Proxecto Cómic-Con Intercentros de Moaña
Francisco Zea Álvarez
curro@edu.xunta.es
IES A Paralaia (Moaña-Pontevedra)
Eugenia Fernández Fernández
eugeniafernandez@edu.xunta.es
IES As Barxas (Moaña-Pontevedra)
Ao longo do ano 2016, os clubs de lectura manga de A Paralaia e As Barxas, os dous centros de secundaria de Moaña, puxéronse en contacto para realizar diversas actividades en común, con tan bo resultado que ao rematar o curso albiscaron a posibilidade de sacar adiante un proxecto de grandes dimensións e que implicaría a participación de gran cantidade de docentes para o curso seguinte. O proxecto en cuestión era a celebración dun evento ao estilo das Convencións en torno ao mundo do cómic, manga e outros elementos da cultura popular, como o cine ou os videoxogos. É dicir, unha Comic-con con autores profesionais organizada e xestionada polo alumnado dos clubs de manga. A idea semellaba un soño, pero como nos gusta soñar e o entusiasmo da rapazada é contaxioso, arrincamos co proxecto. Presentamos a proposta aos nosos respectivos clubs de manga, que aceptaron o reto encantados. Logo falamos con toda a comunidade educativa de Moaña -institutos de ensino secundario, colexios de infantil e primaria e mesmo o Concello-, que tamén se sumaron ao proxecto. Tocábanos agora ao profesorado artellar o xeito de coordinarnos e a canle idónea era facelo a través do CFR de Vigo. Formamos catro Grupos de Traballo –coordinados por profesores do CEIP Seara, o IES A Paralaia e o IES As Barxas- e dous Seminarios –coordinados por profesores do CEIP Seara-. Nestes grupos e seminarios participaron docentes procedentes dos tres centros xa citados, e tamén mestres dos CEIPs de Quintela, Reibón, A Guía e Domaio. Ao longo do curso 2016-17 as xuntanzas foron continuas, non só entre os clubs de manga dos IES e os CEIPs de Moaña, senón tamén cos membros doutros clubs de Manga cos que levábamos tempo facendo actividades en común e que estaban interesados en achegar a súa participación ao evento. Entre eles están os do IES Álvaro Cunqueiro, Alexandre Bóveda e Ricardo Mella de Vigo, Escolas Proval de Nigrán e IEs San Paio de Tui. Finalmente, a Comic-con Intercentros de Moaña tivo lugar os días 12 e 13 de maio e resultou un éxito, tanto pola acollida e difusión acadada, como pola satisfacción de todos os implicados neste proxecto, empezando polo alumnado participante. Foron dous días intensos de actividade febril: houbo charlas de autores profesionais de alumnos, obradoiros, presentación de fanzines e revistas, exposicións, xogos de mesa, pelis, partidos de quidditch, gymkanas, teatro kabuki… e todo deseñado polos membros dos clubs de manga, que foron os encargados de escoller as actividades que ían ter lugar e de organizalas. Evidentemente, os profes estivemos detrás ofrecéndolles orientación, reconducindo a súa actividade e procurando que non houbese grandes desfeitas, pero a idea consistía en facer que a organización dependese deles partindo dos seus núcleos de interese, co que a motivación estaba garantida. Achegámoslles así a posibilidade de aprender estratexias e habilidades que teñen moito máis que ver coa vida real do que habitualmente aprenden nas aulas: isto foi auténtica coordinación en equipo, non un simulacro.
Charla do alumnado.
Pola nosa banda, os docentes que colaboramos na Comic-con pretendemos empregala para reformular a nosa práctica docente na aula e tirar proveito dela para traballar os contidos curriculares, buscando portas innovadoras que estivesen máis próximas ás futuras necesidades do alumnado. Pero isto requiría formación, e aí é onde entran os Grupos de Traballo e os Seminarios anteriormente. Todos eles obedecían á necesidade, como xa comentamos máis arriba, de coordinarnos e de deseñar propostas que se traballarían nas aulas e que se verían directamente reflectidas na propia Comic-Con. Así, por exemplo, o GT Aprender con podcast tiña como obxectivo tirar proveito desta ferramenta para preparar e gravar co alumnado radioclips, radionovelas, entrevistas, charlas e textos expositivos relacionados co mundo do cómic, do manga e do anime, que se expuxeron posteriormente na Comic-Con. Todo este traballo levouse a cabo fundamentalmente nas aulas de Lingua Castelá e Lingua Galega. Neste grupo contamos coa docencia de María José Soto (IES As Barxas). O GT Flashmob: un momento para compartir serviu para crear a coreografía coa que se inaugurou o evento e na que participaron case 300 nenos de todos os centros nosa comunidade educativa, dende os máis pequenos de tres anos ata os de bacharelato. Foi especialmente salientable neste caso a participación dos departamentos de Educación Física e Música.
Imaxe do flashmob.
O SFP Aplicaciós de Stop Motion ao ensino permitiunos aprender os elementos fundamentais desta técnica audiovisual para contar historias que logo tamén se exhibiron na Comic-Con. Cómpre mencionar as docencias de Francisco Zea (IES A Paralaia), Ana Bost e Luz Beloso (IES As Barxas). Por último, o GT Creación dunha páxina web e dinamización a través das redes dende a aula, xestionado desde o IES A Paralaia, foi a canle necesaria para organizar e presentar o material elaborado, así como para dar a coñecer o evento da Comic-Con. Na páxina web incluíuse toda a programación levada a cabo os días 12 e 13 de maio de 2017, engadindo información sobre os autores, obradoiros, empresas… que formaron parte do evento. O SFP A banda deseñada como recurso didáctico na aula traballou, tanto en primaria como en secundaria, as bases teóricas deste xénero. O Seminario serviu para afondar na análise de diversos cómics e para producir obras propias da man do alumnado. En concreto, o CEIP Seara traballou a partir do cómic a prehistoria, as emocións a partir das emoticonas e os globos, fixo un caderno sobre os elementos da banda deseñada, etc… A formación recibida permitiunos apostar por unha aprendizaxe significativa, construtivista, motivadora e cooperativa. Significativa porque partimos dos saberes que o noso alumnado xa posúe para construír outros novos. Todos eles len cómic, manga, ven cine e anime…, pero ás veces o seu coñecemento destes xéneros é só intuitivo. Carecen das estratexias básicas para desentrañar o contido das mensaxes e valorar as obras de xeito crítico. O proxecto céntrase, entre outras cousas, na adquisición desas capacidades. Construtivista porque rompe co círculo pasivo explicación maxistral-exercicios-memorización-repetición posterior nun exame. Creamos un contexto favorable para que o alumnado incorpore os coñecementos, de forma interna e subxectiva, primando o proceso sobre o obxectivo. Motivadora porque está próximo aos seus intereses e crean eles mesmos as súas producións culturais que posteriormente serían exhibidas ao lado das de profesionais, de maneira que visibilizamos e valoramos o resultado do seu traballo. O froito dos seus esforzos non é só unha nota numérica abstracta, senón que se converte nun produto concreto recoñecido por eles e pola comunidade. Colaborativo entre alumnado de todos os niveis educativos, de infantil a bacharelato, profesorado de distintos centros, familias, autores profesionais, empresas privadas e entidades públicas, como a Biblioteca Municipal e mesmo o Concello e a Deputación. En definitiva, os principios metodolóxicos que decidimos seguir responden ás novas orientacións pedagóxicas, que recomendan que os centros de ensino deixen de ser institucións illadas e que os seus proxectos de aprendizaxe teñan repercusión na comunidade.
Taller de Origami.
Dous alumnos de primaria ensinan aos rapaces de primaria. A nosa Comic-Con resultou un éxito en moitos sentidos: A acollida por parte do público superou todas as expectativas. Non só acudiron ao evento as familias de Moaña, senón tamén moitoas outras persoas interesadas polo mundo do cómic e o manga. Contamos coa colaboración de autores profesionais (Pablo José Martínez “Orballo”, Andrés Magán, Norberto Fernández, Ramón Trigo, Ángela Curro, Octavio Beares e Asier Mensuro, xunto cos creadores do fancine Planeta Metamorfia e da revista Androide Paranoide), empresas que participaron no evento presentando os seus produtos (Corvus Belli, Mazinger Vigo, Urco Editora), librerías (Wells e Alborada), asociacións (Asociación Quidditch de Vigo e Asociación Jugger de Cangas), a Academia Cómic de Vigo (encargada de varios obradoiros), e a costplayer Yumivigo. A repercusión do evento entre os medios de comunicación foi un aliciente engadido para os rapaces e rapazas que organizaron a Comic-Con, pois percibiron o alcance do seu traballo.
Norberto Fernández deseña unha personaxe co alumnado.
O alumnado, tanto de primaria como de secundaria, desfrutou incriblemente do evento. Tanto que, nada máis rematar, xa estaban pedindo a seguinte. E, sobre todo, quedámonos coas nove cousas moi importantes que aprendeu o noso alumnado, segundo eles mesmos recoñeceron:
1.- A organizar un macroevento no que participou moita xente.
2.- A relacionarse con xente nova para levar adiante a organización de actividades.
3.- A xestionar as dificultades que foron xurdindo. Hai que desenvolver a resiliencia.
4.- A temporalizar as actividades con moita antelación. Hai que ser previsores.
5.- A valorar o esforzo realizado, tanto polos compañeiros como polos profes que participaron. Hai que traballar duro para conseguir os nosos obxectivos.
6.- A empatizar co labor do profesorado. Hai que saber como manexar aos grupos.
7.- A investigar sobre novos contidos e a expoñelos en públicos. Sempre hai algo novo que aprender.
8.- A traballar cun obxectivo concreto e de repercusión social: os nenos dos coles desfrutaron co noso proxecto.
9.- A sacar adiante un proxecto innovador e diferente.
Así pois, ante esta resposta, este ano repetimos Cómic-Con. Sen dubidalo. Se queredes saber máis do que fixemos podes visitar a nosa páxina web ou o blog dos grupos de traballo.