Matemáticas inclusivas = Matemáticas ABN

Ensinar matemáticas respectando os ritmos e as capacidades
Encántanme as matemáticas, sempre me gustaron, e a impotencia de non saber transmitir ese gusto ao meu alumnado, rematou coa miña chegada ao CEIP San Xoán de Filgueira, pioneiros na implantación do método ABN na cidade de Ferrol.

Ana María Pérez Rico
CEIP Plurilingue San Xoán de Filgueira (Ferrol-A Coruña)
aprico@edu.xunta.es

 

Xa coñecía o bo facer do centro, en canto ao seu empeño en dar resposta ás necesidades de todo o alumnado, presentando sempre a diversidade como unha riqueza poderosa da que partir para chegar á excelencia. Neste proceso, pescudando os camiños adecuados para dar a mellor resposta aos nenos e nenas do colexio, unha compañeira, Susana Martínez Arribe, comezou a súa andaina co método ABN. Eu uninme á súa iniciativa en 2º de Educación Primaria, e hoxe, xa en cuarto, e co método instaurado no colexio ata ese curso, non entendemos as matemáticas se non as miramos coas lentes que nos agasallou o ABN.

Imprescindible,como en calquera proceso pedagóxico serio e responsable, foi a formación. Primeiro, autodidacta, mediante a pescuda de medios na rede, a lectura dos libros editados por Jaime Martínez Montero. E, a  continuación, coa necesidade de formación impartida por expertos e expertas, creamos un grupo de traballo co obxectivo claro de mellorar a nosa práctica, e así mesmo, unha liña do PFPP do centro encamiñámola á formación en ABN.

Hoxe non temos ningunha dúbida, a metodoloxía da matemática ABN dá resposta a todas as nosas expectativas. Por un lado, ofrece camiños diferentes a cada pequeno ou pequena para resolver as situacións matemáticas que se lle presentan, é unha matemática que mellora sensiblemente os éxitos do alumnado, o que redunda nun maior interese, nunha alta motivación, e nunha clara mellora da autoestima, indiscutiblemente imprescindible para unha aprendizaxe de éxito.

En que baseamos a nosa práctica:

  • Nas investigacións psicolóxicas, que aseguran que non existe un “xen” matemático. Todos e todas podemos aprender matemáticas. Non existen nenos e nenas negados para as matemáticas, senón métodos ou  prácticas inadecuadas.
  • En que o alumnado non faga nada que non entenda.
  • Que non faga nada que non sexa útil, do que non teña referentes, ou experiencias reais.
  • Aprendémoslles o sentido numérico, non díxitos nin cardinais baleiros, senón números cheos de significado.
  • Respectamos os ritmos. A progresión dos contidos establecidos no método axúdannos a saber como reiniciar a aprendizaxe, cando se  atrasa ou estanca.
  • As operacións son transparentes, son a tradución dun proceso que o neno ou nena coñece.
  • Os materiais e a dramatización primeiro, os símbolos, e logo a representación gráfica dos números sosteñen o camiño á abstracción.

As descomposicións, os encrucillados numéricos, o coñecemento da numeración en toda a súa extensión...

Táboa de sumar, cálculo mental, sumamos co algoritmo, suma posicional, como non van sumar ben? Como non van entender a suma? E os que teñen máis dificultades? Por fin poden escoller, por fin podemos ofrecerlles alternativas para chegar á comprensión.

A resta... outro mundo: detracción, escaleira ascendente, escaleira descendente ou por comparación. Resta posicional. E non hai levadas. O outro día na clase, un neno preguntoume: ”que é iso das levadas profe?” Por fin non levamos nada...

A multiplicación: un xogo..., faise ridículo recordar iso da unidade seguida de ceros..., os nosos nenos e nenas falan con propiedade, multiplican decenas, centenas, unidades de millar..., e parécelles un xogo.

Na división dámoslle sentido ao resto, podemos repartir 26 nenos e nenas en 6 taxis,  e  deixar  dous  na  parada,  sen  nin  tan   sequera  acordarnos deles,  e chamarlles resto?

Nunha titoría cunha nai dun alumno, contábame que o seu neno, esperando para adestrar, colleu un pano nunha cafetería e púxose a facer divisións con decimais, sen que ninguén llo pedira, non é isto un éxito rotundo? Conteillo a un papá do cole, e díxome que os seus fillos multiplicaban, escribindo cos dedos no vapor da ducha. Precisamos algunha pista máis que nos indique que estamos facendo o correcto?

Os nenos e nenas con necesidades educativas permanentes, levan o seu ritmo, máis lento, pero moito máis seguro. As profesoras temos no método un banco de actividades moi rico para ofrecerlles, para axudarlles a crear o seu camiño, de feito, o método, nun primeiro momento foi pensado para eles e elas (“Enseñar matemáticas a niños con necesidades educativas especiales”), coma noutras ocasións, debémoslles ás persoas “diferentes”, este avance (Montesori tamén comezou a súa pedagoxía, aínda vixente, traballando e pensando en NEE).

O método ABN favorece a creatividade e o pensamento diverxente. Permite que as nenas e nenos brillantes busquen camiños diferentes.

O método obriga a pensar, a razoar..., eles e elas saben que poden atopar a resposta, e saben que lles imos preguntar como o fixeron, a súa tradución das accións á linguaxe verbal matemática é moito mellor que a nosa. O seu cálculo mental moito máis rápido...

No curso 2017- 2018, o CEIP San Xoán de Filgueira terá ABN tamén en 5º curso, seguindo as directrices dun proxecto educativo, moderno, innovador, e que busca respostas para todo o alumnado. Pero tamén, por unha demanda das familias que viron os avances do método, e a motivación dos seus fillos e fillas.

Quizais, o mellor xeito de chegar a ser bos e boas profesionais, neste tempo de constantes cambios, sexa partir de desbotar as nosas aprendizaxes, romper co noso xeito de aprenderlles e desligarnos do xeito de aprendermos. Preguntarnos o que aínda vale e o que non, e reciclarnos constantemente. Non é doado, pero si preciso.

A metodoloxía do algoritmo ABN sitúanos nese proceso de cuestionar, de experimentar, de repensar unha realidade que considerabamos incuestionable; de mellorar a nosa práctica docente para facela útil ao noso alumnado. Preséntanos a necesidade de dotar aos nosos nenos e nenas de ferramentas que lles axuden a comprender mellor,  e incluso ser quen de transformar,  a súa realidade.

Non é só un método de cálculo matemático, existe toda unha filosofía de axuda á comprensión no método, de respecto aos diferentes ritmos de aprendizaxe e de procura dunha mellor autoestima nos e nas discentes, imprescindible para mellorar na adquisición das distintas competencias, e para incentivar as ganas de aprender.

A matemática do algoritmo ABN non é exacta. É creativa, libre e mellora o pensamento diverxente, posto que o camiño escólleo cada neno ou cada nena. O reto do profesorado é incluírse nese camiño,  para acompañar o neno ou a nena na súa reconstrución se é preciso. De tentar transformar os erros nunha oportunidade para aprender e non un motivo para a frustración.

A base real da filosofía, implícita á metodoloxía do algoritmo  ABN  é  a procura dunha aprendizaxe con éxito, divertida, e sobre todo útil. Polo tanto a súa pedagoxía debe ser a de facer protagonistas os nenos e as nenas da súa aprendizaxe, coñecelos e coñecelas, e contaxiarlles as ganas de aprender.

Non sería perfecto reformular a nosa práctica docente, desde esta perspectiva, e xeneralizala a todas as áreas?

 

 

Bibliografía: 

 

 

MARTÍNEZ MONTERO, J. e SÁNCHEZ CORTÉS, C. (2011). Desarrollo y mejora de la inteligencia matemática en la Educación Infantil. Madrid, Wolters Kluwer.

MARTÍNEZ MONTERO, J. (2010). Enseñar matemáticas a alumnos con necesidades educativas especiales. Madrid, Wolters Kluwer.

Sección: