Inclusión, a necesidade de romper barreiras nas bibliotecas escolares
Yolanda Barbero Muñoz
CEE Saladino Cortizo (Vigo-Pontevedra)
yolandabm@edu.xunta.es
Discapacidade e inclusión
A clasificación internacional do funcionamento, da discapacidade e da saúde (CIF) utiliza “o termo discapacidade para denominar un fenómeno multidimensional, resultado da interacción das persoas co seu contorno físico e social” (Organización Mundial da Saúde, 2001, p. 262). Nesa interacción, as persoas con discapacidade atopan frecuentemente barreiras que impiden ou limitan a súa participación, en igualdade de oportunidades, na sociedade.
Os poderes públicos deben ofrecer os apoios e as medidas necesarias para eliminar esas barreiras e asegurar a inclusión destas persoas xa que é o seu dereito. O Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidades e da súa inclusión social unifica as principais leis relacionadas coa discapacidade coa finalidade de garantirlles a igualdade de oportunidades. Este real decreto define a inclusión social como:
O principio en virtude do cal a sociedade promove valores compartidos orientados ao ben común e á cohesión social, permitindo que todas as persoas con discapacidade teñan as oportunidades e recursos necesarios para participar plenamente na vida política, económica, social, educativa, laboral e cultural, e para gozar dunhas condicións de vida en igualdade cos demais.
A vulneración dos dereitos das persoas con discapacidade constitúe unha discriminación. As infraccións e as sancións correspondentes, os responsables desas infraccións e o procedemento sancionador están recollidas no Real decreto lexislativo citado anteriormente. Concrétase para a Comunidade de Galicia na Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.
Bibliotecas escolares: camiñando cara á inclusión
A biblioteca escolar é un lugar de convivencia que ofrece diversos servizos e recursos (impresos, dixitais e electrónicos). Tamén estimula o interese pola lectura a través das distintas actividades de dinamización e facilita o acceso á información e ao coñecemento. Para que a biblioteca sexa inclusiva, todas as persoas deben poder acceder a ela, usar os recursos, atopar os fondos axeitados ao seu nivel de lectura e ás súas necesidades, participar nas actividades segundo as súas posibilidades etc. Non obstante, o alumnado con discapacidade segue atopando barreiras arquitectónicas, comunicativas e actitudinais.
Para acabar con esta situación e dar resposta ás necesidades do alumnado, os colexios deben facer os axustes e as adaptacións precisas nas súas bibliotecas e dar os pasos necesarios para chegar á inclusión:
Concienciación: os estereotipos e prexuízos cara ás persoas con discapacidade aparecen por descoñecemento das súas capacidades e das súas necesidades. Para romper esas barreiras actitudinais debemos seguir informando e sensibilizando o alumnado, as familias e o persoal do centro. Con este fin, a biblioteca debe contar con fondos sobre as discapacidades e os trastornos: libros informativos, contos e libros con personaxes con discapacidade, películas e documentais. Ademais, o equipo de biblioteca deberá facer cursos formativos sobre o tema para lles dar unha atención axeitada a todos os usuarios.
Accesibilidade: todo o alumnado debe poder acceder aos espazos do colexio, incluída a biblioteca, e desenvolverse por eles sen atopar barreiras arquitectónicas. Por exemplo, deben existir ramplas ou ascensores en lugar de escaleiras, un chan axeitado para a mobilidade das persoas con cadeiras de rodas... Centrándonos na biblioteca, a disposición do mobiliario debe deixar espazo suficiente para que as persoas con cadeiras de rodas poidan desprazarse polas distintas zonas e seccións; esa disposición do mobiliario debe ser segura (libre de obstáculos) para as persoas cegas ou con baixa visión; a altura do mobiliario debe ser apropiada para que todos poidan chegar aos fondos; a localización dos fondos debe sinalizarse de forma visual (pictogramas) e, se é preciso, de forma táctil etc.
En Galicia, a normativa sobre accesibilidade nos edificios públicos está recollida no capítulo II do título I da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.
Comunicación: debemos respectar e promover o uso de calquera modo de comunicación que complemente ou substitúa a linguaxe oral do alumnado que o necesita. O alumnado con deficiencia auditiva que o precise debe contar cun intérprete na LSE e o alumnado con xordocegueira debe contar cun mediador ou guía intérprete. Nas actividades de dinamización é importante usar os recursos que aseguren a comprensión e a expresión das mensaxes por parte de todo o alumnado, en función das súas posibilidades: sistemas alternativos e aumentativos de comunicación (SAAC), apoios visuais, elementos con texturas, sons... A biblioteca debe contar con fondos en formatos accesibles para todos (LSE, pictogramas, macrotipos...).
En Galicia, a normativa sobre a accesibilidade na comunicación está recollida no capítulo IV do título I da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.
Fondos: a biblioteca escolar debe contar con fondos que se adapten ás características do alumnado con discapacidade. Pero os fondos existentes no mercado son insuficientes e en galego aínda contamos con menos variedade. No caso do alumnado máis maior e con baixo nivel de lectura, atopamos dificultades para conseguir fondos axeitados á súa comprensión e que se axusten aos seus gustos e aos seus intereses, xa que moitas veces os libros que poden ler son moi infantís. Na biblioteca debemos contar con fondos, tales como:
- Contos con pictogramas: podemos atopalos nas editoriais CEPE, Kalandraka (na colección Makakiños) e GEU. Os contos da editorial GEU inclúen tarxetas ilustradas e tarxetas con pictogramas.
- Contos na lingua de signos española (LSE) da editorial Carambuco.
- Audiolibros, por exemplo, da editorial Sonolibro e a colección Minikalafate de Almadraba Editorial.
- Libros con letra grande, como os da editorial Algar.
- Libros con letra en maiúscula: existen algúns en editoriais como Kalandraka, Algar e Edelvives.
- Contos con texturas, sons, olores, solapas... que permiten a exploración cos sentidos.
- Libros en braille: a ONCE adapta os contos en braille para os seus asociados. Podemos atopar no mercado El libro negro de los colores que combina en cada páxina letra braille e ilustración en relevo.
- Libros que cumpran os criterios de lectura fácil, como algúns de Almadraba Editorial, Libros del Zorro Rojo, Ediciones Beta e Carambuco.
- Fondos nos que aparezan persoas con discapacidade ou sexan as protagonistas. Por exemplo, os libro-discos de María Fumaça.
- Libros informativos sobre as discapacidades e os trastornos.
- Libros informativos moi visuais.
- Películas con subtítulos ou con audiodescrición.
Para que exista unha verdadeira inclusión, os fondos adaptados deberían estar mesturados cos fondos non adaptados na sección correspondente.
Accesibilidade tecnolóxica: as tecnoloxías ocupan un lugar importante nas bibliotecas escolares, polo que debemos garantir a accesibilidade por parte de todo o alumnado. Pode ser necesario utilizar axudas técnicas nos ordenadores, tales como teclados con teclas grandes ou ratos adaptados (rato con conmutador, rato tipo joystick...).
Os ordenadores e as tabletas con conexión a Internet ofrecen recursos relacionados coa comunicación, a lectura e o acceso á información do alumnado. Por exemplo, na páxina web de Clan e na súa aplicación para tabletas podemos acceder a Signacuentos, cuentos con las manos que recolle algúns contos en LSE da editorial Carambuco; na aplicación DILSE temos un dicionario con vocabulario en LSE; na biblioteca da páxina web da Fundación ONCE podemos atopar Os contos que contaxian ilusión que narran as aventuras de nenos e nenas con discapacidades e están dispoñibles en castelán e en galego; a aplicación para tabletas Audesc Mobile ofrece a audiodescrición de películas para as persoas cegas ou con baixa visión; na páxina web de Aprendices visuales podemos ver dúas coleccións de contos especialmente dirixidos ao alumnado con autismo; nas páxinas web de ARASAAC e Pictotraductor podemos acceder a pictogramas e a recursos e ferramentas relacionados con estes etc.
Para poder adquirir fondos e recursos tecnolóxicos adaptados, é necesario contar con orzamento no centro escolar.
Dinamización: as actividades organizadas desde a biblioteca escolar deben permitir que todo o alumnado participe na medida das súas posibilidades e deben ofrecer as adaptacións necesarias en canto á comunicación e á accesibilidade.
A experiencia na nosa biblioteca
O CEE Saladino Cortizo escolariza alumnado de 3 a 21 anos con necesidades educativas especiais permanentes derivadas de discapacidades, trastornos do espectro autista, trastornos de conduta...
O colexio é un edificio dunha planta sen barreiras arquitectónicas. Na biblioteca imos adquirindo e distribuíndo o mobiliario axustándonos ás necesidades do alumnado con dificultades na mobilidade e con baixa visión, evitando colocar elementos que supoñan un obstáculo para eles. Algúns mobles teñen rodas e permítennos adaptar o espazo á actividade que queremos facer. Contamos cunha zona con catro ordenadores para uso do alumnado: dous portátiles e dous ordenadores de mesa. O alumnado que o necesita dispón de teclado con teclas grandes e rato con conmutador.
O noso alumnado manifesta dificultades comunicativas e na competencia lectora. Para facilitar a súa comprensión, adaptamos as informacións da biblioteca empregando oracións sinxelas en maiúscula, pictogramas, imaxes, cores... Por exemplo, as normas da biblioteca inclúen pictogramas e fotos do alumnado que acompañan a información; os carteis de novidades e recomendacións de fondos que colocamos na entrada da biblioteca e mandamos unha copia ás aulas levan fotos das portadas; a publicación trimestral dos libros máis lidos vai acompañada das imaxes dos libros; cada sección da biblioteca está asociada a unha cor e estamos comezando a dividir esas seccións con pictogramas para facilitar a busca e a colocación de fondos por parte do alumnado etc.
Na adquisición de fondos tamén temos presente esas necesidades comunicativas e lectoras e imos comprando libros axeitados, como os sinalados no apartado anterior. Ademais, adaptamos algúns libros con pictogramas, imaxes grandes, texturas... Por exemplo, ampliamos o tamaño das imaxes do libro Las letras en el arte para que o alumnado con baixa visión puidese buscar a letra correspondente en cada obra de arte; nos últimos cursos facemos a versión con pictogramas do libro que elaboramos coas receitas que escribe o alumnado e que desenvolve no obradoiro de cociña etc.
No Departamento de Orientación contamos con fondos que pode ler todo o persoal sobre as deficiencias e trastornos: características, necesidades, como afrontar certas situacións problemáticas... No Departamento de Orientación no café ofrecemos cada trimestre algúns fondos a todo o persoal nun contexto máis informal.
Desde a nosa biblioteca facemos diversas actividades de dinamización, entre as que destacamos:
O profesorado realiza contacontos e implicamos o alumnado para que participe en contacontos e apadriñamentos lectores. Representamos os contos con movementos e sons, acompañándoos con imaxes grandes ou texturas, e usando signos da LSE cando é necesario. Tamén utilizamos contos no teatro kamishibai.
Celebramos as festividades e as conmemoracións. Estas datas axúdanlle a organizarse no tempo ao alumnado que non domina o calendario. Suxerimos ou ofrecemos actividades, proxeccións na pantalla dixital, contacontos, apadriñamentos, buscas sinxelas de información ou ciclos de música.
Propoñemos actividades de lectura relacionadas co proxecto común do centro en cada curso. O alumnado que pode realiza buscas de información moi guiadas e represéntaas en murais ou traballos. Despois levan á práctica a información atopada. O alumnado que non pode facer esas buscas participa na parte práctica explorando cos sentidos. Desde a biblioteca tamén ofrecemos recomendacións de fondos, aplicacións relacionadas co tema do proxecto nas nosas tabletas, páxinas de Internet que poden ser interesantes e algunha actividade para a pantalla dixital.
Contamos cun grupo de voluntarios de biblioteca que colaboran en tarefas que lles gustan. Podemos destacar a lectura de poesías; os contacontos e os apadriñamentos lectores ao alumnado máis pequeno, lendo ou explicando o que ven nas imaxes; a colocación de fondos; o seu coidado —forrar, poñer selo...—. A implicación do alumnado voluntario é moi positiva para a biblioteca e, ao mesmo tempo, a valoración das súas actuacións reforza a súa autoestima.
Intentamos implicar as familias, fundamentalmente con algunhas actividades: os libros prestados que o alumnado leva á súa casa, as mochilas viaxeiras que conteñen fondos diversos intentando atender as características do alumnado, a visita das familias para contar contos no colexio e os dípticos con recomendacións de fondos cara ás vacacións do Nadal e do verán por se queren comprar algún ou collelo prestado nalgunha biblioteca.
O curso pasado iniciamos o contacto coa biblioteca pública máis próxima e comezamos a coller fondos prestados. Este curso asistimos a unha actividade que relacionaba algúns libros cos sentidos.
Desde a nosa biblioteca consideramos que pouco a pouco imos achegándonos a unha biblioteca inclusiva na que todos e todas poidan acceder e participar, aproveitando o potencial que teñen.
Conclusións
Para que a inclusión sexa unha realidade, debe existir unha concienciación e implicación dos poderes públicos, da comunidade educativa e da sociedade en xeral. Conseguir bibliotecas inclusivas supón que adaptemos o sistema para que todos poidan participar en igualdade de oportunidades. En primeiro lugar, debemos coñecer e respectar as necesidades dos usuarios, entre os que están as persoas con discapacidades e trastornos. En segundo lugar, debemos asegurarnos de dar os pasos para que esas necesidades estean cubertas (accesibilidade aos espazos, comunicación, uso das tecnoloxías, emprego dos servizos ofertados...) e que todos poidan participar da forma máis autónoma e natural posible.
COTTIN, M e FARÍA, R. (2008): El libro negro de los colores. Barcelona: Editorial Libros del Zorro Rojo (1.ª ed.).
GUÉRY, A e DUSSUTOUR, O. (2009): Las letras en el arte. Madrid: Ediciones SM (1.ª ed.).
Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade. Xunta de Galicia.
Organización Mundial da Saúde (2001): Clasificación internacional del funcionamiento, de la discapacidad y de la salud: CIF. Madrid: Editorial GRAFO, SA.
Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social. Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade.
VARIOS (2012): María Fumaça... cantar e bailar para ser máis feliz!!! Vigo: Editorial Galaxia (1.ª ed.).
VARIOS (2014): Xiqui Xoque, Fiú Fiú. María Fumaça. Vigo: Editorial Galaxia (1.ª ed.).
VARIOS (2016): María Fumaça. Aire. Vigo: Editorial Galaxia (1.ª ed.).