EDIXGAL

José Luis Domínguez Salgueiro
IES Miraflores (Oleiros- A Coruña)

Son as oito e media da mañá e comeza outra xornada. Todos os alumnos de primeiro da ESO están con ganas, uns máis ca outros, de comezar outro día de clase. Encima das mesas, os cadernos, bolígrafos, lapis, algún corrector e outros utensilios diversos. Ningún libro de texto; cada alumno co seu computador, acendémolos e comezamos.

Isto non é o principio dun relato sobre como debería ser o ensino nin sobre o futuro desta profesión, é unha descrición precisa dun día normal de clase nun IES de Galicia. Os centros que se acolleron ao programa EDIXGAL comprometéronse a utilizar unicamente libros dixitais nos niveis de primeiro e segundo da ESO. Neste caso é o segundo curso con ese modelo e é unha experiencia que se debe compartir cos compañeiros de profesión, para que todos xuntos continuemos facendo un mellor ensino público.

Esta aventura comezou dous cursos atrás, cando se coñeceu o proxecto EDIXGAL da Consellería de Educación. Moitos centros educativos xa participaban no proxecto Abalar e por iso dispoñían de equipos informáticos para todo o alumnado de primeiro e segundo da ESO. O coordinador Abalar presenta o proxecto e pide unha valoración deste; a Consellería proporciona o material e o soporte técnico e os centros comprométense a participar, polo menos durante dous cursos, no proxecto. Toda a información respecto disto está na web e é facilmente accesible para calquera que estea interesado. A grandes trazos, o proxecto consiste en substituír os libros de texto en soporte papel por libros dixitais para todos o alumnado do centro destes niveis.

Antes de comezar o proxecto, que supón un importante cambio na dinámica do centro, decídese consultar as opinións doutros centros de educación primaria que xa o puxeran en marcha, xa que é o primeiro ano que se oferta para a ESO. As informacións foron todas na mesma dirección: un proxecto moi ben presentado, moi interesante, ten moito futuro, o comezo é moi complicado e aos poucos vai dando os seus froitos; en xeral, a valoración era moi positiva, pero todos lamentaban as dificultades iniciais.

A proposta debe ser levada ao claustro de profesores e ao consello escolar e, despois de confrontar gran cantidade de opinións diversas, aprobouse a participación do IES no proxecto.

Un cambio tan radical sempre xera gran cantidade de dúbidas, pero a máis importante era se responderían os medios técnicos e a consellería ás esixencias dun proxecto desta envergadura, tanto desde o punto de vista da infraestrutura —rede, equipos, soporte técnico— coma da formación do profesorado, que debería enfrontarse nun moi curto espazo de tempo a un cambio radical no modelo de clase. O coordinador do proxecto comprométese a que todo funcione razoablemente ben, na medida das súas posibilidades, e a solucionar os problemas o máis rapidamente posible. Tamén a consellería cumpriu razoablemente, os problemas técnicos que apareceron fóronse solucionando moi rápido, con algúns detalles mellorables. É no ámbito da formación do profesorado onde xorden os aspectos menos positivos: proporciónase o material e os recursos, pero queda en mans de cada docente acceder aos coñecementos necesarios, sen unha coordinación “desde arriba” que estruture os recursos necesarios para unha adecuada formación do profesorado neste ámbito.

Outras preguntas que se formularon pódense agrupar dentro do capítulo de material: de que material dispoñeriamos?, con que software contariamos?, que podería necesitar o alumnado? e outras similares. Neste sentido, a convocatoria do proxecto era moi clara: o alumnado disporá do material que a consellería propoña, máis todo aquel que o profesorado prepare, pero non se permite obrigar o alumnado a comprar outros libros de texto. O aspecto positivo disto é que as familias conseguen un importante aforro, xa que non teñen que facer fronte á compra dos libros de texto; o lado negativo está na obrigatoriedade de restrinxir o material dispoñible a só dúas editoriais, elixidas pola Xunta, que nalgunhas materias contan con contidos bastante frouxos. Ao longo da duración do proxecto ambas as editoriais foron mellorando os seus materiais e mesmo unha delas convocou algunha reunión cos profesores interesados para debater diversos aspectos e escoitar as propostas dos docentes.

O primeiro curso comeza cun mínimo coñecemento dos materiais, mesmo nalgunha materia sen materiais ou con eles incompletos. O profesorado que quixo recibiu unha clase introdutoria, impartida polo coordinador Abalar, na que se explicou, a grandes trazos, o funcionamento da plataforma EVA, se nomeou un coordinador no centro para centralizar a resolución das dificultades e comezou a aventura.

A parte de hardware non presentou grandes problemas xa que se utilizaron os mesmos recursos ca no proxecto Abalar: equipos informáticos, proxectores, carros de carga, acceso a Internet… Os problemas eran os de sempre, pero multiplicados, xa que o uso aumentou considerablemente.

No apartado de software, houbo que familiarizarse co contorno no que se traballaría, un pouco máis moderno e funcional ca a aula virtual, xa utilizada con anterioridade, pero coa mesma filosofía. Poucos cambios sobre o xa existente, pero para a maioría, moi novo porque, aínda que estaba xa dispoñible, o certo era que estaba infrautilizado.

O principio foi complicado xa que, a pesar das previsións realizadas, o número de desaxustes foi importante. Un dos problemas máis difíciles de resolver, e que en principio parece unha nimiedade, foi o acceso do alumnado aos equipos: os computadores gárdanse nuns carros con alimentación que hai nas aulas, se en cada clase os alumnos os collen ao principio e os gardan ao final, pérdese unha importante cantidade de tempo; se se deixan encima das mesas, entón córrese o risco de que algún resulte danado; solucións mixtas, como gardalos só nos períodos de descanso, tampouco son totalmente satisfactorias (ao final, esta foi a que se tomou). Os contidos non sempre se adaptaban totalmente ao que o profesorado necesitaba e o propio profesorado tiña problemas para manexar de forma óptima o contorno de traballo.

Para solucionar este problema, creouse un grupo de traballo co obxectivo de coñecer mellor o contorno de traballo, os materiais, e aprender a sacarlle o máximo rendemento posible. As clases prácticas recibidas, ben avanzado o curso, foron unha axuda importante: o relator presentou unha gran cantidade de recursos dispoñibles e, sobre todo, mostrou diversos modos de utilizalos.

 

Con esta bagaxe, mellorou notablemente o manexo do contorno e este deixou de ser un problema para se converter nunha axuda moi interesante.

É imprescindible comentar os inconvenientes que supón mellorar a aprendizaxe a través do modelo dos grupos de traballo, xa que presentan unha serie de condicionantes moi importantes: un profesor non pode participar máis ca nun por curso, polo tanto, aqueles que xa estaban a traballar nalgún non puideron participar neste; todo “o papelame” de creación e aprobación do grupo de traballo provoca que a formación se inicie varios meses despois de empezar o curso e o alumnado está na clase desde o primeiro día; o número de docentes está limitado; por todo isto, non todo o profesorado implicado puido acceder a este tipo de formación.

Se se recibise antes de empezar o curso esta formación e os comentarios dalgún compañeiro con experiencia, resultaría moito máis sinxela e satisfactoria a, case traumática, experiencia inicial.

Logo de superar esta fase inicial, a utilización dos equipos pasou a ser algo sinxelo e intuitivo. O profesorado ten os seus recursos sempre á súa disposición, o alumnado dispón de todos os seus materiais de forma inmediata e pronto comeza a ser habitual traballar neste contorno. Entón xorden outras dificultades, máis profundas e con solucións moito máis complexas, como os materiais proporcionados polas editoriais, o soporte técnico, a desilusión dalgúns compañeiros, as dificultades de manexo de certas ferramentas…

As opinións respecto deste modelo entre os docentes participantes no proxecto están divididas. Un número importante considera que a introdución destes materiais modifica de forma substancial, a peor, a forma de traballar dos alumnos na aula (os computadores quítanlle tempo ao alumnado e dificultan o traballo, sobre todo a lectura e a escritura) e por iso é remiso á súa implantación. Para rebater esa opinión, pódese poñer un exemplo de como discorre unha xornada académica incorporando este novo modelo de traballo: comeza a clase con normalidade, cos alumnos nos seus respectivos pupitres, os cadernos encima das mesas; habitualmente, o primeiro que se fai é corrixir os exercicios postos na clase anterior; salvo días especiais, algún alumno corrixe no encerado un exercicio, mentres os seus compañeiros fan o mesmo nos seus cadernos; mentres tanto, vanse repartindo os equipos entre o alumnado. Outra posibilidade é que sexan os propios alumnos os que accedan ao carro no que están os equipos, é máis rápido, pero provoca máis balbordo e é máis perigoso para os computadores.

En canto todos os alumnos teñen os seus computadores, acéndenos e esperan as instrucións. A maior parte dos días, en canto se corrixen os exercicios do día anterior, accédese á aula virtual e desde alí cada un ao seu libro de texto. A clase segue o seu ritmo habitual, igual ca con libros de texto en papel. O traballo individual de cada alumno no seu caderno é imprescindible; a utilización de materiais dixitais non só é compatible co caderno de clase, senón que potencia o desenvolvemento de traballos máis individuais: débense tomar apuntamentos do explicado na clase e non limitarse a seguir os textos escritos; o traballo vólvese moito máis persoal e produtivo.

Cando se aproxima o final da clase, habitualmente faise un pequeno resumo do explicado ese día e propóñense exercicios para a clase seguinte, algúns para facer en formato electrónico, e outros (a maior parte) para facer no caderno. É este o momento idóneo para devolver aos carros de carga os equipos dos alumnos.

En resumo, no día a día na aula, a única diferenza con respecto ao modelo de libros en soporte papel é o tempo dedicado a entregar ou recoller os computadores. Pero, á hora de explicar, e de utilizar os distintos materiais, disponse de todo tipo de facilidades: todos os materiais están no computador do profesor, hai acceso a calquera contido dispoñible na rede, o encerado dixital interactivo (EDI), coas aplicacións adecuadas, permite dispoñer de moitas máis opcións ca o encerado convencional.

A preparación das clases é moito máis sinxela. Todos os materiais están dispoñibles en calquera lugar con conexión a Internet; poden ser consultados e modificados en calquera momento; existe a posibilidade de engadir ou eliminar contidos moi facilmente; os alumnos teñen acceso inmediato a todo o que o profesor desexe que vexan, e este pode consultar a súa evolución de forma instantánea. Por se iso fose pouco, os materiais personalizados quedan almacenados nos servidores da Xunta, de tal modo que poden utilizarse sempre, é dicir, os contidos dun curso académico non se perden e, con moi poucas modificacións e/ou adaptacións, poderán utilizarse nos seguintes cursos.

Con respecto aos alumnos, as vantaxes deste modelo son tamén incuestionables. Os que teñen conexión a Internet nas súas casas, que son unha inmensa maioría, dispoñen de calquera material instantaneamente, e aqueles que non poden acceder á rede teñen outras solucións (EVA offline ou o visor EVA) nos seus equipos. As entregas de tarefas pódense realizar a través dos equipos informáticos, minimizando así os riscos de “accidentes”, e todas as súas tarefas poden estar centralizadas. Con respecto ao uso dos equipos, habitúanse moi rapidamente a eles e, en poucos días, son capaces de sacarlles un rendemento moi aceptable, mesmo aqueles con máis dificultades. A todo iso, debemos engadir que o contorno lles resulta moito máis atractivo ca o habitual de papel e, polo menos en principio, pódese apreciar un maior interese.

A maior parte dos problemas adóitanos formular os pais. Na actualidade padecemos unha epidemia de pais “superprotectores” que fan as tarefas cos seus fillos e cústalles adaptarse ao novo contorno, bastante máis ca ao alumnado. Estes pretenden imprimir todos os materiais e facer un libro tradicional, sen entender que o único material en soporte papel necesario para este novo modelo é o caderno de traballo dos seus fillos, no que se verá reflectida a súa evolución da aprendizaxe. Non se adaptan ao formato dixital, cústalles controlar o contorno e non se senten seguros. A única vantaxe incuestionable que ven é o importante aforro en material.

Como conclusións: en primeiro lugar, o balance é moi positivo; as vantaxes deste modelo parecen infinitamente superiores aos seus inconvenientes. A dispoñibilidade dos materiais é sempre completa, mesmo en caso de avarías. O traballo do alumno é moito máis persoal e é moito máis sinxelo adaptar as clases aos distintos alumnos. Temos á nosa disposición unha inmensa cantidade de recursos que podemos integrar de modo moi sinxelo na aula. Os alumnos adáptanse moi rapidamente á nova contorna e resúltalles moi amigable. O traballo dos alumnos está á disposición do profesor desde o momento en que o realizan e sempre estará dispoñible unha copia deste ou a certificación de que non o fixeron no seu momento. Se o desexamos, podemos calcular as cualificacións de modo case automático e moito máis transparente para o alumnado. Podemos dispoñer dos nosos materiais durante varios cursos, modificando só aquilo que consideremos mellorable, reutilizándoos.

Tamén debemos de ter en conta os aspectos negativos deste modelo e da súa implantación. O principal problema é o rexeitamento, aínda que afortunadamente cada vez menor, que unha parte importante do profesorado mostra cara ás novidades técnicas. Moitos pais ven con desasosego que os seus fillos fan as súas tarefas dunha forma allea a eles e cústalles aceptalo. Os materiais que nos proporciona a consellería son pechados e moi mellorables. O soporte técnico está centralizado nun servizo alleo ao centro educativo e iso provoca certos atrasos na resolución dos problemas técnicos. A formación é absolutamente deficiente, tanto ao profesorado coma ao alumnado.

Para concluír, resulta imprescindible resaltar a imparable marcha da sociedade cara a un futuro no cal os contidos de todo tipo se recibirán por medios informáticos, e o profesorado pode beneficiarse moito diso e cun pequeno esforzo obter uns excelentes resultados. A consellería debería fomentar un pouco máis este desenvolvemento; resulta incrible que este programa de innovación non estea presente en todas as feiras educativas, facendo visible o enorme esforzo duns profesores que dedican moitas horas para innovar na utilización dos medios tecnolóxicos. Tamén sería moi interesante a comunicación destes modelos de aprendizaxe entre distintos sistemas educativos; programas como PLAMBE ou PIALE serían facilmente exportables ao contorno dos medios informáticos para lle facilitar ao profesorado a integración dos novos medios (xa non tan novos) no proceso de ensino-aprendizaxe.

 

 

Bibliografía: 

 

 

ALONSO, Catalina M. (1997): A informática desde a perspectiva dos educadores. Ed. UNED.

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/nova/e-dixgal-implantacion-do-libro-dixital-nos-centros-educativos (Consultado o 05/09/2014).

https://www.edu.xunta.es/espazoabalar/nova/convocatoriaedixgal (Consultado o 26/05/2017)

 

Sección: