O alumnado voluntario, fundamento-fundador da biblioteca escolar
Rebeca León Graña, mestra de Audición e Linguaxe
CEIP Nicolás del Río (Cedeira-A Coruña)
rebeca.leon@edu.xunta.es
O CEIP Nicolás del Río é o centro educativo que acolle a todos os rapaces e rapazas do concello de Cedeira. Fisicamente está conformado por tres edificios con tres patios diferenciados. Entre os espazos, cómpre destacar o da biblioteca, lugar de uso común para todo o alumnado.
A biblioteca forma parte da vida do alumnado dentro e fóra do recinto escolar. Conversacións sobre os libros, a mascota Percebín ou as actividades que nela se desenvolven intégranse no día a día da vida escolar.
Situámonos nun punto da historia recente da nosa biblioteca que nos permite ter moi presente os inicios mirando un pouquiño ao pasado, sen perder de vista o futuro, cos obxectivos que hoxe nos marcamos e cos que quedarán por vir.
Esa mirada ao pasado (pasado moi próximo) axúdanos a recoñecer a detección da necesidade que existía de profundar e facer efectivas prácticas de fomento da lectura que fixesen partícipe o alumnado co apoio das familias. Pode que fose este o punto de partida na construción da biblioteca coa que agora contamos.
Apostouse por levar a cabo unha actividade que integraba todos os aspectos que podemos salientar como imprescindibles para lograr motivar o alumnado cara ao hábito lector: voluntariedade, achegar as propias lecturas, compartir, tempo de lecer, implicación das familias... Con motivo de festexar o Día do Libro, organizouse un intercambio de libros entre o alumnado durante cinco tardes dos martes en horario non lectivo. A Feira dos Libros foi un éxito rotundo.
O máis difícil estaba feito, agora había que comezar polo principio: incluír todos estes compoñentes dentro da xornada escolar e durante todo o curso. Había que organizar a biblioteca.
Mais era preciso saber que tiña que ter e, sobre todo, chegar a ofrecer unha biblioteca escolar. As pautas dadas desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia e unha análise da situación real por medio dunha enquisa ao alumnado e ao profesorado puxeron de manifesto que quedaba moito labor por facer. Parte do alumnado non tiña hábito de lectura, dispoñía de poucos recursos e non frecuentaba a biblioteca municipal, e a biblioteca escolar era un lugar pouco axeitado para a aprendizaxe, ademais de non facilitar a educación para o uso da información nin actuar como factor de compensación social.
Estaba ben claro que nunha biblioteca escolar o verdadeiro protagonista debía ser o alumnado. Sería fundamental a súa colaboración na construción, facelo partícipe deste proceso para que a sentise propia, a coidase e a fixese medrar.
O curso estaba iniciado, sen previsión do que se ía necesitar. A carga horaria do profesorado dificultaba o labor. Entón, como facelo? Non había programacións didácticas centradas na biblioteca e as prácticas docentes non incluían este espazo, pois non resultaba un lugar atractivo para a aprendizaxe.
Estabamos buscando a maneira de artellalo. Comezouse coas mochilas viaxeiras e as bolsas que van e veñen, contando coa implicación directa das familias no tempo de lecer.
E apareceu a convocatoria da actividade de Voluntariado de lectura-A. Que ben nos veu! Xa tiñamos unha actividade oficial que nos permitía contar coa colaboración do alumnado sen "prexudicar" horarios de ningunha materia do currículo.
Reunimos o alumnado de quinto e sexto de educación primaria para explicarlle as nosas pretensións de crear unha biblioteca escolar coa súa axuda e autorizados polas súas familias. Foi todo un éxito. A actividade de voluntariado iniciouse cun total de 62 alumnos, agochados da mirada do resto da comunidade educativa. Tiñamos un obxectivo que cumprir: abrir as portas no tempo de recreo para que se puidese usar libremente, coa posibilidade de levar libros en préstamo para as casas (nese momento os fondos dos que dispoñiamos eran só libros). Coa biblioteca pechada e organizados en quendas no tempo de recreo, iniciouse o expurgo, revisouse a catalogación co Meiga, fíxose a reetiquetaxe, a elaboración de carteis da CDU para os estantes, a organización dos fondos nos andeis, deseñáronse carteis informativos, a elaboración de normas, marcadores, empréstito informatizado, creación de carnés de usuarios, papeleiras de reciclaxe... Para lograr a maior accesibilidade, procurouse acompañar a información con imaxes que a ilustrasen, coma debuxos e fotografías. Resultou unha completísima formación de usuarios para o alumnado voluntario.
Os primeiros voluntarios organizando os fondos nos andeis
A apertura supuxo a organización de quendas de uso para o alumnado de educación primaria, xa que o espazo dispoñible era moi reducido.
Os seguintes obxectivos e as actividades que se realizaron ían xurdindo dos propios rapaces, tanto usuarios como voluntarios: adquisición e variabilidade de fondos, vídeos explicativos, concursos... en definitiva, demandaban participación.
Para recoller as valoracións dos primeiros voluntarios, organizouse unha sesión na que contaron a súa experiencia e puxeron de manifesto as súas impresións. Quedou todo recollido nun vídeo moi ilustrativo de todo o vivido. A implicación era máxima.
Demos un paso máis. Saímos das portas do colexio para implicar as xentes da vila no noso novo proxecto de biblioteca, e conseguimos que participasen no vídeo promocional da III Feira dos Libros. Comezouse tamén a colaboración coa Biblioteca Pública Municipal, complementando a formación de usuarios do alumnado voluntario e convocando conxuntamente un concurso de marcapáxinas sobre Cedeira.
Visita á Biblioteca Pública Municipal
A realidade que tiñamos nese momento xa cambiara respecto da do principio. Estabamos todos moi satisfeitos e obtivemos a recompensa ao recibir un premio por parte da ANPA Picapeixe. Todos nos felicitaban polo traballo feito e rematado. A resolución do PLAMBE manifestou que o camiño era moito máis longo. Xa tiñamos unha biblioteca escolar organizada, mais non era suficiente, había todo un mundo máis alá do fomento da lectura. Para ofrecer un servizo de calidade, acorde co que unha sociedade do século XXI demanda, debiamos contar cun espazo máis amplo e con postos informáticos.
O Claustro e o Consello Escolar apoiaron continuar este camiño, apostando polo Plan de formación permanente do profesorado e aprobando un orzamento específico que permitiu ampliar o espazo e mellorar o mobiliario, co que se converteu no lugar máis acolledor do centro. Os personaxes ideados polo alumnado voluntario encheron as paredes ambientadas nunha paisaxe de mar, como non.
Colaboración do alumnado voluntario no tempo de recreo
Íanse producindo ao mesmo tempo cambios organizativos e de xestión, como centralizar os fondos das bibliotecas de aula, resituar aqueles dos que había moitos exemplares, sistematizar as visitas dos grupos para a formación de usuarios de todo o alumnado do centro, consolidar o equipo de biblioteca...
O profesorado manifestou como a mellora da biblioteca escolar influía moi positivamente nos procesos de ensino e aprendizaxe.
Un dos aspectos que cómpre mellorar máis destacado polo profesorado foi a adquisición de fondos. Ampliamos a variabilidade en canto a soportes, formatos e xéneros, mais sobre todo en canto á implicación do profesorado, que demandaba documentos relacionados cos seus proxectos de aula, co currículo, coa aprendizaxe.
Procurouse que a biblioteca se involucrase nas actividades do centro achegando recursos documentais, e hoxe en día é o punto de saída de moitas propostas de participación conxunta, ofrecéndolle tamén liberdade de actuación ao alumnado, tanto como usuario como na implicación nas actividades e deixando así un espazo específico para a reflexión, as demandas, opinións e suxestións.
Táboa 1. Aspectos que cómpre mellorar na biblioteca escolar
Co novo espazo, o mobiliario, o equipamento informático, a implicación do alumnado e as achegas ao currículo, a resolución da convocatoria do PLAMBE deunos unha alegría, e abría a posibilidade a introducirse en novos camiños apenas explorados, e nalgúns descoñecidos.
Nesta andaina son moitas as actividades xa asentadas dentro das programacións anuais da biblioteca que implican o alumnado, por suposto, e en maior ou menor medida o profesorado, familias, Biblioteca Pública Municipal, biblioteca do IES Punta Candieira e as xentes da vila.
A apertura da biblioteca nos inicios do curso crea sempre expectativa, ilusión e incerteza para o alumnado que quere participar como voluntario mais teme a responsabilidade que supón. Seguindo a tendencia dos medios de comunicación, organizamos unha selección na que, organizados en equipos, deben abordar distintas cuestións relacionadas co coñecemento, uso e organización da biblioteca. E nun contorno educativo, apostamos por empregar metodoloxías que posibiliten a integración e a participación activa a través de estratexias de aprendizaxe cooperativa.
Selección inicial para o alumnado voluntario
Táboa 2. Participación do alumnado na actividade de Voluntariado de lectura-A
Contamos xa cun currículo que prevé o coñecemento e uso das bibliotecas escolares nos diferentes niveis da educación primaria, e unha materia específica de libre configuración que lle permite ao alumnado "Aprender a investigar". Este é o noso novo reto, conseguir sistematizar actuacións que nos acheguen a ser competentes na alfabetización mediática e informacional.
Xa non estamos agochados, senón que permanecemos sempre coas portas abertas para que todos e todas poidan vir, ver, usar, aprender, ensinar, ler, investigar...
Webgrafía
Vídeos
- Despedida dos primeiros voluntarios
http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipnicolasrio/node/317
- Resultado das enquisas sobre a biblioteca e hábitos de lectura
http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipnicolasrio/node/363
- Vídeo promocional da III Feira dos Libros
http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipnicolasrio/node/370
- Vídeo promocional da IV Feira dos Libros
http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipnicolasrio/node/495
O noso blog
- http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipnicolasrio/blogdebiblioteca
- Apartado específico dedicado ao voluntariado
http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipnicolasrio/taxonomy/term/136