difícil de contextualizar. eTwinning cumpría así unha tripla función: servir como punto de partida da colaboración entre docentes e alumnos, como xeito de introdución ao uso das ferramentas TIC no traballo por proxectos e, finalmente, marco de referencia do traballo realizado.
Ademais, as ferramentas asociadas a eTwinning facilitaban moito a busca de novos socios para proxectos de colaboración internacional, algo moi demandado polo profesorado, cun grupo de docentes interesado en promover a cidadanía europea do seu alumnado, a aprendizaxe de linguas estranxeiras e a internacionalización da actividade educativa compartindo experiencias e ideas con colegas estranxeiros.
Desde aquela ata agora desenvolvéronse diversos proxectos en eTwinning de contido diverso. Neste traballo falaremos dun realizado con outros cinco centros de Alemaña, Bulgaria, Croacia, Francia e Romanía, con algúns dos cales tiñamos xa unha experiencia previa por ter colaborado noutros proxectos. O proxecto eTwinning foi acompañado por un proxecto Erasmus+ coa mesma temática.
Todos os centros implicados tiñamos a economía e a empresa como eixe dos nosos intereses e propuxémonos, nun contexto marcado pola crise económica e as elevadas cifras de desemprego, abordar o tema do mercado de traballo e as claves para ter éxito na busca de emprego. Este denominouse Working in Europe - Skills for success (Traballar en Europa - Destrezas para triunfar) e estaba orientado a alumnado de cuarto da ESO e bacharelato. No noso caso, o traballo desenvolveuse ao longo de dous anos con alumnado de cuarto da ESO, que cursaba as materias de Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras o primeiro ano e de Economía o segundo ano. Estas impartíanse na modalidade de Sección Bilingüe Inglés, o que reforzaba a consecución dos seus obxectivos metodolóxicos e xustificaba o uso intenso da lingua inglesa no proxecto. O noso centro foi o encargado de dar de alta o proxecto e xestionar o espazo colaborativo asociado a el, Twinspace. A aprendizaxe e a forma de traballar do curso de formación foi dunha grande utilidade, pois os profesores adquiriamos un certo coñecemento da plataforma, moi intuitiva, que facilitaba o traballo.
Como xa sinalamos, o proxecto abrangueu dous cursos académicos. O primeiro curso dedicámonos a recompilar información sobre as características do mercado de traballo nos distintos países implicados, facer entrevistas a persoas retiradas relativas ás súas experiencias laborais e ás destrezas e habilidades que se precisaban no seu tempo. Isto contrastouse con entrevistas a emprendedores locais para coñecer a súa visión das habilidades necesarias para ter éxito no mercado laboral actual ou triunfar en pequenos proxectos empresariais. Tamén se fixeron investigacións sobre proxectos empresariais de éxito no eido local que despois se compartiron no grupo. Durante o segundo curso traballouse sobre as destrezas chamadas “brandas”, apreciadas polos empresarios nos seus traballadores, e as estratexias para ter éxito na procura de emprego: elaboración do currículo facendo uso da plataforma Europass, simulacro de entrevista de traballo, seminario e charla informativa sobre a linguaxe non verbal e outros aspectos. As entrevistas con traballadores retirados foron realizadas polo alumnado entre os seus achegados, seguindo un cuestionario previamente acordado por todos os participantes, e logo transcritas ou resumidas. Nalgúns casos, incluso achegaron presentacións ou vídeos desta. Tamén visitaron empresas locais e fixeron presentacións sobre elas que despois se subiron ao Twinspace para que todos os socios puidesen analizalas. Asemade, aproveitaron o proxecto para afondar no uso da lingua estranxeira en situacións reais e como ferramenta de comunicación e aprendizaxe. Podemos afirmar que se fixo un uso intensivo das TIC a través da selección e uso de ferramentas válidas para a elaboración de material e a súa integración na plataforma Twinspace. Nesta ligazón pódese acceder ao contido en aberto do proxecto:
Captura de pantalla de páxina principal do Twinspace do proxecto
Aquí pódense observar algunhas fotos das xuntanzas que se fixeron ao longo do proxecto. O máis interesante desde a nosa perspectiva foron os resultados, como a presentación sobre a empresa FINSA ou o resumo final a modo de publicación.
Captura de pantalla da presentación en ISSU dos criterios para crear unha empresa de éxito
Pero o que si cómpre amosar ou recoller de forma máis completa, o espírito do proxecto, foi o seu traballo final: os vídeos elaborados polo alumnado a partir dunha idea común sobre como reflectir mellor o que facer e o que non facer nunha entrevista de traballo despois de que recibisen unha charla explicativa sobre o tema. Nesta ligazón pódense ver todos o vídeos elaborados e, particularmente, o elaborado por nós.
Captura de pantalla da web na que se atopan os vídeos elaborados polo alumnado
O alumnado, unha vez entendidos os aspectos básicos das tarefas e do funcionamento da plataforma, non tivo problemas para seguir as actividades. En moitos casos simplemente se trataba de utilizar ferramentas TIC coas que xa estaban familiarizados, como editor de texto, presentacións ou follas de cálculo. Noutros casos a tarefa demandaba unha certa planificación e organización previa do traballo, polo que o profesorado trataba de orientalos para que cumprisen cos prazos e con todos os apartados estipulados. Ademais, fíxose especial fincapé nos aspectos que debían ter en conta para elaborar unha boa presentación. Esta forma de traballar, en xeral, tivo unha boa acollida por parte do profesorado e do alumnado implicados. Traballar de forma colaborativa e grupal resultou altamente motivador e, ao mesmo tempo, aprendemos a integrar estas tarefas e proxectos no currículo e a avaliar mediante diferentes instrumentos: rúbricas, cuestionarios etc. En definitiva, o proxecto supuxo un importante estímulo pola interacción con outros centros e por abordar temas de actualidade, cun enfoque práctico e estimulante, e co rigor necesario para unha aprendizaxe significativa.
O máis relevante foi a necesidade, no alumnado, de poñer en xogo distintos elementos da súa aprendizaxe no desenvolvemento dunha mesma tarefa interdisciplinar: linguas estranxeiras, TIC, habilidades sociais, matemáticas e estatística, deseño gráfico, oratoria, conceptos de economía e empresa, interculturalidade etc.
Este tipo de traballo revelouse moi útil para unha aprendizaxe baseada en competencias, enfocada á resolución de problemas. Quizais o máis dificultoso foi adaptar os tempos de traballo ás sesións de 50 minutos establecidas no horario. Este tempo moitas veces era escaso e facía necesario acudir aos períodos de lecer, cando era posible, para finalizar algunhas tarefas ou ben traballar fóra do horario lectivo. Problemas de encaixe supuñan tamén as sesións de chat en liña cos nosos compañeiros doutros centros, pois os horarios non sempre coincidían. Os profesores iamos para a casa e, desde alí, e con máis tempo, buscabamos un momento para poder conectarnos e falar e coordinarnos. Co alumnado era máis complexo, case era imposible atopar un momento no que os seis centros puidésemos estar conectados simultaneamente. Non obstante, a coordinación por correo electrónico ou outras redes sociais funcionou estupendamente.
Tendo isto en conta, consideramos que o traballo no proxecto contribuíu a un mellor clima de aula, co alumnado como protagonista da súa aprendizaxe, desenvolvendo a súa iniciativa e reforzando a súa autoestima. Os docentes asumimos o papel de coordinadores e guías, fronte ao rol tradicional de fonte de coñecemento, e foi o alumnado o responsable de buscar e tratar a información para elaborar os traballos.
A modo de conclusión, cómpre subliñar que o traballo por proxectos en eTwinning resulta unha ferramenta moi útil polas posibilidades de atopar un maior abano de oportunidades de colaboración, reforzar a dimensión internacional da educación, fomentar o traballo por competencias e darlles ás TIC un papel central no desenvolvemento do traballo. Este curso, seguindo a idea de traballar nas áreas de economía, estamos a iniciar un proxecto sobre os obxectivos de desenvolvemento sustentable das Nacións Unidas para o período 2015-2030 co alumnado de primeiro e segundo de bacharelato e contando con socios dun centro italiano.