Que chega o lobo!

Que chega o lobo!

Curta de animación a través da linguaxe audiovisual en educación infantil
Experiencia didáctica dunha montaxe audiovisual de anima­ción dun conto realizada por alumnado de educación infantil de cinco anos, que se levou a cabo, no curso 2010-2011, na Escola de Educación Infantil Milladoiro, onde imparto Linguaxe Audiovisual e Novas Tecnoloxías a trece grupos de alumnos de tres a cinco anos nunha sesión semanal, na aula de informática.

Concepción Villar Suárez
Mestra de infantil na EEI Milladoiro (Ames - A Coruña)

Na programación da miña actividade docente incluíase un taller audiovisual que consistía en que, a partir dun conto coñecido polo alum­nado, faciamos unha montaxe que estribaba en debuxar as personaxes, po­ñerlles voz e montar as escenas. Unha vez rematado, viámolo e faciamos de críticos, para ver os erros e intentar corrixilos. Isto faciámolo en cada aula, cun grupo de alumnos distintos e contos diferentes, pero sempre co mesmo sistema de traballo.

Unha das críticas do alumnado, realizada de modo independente e coincidente por cada grupo de alumnos, foi que as personaxes, aínda que tiñan voz, non tiñan movemento. A partir desta crítica ocorréuseme realizar un taller de animación co grupo de cinco anos. Tiven que documentarme e investigar como facer isto con nenos de tan curta idade.

Dos once contos sobre os que traballaramos nas diferentes aulas, elixín o que a min me pareceu máis sinxelo para intentalo por primeira vez. Era o que traballara cos alumnos de tres anos, que ten por título Que chega o lobo!, cuxo autor e ilustrador é Èmile Jadoul, da Colección Vagalume da Editorial Edelvives.

 
 

Este conto caracterízase porque o seu texto non ofrece dificultade e é de doada comprensión e memorización, ten ilustracións orixinais e sinxelas, e unha estrutura encadeada cun final sorprendente para o alumnado.

Brilla polo seu simbolismo e transmite valores de tolerancia, pois reúne a diversos animais dos que adoitamos sospeitar que non é fácil convivir con eles.

1. Os obxectivos que se querían acadar ao final da experiencia eran:

  • Achegar o alumnado ao mundo da animación.
  • Desenvolver a imaxinación e a creatividade.
  • Manexar con destreza os instrumentos tecnolóxicos: cámara de fotos, trípode, ordenador…
  • Explorar as posibilidades da súa voz.
  • Conseguir a animación das imaxes en fase de produción coa técnica stopmotion.

2. Os contidos e recursos cos que traballamos:

  • Uso da cámara de fotos, trípode…
  • Imaxes e sons, montaxe.
  • Guión, diálogos, storyboard ou deseño de escenas.
  • Técnica stopmotion.
  • Produción de animacións.

Despois da investigación, presentei as tarefas que tiña que realizar o alumnado en cada aula de 5 anos: elaborar o guión da curta, deseñar as escenas, debuxar as personaxes, montar os escenarios, sesións fotográficas, gra­vación de voces e sons, primeira montaxe, produción, títulos de crédito...

E establecín as sesións necesarias para levalo a cabo:

  • 4 sesións de ilustración (1 por aula e personaxe)
  • 4 de fotografías (1 por aula e personaxe)
  • 1 sesión de gravación de voces e música
  • 1 de montaxe en pequeno grupo
  • 2 sesións de crítica e proposta de melloras
  • E outra, por pedimento do alumnado, moi crítico sempre, para elaborar o logo da produtora e os títulos de crédito.
  •  

A aula de informática onde se desenvolveu o taller de animación está provista de cámara de fotos, co seu trípode, e ordenador co seu correspondente software.

3. As actividades levadas a cabo foron así:

  • Elaboración do guión, establecendo os diálogos das personaxes.
  • Storyboard ou deseño das esce­nas, con debuxos sinxelos, onde marcamos os tipos de planos que se ían realizar.
 
 
  • Deseño e debuxo das personaxes, con elección e aplicación de co­res, e dos protagonistas.
 
 
  • Montaxe dos escenarios, coas súas ambientacións de exteriores e interiores.
 
 
  • Sesións fotográficas, para a toma das escenas e a súa posterior montaxe segundo a técnica de stopmotion.
 
 
  • Primeira montaxe de cada escena, visión e crítica, que nos levou a variar os escenarios e fotografar de novo, pois ao alumnado non lle gustaba a cor.
  • Produción final, pola miña banda e con grupos de catro alumnos.
  • Elaboración de títulos de crédito…
  • … e do logo da produtora.
 
 

4. O resultado final pódese ver completamente no meu blog persoal, na seguinte ligazón: 

5. Valoración da experiencia

A experiencia foi moi positiva como traballo cooperativo das catro aulas de 5 anos do centro.

Con estas actividades acadamos a posibilidade de interactuar cos alumnos, crear, manexar a súa expresividade verbal e emocional.

O alumnado de infantil ten moita capacidade de aprender e de facer máis cousas das que nos pensamos; ademais coñece o uso das ferramentas utilizadas. Neste curso seguimos coa experiencia.

Espero que esta preciosa aventura, compensada sempre ao contem­plar as caras de satisfacción dos nenos que motivan o meu traballo cada día, poida continuar no futuro.

Bibliografía: 

 

  • JADOUL, E (2008): ¡Que llega el lobo!. Editorial Edelvives (Colección Luciérnaga). 
 
Sección: