Voluntariado de lectura: unha oportunidade educativa

A experiencia de ser axudantes na biblioteca escolar, os beneficios educativos e desenvolvemento de competencias no alumnado participante.

Aurora Ramilo Alfaya
ramiloalfaya@edu.xunta.es

Contexto

O CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño) é un centro situado nunha contorna rural, con seis unidades de primaria e dúas de educación infantil, cun número de alumnos e alumnas que oscila arredor do centenar.

Desde a creación do centro, a biblioteca escolar foi considerada unha prioridade e contou desde sempre con profesorado responsable, evolucionando na súa xestión e dinamización segundo as posibilidades, innovacións e achegas que se ían producindo. Desde o curso 2007/08 está integrada no Plan de mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia.

 

A idea

Hai xa máis de dez cursos escolares que se lle ofreceu por primeira vez a posibilidade de colaborar coa biblioteca ao alumnado de sexto nivel, coa finalidade de poder abarcar todas as tarefas de xestión e organización que aos mestres e mestras se nos facían case imposibles pola escaseza de tempo material nos nosos horarios, por exemplo, a etiquetaxe de documentos, forrado, organización de andeis, sinalización, reparación… A proposta foi aceptada con entusiasmo e o grupo completo de sexto de primaria anotábase como axudante. Como compensación permitíaselles organizar unha actividade de animación á lectura para os máis pequenos, conscientes de que ser os responsables de tales eventos era gratificante para eles.

Por suposto, na nosa mente estaba que sacarían proveito na súa formación persoal, pero foi co paso do tempo que fomos observando de que maneira e en cantos aspectos se producían eses beneficios.

A evolución

Unha vez instalada a actividade na rutina da escola, nos seguintes cursos comezamos a darlle forma:

  • Realizando sesións específicas de formación de usuarios para o grupo de axudantes en tarefas de xestión e organización: uso da base de datos para os préstamos, ordenación de andeis, sinalización, etiquetaxe etc.
  • Establecendo por escrito cales son as súas tarefas de xestión e asinando un compromiso de colaboración.
  • Organizando as quendas en horario de recreo en grupos de tres persoas que van alternando as tarefas.
  • Dotándoos de identificadores para ser recoñecidos facilmente.
  • Programando as actividades de animación á lectura e lecturas compartidas ao longo do curso en que o alumnado voluntario colabora na dinamización: Hoxe contamos (para todo o colexio, na biblioteca ou polas aulas, lecturas de determinados textos relacionados con celebracións anuais), Contabiblio (acompañamento individual), Contapatio (lecturas compartidas no patio).
  • Deixando claro que en todo momento contan co asesoramento e acompañamento do profesorado do equipo de biblioteca.
  • Facendo constar a actividade nos documentos da escola: Plan anual de lectura, Proxecto lector de centro.
  • Participando no Programa de voluntariado de lectura-A das Bibliotecas Escolares de Galicia.

Desenvolvemos a actividade en horario de recreos, agás algunhas das sesións de lecturas, establecendo as quendas de maneira que o alumnado participante dispoña de suficientes recreos para outras actividades de lecer.

Desenvolvendo competencias

Traballan de maneira autónoma e cooperativa, pero sempre hai profesorado presente, polo que a observación no desenvolvemento é un valioso instrumento de avaliación.

Da nosa observación e das valoracións que fai todo o alumnado nas enquisas de final de curso, podemos dicir que todas as competencias se ven favorecidas nesta actividade.

Comunicación lingüística

Moitísimas veces vemos como o alumno cando está colocando libros abre algún que chama a súa atención, le e observa e ás veces reserva o libro para si.

Explícanlles aos compañeiros máis novos onde deben buscar, preguntan cales son os seus intereses. Len para eles se llelo solicitan.

Preparan as lecturas que van facer para os demais, en grupo no cole e individualmente na casa.

Competencia matemática e científico tecnolóxica

Coñecen e manexan a CDU (clasificación decimal universal), un sistema de ordenación. Aprenden os nomes e clasificación das diferentes ciencias.

Tamén as lecturas científicas ou vídeos documentais que pasan polas súas mans terminan moitas veces nun préstamo persoal.

Competencia dixital

Utilizan o programa de xestión para os préstamos e devolucións, buscan no catálogo e ata localizan erros que lle comunican ao profesorado.

Axudan e asesoran no uso dos ordenadores aos demais usuarios, co que melloran visiblemente as súas destrezas.

Aprender a aprender

Desenvolverse na biblioteca, buscar o que se solicita, axudarlles aos demais a buscar unha información que precisan… son as bases desta competencia.

Competencias sociais e cívicas

Cumpren unha misión de relevancia social apoiado nun servizo público e sentan bases dun posible voluntariado no futuro noutros ámbitos.

Traballan en equipo, resolvendo dificultades e alternándose nas tarefas.

Iniciativa e espírito emprendedor

Moitas veces achegan ideas sobre a organización da biblioteca ou na programación das actividades de lectura e responsabilízanse de levalas a cabo, pois sempre son ideas coherentes e susceptibles de realizar.

Conciencia e expresións culturais

Desenvolven a súa actividade nun contexto cultural, con oferta variada en todos os ámbitos, coñecen autores e autoras, valoran a calidade das producións e manifestacións culturais e intercambian opinións sobre estas.

En ocasións preparan producións plásticas para complementar as súas sesións de lectura.

Valoración

O máis salientable que se observa é o grao de motivación no alumnado cara a esta actividade, o que nos leva a unha análise moi interesante desde o punto de vista educativo:

O feito de actuar con liberdade na elección, de apuntarse porque queren, aumenta o grao de compromiso e o interese polo que están facendo.

As tarefas que se realizan integran o alumnado no funcionamento da escola, son útiles e o seu traballo é recoñecido pola comunidade, ten importancia real e sábeno porque se dirixen a eles para preguntar ou para que lles lean, porque lles damos as grazas de verdade, porque o seu labor supón unha axuda valiosa.

Teñen autonomía no desenvolvemento das actividades, ofrecen ideas e toman decisións, o que incide moi visiblemente na responsabilidade que amosan intentando cumprir co que se espera deles, respectando os recursos e materiais porque os senten como propios.

O ambiente no que traballan está libre de competitividades, a colaboración é imprescindible, cada un e cada unha contan, non hai tensións nin conflitos. Incluso alumnado con dificultades de aprendizaxe ou problemas condutuais se implica no traballo e mellora na súa autoestima. Podemos ver con bastante frecuencia como alguén está na biblioteca cando non é a súa quenda, “hoxe non me toca pero veño igual, que fago?”

Por último, hai que ter moi en conta que os voluntarios e voluntarias son un modelo idóneo para o alumnado máis novo, no que espertan admiración e respecto. Nos últimos cursos incorporáronse voluntarios de quinto. En ocasións algún neno ou nena manifesta que está desexando chegar a quinto para empezar a ser axudante da biblioteca.

Ligazón web: http://abibliodeleirado.blogspot.com.es/search/label/axudantes

Sección: