![](http://www.edu.xunta.gal/eduga/sites/site.eduga/files/experiencias_50.jpg)
Mellora da aprendizaxe a través da realidade aumentada
Amparo Raviña Rosende (coord.)
IES Maruxa Mallo (Ordes-A Coruña)
arrosende@edu.xunta.es
Introdución
A realidade aumentada (RA) cada vez está máis presente en áreas relacionadas co turismo, a cultura e o ocio, entre outras. O noso proxecto intercentros, Mellora da aprendizaxe a través da realidade aumentada, aplicou esta tecnoloxía para coñecer e difundir os aspectos máis turísticos e significativos das contornas dos tres centros educativos participantes.
O uso desta tecnoloxía nos produtos finais deste proxecto permitiu enriquecer ou mellorar a realidade ao engadir contido virtual a escenas do noso contorno en tempo real. En función do dispositivo que se empregue (smartphone, tableta, PC...), pódese acceder a distintas aplicacións da RA e, en función do software, a información que se agregue pode ser textual, icónica, sonora ou multimedia.
O noso proxecto de realidade aumentada
Ao longo de dous anos, o noso centro, o IES Maruxa Mallo de Ordes (A Coruña), xunto a outros dous, o IES Castillo de Luna de La Puebla de Cazalla (Sevilla) e o IES Cardenal Pardo de Tavera de Toro (Zamora), formou parte dos PROMECE (Proxectos entre centros para a mellora da aprendizaxe), convocados polo Ministerio de Educación e Ciencia para a realización de actividades innovadoras que supuxesen un avance nos sistemas de ensinanza.
A través deste proxecto interdisciplinar, próximo á aprendizaxe-servizo, o alumnado converteuse en prosumidor ao ser o encargado de investigar, coñecer e aumentar a realidade que o rodea. Para iso, os discentes realizaron diversas investigacións sobre os principais puntos de interese da zona co fin de incorporalos a varias aplicacións de RA.
Imaxe dunha ruta coa app Geoaumentaty
O produto resultante do alumnado ordense consta de:
- 24 rutas xeolocalizadas en varios idiomas (galego, castelán, inglés e francés) creadas coa app GeoAumentaty.
- 1 audioguía para o museo do traxe Juanjo Linares realizada coa app izi.TRAVEL.
- 4 rutas a través de carteis con códigos QR e realización dunha xincana coa información encriptada en códigos QR.
Audioguía do Museo do traxe Juanjo Linares
Participación
Neste proxecto interdisciplinar participou o 76,9% do claustro, o 85,7% dos departamentos e o 67% do alumnado (segundo, terceiro e cuarto da ESO). Ademais do apoio da comunidade educativa colaboraron tamén a Administración local, o director e persoal do museo do traxe de Juanjo Linares, a biblioteca municipal, a Mancomunidade de Ordes, TurGalicia e a oficina de turismo de Santiago de Compostela.
Obxectivos
OBXECTIVOS XERAIS
Este proxecto contribuíu á adquisición dos seguintes obxectivos da ESO:
- Adquirir, desenvolver e consolidar hábitos de disciplina, estudo e traballo individual e en equipo como condición necesaria para unha realización eficaz das tarefas da aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal.
- Fomentar as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade e nas súas relacións cos demais, así como rexeitar a violencia, os prexuízos, os comportamentos sexistas e adquirir habilidades para a prevención e resolución pacífica.
- Concibir o coñecemento científico como un saber integrado que se estrutura nas distintas disciplinas.
- Desenvolver o espírito emprendedor e a confianza en si mesmo, a participación, o sentido crítico, a iniciativa persoal e a capacidade para aprender a aprender, para planificar, para tomar decisións e para asumir responsabilidades, valorando o esforzo coa finalidade de superar as dificultades.
- Comprender e expresar con corrección mensaxes e textos complexos oralmente e por escrito, valorando as súas posibilidades comunicativas.
- Comprender e expresarse oralmente e por escrito nunha o máis linguas estranxeiras.
- Valorar os hábitos sociais relacionados coa saúde, o consumo, o coidado dos seres vivos e o medio ambiente, contribuíndo á súa conservación e mellora.
- Coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos da cultura e da historia.
- Valorar a creación artística e comprender a linguaxe das distintas manifestacións artísticas, utilizando diversos medios de expresión e representación.
- Coñecer a tradición lingüística, literaria e artística da cultura grecolatina e a súa persistencia no mundo contemporáneo.
OBXECTIVOS ESPECÍFICOS
Para o alumnado:
- Coñecer mellor o patrimonio cultural, artístico e natural de Ordes e a súa comarca.
- Investigar cales son os puntos de interese turístico de Ordes e súa comarca.
- Desenvolver a capacidade de autonomía e iniciativa persoal.
- Recompilar información usando tanto as TIC como outras ferramentas e fontes.
- Ser capaces de elaborar rutas cos principais puntos de interese da localidade e participar activamente no desenvolvemento dun proxecto.
- Mellorar as súas habilidades en comunicación oral ao explicar as rutas realizadas.
- Aprender a traballar en grupo, a colaborar e a respectar o traballo dos demais, sendo capaces de mostrar actitudes asertivas para realizar as propostas e aceptar outras.
- Desenvolver a capacidade de planificar accións para conseguir un obxectivo.
- Comprender o concepto de RA, asumindo o seu valor para presentar informacións que poidan ser transformadas en coñecemento. Utilizar as apps de RA.
- Aumentar a capacidade de uso das TIC e a súa competencia mediática.
- Coñecer e recoñecer o valor do propio contexto, sendo conscientes da necesidade de lle transmitir ese coñecemento á sociedade.
- Desenvolver a capacidade de adaptarse a outros contextos e a outras situacións.
- Coñecer e recoñecer o valor doutros pobos e doutras culturas.
Para o profesorado:
- Comprender o concepto de RA e as posibilidades de uso no ámbito da educación.
- Aumentar a capacidade de uso das TIC.
- Comprender o concepto de alfabetización dixital.
- Desenvolver estratexias sinxelas e útiles para potenciar o traballo interdisciplinar e a metodoloxía de traballo por proxectos, como ferramentas válidas para desenvolver as competencias básicas do alumnado.
- Aproveitar as oportunidades didácticas que ofrecen as aplicacións de RA para atender adecuadamente o alumnado con NEAE.
Contidos
- Apps: busca, reflexión e selección. No proxecto utilizouse: GeoAumentaty, Izi.Travel, Aurasma, creadores e lectores de códigos QR.
- Editores de vídeo: videoLab, Pinacle.
- Ferramentas para crear e compartir documentos: Google-drive, Libre Office.
- Uso de gravadoras dixitais e edición do audio: Audacity.
- Presentacións con PowerPoint ou Impress.
- Medios de comunicación: prensa, radio e televisión (incluídos medios dixitais). Notas de prensa, entrevistas escritas e orais. Redacción e difusión. Análise.
- Publicidade: en medios de comunicación, pola rede e a través de folletos.
- Rutas e audioguías: tipoloxías e información transmitida.
- Solicitudes e peticións: tipoloxías e estrutura. Realización.
- Historia: monumentos da nosa contorna. Aspectos históricos e prehistóricos.
- O número pi e os ríos de Ordes. A arte urbana en Ordes.
- O Camiño de Santiago polo noso concello: o Camiño Inglés.
- O xogo de vida de John Conway e a súa relación cos edificios de Ordes.
- Biodiversidade en Ordes: fauna e flora do noso concello.
- Deportistas e música popular urbana en Ordes.
Metodoloxía
A aplicación na aula centrouse na aprendizaxe baseada nas competencias, próxima á aprendizaxe-servizo, a través dun traballo multidisciplinar a través das seguintes áreas: xeografía e historia, ciencias, matemáticas, educación física, música, EPAV, tecnoloxía e linguas (galega, castelá, inglesa e francesa).
Este proxecto supuxo a creación dunha serie de rutas e dunha audioguía para o cal o alumnado traballou de forma construtiva e cooperativa en distintas materias e niveis. A través desta metodoloxía activa e moi participativa eles mesmos foron quen de coñecer o seu contorno e dárllelo a coñecer a outras persoas. O alumnado foi o encargado de buscar e analizar a información, valorar a fiabilidade dos medios e apps que había que empregar, así como de elaborar o produto final. O papel do profesorado durante este proceso foi o de guía ou acompañante, asesorándoos e dotándoos de técnicas e estratexias.
Desenvolvemento do proxecto
PLANIFICACIÓN
Ao decidirnos por un proxecto interdisciplinar entre varios departamentos, precisabamos unha moi boa coordinación polo que chegamos aos seguintes acordos:
- Traballo na aula, non un extra para a casa. O alumnado debía realizar as tarefas no horario lectivo e non ser un traballo adicional.
- Apoio á aprendizaxe curricular de cada materia: o traballo que se ía realizar en cada materia debía estar relacionado co seu currículo. Aprendizaxe dos contidos curriculares a través do proxecto e non un traballo desvinculado do currículo.
- Traballo cooperativo a través dunha aprendizaxe baseada nas competencias. Priorizamos como finalidade favorecer a mellora das competencias clave.
Antes de comezar a programar, os/as profesores/as formámonos en RA e nas diferentes ferramentas e apps que se podían empregar. A seguir cada docente formulou que tipo de ruta e contidos lle conviña traballar na súa materia e decidiuse a seguinte organización do traballo:
Para unificar e xestionar o traballo realizáronse os seguintes documentos:
- Normas para a entrega da información e material gráfico coa finalidade de axilizar o proceso de subida do material ás apps.
- Información para realizar as citas das fontes e imaxes ou vídeos empregados.
- Un cronograma coa distribución do traballo por niveis e materias para conseguir maior produtividade, rapidez e eficacia. Con esta distribución o alumnado tamén comprobou os beneficios dun traballo cooperativo e a importancia que teñen todas as áreas para elaborar un bo produto final.
EXECUCIÓN
A posta en marcha levouse a cabo en catro fases seguindo o antedito cronograma:
1.- Investigación
O alumnado debía realizar a busca de información dos puntos de interese da ruta adxudicada a través de diferentes fontes. A maiores debía recompilar ou crear o material gráfico para engadir na app ou na ferramenta de RA empregada. Cada docente estruturou o traballo como mellor lle conviña á temática da súa ruta. Houbo rutas nas que se lle especificaban ao alumnado os puntos que debía investigar e noutras tiñan que pescudar cales podían ser os máis significativos que se incluísen.
Como fontes de información empregaron tanto as dixitais como as impresas, a observación directa e diversas entrevistas. Destacan as entrevistas realizadas aos deportistas e grupos musicais, así como ao director do museo do traxe Juanjo Linares e persoas vinculadas ao seu funcionamento. O propio alumnado foi o encargado de documentarse sobre os entrevistados e confeccionar as preguntas. O alumnado foi o autor das fotografías dos monumentos e lugares de moitas das rutas, coma a do percorrido pola vila de Ordes, a dos castros, a dos muíños ou das rutas matemáticas. Ampliaron o material gráfico con imaxes e vídeos de Google Earth, Street View ou dos propios interesados (museo, deportistas e músicos).
Exemplo contido da audioguía
2.- Redacción
Unha vez obtida a información e o material preciso, redactaron os textos que se ían inserir nas materias de Lingua Castelá e Lingua Galega. Ademais tiveron que crear os documentos e compartilos por Google Drive. Nalgunhas horas de titoría elaboraron as presentacións e exposicións destinadas a formar o resto do alumnado, e nas horas de exención de francés confeccionaron as preguntas para as xincanas da ruta musical e dos deportistas, despois de ler a información elaborada polos compañeiros.
Imaxe dun punto de interese dunha ruta
3.- Tradución e transformación en RA
Nesta fase leváronse a cabo dúas tarefas simultaneamente: tradución dos textos ao resto das linguas (francés, inglés e castelán ou galego) e subida do material ás apps, é dicir, transformar o material en RA. Para iso, realizaron as seguintes tarefas:
- Creación das rutas e subida dos textos e audios xa finalizados a Geoaumentaty.
- Confección da audioguía coa app Izi.TRAVEL sobre o museo do traxe Juanjo Linares.
Ruta deportiva e musical polo concello de Ordes a través de códigos QR
- Elaboración de vídeos, presentacións e boletíns dixitais coa información das entrevistas dos deportistas e músicos, ademais das rutas de natureza.
- Deseño dos carteis e códigos QR coa información e os enlaces ás rutas que non podían xeolocalizarse: natureza, deportivas e grupos musicais.
Ruta polo concello con Geoaumentaty
Ademais confeccionaron códigos QR para:
- Material formativo sobre Geoaumentaty e Códigos QR.
- Enlace aos Códigos QR da audioguía para visitar o museo.
- Programa da visita a Ordes dos outros centros participantes.
4.- Práctica
A fase final do proxecto era comprobar se as rutas eran viables e se as ferramentas de RA funcionaban sen problemas. Isto levouse a cabo a través de viaxes ás localidades dos tres centros para realizar as rutas e manter intercambios culturais entre o alumnado.
Exposicións orais das rutas
Cincuenta discentes de Ordes valoraron as de Sevilla e Zamora, e os encargados de comprobar a eficacia e utilidade dos nosos produtos foi o alumnado de Toro e Puebla de Cazalla. Durante catro días o noso alumnado exerceu de anfitrión guiando e realizando exposicións orais das diversas rutas.
Ximkana visualizando códigos QR
En cada viaxe tan só podían participar 25 alumnos/as polo que o proceso de selección non foi fácil. Elaborouse unha rúbrica cos criterios de selección para valorar do 1 ao 4 o traballo realizado dentro do proxecto e a traxectoria durante o curso. Na valoración do traballo o profesorado debía puntuar a cada alumno: o compromiso e interese, a calidade do traballo e a creatividade. Para iso cada docente especificou que valorar e como graduar a valoración dos ítems citados do 1 ao 4.
A traxectoria durante o curso foi valorada polos titores e puntuaban a mellora nos resultados académicos, o comportamento, o esforzo e o traballo diario. Unha vez sumadas as puntuacións do profesorado e dos titores os 25 con maior puntuación eran os elixidos para viaxar. Non se lle permitía viaxar dúas veces a un mesmo alumno para aproveitar que viaxase o maior número posible de alumnado.
Durante a ruta de arte urbana
AVALIACIÓN
Aínda que o proceso de avaliación foi continuo, ao final do proxecto intentouse cuantificar e verificar o posible impacto no proceso de aprendizaxe do alumnado, os aspectos que fallaron, as melloras que cómpren, o grao de cumprimento das expectativas iniciais e a coincidencia do traballo realizado co programado. Recolléronse avaliacións da mellora da aprendizaxe, do propio proxecto e da opinión do alumnado. Nos seguintes enlaces visualízanse os aspectos valorados:
- Avaliación da mellora da aprendizaxe do alumnado.
- Avaliación do proxecto.
- Avaliación e opinión do alumnado.
DIFUSIÓN
Este labor tamén foi realizado polo alumnado, non só redactando e enviando aos medios de comunicación e ao concello as notas e comunicados de prensa, senón coa elaboración das entradas do blog no que se recolle o proxecto e a formación entre iguais (charlas ao resto do alumnado explicándolle os produtos elaborados e o funcionamento).
Formación entre iguais
VALORACIÓN FINAL
O proxecto de RA propiciou que o alumnado adquirise os coñecementos a través da participación activa en prácticas sociais tanto nun contexto educativo formal como nos non formais. Unha vez finalizado, podemos afirmar que este tipo de ensinanza-aprendizaxe favoreceu o proceso de aprendizaxe, as capacidades do pensamento abstracto, as habilidades para a investigación e a motivación por aprender desde todas as áreas e coa implicación da comunidade educativa.
Outro aspecto que cómpre resaltar é o afianzamento de actitudes de asertividade, iniciativa, responsabilidade e traballo en equipo. O feito de que o produto final sexa unha obra pública e accesible a calquera persoa provocou no alumnado un sentido da responsabilidade e o desexo de realizar un traballo de calidade.