CIFP Compostela

50º aniversario

O Centro Integrado de Formación Profesional Compostela (CIFP Compostela) celebra este ano 2017 o seu 50.º aniversario, unha data que a escola conmemorou cun amplo e ambicioso calendario de actividades co fin de destacar os seus valores como un centro pioneiro no ensino de hostalería e turismo en Galicia. Como parte dos méritos acumulados pola escola, é destacable a presenza entre os alumnos de moitos profesionais de prestixio nacional e internacional, algúns deles propietarios dunha estrela Michelin.

O centro creouse o 1 de marzo de 1967, acollido no Burgo das Nacións en Santiago de Compostela, e foi a primeira e máis destacada referencia pedagóxica galega no campo da docencia gastronómica e de hostalería. Foi inaugurado como Escola Sindical de Hostalería e Turismo de Santiago, posteriormente recibiu o nome de IES Compostela e actualmente CIFP Compostela. En 1971 trasládase ao Politécnico de Santiago, onde se imparten clases ao longo de dous anos. Finalmente, no ano 1973 trasladouse á actual sede.

 

Nas actuais instalacións comezou a súa etapa educativa no curso 1973/74. Inicialmente foi concibido como hotel-escola, integrado na Rede nacional de paradores para visitas oficiais.

Así, durante toda a súa traxectoria como centro, o actual CIFP Compostela dependeu dos seguintes organismos:

  •     1967-1976: Organización Sindical
  •     1976-1978: AISS (Presidencia do Goberno)
  •     1978-1983: INEM (Ministerio de Traballo)
  •     1983-1987: MEC (Ministerio de Educación e Ciencia)
  •     1988-Actualidade: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia

Cabe destacar que no ano 1970 o centro foi autorizado polo MEC (Ministerio de Educación e Ciencia) para impartir ensinanzas de formación profesional regrada de primeiro grao. Máis tarde, no ano 1976, a escola foi homologada para primeiro e segundo grao de formación profesional, dependendo do Instituto Politécnico de Santiago e no ano 1983 o centro foi transferido ao Ministerio de Educación e Ciencia. Desde ese momento pasa a formar parte da rede de institutos de formación profesional. Pertence por entón ao MEC ata a súa transferencia á Xunta de Galicia mediante o Real decreto do 18 de decembro de 1987; desde ese momento pasa a depender da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Finalmente, transformouse en centro integrado polo Decreto 325/2003 (DOG do 4 de agosto de 2003).

Este centro acolleu alumnos practicamente de toda España e moi particularmente de Asturias, Castela-León, Cantabria, Euskadi e mesmo de Canarias, ata que nas súas respectivas comunidades autónomas se foron creando centros de formación en hostalería.

No ano 2006 amplíase a oferta educativa, coa construción dun novo edificio para albergar ciclos formativos das familias profesionais de Servizos Socioculturais e á Comunidade e de Artes Gráficas.

Na actualidade, o CIFP Compostela pertence a rede de centros integrados de Galicia, certificada na norma ISO 9001:2008. A rede está sometida a un sistema de traballo por procesos que busca a satisfacción de toda a comunidade educativa (alumnos, familias, persoal docente e non docente) e garantir os dereitos dos usuarios, someténdose a auditorías (externas e internas) e reflectindo a súa traxectoria no certificado logrado en xullo de 2012.

É así que o CIFP Compostela figura entre os centros preferidos polo alumnado galego para formarse profesionalmente, feito demostrado cada ano coa demanda de prazas nos diferentes ciclos formativos que se ofertan, ata cubrir preto das 1100 prazas actuais, entre formación regrada e continua. Destas prazas, 671 alumnos cursan disciplinas relacionadas coa gastronomía, a restauración e o turismo, 95 están inscritos na familia profesional de Artes Gráficas e máis de 300, en Servizos Socioculturais e á Comunidade.

 

 

Sección: