Leer es un riesgo
Leer es un riesgo. Alfonso Berardinelli. Editorial Círculo de Tiza, Madrid. 2016
252 páxinas. ISBN 978-84-945719-1-6
Alfonso Berardinelli é unha figura clave da cultura italiana destas décadas. Profesor de literatura vocacional, crítico literario independente e ensaísta polémico, abandonou a ensinanza no ano 1995 por desavinzas co sistema corporativista da cultura italiana e desde entón converteuna no obxecto da súa crítica.
Leer es un riesgo recolle distintas colaboracións de Berardinelli, espalladas en diferentes medios, nas que analiza o papel do intelectual na actualidade, a función social da literatura ou a repercusión que os avances tecnolóxicos teñen sobre o individuo e a súa maneira de ordenar e armar o seu pensamento. No libro, o autor tamén subliña a importancia da independencia, chegando a dicir que “o intelectual debe ser un misántropo” en relación coa necesidade de que tome distancia sobre o pensamento dominante.
No libro fálase dos riscos que agocha o acto de ler, especialmente dos derivados do achegamento científico á literatura dos que a escola e a universidade son bastante responsables ao privar o lector, en moitas ocasións, do pracer emocional dos textos. Berardinelli tamén carga contra o papel de Internet no debilitamento do pensamento crítico das persoas e contra o populismo poético que fomenta a idea actual de que todos somos poetas. E achácalle ao crítico literario que non axude o lector a distinguir o gran da palla.
Neste ensaio tamén podemos atopar comentarios lúcidos e provocadores sobre algúns dos escritores máis recoñecidos da historia literaria pretérita ou recente. Deste xeito, o autor eloxia con entusiasmo a algún deles como Elsa Morante e censura sen piedade a outros como Humberto Eco. Nesta páxinas podemos observar a paixón de Berardinelli polos libros e por unha lectura que xere nos lectores pegadas de evasión, coñecemento e identidade.
“Me limito a recordar una obviedad fundamental: los libros son contagiosos. Pero para sufrir el contagio hace falta leerlos con pasión y, digámoslo así, con cierta pasión ingenua. Todo lector apasionado (no solo de novelas) hace que sus lecturas predilectas formen parte de la construcción de su identidad. La lectura permite establecer vías de comunicación entre el yo profundo —con su caos— y el yo social que debe enfrentarse a las normas del mundo.”