Remamos? Olelé
Juan M. Fernández Fernández
xoanmfernandez@edu.xunta.es
Ana María Brea Santiago
abrea@edu.xunta.es
María del Mar López Somoza
marsomoza@edu.xunta.es
Ana I. Vázquez Rico
anaiv@edu.xunta.es
CPI de San Sadurniño (A Coruña)
Compañías Botón e Cazasoños, preparándose para a preestrea
Remar, olelé... dous conceptos clave cos que comeza LÓVA cada novo curso, metáforas que falan de traballo colaborativo, clase invertida, traballo por proxectos, grupos interactivos, as artes integradas no currículo e un longo etcétera de metodoloxías e recursos desenvolvidos e utilizados para que os nenos creen, produzan e representen unha ópera orixinal enteiramente deles. Os mestres e o resto de adultos somos colaboradores e guías, son os rapaces os verdadeiros protagonistas.
LÓVA (La ópera, un vehículo de aprendizaje) comezou en San Sadurniño no curso 2013/14, despois de recibir formación no Teatro Real de Madrid. Ese ano, grazas tamén á boa acollida do resto do profesorado e do equipo directivo, creáronse dúas compañías de ópera, unha en quinto de primaria e outra en terceiro da ESO. Nunca imaxinamos que cinco cursos despois, aquí estariamos con oito compañías nas tres diferentes etapas educativas (Pegadas Musicais, Cazasoños, Bombiglobo e Bolboreta en primaria; Botón en infantil; Los Titos, Gallaecia e Constelación Musical na ESO), moita ilusión, máis mestres formados e involucrados e LÓVA establecido como proxecto de centro en quinto de primaria, de xeito que todo o alumnado ten a oportunidade de vivir esta marabillosa experiencia. Desde o curso pasado, tamén desenvolvemos en cuarto de primaria PRELÓVA, como introdución a unha nova metodoloxía, e en sexto POSLÓVA, co que se lle dá continuidade ao traballo realizado anteriormente.
Igual ca Neil Armstrong, o alumnado en LÓVA dá un pequeno e un gran paso para pasar dunha nave pechada que lle serve de ferramenta para empezar a voar, aínda que sexa nun bombiglobo, desde unha escola con pretensión pseudoautónoma para “aluar” nunha aprendizaxe independente: un pequeno paso físico entre conceptos como autonomía e independencia e entre integración e inclusión, pero un gran paso para chegar a un crecemento mental axeitado mentres que medran aproveitando os erros e considerándoos unha oportunidade para aprender e mellorar. Estas mentes atrévense a cambiar a forma na que a escola tradicional promove pensar con “mentes fixas” e onde os erros son temidos como unha carga fatídica sobre cada un. Estas novas mentes describen como cada vez máis, ao longo do proceso, os alumnos deixan de selo para volvérense participantes das aprendizaxes, aprendices e logo profesionais. Onde cada día, a necesidade de sentir o seu e o dos demais os converte en expertos de éxito con principios condutuais que se retroalimentan con habilidades efectivas para acadar a súa aprendizaxe individual. Así, a existencia dun produto social relevante move un grupo motivado que se autodisciplina no seu traballo; anímanse e aléntanse, loitan e axúdanse, aprenden e, sobre todo, divírtense con strong arms (fortes brazos) que, como Armstrong, tamén necesitan pequenos pasos antes de deixar a súa pegada, que no noso caso comezaron Pegadas Musicais en San Sadurniño.
Pegadas Musicais, primeira compañía de ópera de primaria
LÓVA, en realidade, é un gran proxecto formado por varios subproxectos interconectados entre si. Ao principio de cada curso créase a compañía coa aprobación e acordo de todos os participantes. Facer xurdir o sentimento de compañía é primordial e, sen esa base, todo o demais non ten sentido. O feito de pertencer e formar parte de algo máis grande ca un mesmo dálles aos nenos e nenas a oportunidade de saber quen son, de coñecérense máis, deixando atrás o egocentrismo natural infantil e desenvolvendo conciencia e sensibilidade cara aos demais. Cada un ten o seu papel e todos son imprescindibles. Descobren quen máis pode sentir e pensar coma eles e identifícanse como parte dun grupo. Ese sentimento de pertenza faise imprescindible para o axeitado desenvolvemento psicolóxico e social na infancia. O habitual na escola cando se monta un espectáculo é que os adultos tomen as decisións, ensinen como se fai, decidan o que se vai facer e lle dean a cada un o seu papel. Traballando coa ópera todas as decisións son dos alumnos, dámoslles a oportunidade de decidiren que tema van tratar, que mensaxe relevante para eles queren lanzarlle ao mundo, de atopar o xeito das cousas por si mesmos. Durante o proceso teñen traballos reais (dramaturxia, escenografía, composición musical, produción, documentación, caracterización, iluminación, dirección...) e problemas reais que resolver, non existe a necesidade de crear situacións ficticias para poder aprender. Así os nenos séntense importantes, toman conciencia do seu propio valor como individuos e como parte da sociedade.
Vendendo na feira
Vai moito máis aló de montar un espectáculo inventado pola clase. A representación constitúe un produto social moi potente, pero só é un dos obxectivos, incluso poderiamos afirmar que é un pretexto, xa que o realmente importante sucede na aula cada día. A este proxecto dedícaselle unha boa parte do horario semanal e partimos do traballo coas emocións integrando as artes no currículo. Parte da súa forza reside na oportunidade que as artes lles dan aos rapaces de facer cousas extraordinarias.
Compañía Botón, sexto de infantil. Escenografía construída e deseñada por eles
Mediante a creación do espectáculo usan varias formas de linguaxe e preséntase a oportunidade de pensar en abstracto, de aceptar a crítica, de escoitar, de aprender dos erros, de crear, de desenvolverse emocionalmente... Hai un respecto por todas as intelixencias, non só as tradicionalmente valoradas na escola. Aínda que este vehículo de aprendizaxe é moito máis ca un proxecto artístico, válese das artes para alcanzar as sete competencias clave. Partindo de que a ópera é moitas veces denominada como arte total por englobar todas as artes (danza, música, artes plásticas, poesía, teatro…) pola súa complexidade, ten esa capacidade de desenvolvelas todas, incluso aquelas que a escola ten máis dificultades en promover, como é o caso da sexta competencia: sentido da iniciativa e espírito emprendedor. A necesidade e o desexo de chegar á representación final fan que o alumnado se faga altamente competente ao longo do proceso. Hoxe sábese que o éxito na vida non vén definido tanto polas capacidades cognitivas senón pola intelixencia social, a curiosidade, a tolerancia á frustración, a concentración, o esforzo, a capacidade de traballar en equipo, de atopar solucións creativas aos problemas ou erros… Todos estes aspectos desenvólvense no transcurso do proxecto e serven de ferramenta para toda a vida, xa que encamiña os rapaces cara á autonomía e o servizo á sociedade, facer cousas importantes para un mesmo e para os outros. Como adoitamos dicir en LÓVA, xa non se trata de ME (eu) senón de WE (nós). Neste sentido, destaca o feito de que o proxecto transcende a propia escola xa que moitos profesionais do mundo das artes escénicas, da música, da literatura e doutros ámbitos colaboran connosco formando o profesorado e tamén o alumnado. Moitas institucións como os concellos de Ferrol e San Sadurniño, o Teatro Jofre, o CFR de Ferrol, a Consellería de Educación (Contratos Programa); empresas da zona; persoal non docente do centro; unha arteducadora e as familias tamén brindan a súa man para que isto poida saír adiante. Sen a contribución de todos non sería posible. Moitas destas colaboracións producíronse de forma altruísta e isto á vez serve de exemplo aos rapaces: ver que eles mesmos contribúen e se serven da comunidade.
Traballando coa compañía de Teatro Bucanero
O achegamento da escola a manifestacións culturais que parecen moi lonxe dela, sobre todo no noso ámbito rural, faise palpable e como botón de mostra a oportunidade única que as nosas compañías Bombiglobo e Cazasoños tiveron ao formar parte da celebración dos dez anos LÓVA en España, podendo actuar no escenario principal do Teatro Real de Madrid, formando unha constelación musical coas outras compañías que alí se atoparon.
Durante os primeiros anos en San Sadurniño, entre o profesorado sentímonos moi ME en Galicia e queriamos ser WE, máis escolas coas que poder compartir xa que non había máis centros educativos traballando deste xeito. Buscando apoio, despois da formación inicial, viñeron outras a modo de GT no propio centro, a través do CFR de Ferrol dentro dun PFPP, e varias veces nos desprazamos a Madrid para participar en encontros e así seguir formándonos. Cada vez máis remeiros no CPI de San Sadurniño pero necesitabamos máis barcas arredor. Nunha desas viaxes fixemos de cazasoños desexando que a formación LÓVA puidese chegar a Gallaecia e, grazas á boa disposición e gran traballo do noso CFR e do coordinador LÓVA en España, este verán chegou a Ferrol; agora por fin somos máis barcas. Xa antes, no curso pasado, en Ares tamén se botaron ao mar, sentímonos acompañados e somos sabedores da importancia que isto ten, ese traballo de colaboración e equipo que se dá no alumnado é tamén moi positivo e necesario entre nós, a bolboreta está a saír do seu casulo. Na actualidade, o proxecto LÓVA estase a levar a cabo en sete centros da comarca de Ferrolterra dentro dos proxectos de formación permanente do profesorado (PFPP) e outros dous en dous centros con outras modalidades de formación (GT/Seminario) Como novidade, este curso incorpórase ao proxecto un centro de secundaria, onde o alumnado de bacharelato é o protagonista. Contan coa implicación de once profesores do centro.