Voluntariado e biblioteca escolar

Experiencia da biblioteca escolar do CEIP Plurilingüe Curros Enríquez de Celanova (Ourense) dentro do programa Bibliotecas Escolares Solidarias.
A biblioteca é ese lugar de encontro e convivencia onde medra unha grande árbore de oportunidades. O alumnado voluntario coa súa participación nas actividades propostas nútrese dos froitos —do saber, do saber facer e do saber estar—, ademais socialízase e desenvolve actitudes solidarias.

Sonia Rodríguez Paz
Mestra de educación primaria e responsable da biblioteca
CEIP Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova - Ourense)
soniapaz@edu.xunta.es

Contextualización

O CEIP Plurilingüe Curros Enríquez está na terra de tres grandes poetas: Celso Emilio Ferreiro, Méndez Ferrín e o que lle dá nome ao colexio, o poeta do Rexurdimento Manuel Curros Enríquez. Celanova, terra de poesía e pedra, é, pois, unha vila con moita historia no seu haber.

Neste marco insírese o colexio, un centro con 256 alumnos e que chega case á dobre liña. O claustro, constituído por 29 mestres, está sempre comprometido cos novos proxectos e dá resposta ás inquedanzas do equipo de biblioteca, o cal variou nos últimos cursos na procura de novas sinerxías para seguir alimentando o Plan de mellora de biblioteca no que está o Curros desde o 2005.

Constátase que o interese do centro pola biblioteca vén de moi atrás, pois conservamos rexistros de préstamos desde os anos setenta. Coa idea de lanzar novas propostas inscribiuse o colexio no programa de Bibliotecas Escolares Solidarias no 2015.

Esta iniciativa, que comezou no curso 2014/15, acolle varias accións de voluntariado cultural relacionado coas bibliotecas e a lectura e ten como referencia o papel da biblioteca como espazo de convivencia e de compensación de desigualdades. Os centros educativos poden participar nas diferentes iniciativas: Selo "Biblioteca Escolar Solidaria", Voluntariado na biblioteca escolar (só para secundaria) e Voluntariado de lectura –A.

Obxectivos

O obxecto principal deste programa é estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado dos niveis non universitarios e as súas familias e recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe.

Ademais do anterior e contextualizando para o centro, os obxectivos eran:

  1. Xerar novas alternativas de inclusión e de compensación de desigualdades.
  2.  Fomentar o espírito crítico ante a información e a conciencia solidaria.
  3. Apoiar a adquisición das competencias clave.
  4. Enriquecer o vocabulario, favorecer a comprensión, o razoamento, a investigación...
  5. Desenvolver a imaxinación e a creatividade.
  6. Traballar en equipo.

Descrición das actividades

O colexio solicitou inscribirse nas actividades de voluntariado cultural relacionado coa lectura, Voluntariado de lectura –A, nas modalidade A: Colaboración coa biblioteca escolar e B: Ler con... D (lecturas compartidas dentro do centro). O alumnado de quinto e sexto leva cooperando desde hai xa moito tempo e anotáronse 31 voluntarios, polo que as expectativas postas eran moi boas.

As actividades que se realizaron en relación coa modalidade A: Colaboración coa BE foron do máis variado. Xa son prácticas consolidadas no centro curso a curso. A principios de outubro, os futuros axudantes reciben dúas sesións de formación de usuarios nas que se lles ensina a utilizar o Meiga para realizar os préstamos e devolucións, así como a organización da biblioteca, seccións, normas de uso… e rematan coa súa sinatura do acordo de colaboración como voluntarios.

Unha vez que a biblioteca abre as súas portas, seis axudantes acompañados do mestre de garda de recreo atenden os usuarios desta. Ademais de xestionar a circulación de fondos, colócanos no seu sitio, asesoran os seus compañeiros e manteñen a orde.

De todos é sabido que o traballo nunha biblioteca ten comezo pero non final, así que as encomendas van en aumento cada día que pasa; ademais do antedito no parágrafo precedente, os axudantes colaboraron especificamente no grande expurgo clasificando os materiais, anotando o número de rexistro para a súa posterior baixa do Meiga e repoñendo material nos expositores de libros de balde.

Axudantes de biblio realizando os préstamos

 

Colaboradoras durante os recreos

 

Nas tarefas de catalogación, a súa actividade xirou arredor da colocación de selos nos libros novos, etiquetas no lombo dos materiais e forrado destes. Participaron, así mesmo, nas conmemoracións do ano, como a posta a punto e repartición de marcapáxinas dos dereitos humanos, preparación de exposicións de traballos na biblioteca e corredores do centro e participación coa súa voz na gravación do vídeo para presentar os coelerni-exploradores nas lecturas compartidas en Vesme co conto.

As actividades que se fixeron na modalidade B: Ler con…D chegan a mais público e ao alumnado encántalle realizalas. Os voluntarios lectores leron O libro dos porcos de Anthony Browne co motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero a todo o colexio durante a Hora de Ler.

A lenda popular africana Por que hai tantas pedras no fondo dos ríos? e o O gato con botas son as historias que o alumnado de infantil, primeiro e segundo puido escoitar no teatriño xaponés. O kamishibai (teatro de papel) é unha forma de contar contos moi famosa alá polo Xapón; é unha pequena estrutura de madeira (butai) na que se insiren as láminas da historia en formato A3. Teñen dun lado as ilustracións, que son amosadas aos espectadores, e do outro o texto do conto, que vai lendo o narrador que tamén se encarga de ir cambiando as ilustracións.

 Voluntarios lectores na sesión de kamishibai

 

 Voluntarios lectores na sesión de kamishibai con infantil

 

Xa é habitual agasallar lecturas a todo o centro aproveitando a megafonía e unha das ocasións nas que o alumnado voluntario se fai omnipresente é a Semana da Poesía; O burriño trotón de Manuel María, O Carro, O Cuco ou Galicia docemente está ollando o mar escoitáronse alto e claro en cada recuncho desde infantil a sexto, pasando pola cociña e a secretaría, porque escribir versos non será obrigatorio, pero escoitalos e lelos no Curros, si.

O outro gran clásico, o primeiro en asentarse na biblioteca do centro é o Apadriña un lector: actividade que se realiza no mes dos libros (abril) e na que os nenos apadriñan os compañeiros dos primeiros cursos léndolles contos.

Os coelerni-exploradores vanlle co conto a... tiña inicialmente como destinatarios os nenos de infantil, primeiro, segundo, terceiro e cuarto de primaria. A idea era que dous voluntarios lectores caracterizados de coelerni-exploradores lles lesen un conto na biblioteca a dous nenos do mesmo nivel previamente seleccionados ao azar. Nesta actividade, ademais das degustacións lectoras, pretendíase deixar unha lembranza divertida nos oíntes máis pequenos. Cómpre dicir que os coelernos (latín: coelerni) eran un pobo ou civitas galaica da Gallaecia bracarense que tiveron o seu centro arredor do castro de Castromao, no actual concello de Celanova. Estes personaxes históricos viñan contarlles aos nenos historias e, ademais, estes aprendían algo novo do seu ámbito. Para iso mandaron unha mensaxe (https://youtu.be/LsEsqk2WsQ0) na que informaban da súa chegada. Os nenos que recibían a lectura tamén se caracterizaban e levaban un pequeno agasallo, ademais de facer a foto de rigor ao lado de personaxes tan singulares e publicala no blog da biblioteca. O alumnado de infantil entusiasmouse tanto coa actividade que os coelerni non puideron visitar os nenos previstos inicialmente.

 Os coelerni-exploradores vanlle co conto a dous nenos de infantil

 

Por último, a actividade estrela do programa, sen dúbida, foi e segue sendo Somos contacontos. O alumnado voluntario de quinto e sexto preparou unhas dramatizacións de contos elixidos por eles e que representaron o alumnado de infantil, primeiro e segundo curso. Trátase de dar renda solta á súa creatividade e que fagan unha interpretación da historia ao seu xeito. Uns grupos deciden utilizar monicreques, outros escollen a simple lectura cun mínimo apoio visual e os máis atrevidos crean unha obra de teatro en toda regra. Trátase de que a presenza dos mestres sexa mínima e que se autorregulen os propios nenos como un equipo que son e que persegue a mesma finalidade. Os libros que se utilizaron para as lecturas dramatizadas da actividade Somos contacontos son os que a continuación se nomean:

- O soño de Esther de Miguel Ángel Alonso Diz

- O desexo do gato Klops de Estefanía Palludés

- Seis barbudos de Mar Pavón

- O valente coello que quixo soñar de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso

Avaliación

Sen ir máis aló, a simple vista obsérvanse os bos resultados das actividades realizadas: alumnado de terceiro desexando ser axudante de biblio ou nenos de infantil pedíndolle á mestra que os veñan buscar os coelerni-exploradores para contarlles un conto son indicadores abondo de que o proxecto foi a favor do vento. A avaliación deste programa realizouse conxuntamente coa valoración do Plan anual de lectura e desde varias vertentes: mestres, alumnado e pais. Pasáronse unhas enquisas a cada grupo nas que se incluían todos os aspectos traballados na biblioteca. Na presentación da memoria do Plan anual lector tanto o claustro coma o consello manifestaron o seu parecer sobre o programa Bibliotecas Escolares Solidarias e a idea foi darlles continuidade ás prácticas consolidadas e incorporar xa de forma habitual as iniciativas xeradas durante o curso.

Entrega de diplomas e agasallos aos voluntarios da biblioteca

 

Conclusións

A biblioteca cumpre, entre outras moitas, a función de minimizar as desigualdades no acceso aos recursos culturais porque chega a todo o alumnado e ademais é un lugar idóneo para levar a cabo a formación dos nenos e nenas en actitudes solidarias e de compromiso. Coas actividades realizadas no programa de Bibliotecas Escolares Solidarias tratouse de fomentar o sentido da responsabilidade, a constancia, o traballo en equipo, a socialización… é dicir, as competencias sociais e cívicas.

Os nenos  voluntarios de biblioteca afondan en todas as competencias clave que esixe o currículo: son capaces de xestionar a biblioteca e organizar o traballo durante os recreos, traballan coas estatísticas e enquisas, danlles forma aos contos achegando a súa creatividade, elaboran materiais… preparándoos así para ser partes activas dunha sociedade plural e dinámica na que vivimos inmersos.

O coñecemento, tal e como di Alex Rovira, pódese transmitir. Non ocorre isto coa sabedoría, ese sagrado elixir que emerxe en espazos tan máxicos coma a biblioteca. Este lugar de encontro e convivencia será a alma do centro e, polo tanto, un ámbito  idóneo de calma, onde o manancial da creatividade regará a árbore das posibilidades, a preparación e as oportunidades. En cada un de nós latexan día a día as mellores historias e temos unha responsabilidade con elas. Somos bibliotecas vivas, activas e cambiantes xa que, como di Eduardo Galeano, as persoas non estamos feitas de átomos; as persoas, estamos feitas de historias.

http://canistrel.blogspot.com.es/

Código QR de redes sociais
 

Sección: