Radio Televisión Leo León

Traballando as competencias clave e a creatividade desde a comunicación audiovisual a partir de centros de interese
No centro educativo CEIP Feliciano Barrera (Guláns, Ponteareas), iniciamos neste curso un proxecto (en fase incipiente) para traballar as competencias clave achegando innovación, novas tecnoloxías, creatividade e traballo cooperativo, comunicación audiovisual, dinamización da biblioteca e normalización lingüística a partir de centros de interese. Os grandes protagonistas de todo o proxecto: o alumnado de cuarto, quinto e sexto curso. A escusa: a nosa propia canle de radio e televisión.

Óscar Manuel Martínez Iglesias
Especialidade: Educación Musical
CEIP Feliciano Barrera (Guláns, Ponteareas, Pontevedra)
oscarmartinez@edu.xunta.es

 

1. Contextualización

O Colexio Público Feliciano Barrera é un centro que se sitúa a uns cinco quilómetros da vila de Ponteareas. A parroquia é Guláns. A súa contorna é rural, aínda que con cada vez máis matices urbanos. Ten 127 discentes de nivel socioeconómico dispar —prevalece a clase media— procedentes das parroquias de Guláns, Cristiñade, Moreira, Nogueira e Ganade. Agrúpanse en nove unidades. Somos quince docentes.

O centro é moi pequeno e familiar. Non contamos con sala de informática propia, nin de música, nin tampouco salón de actos ou multiúsos. A biblioteca é o centro de multitude de actividades escolares. As familias e a ANPA colaboran activa e intensamente de forma moi positiva.

O nacemento desta actividade xorde ao darse, á vez, as seguintes circunstancias:

Baixo nivel na competencia dixital do alumnado e detectarse unha ausencia no currículo de traballo neste eido.

Brecha dixital (moi habitual na Galicia rural) nas casas e familias do alumnado.

Biblioteca polivalente, que fai á vez de sala de informática e usos múltiples, onde se leva feito un traballo moi engrenado de dinamización e mellora do espazo nos derradeiros anos. Leo León é a mascota da biblioteca e ten o seu blog, a súa canción, o seu conto... e un feixe de actividades anuais.

Perda de falantes de lingua galega nos últimos dez anos: do 90 % ao 20 %.

Intereses comúns dos equipos de biblioteca e TIC.

Facilidades do equipo directivo para impulsar este proxecto, asignando a materia de libre configuración autonómica dos cursos cuarto e sexto a este proxecto e mercando novo material audiovisual.

Interese por activar metodoloxías activas, construtivistas e vivenciais no centro, ao igual que xa o fan varios docentes.

A experiencia está imbricada perfectamente no currículo porque a LOMCE, nun dos once obxectivos da etapa de educación primaria, di que “contribuirá a desenvolver nos nenos e nas nenas as capacidades que lles permitan utilizar diferentes representacións e expresións artísticas e iniciarse na construción de propostas visuais e audiovisuais” (LOMCE, 2014, p. 37414).

Ademais, cando fala dos elementos transversais, a lei indica no artigo 11 que “a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, as tecnoloxías da información e a comunicación, o emprendemento e a educación cívica e constitucional se traballarán en todas as disciplinas.” (LOMCE, 2014, p. 37419).

Por último, no currículo da materia de Educación Plástica, cómpre destacar que un dos tres bloques de contidos chámase educación audiovisual. Segundo a LOMCE (2014, p. 37906):

Está dedicado ao estudo da imaxe en todas as súas manifestacións, tanto visual como audiovisual. Neste bloque ten moita importancia a contribución que fan as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) ao mundo da imaxe.

Actualmente, a maioría dos centros teñen blogs nos que amosan o que sucede no día e día do centro, pero por que non formar o alumnado para que sexa o protagonista absoluto de todo o traballo que xera a realización deste este tipo de contidos?

Con este contexto, e tomando en conta a potenciación que debemos adoitar (novamente seguindo a LOMCE) para implantar actividades que traballen competencias de forma integrada, decidimos crear unha canle de radio e televisión onde o alumnado, progresivamente, tome o seu mando, deseñe as súas propias animacións e creación de contidos, realice as reportaxes e gravacións de forma activa e participativa e traballe numerosos contidos do currículo. Todo isto potenciando a metodoloxía construtivista, facendo o alumnado o protagonista de todo o proceso.

2. Obxectivos

Coa canle de Radio Televisión Leo León pretendemos conseguir:

a. Traballar de forma integrada seis das sete competencias clave: CCL, CAA, CCEC, CD, CSIEE e CSC a partir dun proxecto que implique un gran número de alumnado do centro. A comunicación audiovisual da canle de radio e televisión está moi ligada á capacidade de aprender a aprender, a expresións e conciencias culturais, á oralidade, á conexión coa linguaxe, coa comunicación e competencia dixital polo emprego de dispositivos e medios tecnolóxicos e ao sentido de iniciativa e espírito emprendedor (xeración de ideas, proxectos e programas). Tamén ás competencias sociais e cívicas, polo papel de socialización que teñen os medios hoxe en día e polas relacións sociais e cívicas que a linguaxe audiovisual xera.

b. Potenciar a creatividade, a imaxinación e a intelixencia artística.

c. Promover a dinamización da biblioteca.

d. Formar o alumnado no uso autónomo dos medios tecnolóxicos.

e. Traballar de forma cooperativa en grupos de traballo.

f. Mellorar a autoestima e o autoconcepto do alumnado.

g. Achegarnos á metodoloxía de traballo por proxecto (ABP).

h. Empregar e normalizar a lingua galega en todos os traballos da canle.

3. Recursos empregados

Para levar a cabo o proxecto, contamos coa hora de libre configuración de cuarto e sexto e coa hora de Educación Plástica de quinto. Desenvolvemos os obradoiros e formación na biblioteca que, pola súa vez, é sala de informática (con doce postos) con proxector. Usamos unha cámara de fotos que mercamos no primeiro trimestre. Tamén adquirimos un altofalante autoamplificado portátil con bluetooth e entradas USB e tarxetas SD que nos fai tarefas de reprodución cando queremos “lanzar” un audio ao patio. Por último, e cos cartos dun premio de traballo por proxectos, compramos unha gravadora dixital semiprofesional no último mes (TASCAM DR-40). Cun investimento de 700 € melloramos o equipamento.

Programas de edición de audio Audacity e de vídeo Open Shot.

Plataformas de internet Vimeo (vídeos) e Ivoox (audio).

Páxina web e blog do centro.

4. Descrición do proceso

A idea era clara: a partir do uso autónomo dos medios, e coa escusa da canle de radio e televisión, traballar moitas das competencias e contidos curriculares.

O primeiro paso foi a formación do alumnado. Debemos dicir que este proceso foi máis longo do agardado: queriamos que o alumnado soubese manexar a cámara de fotos e vídeo, coñecer o funcionamento de cartafoles e arquivos no sistema operativo, montar e editar un vídeo, elaborar escadas para facer guións, gravar audio e editalo co Audacity e subir o contido a plataformas de audio e vídeo en Internet. E todo isto cunha hora semanal. Fomos demasiado ambiciosos. A canle está en marcha, pero tivemos que reducir contidos, espazar as actividades e rematar o proceso os docentes. Fixemos varias reunións conxuntas entre TIC e biblioteca e decidimos ir máis amodo.

Neste curso 2016/17 aprendemos:

As técnicas básicas de foto e vídeo: montar e desmontar o trípode, cargar a batería, descargar os arquivos no ordenador, os coidados básicos do material, enfocar, tipos de planos, como solucionar os problemas coa luz, como gravar en vídeo...

Informática: crear cartafoles, renomear, mover, descargar arquivos fotográficos, organizar, cambiar tamaño...

Editor de audio Audacity: software libre e bastante sinxelo para que os nenos e as nenas o empreguen sen problema. Saben gravar, importar arquivos de audio, cortar a sección escollida, montar distintas pistas, facer entradas e saídas progresivas...

Unha vez conseguido isto e xa avanzado o segundo trimestre, formamos parellas de xornalistas que, de forma rotatoria, foron gravando e cubrindo as diferentes actividades no colexio. Posteriormente, descargan e organizan o material.

A idea era que o propio alumnado montase os vídeos e audios e os subisen ao blog, pero entre a mala conexión de Internet que temos e os problemas que tivemos cos ordenadores (son moi lentos e non soportaban o traballo co programa que queriamos empregar) este traballo quedou para o profesorado (por agora). Para o curso vindeiro imos empregar un software aberto máis lixeiro e máis doado de utilizar para a edición de vídeo.

Por outra banda, cada parella de xornalistas xa escolleu un tema para o seu primeiro podcast e actualmente estamos rematando a nosa primeira montaxe a partir de temas próximos: banda de música Unión de Guláns, a antiga escola de Cristiñade, muíños de Couso, Carlos Casares, a nosa biblioteca... Implica un traballo de investigación a través de fontes escritas, en rede, orais, a realización e gravación de entrevistas: o traballo duns pequenos xornalistas. A través da realización dun só podcast, estamos traballando case todas as competencias.

O seguinte paso, co que aínda non comezamos, será a creación dun equipo de redacción de radio. Aínda non sabemos como vai resultar e os detalles que haberá que ir modificando sobre a marcha, pero a idea que temos é que o alumnado vaia rotando polos distintos postos do que sería un equipo de redacción: xefes de redacción e contidos, equipo técnico, redactores e locutores.

Todo o alumnado irá pasando polos postos e serán eles mesmos os que elaboren os contidos, os que decidan as datas nas que se deben publicar, os que fagan a gravación, editen e monten o audio (e se fose posible tamén a imaxe) e os que publiquen no blog o resultado final.

A programación de Radio Televisión Leo León trata temas diversos: eventos e festas do colexio (podemos ver as fotos ou vídeos que fan os xornalistas nas celebracións e días especiais que temos no centro), actividades da nosa biblioteca, contos (os nenos e nenas de sexto grávanse a eles mesmos lendo un conto en voz alta) e outras actividades que emanan do día a día do centro.

Queremos, así mesmo, na seguinte fase do proxecto facer un “viveiro de ideas”, onde todo o centro colabore con ideas, creatividade e propoña novos contidos, programas e actividades para realizar na canle de Leo León.

5. Avaliación

A repercusión da comunidade educativa da canle, a motivación do alumnado, unhas enquisas de avaliación e o grao de competencias adquiridas indícannos que a actividade se está desenvolvendo de maneira moi positiva e, de feito, queremos ampliala a máis cursos o ano vindeiro. A motivación do alumnado é alta e a súa disposición moi favorable.

Porén, a falta de tempo, o baixo nivel en competencia dixital, as dificultades de traballar de forma cooperativa e por equipos, os equipos de traballo informático obsoletos, a lenta formación inicial que hai que facer son obstáculos que teremos que ir resolvendo.

6. Conclusións

O traballo por proxectos, o emprego de estilos de aprendizaxe diferentes e o emprego de novas tecnoloxías aplicadas á educación son uns elementos moi motivadores e enriquecedores para os discentes.

Vemos o alumnado en diferentes perspectivas, empregando a creatividade, traballando en grupo, amosando habilidades e destrezas que non sempre coinciden coas metodoloxías tradicionais.

En todo caso, cómpre comentar que este ano o proxecto da canle foi “piloto” e non se fixo moita publicidade nin nas familias nin no resto do profesorado. Non sabiamos como se ía desenvolver; pero, dados os bos resultados acadados, no curso 2017/18 toca a sistematización das tarefas, a elaboración de manuais de emprego dos recursos tecnolóxicos, a organización do traballo de maneira non superficial (como foi ás veces este ano), senón exhaustiva: un plan de traballo xa deseñado a principio de curso con rúbricas de avaliación e obxectivos para cada grupo de alumnos.

Tamén queremos facer un concurso de ideas para o logo, sintonía, lema, anuncio de radio e intentaremos colocar un taboleiro nunha parte ben visible do centro coa programación da canle.

Con todo, o reto maior é que o alumnado sexa capaz de facer o proceso de forma autónoma ao 100 %.

Traballar coas TIC motiva o alumnado a aprender, adáptase á diversidade da aula porque emprega diferentes linguaxes, desenvolve habilidades sociais, mellora a alfabetización mediática, impulsa a creatividade e traballa as intelixencias múltiples.

Bibliografía: 

 

 

LOMCE, Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia. DOG do 9 de setembro de 2014.

Webgrafía

Máis información do proxecto na presentación da coordinadora da biblioteca Alba Amoedo nos encontros PLAMBE deste ano:

Blog da biblioteca Leo León

Canle de televisión

Canal de Ivoox

Aula virtual do centro con máis información do proxecto
 

Sección: