Arte e altas capacidades

Achegamento á arte e aos estilos artísticos por parte dun grupo de alumnos da ESO
Poden cadros coma O berro de Munch ou a Venus de Willendorf ter cabida nos carnavais de nenos de 14 anos? No CPI José García de Mende pensamos que si e que ademais serven como ferramenta para valores como a diversidade e o respecto. Neste artigo falamos dun taller de máscaras que realizamos dentro do marco dun grupo de traballo de atención a nenas e nenos de altas capacidades, mediante enriquecemento escolar (SEM).

José Angel Martín Bermejo
jmbermejo@ edu.xunta.es
CPI José García de Mende (Ourense)

 

Durante o curso 2015/16, no CPI José García de Mende, xunto co inestimable apoio e traballo do CFR de Ourense, estivemos levando a cabo un grupo de traballo con alumnado próximo e de altas capacidades. Este proxecto xurdiu da necesidade de dotar de máis contidos un grupo de nenas e nenos sen que se vise afectado o seu currículo, co fin de “abrirlle” novas portas ao coñecemento dunha maneira diferente e así atender unha demanda que, por parte do profesorado, parecía evidente. 

Froito precisamente desa sensación de que se podía facer algo máis e, ao mesmo tempo, a falta inicial de coñecementos e de “compartimentación” dos esforzos por departamentos, solicitamos o grupo de traballo. A idea era formarnos como profesores na creación de propostas didácticas para o alumnado, que logo pasaban do marco teórico á práctica para obter resultados máis reais e analíticos.

Co fin de non centrarse nunha área soa de coñecemento e, polo tanto, nunha soa maneira de afrontar o proceso, o grupo de traballo creouse cun espírito multidisciplinar, tanto nos compoñentes (membros de departamento de Debuxo, Tecnoloxía, Historia, Educación Física, Bioloxía e Xeoloxía...) como nas metas que se querían lograr (creación de máscaras, documentación histórica de material do centro, creación dun invernadoiro, exposición de Cela...). Neste texto, gustaríanos falar dunha delas: o taller de máscaras.

O que pretendemos en todo momento, tanto con esta actividade como con outras que estivemos levando a cabo ao longo do curso, non era tanto a elaboración do material como o proceso ata chegar a el. Xa no ano anterior detectamos que un número significativo de alumnas e alumnos podía perfectamente asimilar máis carga de traballo sen que iso se vise reflectido negativamente no ámbito académico, pois en ningún momento se pensou neste grupo coma nunha ferramenta metodolóxica para modificar currículo. Todo o contrario. Xunto cun alumnado recoñecido de altas capacidades, incluímos rapazas e rapaces que, malia seren academicamente bos e con boa actitude, non alcanzaban o primeiro grupo. Con isto buscabamos, por un lado, intentar solucionar un problema que, non estando, podía aparecer, que sería o illamento que ás veces sofre este tipo de alumnado e, por outro, a posibilidade de traballar dun xeito diferente co grupo de referencia da clase, valorando esta actividade como un “experimento didáctico”.

A achega á arte que nós lles propuxemos foi a seguinte: a creación de máscaras para o Entroido seguindo diferentes estilos artísticos. 

Durante o tempo previo aos carnavais, o CPI de Mende organiza unha serie de actividades e traballos con todo o alumnado (desde infantil a secundaria), tanto para dinamizar o centro como para aproveitar estas tradicións populares como vehículos didácticos. Neste contexto, o proxecto que elaboramos e que se lle ofertou ás rapazas e rapaces foi o seguinte: a creación de máscaras seguindo diferentes estilos artísticos. Realizamos este actividade nos meses anteriores a estas festas en diferentes sesións. Nelas, propuxémoslles diferentes estilos e démoslles libros tanto para consulta e elección de tema como para a creación dun panel informativo para expoñelas no centro antes do propio Entroido (coa idea de que, se o material era feito por compañeiros, o resto do alumnado do centro lle prestaría máis atención). Ademais, o feito de non quedar no estudo teórico e pasar á realización práctica das versións nas mesmas máscaras engade o poñerse no lugar do artista cando se enfronta ao lenzo en branco.

Entre a variedade de estilos artísticos, escollemos os seguintes pola afinidade puramente intuitiva: As señoritas de Avignon (Pablo Picasso), Venus de Willendorf, Pantocrátor (ábsida de San Clemente de Tahull), Retrato romano, Muller no baño (Lichtenstein) e O berro (Edvard Munch). Do que se tratou foi de adaptarse a diferentes maneiras de representar o rostro como escusa para aproximarse a un estilo alleo á nosa sensibilidade actual. Pensamos en que era unha forma de abrir a mente á diversidade e ao coñecemento, admitindo como igualmente efectivas formas tan dispares e recoñecendo os diferentes matices que cada cultura achega. 

No eido puramente técnico, houbo unha serie de pequenas dificultades que o magnifico artista Poldras nos axudou a solucionar. Destacamos os aspectos máis relevantes en cada caso.

As señoritas de Avignon. Resultou moi interesante adaptar unha máscara de proporcións reais e tridimensionais ás deformacións do cubismo, onde o artista representa varios punto de vista a un tempo nas dúas dimensións.

Venus de Willendorf. A ausencia de trazos faciais na orixinal obrigou a ignorar a máscara-molde case por completo e engadiu a dificultade de representar as formas esféricas da orixinal na superficie lisa do noso soporte.

Pantocrátor. É moi interesante ver como un debuxo sinxelo e fácil de reproducir se ve totalmente modificado na sensación que lle transmite ao espectador cando se reproduce sobre un soporte de tres dimensións.

Retrato romano. Unha gama relativamente escasa de diferentes grises foi suficiente para facer ver os relevos do orixinal. Aí radica o interese desta peza.

Muller no baño. Este caso tivo unha realización moi sinxela e, aínda que partimos dun orixinal en dúas dimensións e a nosa máscara tiña tres, a técnica do pintor aplana a imaxe na percepción do espectador. Incluso así se pode comprobar cando o propio Litchenstein realiza as súas esculturas pintadas.

O berro. Tamén neste caso o paso das dúas ás tres dimensións tivo complicacións. O expresionismo do orixinal fai que as tres dimensións actúen na composición como un elemento moi condicionante. Repetir os mesmos trazos sobre a nosa máscara tridimensional facía que se perdera a brutalidade do xesto. Houbo que intervir a máscara máis drasticamente cortándoa para reproducir a agonía da imaxe de Munch.

O resultado, tanto da máscara como dos paneis informativos que crearon, foi exposto na entrada do centro, poñendo en valor o seu traballo ante os seus compañeiros e compañeiras e diante de pais e nais.

A experiencia foi do máis positiva. Nas diferentes sesións onde os rapaces estiveron executando a nosa proposta, empregaron distintos espazos do centro (preparación da exposición na entrada do centro, aula de debuxo, biblioteca, ordenadores, aulas...). Observamos que o cambio da zona de traballo e de horarios aumenta o grao de motivación do alumnado. Ademais, o feito de traballar cóbado con cóbado xunto co seu profesorado dunha maneira distinta á dinámica da clase fomentou un ambiente de respecto e confianza do que, sen dúbida, toda a comunidade educativa se viu enriquecida.

Resultou moi atractiva a idea de descontextualizar o concepto de integración sociocultural e aceptación da diversidade do manido día a día (nótase na aula que moitos alumnos, cando se lles fala da necesidade da non discriminación por razón de sexo, orixe ou crenza, deixan de prestar atención polo número de veces que se lles di). O feito de intentar entender unha maneira nova de expresarse nun contexto que non lles é propio pareceunos moi enriquecedor.

A aceptación e o resultado desta proposta, como da maioría que o grupo de traballo elaboramos foi notable e a valoración da experiencia foi moi positiva. Co alumnado que participou acadamos os obxectivos marcados —enriquecemento cultural e transversal— e ademais quedou perfilada unha actividade que perfectamente se pode realizar con todo o alumnado dun grupo (valorando a creación da figura do axudante creativo, co que pensamos que ademais se vería enriquecido o ambiente de respecto e tolerancia entre eles).

 

 

Sección: