A implicación do claustro no proxecto documental integrado

Estendendo redes desde a biblioteca escolar
A biblioteca do IES Castro Alobre coordina cada curso un proxecto documental integrado. Seleccionando un tema atractivo, interesante, motivador e con múltiples enfoques, pretendemos implicar a todos os departamentos e á maioría do claustro. Só así garantimos a participación do alumnado e posibilitamos unha nova forma de traballo na que os alumnos e alumnas son suxeitos activos da súa aprendizaxe.

Guadalupe Vilar Bernárdez
Profesora de Grego e coordinadora da biblioteca escolar
IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa-Pontevedra)
 gvilarbernardez@edu.xunta.es

 

1. Iniciando un cambio

A biblioteca do IES Castro Alobre incorporouse ao PLAMBE no curso 2009/10. Foron moitos os cambios que desde entón se produciron. Renovamos o mobiliario, dotámola de equipos informáticos, actualizamos (e seguimos actualizando) recursos, pero o máis salientable foi o cambio de concepto. De ser exclusivamente un lugar de estudo ao que o alumnado ía solicitar libros en préstamo, a biblioteca foise convertendo nun espazo creativo e multidisciplinar, onde a rapazada, ademais de compartir experiencias lectoras e amosarnos o seu talento (poden ler os seus relatos, interpretar obras de teatro, cantar, bailar ou facer maxia…), acode co profesorado investigar distintos aspectos dun mesmo tema.

 

 Alumnado colaborando no proxecto Descubrimentos e inventos

 

Por suposto, non debemos esquecer o papel central que a biblioteca escolar exerce no fomento da lectura e na alfabetización múltiple, así como o apoio e colaboración que lle ofrece a todo o profesorado.

Todos os cursos, desde que nos incorporamos ao PLAMBE, a biblioteca propoñía un tema que se debía abordar desde os distintos departamentos. O seguimento era desigual, xa que o traballo por proxectos aínda non formaba parte da vida académica do profesorado. Cunha participación escasa os primeiros anos, no curso 2013/14 apréciase un incremento da colaboración coa proposta Os Premios Nobel. Malia isto, estes traballos de investigación estaban totalmente desvinculados dos contidos curriculares das materias e por iso a   contribución a esta interesante iniciativa non deixaba de ser, en moitos casos, un puro trámite. O traballo paciente das coordinadoras que me precederon foi propiciando o cambio.

2. Estendendo redes: o proxecto documental integrado

Os proxectos documentais integrados “son investigaciones en las que el alumnado, además de investigar sobre un tema o problema concreto, se familiariza con los mecanismos de búsqueda de información y trabajo intelectual empleando para ello los recursos documentales de la biblioteca escolar” (Rosa Piquín, 2012, p.11). Nesta definición de Rosa Piquín atopamos o fundamento do enfoque que lle queriamos dar á proposta da biblioteca: o alumnado debe investigar, ten que saber como investigar e debe utilizar os recursos da biblioteca. Afondando un pouco máis, “necesitamos propiciar as condicións que permitan o oportuno cambio metodolóxico, de forma que o alumnado sexa un elemento activo no proceso de aprendizaxe” (preámbulo da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa).

Conectando estas dúas afirmacións e conscientes da necesidade de favorecer estes cambios, o equipo da biblioteca do IES Castro Alobre decidiu coordinar un proxecto documental integrado que se desenvolvese dentro dos contidos curriculares das distintas materias. Así, comezamos o curso 2015/16 coas Bibliolimpiadas; no 2016/17 promovemos Descubrimentos e inventos e este curso coordinamos Rescatando culturas.

 

Cartel publicitario do proxecto Rescatando culturas (curso 2017/18)

 

2.1. Obxectivos

Os obxectivos xerais son claros:

2.1.1. Conseguir a máxima implicación dos departamentos.

2.1.2. Garantir a participación de todo o alumnado.

2.1.3. Contribuír á alfabetización informacional.

2.1.1. Conseguir a máxima implicación dos departamentos

Como xa dixemos, desde a nosa integración no PLAMBE, a biblioteca propuña un tema para que se traballase, con distintos enfoques, desde todos os departamentos. A resposta, tímida nos seus inicios, ía medrando co paso dos anos. Ao profesorado custáballe entrar nesta dinámica de traballo. Frases como “Isto é unha perda de tempo”, “O problema é que os temarios son demasiado longos”, “De que nos serve isto, se non ten nada que ver coa miña materia?” eran habituais, e ata comprensibles, se desvinculamos o tema proposto pola biblioteca da materia que impartimos. Por este motivo, pensamos que debiamos dar un paso adiante e presentar a nosa proposta como un proxecto documental integrado. Explicámoslles aos departamentos que o aspecto que decidisen tratar debía estar vinculado aos contidos curriculares da materia e do curso no que se ía desenvolver. Deste xeito, “non perderiamos o tempo”, simplemente traballariamos os contidos seleccionados dunha maneira diferente e nun espazo distinto, a biblioteca.

A biblioteca convértese así no motor dun proxecto que vai abrindo portas a unha nova forma de traballar, na cal o alumnado se converte en suxeito activo e autónomo da súa aprendizaxe.

Unha vez dado este paso, buscabamos que se implicase unha gran parte dos departamentos, aínda que só colaborase un membro de cada un deles. Despois, deberiamos involucrar unha porcentaxe maior do profesorado. A resposta foi sorprendente. No curso 2015/16 participou un 72,2 % dos departamentos. O curso seguinte obtivemos unha implicación do 94,4 % dos departamentos e arredor dun 60 % do profesorado.

2.1.2. Garantir a participación de todo o alumnado

Cunhas porcentaxes altas de implicación dos membros do claustro, a participación do alumnado queda garantida. O ideal sería que un mesmo grupo de estudantes abordase o proxecto en distintas materias; isto favorecería o enfoque multidisciplinar dun mesmo tema e axudaría a que a rapazada fose establecendo conexións entre as distintas materias, que poderían perdurar máis alá deste proxecto. Esta forma de aprendizaxe pode resultar máis dinámica e motivadora, amais de fomentar a autonomía persoal e o traballo colaborativo. O profesorado, finalmente, debe valorar o proceso de creación e o produto final.

2.1.3. Contribuír á alfabetización informacional

O terceiro obxectivo é realmente o máis importante, aínda que debemos ter asentados o primeiro e o segundo para que poidamos concentrar todos os esforzos en educar en ALFIN. Somos conscientes das graves carencias que presentan os estudantes á hora de manexar a información. A biblioteca escolar debe desempeñar un papel clave, facilitándolle ao profesorado documentación e apoio para formar o alumnado con éxito. Tamén debemos ser rigorosos na transmisión das instrucións á rapazada e no seguimento da súa investigación. Porén, este obxectivo está lonxe de acadar uns resultados satisfactorios. Son varios os atrancos cos que nos atopamos, como clases que superan os trinta alumnos ou a persistente falta de tempo.

Valoramos moi satisfactoriamente a colaboración do profesorado coa biblioteca e consideramos que debe ser recoñecida sen dúbida ningunha, polo que agradecemos a súa implicación e interese. Polo tanto, a consecución deste obxectivo ten que facerse de xeito paulatino. Cando xa teñamos asumido como algo normal traballar os proxectos dentro dos contidos curriculares, será o momento de avanzar cara adiante e insistir na alfabetización informacional.

 

Alumnado buscando información para o proxecto (curso 2016/17)

 

2.2. O desenvolvemento do proxecto

A primeira decisión que hai que tomar debe ser o tema do proxecto. A súa elección debe resultar atractiva, motivadora e interesante para o alumnado e profesorado pero, tamén, para o equipo da biblioteca. O paso seguinte é informar o claustro do proxecto elixido e das súas liñas básicas, pero é na Comisión de Coordinación Pedagóxica na que o expoñemos máis polo miúdo, presentando a xustificación, obxectivos, actividades programadas, recursos existentes, fontes de consulta e documentación solicitada. Pensamos que, por contar este órgano con menos membros, é máis doada a comunicación. Serán os xefes de departamento os encargados de presentarlle esta información ao resto do profesorado. Tamén facemos partícipe desta tarefa o Consello Escolar.

Outro punto importante é a suxestión de aspectos que se poden tratar e a posibilidade de ir abrindo o proxecto cara a outros camiños. Así, con Descubrimentos e inventos, ademais da obviedade do título, descubrimos e exploramos outras vías: Descubre as mulleres, Descubre unha nova forma de aprender, Descubre as artes, Ti colaboras, Ti investigas… Deste xeito enlazamos o tema proposto coas distintas conmemoracións e actividades promovidas pola biblioteca, ofrecendo información variada.

Para o desenvolvemento do proxecto é condición indispensable levar o alumnado á biblioteca. É neste espazo onde debe buscar a información e elaborar o produto final, en distintos formatos. Debemos ter en conta que “A utilización da biblioteca concirne a todo o profesorado, a todas as áreas, etapas e niveis e a todos os programas nos que está inmerso o centro para o desenvolvemento do seu proxecto educativo” (Instrucións do 1 de setembro de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, páx. 2). Por isto e ao ser moito o profesorado do centro, establecemos un calendario no que a cada departamento se lle asigna unha semana de reserva da biblioteca.

Cando o alumnado remata a investigación proposta, cada departamento debe achegarnos a seguinte documentación: título do proxecto, cursos implicados, resumo da actividade e produto final (mural, en soporte dixital ou maqueta), contidos curriculares, estándares de aprendizaxe, criterios de avaliación e cualificación, competencias clave, rúbricas (no caso de que se elaborasen) e fontes consultadas. A maior parte desta esta información que, a priori, pode xerar rexeitamento, está recollida nas programacións e por iso insistimos en que non supón elaborar nada novo. Cando decidimos que tema queremos investigar, debemos ter claros os contidos da programación que queremos desenvolver.

Finalmente, é de grande importancia darlles visibilidade aos produtos finais elaborados polo alumnado. Os murais vanse expoñendo polos corredores e todos os traballos se publicitan no blog da biblioteca ou nun blog creado especialmente para cada proxecto. Ademais, o curso pasado quixemos recoñecer as mellores investigacións, para o que outorgamos premios en tres categorías: premio ao mellor mural, ao mellor traballo en formato dixital e á mellor maqueta.

 

Descubrimentos e inventos. Premio ao mellor mural (curso 2017/18)

 

2.3. A avaliación do proxecto

A biblioteca debe avaliar o proxecto no seu conxunto. Os indicadores que establecemos están relacionados coa participación dos departamentos, profesorado e alumnado, a variedade e calidade dos produtos finais, os recursos e medios ofrecidos pola biblioteca, a utilización dos recursos e a elección do tema. Tamén valoramos as actividades promovidas polo equipo en función da participación, da utilidade como recurso informativo e do interese suscitado entre o alumnado.
Esta avaliación final, xunto ás enquisas do profesorado e alumnado, serviranos para mellorar aqueles aspectos menos valorados ou con menos participación, aceptando as suxestións que se puidesen facer.

3. Conclusións

Tras estes anos de experiencia, queremos seguir avanzando nesta liña e tratar de conseguir que cada vez máis profesorado considere a súa implicación nos proxectos promovidos pola biblioteca, non como unha obrigatoriedade nin como unha perda de tempo, senón como unha nova forma de afrontar os contidos curriculares que pode ser motivadora para o alumnado. Son moitas as vantaxes e moitos os logros que podemos conseguir: mellorar a comprensión lectora, oral e escrita do alumnado, avanzar no uso, tratamento e comunicación da información, contribuír á adquisición das competencias clave e, sobre todo, fomentar as habilidades sociais, a autoestima e a autonomía persoal do noso alumnado.

Por último, non debemos esquecer a colaboración do profesorado nestes proxectos e a súa axuda para pór en marcha moitas das actividades formuladas pola biblioteca escolar.

O noso agradecemento pola súa colaboración.

Bibliografía: 

 

 

DURBAN ROCA, G.; CID PROLONGO, A. e GARCÍA GUERRERO, J. (2012): Programas para el desarrollo de la competencia informacional articulados desde la biblioteca escolar. Sevilla: Junta de Andalucía (1.ª ed.).

Instrucións do 1 de setembro, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en relación coa organización e funcionamento das bibliotecas escolares durante o curso 2017/18.

Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

PIQUÍN CANCIO, R. (2012): Proyectos documentales integrados. Pamplona: Gobierno de Navarra (1.ª ed.).

Biblio Castro Alobre [http://bibliocastroalobre.blogspot.com.es/]

Descubrimentos e inventos [http://descubrimentoseinventos.blogspot.com.es/]

Sección: