Antídotos contra a violencia de xénero
Felisa Redondo Valín, profesora de Lingua Castelá e coordinadora do proxecto
felicia@edu.xunta.es
Miguel Ángel Martínez Quintanar, profesor de Filosofía
miguel.angel.martinez.quintanar@edu.xunta.es
IES Ánxel Fole (Lugo)
Introdución
O noso proxecto obedece a unha actitude de compromiso que se vén desenvolvendo no IES Ánxel Fole co tema da educación en valores igualitarios como base para a erradicación da violencia de xénero. Conscientes do alarmante incremento na adolescencia, o tema parécenos ineludible e levamos tempo integrando nas propias materias o traballo pola igualdade (Tendal de igualdade, Visibilidade de mulleres a través de artigos e traballos de investigación, Tenemos ideas, tenemos rostro, tenemos voz). Esta traxectoria de mobilización continua e proactiva impeleu o alumnado a elixir a materia optativa de Igualdade de Xénero, de forma que contamos na actualidade con dous grupos numerosos de primeiro e segundo da ESO.
No curso 2015/16 decidimos participar no programa Por 365 días de respecto e igualdade do Plan Proxecta co traballo Antídotos contra a violencia de xénero. Tiñamos un obxectivo común: a educación en valores e actitudes igualitarias libres de estereotipos sexistas e a reflexión e pautas de detección de violencia de xénero. Na experiencia participamos Eva Álvarez Dapena (profesora de Tecnoloxía), Benedicta Argüelles Ortega (profesora de Música), María Jesús Gil Castro (profesora de Lingua Castelá e Literatura), Miguel Ángel Martínez Quintanar (profesor de Filosofía), Mercedes Pardo Penado (profesora de Inglés), Felisa Redondo Valín (profesora de Lingua Castelá e Literatura e coordinadora do proxecto).
Mobilizar, concienciar e construír ferramentas teórico-prácticas para e coa comunidade educativa foron os propósitos dos que partimos. Levamos a cabo un proxecto interdisciplinar e internivelar no que involucramos unha porcentaxe elevada de alumnado de todos os niveis da ESO e bacharelato.
Xustificación
O alumnado do noso centro pertence a unha clase social media-baixa. En porcentaxes mínimas, contamos con alumnado de etnia xitana e de procedencia estranxeira (Marrocos, A Arxentina, Paraguai, Ecuador, Venezuela, Cuba, A República Dominicana, Romanía). Esta variedade implica a adopción de medidas de atención á diversidade. Aínda que non existen conflitos importantes máis alá dos derivados da convivencia diaria, si observamos concepcións, actitudes e estereotipos sexistas que son herdanza dunha sociedade androcéntrica.
Co ánimo de verificar e contrastar estas intuicións iniciais, un grupo de alumnas realizou un experimento. Seleccionou alumnado de forma aleatoria, desde primeiro da ESO a segundo de bacharelato. Convidouno a responder unha serie de preguntas de forma totalmente espontánea e natural. Non se dirixiron accións nin respostas. Isto foi o que aconteceu:
Dos preguntas
Metodoloxía
Aspectos xerais: aprendizaxe creativa, cooperativa e construtivista
O proxecto desenvolveu unha aprendizaxe creativa, cooperativa e construtivista. Desde comezos do curso establecéronse as pautas de intervención. A aula virtual foi o instrumento que nos permitiu canalizar todo o traballo, comunicarnos, debater, intercambiar opinións, crear canles de axuda e someter as distintas tarefas a un proceso de revisión e perfeccionamento constante. Os tipos de actividades foron variados e, aínda que se potenciou o traballo en equipo, tamén se fortaleceron as peculiaridades e singularidades de cada alumno.
Espírito crítico e reflexivo
Fomentouse o espírito crítico e a reflexión. Na aula virtual fíxose un traballo cooperativo de recompilación de material vinculado á violencia de xénero e á desigualdade (anuncios, vídeos, cancións, campañas...). Constituíu unha fonte significativa de recursos para traballar. O alumnado elaborou dípticos, trípticos e enquisas na procura de sensibilizar, romper a pasividade da contorna, concienciar e propoñer modelos saudables de relacións de parella. Impartíronse charlas, obradoiros, relatorios e coloquios e traballáronse as habilidades comunicativas con debates, exposicións e manifestacións das súas vivencias e sentimentos, identificando as súas emocións e verbalizándoas.
Espírito emprendedor
Tratouse de incitar no alumnado a ilusión por sorprender, innovar e crear. Non perdendo de vista o título do noso proxecto, Antídotos contra a violencia de xénero, debían idear o produto efectivo e así propuxeron medicamentos, bebidas, fundas para móbiles, axenda escolar... que non foron máis ca instrumentos para difundir entre a comunidade educativa as mensaxes contidas nos prospectos. Atendendo ás habilidades, inquietudes e capacidades de cada alumno, déuselles liberdade para propoñer os seus propios produtos e defendelos. Perfomances, representacións plásticas e certames de denuncia foron a expresión do noso compromiso como grupo.
Espírito creativo
A creatividade a través da súa manifestación oral, escrita, corporal e artística forma parte de todas as actividades. Elaboráronse antoloxías de relatos (Historias sin palabras), letras para a nosa canción (Dame una canción), vídeos, produtos antídoto ("Aspivida", "Botiquín de uso diario", "Bebevida", "MovilÍZATE", dípticos, trípticos e test antiviolencia) e o videoclip "Soy como un ave" que nos identifica como grupo e centro este ano.
Impacto nas programacións didácticas
O traballo realizado co alumnado forma parte da programación da materia correspondente. Por esta razón o profesorado elaborou unidades didácticas para guiar o alumnado no proceso atendendo aos obxectivos, competencias e estándares de aprendizaxe.
Os nosos principios metodolóxicos
• Fomento da creatividade, espírito emprendedor e innovador.
• Traballo cooperativo: crear o sentimento de responsabilidade e compromiso sen esquecer o carácter individual de cada alumno.
• Desenvolvemento das intelixencias múltiples: ofrecerlle liberdade de oportunidades e alternativas ao alumnado para potenciar aquelas intelixencias nas que cada individuo presente maiores capacidades.
• Educación en diversos estilos de aprendizaxe combinando propostas musicais, verbais, icónicas, espaciais e relacionadas coa intelixencia emocional —intrapersoal e interpersoal—.
• Impulso dunha aprendizaxe significativa: ensinar a pensar desenvolvendo destrezas e hábitos mentais a través das distintas áreas posibilitando un pensamento que se transfira a todos os ámbitos da vida acorde coa aprendizaxe por competencias.
• Estímulo dunha aprendizaxe por descubrimento: propoñer tarefas de investigación e análise.
• Atención á diversidade: considerar a diversidade de calquera tipo como unha fonte de enriquecemento e utilizala para educar nunha escola inclusiva.
A aula virtual e o blog facilitan a consecución dos nosos principios metodolóxicos. Ao comezo do curso creamos un espazo na plataforma Moodle do centro para o profesorado implicado no Proxecta.
Para que a aula virtual?
• Permitir a comunicación entre profesorado e entre profesorado e alumnado.
• Abrir foros: os discentes fan propostas para as distintas actividades e tarefas.
• Delimitar grupos de traballo.
• Coordinar tempos.
• Debater. As enquisas son analizadas no grupo antes de lanzalas ao blog.
• Planear, deseñar e planificar actividades.
• Pautar o traballo do alumnado a través de unidades didácticas.
• Corrixir e revisar. O profesorado somete a criba o traballo realizado. A finalidade é obter un bo produto para exhibilo.
Para que o blog?
• Expresar as súas inquietudes en rede.
• Concienciar e mobilizar con distintas iniciativas.
• Espertar o sentimento de compromiso.
• Indagar e reflexionar.
• Medir o impacto e seguimento das producións.
Estrutura do proxecto
Arredor de dúas datas conmemorativas, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e o Día Internacional da Muller, fóronse articulando os distintos proxectos abordando, por un lado, o tema da violencia machista e, por outro, o dos roles e estereotipos e modelos de parella. No entanto, forman un tándem indisoluble, pois a normalización de certas condutas sexistas e a interiorización de mitos e falsas crenzas enmascaran e perpetúan a violencia. Por 365 días de igualdade e respecto recórdanos que a incidencia non debe limitarse a momentos concretos e illados e, por esa razón, aínda que a realización das tarefas se organizou arredor desas datas, o certo é que conseguimos manter sempre produtos ou actividades vivas para reivindicar, concienciar, informar ou denunciar.
No seguinte cadro poden visualizarse os distintos proxectos realizados durante o curso escolar. Incluímos a descrición do proceso (alumnado e profesorado implicado en cada proxecto, obxectivos, competencias, temporización) e as unidades didácticas orientadas ao alumnado para guiar o seu proceso de aprendizaxe aloxadas na aula virtual e, polo tanto, redactadas na lingua correspondente a cada materia. En ambos os proxectos seguimos un proceso de intervención en tres fases que se corresponde coa lectura que facemos da aprendizaxe baseada no construtivismo: Denunciar – Analizar e informar – Reflexionar e crear.
Elenco de proxectos
PROXECTO 1: VIOLENCIA MACHISTA
Denunciamos
A necesidade que motivou este proxecto foi a urxencia de lle amosar a toda a comunidade escolar tres ámbitos de violencia machista: o corpo da muller, a linguaxe verbal-xestual, as prácticas/rutinas. A través dunha aprendizaxe persoal e colectiva, o alumnado investiga o xeito adecuado de enunciar a súa soberanía de xénero, redefinir os trazos da súa identidade de xénero impostos e/ou reprimidos, recoñecer a capacidade de crear prácticas/produtos/exercicios alternativos non-excluíntes que comprometen a toda a comunidade na prevención e solución da violencia machista.
A dificultade asociada á posta en práctica deste proxecto radica en lograr que o alumnado deconstrúa eses trazos da súa identidade de xénero que o invitan á pasividade (na acción) ou/e á simple indignación (verbal) con respecto á violencia de xénero. Resignación e verbalismo deconstrúense con dificultade dada a precariedade dos seus recursos lingüísticos, esquemas cognitivos e preconceptos éticos sobre o bo e o preferible.
A denuncia da existencia, normalización e efectos sociais da violencia machista abordámola desde a performatividade das prácticas educativas. A nidia delimitación entre o apoderamento que promovemos e o poder ao que nos opoñemos é condición de posibilidade para a posterior desconstrución/reconstrución da identidade de xénero. A virtualidade dos efectos dos performativos de denuncia (entendidos como producións discursivas feitas en formatos diversos) non rematan no impacto de sentido que pretenden os seus autores. Continúan significando a pesar deles, cobrando no alumnado orientacións inéditas e liberadoras, inclusive transgresoras do marco sociomoral establecido.
Actividades de denuncia
A semana do 25 de novembro sorprendemos con actividades dispares de denuncia. Previamente fomos concienciando a comunidade escolar do problema da violencia de xénero e incitando a reflexionar sobre a responsabilidade de cada un de nós no tema. Vertemos paulatinamente unha batería de preguntas que colgamos polos corredores e vestíbulo para crear expectación e desconcerto: “Por que ocorre?”, “Que culpa tes ti?”, “Que fas ti para evitalo?”, “Como podes axudar?”. Finalmente, os distintos departamentos colaboraron traducindo as frases a distintas linguas atendendo aos idiomas impartidos e ao alumnado estranxeiro no centro, mais, ante todo, para subliñar o carácter universal desta lacra social. A actividade serviu de reflexión e elaboraron artigos de opinión.
Na materia de Inglés desenvolveuse o proxecto Stop gender violence. O alumnado formou grupos de traballo e elaborou pósters, xogos na aula tipo pasapalabra ou dominó con preguntas e respostas sobre o tema e editou vídeos tipo telexornal.
O alumnado de primeiro de bacharelato e terceiro da ESO preparou dúas actividades para render homenaxe ás vítimas por violencia de xénero. Tras buscar na rede o elenco de mulleres asasinadas no ano, fixeron a necrolóxica de cada unha delas nun documento compartido. A tarde do 24 de novembro trazaron as 47 siluetas das vítimas polos corredores do instituto para perturbar a comunidade escolar ao día seguinte. O Día Internacional contra a Violencia de Xénero os rapaces e rapazas impresionaron a comunidade educativa cunha performance de denuncia no patio durante o tempo de lecer. Estaban divididos en grupos que obedecían a roles e estereotipos marcados pola sociedade. Os que levaban os letreiros nas costas expresaban os seus desexos e ambicións. Os que levaban os rótulos no peito representaban os prexuízos, atrancos e teimas que lle impiden ao individuo desenvolverse con liberdade e igualdade. O alumnado verteu previamente nun documento compartido as frases e contrafrases símbolo da opresión.
Ya no más
Informamos e analizamos
Para que a acción educativa de denuncia sexa efectiva, o seguinte paso debe insistir en formular preguntas, verbalizar inquedanzas, visibilizar categorías preestablecidas. Un elemento imprescindible do apoderamento dun mesmo é a análise sobre a asignación social e fundamentación cultural de significados que se empeñan en separar os conceptos de xénero e violencia. Nestes ocos ou fisuras a pregunta sobre o vínculo entre xénero e violencia adquire coherencia pedagóxica e proxección interna en cada suxeito. A satisfacción desta pregunta debe partir dunha información rigorosa (sociolóxica, antropolóxica, histórica, entre outras).
Actividades de análise e información
Na procura de información da percepción da problemática de violencia de xénero, un grupo de alumnas elaborou dúas enquisas desde a aula virtual da materia de Lingua Castelá e Literatura: "¿Qué entiendes por violencia de género?" e "¿Sufro violencia de género?".Tras a resposta dos seus compañeiros e compañeiras de grupo ao test, fixeron unha sondaxe e debateron as respostas e resultados. Posteriormente, decidiron subilas ao blog servíndose do recurso E-Encuesta.com para ver a incidencia na rede. Informouse a comunidade educativa e, nas sesións de titorías, o profesorado incitou o alumnado a cubrir a enquisa e fomentar un debate sobre o tema.
Elaboráronse dous trípticos para informar o alumnado e as familias. Un grupo de alumnas de primeiro de bacharelato ideou un test de valoración da relación de parella. Fixeron copias para poñer á disposición da comunidade educativa nunha caixa de correo habilitada no vestíbulo do instituto e as rapazas distribuíronas entre os seus compañeiros e compañeiras. O profesorado implicado no Proxecta deseñou un tríptico sinxelo para as familias coa finalidade de informar do proxecto que estabamos levando a cabo no centro, sensibilizar co tema da educación na igualdade dos seus fillos e fillas e proporcionar información de enderezos de axuda en caso de risco de violencia de xénero. O tríptico depositouse na sala de recepción das familias coa finalidade de que contestasen ao cuestionario cando acudisen á entrevista co titor do seu fillo.
Na materia de Tecnoloxía o alumnado de terceiro da ESO elaborou un mapa interactivo da provincia de Lugo cos teléfonos ou enlaces web para poñerse en contacto con algunha persoa ou servizo municipal que preste axuda ás vítimas de violencia de xénero. Formáronse tres grupos de traballo para atender as tres zonas nas que se dividiu a provincia de Lugo: zona norte, central e sur. Os discentes de cuarto da ESO levaron a cabo un traballo de investigación sobre dispositivos electrónicos e aplicacións dispoñibles para a loita contra a violencia de xénero.
Reflexionamos e creamos
O proceso educativo de denuncia-información-análise resta incompleto se non se executa a seguinte fase: a reflexión creativa. O alumnado, autor de discursos de denuncia, análise e reflexión, tórnase produtor de enxeñosos dispositivos, aparellos e arranxos cos que pretenden impulsar un cambio de conceptos, actitudes e predisposicións na súa contorna inmediata. Crear un produto contra a violencia machista convértese na exteriorización do proceso mental interior de concienciación e liberación, ademais dunha invitación formal e material a que todos e todas se fagan partícipes dese mesmo proceso (persoal, colectivo).
Actividades de reflexión e creación
Un dos produtos creado polo alumnado na materia de Lingua Castelá e Literatura alcanzou un impacto mediático e traspasou os muros do centro. Xurdiu de forma espontánea na aula tras a lectura na prensa dun novo caso dunha muller asasinada a mans da súa parella. Tras comentar o suceso, o alumnado manifestou o seu escepticismo na resolución do problema. Emerxeu a idea da Aspivida. Facilitouse ao alumnado unha unidade para guialos no proceso de creación e traballáronse os textos instrutivos. O curso seguinte os compañeiros e compañeiras seguiron a liña trazada con anterioridade e deseñaron produtos novos.
Unidade “Aspivida” publicada en Espazo Abalar
Na materia de Lingua Castelá e Literatura coa profesora María Jesús Gil Castro desenvolveuse a actividade La palabra puede. Tras a observación por parte do alumnado de primeiro da ESO das actividades realizadas na semana conmemorativa da violencia de xénero, a lectura de noticias na prensa de asasinatos de mulleres a mans das súas parellas e a proxección de dúas curtametraxes, fixeron unha batería de palabras relacionadas cos sentimentos e emocións que poden axudar a combater a violencia. A continuación, adornaron unha árbore-homenaxe ás mulleres vítimas da barbarie machista. Tras ler noticias relacionadas coa situación laboral da muller na actualidade e reflexionar sobre a discriminación e precariedade, no mes de marzo este mesmo alumnado editou un vídeo baixo o título: Una mujer de tu vida. Alumnos e alumnas falaban de mulleres anónimas, fundamentais e imprescindibles para eles.
PROXECTO 2: ROLES E ESTEREOTIPOS
A necesidade que motivou a posta en práctica deste proxecto foi o descoñecemento por parte do alumnado de significados diferentes ao socialmente dominante do termo “amor”. Tamén a súa ignorancia sobre os diversos modelos de parella posibles: a súa definición, características, vinculación histórica, efectos e valoración ética.
A dificultade asociada á posta en práctica deste proxecto é vincular o desenvolvemento da competencia social e cívica a un ámbito considerado estritamente persoal, non social nin político: as relacións persoais no ámbito da parella. Dito doutro xeito: a dificultade radica en facer visible o vínculo entre o pensamento “propio” (considerado libre) e as crenzas socialmente establecidas e consideradas “boas” e “preferibles”.
Denunciamos
A necesidade da denuncia vén dada pola invisibilidade do traballo da muller e a súa visibilizacion exclusiva no ámbito do “íntimo”, “doméstico”, “privado” e, tamén, o “sentimental”, “afectivo”, “reprodutivo”. Esta invisibilización (sociohistórica) e visibilización (sociocultural) enmárcase nunha asignación previa de roles e estereotipos. Esta repartición funciona como un dispositivo de dominación que define o humano desde a medida do androcentrismo. Trátase de poñer de relevo co/entre o alumnado esta interpretación patriarcal do xénero feminino e as súas consecuentes asignacións de roles e estereotipos.
Actividades de denuncia polo Día Internacional da Muller
No curso anterior o alumnado de primeiro de bacharelato na materia de Lingua Castelá e Literatura realizou un mapa interactivo coas rúas de Lugo con nome de muller. La Voz de Galicia fixo público o proxecto incidindo na escasa aparición das mulleres nas nosas rúas. No curso seguinte decidimos traer esas rúas ao noso centro. Así bautizamos os distintos corredores cos nomes das devanditas mulleres e o 8 de marzo convocamos un certame destinado ao alumnado de primeiro da ESO para afondar no seu coñecemento e descubrimento. Aínda que só eles foron os participantes, toda a comunidade educativa puido gozar e participar da indagación e expedición polo centro. Tratábase de reivindicar o papel de mulleres que loitan e loitaron pola igualdade de oportunidades e que tiveron que enfrontarse a prexuízos por razón de xénero. Podedes acceder á unidade publicada no Espazo Abalar para ver o proceso.
Unidade Mujeres en nuestras calles publicada en Espazo Abalar
Informamos e analizamos
A información e a análise xira arredor da asignación de roles e estereotipos de xénero. Tratamos, xa que logo, de presentar e analizar as alternativas conceptuais e de experiencia ao naturalismo dominante que fixa univocamente que é amor, parella e, dun xeito ideolóxico, que é muller. Buscamos estudar cales son os efectos que sobre os corpos e as condutas das mulleres exercen os discursos de dominación e cales foron (e son) as tentativas histórico-filosóficas de resignificar a vivencia de si mesmas.
Actividades de análise e información de roles e estereotipos
Reflexionamos e creamos
A fase de reflexión creativa (ou creación reflexiva) é o remate deste proceso educativo. A meditación materialízase en produtos que buscan redefinir as diferenzas de xénero a partir do seu potencial emancipador e de cambio social. Cancións, textos, vídeos, conferencias e presentacións impartidas polo alumnado son, entre outras, as súas producións máis salientables no curso da construción de novas prácticas políticas comprometidas.
Actividades de reflexión e creación de roles e estereotipos
Soy como un ave
A charla-coloquio "Moral e sexo. Modelos de relacións de parella" de Luís G. Soto, profesor de Filosofía Moral e Política da Facultade de Filosofía da USC e a exposición Cartas de amor foi o punto de partida dunha serie de actividades de carácter reflexivo, analítico e creativo. Elaboramos unha unidade interdisciplinar (Filosofía, Lingua Castelá e Literatura e Música) baixo o título Modelos de parella. Relacións entre iguais, publicada en Espazo Abalar. Accedede para ver o proceso e as actividades levadas a cabo:
Unidade Modelos de parella. Relacións entre iguais, publicada en Espazo Abalar
A imaxe da muller nos medios de comunicación e especialmente na publicidade segue sendo un lastre na loita pola igualdade. Dada a influencia que exerce no adolescente, abordar a temática é indeclinable. Na materia de Lingua Castelá e Literatura proporcionóuselle ao alumnado de primeiro de bacharelato unha unidade para analizar os roles e estereotipos en anuncios publicitarios. Cada grupo realizou un traballo de investigación e análise e, posteriormente, expuxeron o seu traballo aos compañeiros. A unidade publicouse en Espazo Abalar.
Unidade En publicidad también en igualdad, publicada en Espazo Abalar
Finalmente, como colofón e compendio de todas as actividades realizadas ao longo do curso, un grupo de alumnos e alumnas de primeiro de bacharelato baixo a coordinación dos profesores Miguel Ángel Martínez Quintanar e Felisa Redondo Valín deseñou a axenda escolar pola igualdade para o curso seguinte. O leitmotiv da axenda serían as mulleres das nosas rúas e a mención dos traballos realizados. A Deputación de Lugo sufragou a impresión das axendas para todo o alumnado do centro e tivo impacto nos medios de comunicación. Fíxose un acto de presentación ao que asistiron a escritora e profesora universitaria lucense Carmen Blanco, a alcaldesa de Lugo Lara Méndez e o vicepresidente e deputado de Igualdade Álvaro Santos.
Banco de recursos
Unha tarefa que abrangueu todo o curso foi a creación dun banco de recursos con material vinculado á violencia de xénero e á igualdade. O alumnado de primeiro de bacharelato na materia de Lingua Castelá e Literatura vertía na base de datos da aula virtual ese material que lle parecía interesante para visualizar, analizar e reflexionar. Serviulles como fonte de inspiración para algún dos proxectos, como guía para facer un bo uso da linguaxe non sexista ou como punto de partida para abrir debates e foros. Para compartilo na rede e subilo ao blog, botamos man da ferramenta Pearltrees.
Banco de recursos pola igualdade
Transcendencia
Entre os obxectivos educativos que figuran no proxecto educativo de Centro do IES Ánxel Fole (e que tamén figuran nas programacións didácticas dos departamentos) hai dous salientables:
- Valorar e respectar a diferenza de sexos e a igualdade de dereitos e oportunidades entre o alumnado, rexeitando a discriminación por razóns de xénero.
- Promover no alumnado o desempeño de competencias sociais e cívicas necesarias e suficientes para que sexa consciente do seu proxecto ético persoal e das posibilidades da súa realización.
A transcendencia do noso proxecto está vinculada a estes dous obxectivos. Como?:
1) As familias son as primeiras receptoras das aprendizaxes vinculadas a estes proxectos: son o primeiro ámbito no que se reflicte o cambio de actitude do alumnado con relación á violencia de xénero e aos estereotipos machistas.
2) A contorna social (barrio, amizades) tamén recibe o impacto das destrezas desenvolvidas: son o segundo ámbito no que se reproduce a modificación da linguaxe, actitudes e esquemas perceptivos do alumnado.
3) Tanto na familia coma no ámbito social o alumnado é capaz de detectar e visibilizar a violencia de xénero e, tamén, de valorar as posibilidades reais de realizar o seu proxecto ético persoal vinculado a un xénero escollido.
Nesta dirección o alumnado con este proxecto desenvolveu as competencias seguintes:
- Sensibilización arredor da desigualdade de xénero, da normalización de estereotipos sexistas e da violencia machista.
- Concienciación sobre o seu papel como membro da cidadanía identificando comportamentos machistas, actitudes violentas e asumindo a súa responsabilidade social.
- Capacidade para analizar e debater a información recibida por diferentes canles e extraer conclusións propias.
- Posibilidade de expresar as súas opinións libremente e ser más asertivo ante as desigualdades.
- Competencia emocional para promover sentimentos libres de estereotipos sexistas e prexuízos e desenvolver emocións que favorezan a promoción de valores igualitarios.
- Creatividade, producindo, deseñando e elaborando diferentes propostas artísticas como medio de análise, denuncia e información.
- Traballo cooperativo asumindo as responsabilidades como parte do grupo.
- Valoración dos traballos propios e dos compañeiros de forma obxectiva, valorando e analizando o proceso de aprendizaxe e o resultado obtido.
- Publicación das actividades realizadas nos medios de comunicación, no blog, en representacións artísticas e disertacións orais.
A comunidade educativa participou ben de forma pasiva (performances, exposicións, charlas, contacto cos produtos creados), ben de forma activa (certames, enquisas, debates, actividades na titoría derivadas de tarefas do Proxecta).
Avaliación
É difícil valorar o grao de consecución dos obxectivos propostos, aínda que se trataron todos desde ámbitos moi dispares:
- O proxecto resultou enriquecedor para o alumnado que participou de forma moi activa, creativa e colaborativa en todo o proceso. Fixo unha valoración positiva da experiencia e gabou tanto a metodoloxía coma os produtos obtidos e a transcendencia do seu traballo.
- O profesorado participante aprendeu e perfeccionou novas ferramentas educativas: aula virtual (foro, cuestionario, libro, enquisa, base de datos e tarefas), Google Drive, Google Maps, Calaméo, Vimeo, Prezi, E-Encuesta, Blogger, editores de vídeo, Paint, Freemake, Movie Maker, Audacity, Voox, Pearltrees, entre outros.
- Todos os departamentos do centro educativo mostraron a súa receptividade e colaboración nas distintas actividades, deixando que o alumnado participase no proxecto nas súas horas lectivas.
- Os distintos sectores da comunidade educativa mostraron o seu apoio e complicidade co proxecto.
- Tres breves cuestionarios serven para avaliar os logros acadados. Xiran arredor dos tres eixes do proxecto: actitudes, significados e conceptos. Dito doutro xeito, prácticas, linguaxe e pensamento que fornecen a violencia de xénero e os roles e estereotipos dos modelos de parella dominantes.
Impacto
Para medir o impacto do proxecto temos en conta varios elementos:
1) Visibilidade do proxecto: no propio centro educativo (información e performances nas paredes, chan, coa presenza física do alumnado que informa, nas actividades gravadas no tempo de lecer e nas aulas) e nas comunicacións privadas entre o alumnado.
2) Visibilidade e presenza nas redes sociais: o blog El club de los poetas insomnes, a aula virtual do IES Ánxel Fole, o traballo de interacción entre o alumnado cos seus medios de comunicación privados.
3) Exposicións: Cartas de amor.
4) Charlas-coloquio: Luís G. Soto (profesor de Filosofía na USC), Gloria Isabel Serrato Azat (relatora no obradoiro "A linguaxe", vinculado á exposición Cartas de amor), María Pilar Díaz Burgos (técnica do Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (CRI) da Secretaría Xeral de Igualdade), Andrea Estrella Arias Díaz (alumna de primeiro de BAC do IES Ánxel Fole).
5) Publicacións: a axenda escolar 2016/17 e unidades didácticas.
6) Presenza pública a través do medios de comunicación: noticias publicadas nos xornais. Nos cursos pasados aludiuse ao noso traballo en distintos medios: prensa (La Voz de Galicia), radio (Radio Voz, Radio Galega) e televisión (Televisión de Galicia). En marzo do 2016 dedicaron unha páxina en La Voz de Galicia non só as actividades que estabamos levando a cabo nese momento, senón tamén ao noso compromiso continuo co tema da igualdade.
Reflexións finais. Repercusións
- A actividade con equipos de profesorado e alumnado non só precisa vontade, senón, sobre todo, distribución clara e precisa de tarefas e funcións, nun marco novo de aprendizaxe colectiva que formula desafíos organizativos (tempos, espazos, materiais, recursos, ferramentas) inéditos.
- No traballo por proxectos os docentes tamén deben mostrarse dispoñibles a empregar tempos e espazos fóra do seu horario lectivo. Isto revela un compromiso importante coa educación nos valores de igualdade.
- Os discentes deben estar dispoñibles para participar no proxecto empregando tempos libres fóra do horario escolar, o que supón un duplo esforzo e, tamén, un notable grao de motivación.
Repercusións pedagóxicas
- O Departamento de Lingua Castelá e Literatura do centro decidiu crear o Concurso Emilia Pardo Bazán e convocalo cada ano para o 12 de maio, día da morte da escritora galega.
- Os proxectos implican un xeito de adquirir, practicar e avaliar competencias clave novo no centro educativo.
- As actividades, exercicios e produtos dos proxectos teñen un encaixe adecuado como instrumentos de avaliación dos estándares de aprendizaxe das materias implicadas.
- Os proxectos son boas ferramentas para desenvolver temas transversais.