A Escola Galega de Consumo

Un referente formativo en materia de consumo responsable
A Escola Galega de Consumo (EGC) é un centro formativo especializado en consumo responsable. A través da súa oferta, dá resposta ás necesidades formativas de diferentes colectivos, como escolares, persoal funcionario ou docentes.

 

Que é a EGC?

A sociedade na que vivimos e o noso día a día xira arredor do consumo de bens, de servizos e de tecnoloxía. A EGC nace no ano 2005 para dar resposta ás necesidades formativas da sociedade de consumo.
O seu nacemento vén da man do Instituto Galego do Consumo, organismo autónomo da Xunta de Galicia creado no ano 1994 e que no ano 2016 se converteu no Instituto Galego do Consumo e da Competencia. Nas súas instalacións traballan profesionais encargados de atender as reclamacións de produtos, de realizar as arbitraxes de consumo ou dar resposta a demandas en problemáticas concretas e puntuais como as cláusulas chan, as preferentes ou as reclamacións contra as compañías aéreas.

 

Exterior do Instituto Galego do Consumo e da Competencia na Avenida Gonzalo Torrente Ballester en Santiago de Compostela

 

A través do seu traballo, esta institución comprobou que existía unha importante demanda de información relacionada cos dereitos e deberes das persoas consumidoras, o que deu pé á creación da EGC. Esta sería a encargada de velar pola formación en materia de consumo de todos os estratos da sociedade. A EGC traballa pola educación das persoas consumidoras e usuarias mediante a realización de cursos, obradoiros, conferencias, publicacións e estudos. Para iso, as súas instalacións están adaptadas ás diferentes necesidades e temáticas tratadas.

 Aula de informática

 

 Aula de publicidade

 

Aula supermercado

 

Formación no sistema educativo formal

A través do Plan Proxecta

A EGC traballa en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participando no Plan Proxecta con dous programas específicos en materia de consumo responsable: Consumópolis e Galicons-net.

  • Consumópolis

 

Consumópolis é un concurso estatal promovido polo Ministerio de Sanidade, Servizo Sociais e Igualdade a través da Asociación Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN) e organizado na nosa comunidade polo Instituto Galego de Consumo e da Competencia. O concurso lévase a cabo en dúas partes. A primeira consiste nun xogo pedagóxico a través da plataforma virtual Consumópolis e a segunda realízase nos propios centros. Alí o alumnado terá que desenvolver un proxecto relacionado co consumo responsable. Os mellores traballos competirán no ámbito autonómico e estatal e poden gañar entre 300 e 2000 €.

Nas seguintes ligazóns pódese ampliar a información: Consumópolis, web do IGC

 

  • Galicons-net

 

Galicons-net consiste na realización dun proxecto de innovación educativa desde unha perspectiva de consumo responsable, centrado nalgún dos seguintes temas: consumo e xénero, linguaxe publicitaria, comercio electrónico ou servizos financeiros. Os traballos realizaraos o propio alumnado, coordinado por un docente, e deberán conter un produto final (blog, revista, álbum fotográfico...), de xeito que permita trasladarlle todo a aprendido e traballado ao resto da comunidade educativa. Os premios aos mellores proxectos poden chegar ata os 1500 €.

Este programa ofrece diferentes actividades formativas e recursos: unha formación inicial para o profesorado implicado e actividades relacionadas coa temática do proxecto para o alumnado participante. Na seguinte ligazón pódese ampliar a información sobre Galicons-net.

Programas de formación para profesorado. Plataforma Platega

A través da plataforma de formación en liña Platega, os docentes poden ampliar a súa experiencia e adquirir coñecementos específicos en materia de consumo responsable. Estes cursos formativos, de 30 horas lectivas cada un, concrétanse nas seguintes temáticas:

  • consumo e finanzas na aula
  • comercio electrónico
  • consumo e xénero
  • traballando a publicidade na aula.


Formación no ámbito da educación non formal

Polo simple feito de ser consumidores dalgún produto ou servizo, temos a necesidade e o deber de estar informados. A EGC, de acordo co seu compromiso coa sociedade, adapta a súa oferta formativa a calquera colectivo que llo solicite, desde centros educativos a concellos, pasando por universidades ou asociacións. Estas actividades poden realizarse na sede da EGC, en Santiago de Compostela, ou nos lugares elixidos polos demandantes.

Para completar a súa oferta, encárgase da formación dos profesionais públicos que traballan na área de consumo, para que poidan actualizar os seus coñecementos e así axudar de maneira indirecta a resolver os problemas das persoas consumidoras.

ACTIVIDADES

Como traballa a EGC? Como dá resposta ás demandas formativas que xorden nesta sociedade globalizada?

Programa Cores

Cores é un programa dispoñible para todos os colectivos. Cal é o seu obxectivo? Facer consciente a sociedade dos excesos consumistas que moven a nosa vida e as alternativas dispoñibles. É fundamental que sexamos persoas que axuden o mundo a avanzar dunha maneira responsable.

Os contidos que se traballan nos obradoiros son moi diferentes e intentan formar persoas consumidoras responsables que coñezan a realidade e os seus dereitos e deberes:

- Alimentación e etiquetaxe. Cando compramos a nosa comida, sabemos realmente o que estamos mercando? Temos suficiente información sobre o produto? Temas como o consumo responsable no supermercado, a pirámide dos alimentos, a etiquetaxe ou os alimentos funcionais conforman este bloque de actividades.

- Publicidade. A influencia que os anuncios publicitarios teñen nas nosas decisións é moitas veces inconsciente. Coñecer os mecanismos e estratexias que utilizan as empresas no markéting dos seus produtos serve para coñecer e elixir de forma máis obxectiva o que realmente queremos mercar.

- Consumo responsable. Cada vez que mercamos algo, xa sexa un produto ou un servizo, debemos pensar se é a mellor decisión en función das nosas necesidades e das características do produto. Debemos ser persoas consumidoras informadas e responsables. As actividades dispoñibles xiran arredor do comercio xusto, dos xoguetes, dos produtos ecolóxicos e das marcas.

- TIC. Estamos xa afeitos ás novas tecnoloxías? Parece claro que a resposta é si, que o mundo actual vive totalmente inmerso nelas. Pero sabemos como usalas de forma segura? Somos conscientes dos riscos que teñen? Sabemos como funcionan as redes sociais?

- Dereitos e deberes. Pódese cambiar ou devolver un produto? Cal é o prazo de devolución? Ten a tenda a obriga de devolverme os cartos? Podo pedir unha folla de reclamación? Onde podo reclamar? Estas son moitas das preguntas que nos xorden á hora de facer unha compra. Todas estas cuestións e moitas outras relativas á contratación de bens e servizos (factura eléctrica, telefonía móbil, viaxes...) son obxecto de estudo e resolución a través de obradoiros prácticos e charlas participativas.

A oferta estacional está centrada nas épocas do Nadal, do Entroido e do verán, xa que son épocas nas que o consumo é moi característico, focalízase en determinados bens e servizos moi concretos e precisa dunha información e formación moi específicas.

 

Info NadalConsumo

Que é o que buscan os rapaces nas festas? Son seguros os xoguetes que lles mercamos? Como é o noso patrón de consumo no Nadal? O principal obxectivo deste programa é concienciar sobre o consumo responsable nestas datas tan sinaladas e ofrecer información sobre a seguridade dos xoguetes e dos produtos de decoración.

Entroido coa EGC

Aínda que moitos de nós non somos conscientes, existen diferentes produtos desta época que teñen algún risco para a persoa que os usa. O programa traballa para concienciar as persoas usuarias sobre os potenciais perigos dos elementos do Entroido que circulan no mercado (perrucas, disfraces, artigos de broma...) e facilitarlle recomendacións sobre a súa correcta utilización.

LecerConsumo

Que é o ocio? E o tempo de lecer? Que é o lecer activo e pasivo? As actividades propostas axudarán a dar a coñecer estes conceptos e a facer visibles outros como o consumismo, a publicidade, a alimentación equilibrada ou o comercio xusto. Estas actividades desenvólvense nos meses de xullo e agosto, xeralmente nos campamentos de verán, onde os nenos e nenas aprenden sobre o consumo responsable á vez que gozan xogando.

 

Xoguete creado na actividade Un lecer máxico

 

Dentro das actividades puntuais que tamén leva a cabo a EGC ao longo do ano, destaca a realizada o 15 de marzo, o Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras. Para conmemorar esta data, a EGC, en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), ofrécelles aos centros educativos de Galicia dúas charlas sobre consumo responsable adecuadas aos diferentes niveis educativos. Os centros poden seguir estas charlas mediante o sistema de videoconferencia in streaming, conectándose a través de Internet sen necesidade de desprazarse.

Con todas estas actuacións, a EGC contribúe á sensibilización e á formación da poboación desde as etapas temperás para chegar a ser persoas consumidoras conscientes, críticas, informadas e, en definitiva, responsables.

 


 

Sección: