Correspondentes xuvenís 3.0

A importancia da xestión da información
Neste artigo detállase a experiencia levada a cabo no IES Saturnino Montojo desde o curso 2014/15 ata o actual dentro do marco do Plan Proxecta, Correspondentes Xuvenís 3.0. Esta proposta didáctica está orientada a facilitarlle ao alumnado o acceso a información relevante para a súa formación.

María do Carme Fernández Miranda e Corona Tato García,
Profesoras de Lingua Galega no IES Saturnino Montojo (Ferrol-A Coruña)

 

Introdución

Nesta era da información, da comunicación instantánea, do predominio dos medios audiovisuais... constatamos, mediante unha enquisa realizada ao alumnado do noso instituto, que a gran maioría descoñecía as páxinas fiables ás que podía dirixirse para atopar información relevante para a súa formación, o seu lecer... Só unha porcentaxe mínima, que non chegaba ao 10 %, entrara algunha vez en www.xuventude.net; descoñecían maioritariamente as vantaxes que lles podía reportar o carné xove e outros recursos aos que accederon grazas ao programa Correspondentes Xuvenís 3.0. (É un programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que pretende contar con alumnos que actúen como antenas informativas en cada centro educativo, que se responsabilicen de recoller e xestionar a información en materia de xuventude para que chegue aos potenciais interesados).

 Exemplo do formato que ten a información enviada pola Dirección Xeral de Xuventude

 

Por iso o programa nos seduciu desde o primeiro momento no que accedemos á información no marco do Plan Proxecta. Asumímolo como unha proposta enriquecedora directamente para os compoñentes do equipo (gozan de grandes vantaxes como gratuidade de carnés, campamentos formativos e lúdicos intercentros, diploma acreditativo de horas de voluntariado...) e para toda a comunidade educativa.

Actualmente atópase plenamente incorporado ao proxecto educativo do noso instituto dun xeito interdisciplinar. O máis salientable foi a capacidade de dimensionar as funcións dos correspondentes, tratando de traballar desde a óptica de aprendizaxe-servizo. Así mesmo, cómpre salientar como este proxecto posibilita a relación entre o alumnado de diferentes centros educativos a través dos campamentos que organiza a Secretaría Xeral de Xuventude.
Permítenos traballar o tratamento integrado de linguas (plena colaboración entre os departamentos de Lingua Galega e de Lingua Española), contribúe á dinamización da lingua galega (é un dos piares do noso proxecto lingüístico), ao PLAMBE (vai consolidándose o espazo de información xuvenil na biblioteca e os correspondentes son os impulsores do club de lectura), ao labor titorial, á interrelación coa nosa contorna (o ano pasado conseguimos establecer unha canle de comunicación fluída co concello que nos envía periodicamente aos correos dos integrantes do equipo de correspondentes información moi útil e interesante e foi a base para vincularnos a un proxecto piloto de participación cidadá), e establece un vínculo estreito cos ex-alumnos que seguen transmitíndonos información de interese.

 

Participantes

Este programa vai dirixido a toda a comunidade educativa, posto que a información difundímola por canles abertas accesibles ao alumnado, ao profesorado e ás familias. O maior nivel de implicación asúmeno neste momento catro profesores e vinte e dous alumnos, que son os que reciben desde a Secretaría Xeral de Xuventude as novas e se encargan de difundilas. Tamén teñen un papel relevante os titores, os departamentos de Lingua Galega e Lingua Española e o equipo da biblioteca. Podemos afirmar que contamos co apoio de toda a comunidade educativa, que se fixo eco das nosas propostas, e especialmente do equipo directivo do noso instituto que, ademais de impulsar o proxecto, contribúe con diversas iniciativas.

Equipo de correspondentes

 

Obxectivos

  • Recibir e difundir a información da páxina http://www.xuventude.net, que consideramos de grande interese para o alumnado do noso instituto, a través da páxina web do centro, de correos electrónicos, SMS, redes sociais...
  • Ofrecerlle á mocidade que forme parte do proxecto a posibilidade de informarse e informar os seus compañeiros e así favorecer a participación e a maduración persoal, fomentando unha educación en valores para pensar e desenvolver o espírito crítico.
  • Facilitarlle o acceso á mocidade ás actividades, programas e carnés que ofrece a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
  • Formar a mocidade na xestión do manexo da información, potenciando as súas habilidades sociais e a asunción temperá de responsabilidades.
  • Compartir coa mocidade doutros centros iniciativas e experiencias xurdidas no labor de voluntariado.
  • Contribuír á mellora das competencias clave de comunicación lingüística, competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, competencia dixital, aprender a aprender, competencias sociais e cívicas, sentido de iniciativa e espírito emprendedor e conciencia e expresións culturais.
  • Normalizar o uso da lingua galega como unha ferramenta de comunicación cotiá entre a mocidade; como vehículo básico de comunicación de temas do seu máximo interese.
  • Consolidar os espazos de difusión da información de CX3.0: na biblioteca, no taboleiro do EDLG e no corredor principal do instituto (mediante a proxección das novas máis relevantes). Deste xeito canalizaremos as informacións, reunións, intercambios de propostas sobre temas importantes para a formación e o lecer do alumnado.

Ademais pretendemos:

  • Traballar no marco do TIL desde as materias de Lingua Galega e Lingua Castelá na comprensión da linguaxe administrativa en todos os cursos.
  • Traballar dun xeito interdisciplinar e colaborador a partir das diversas propostas que nos ofrecen desde a SXX : fotografía, deportes, idiomas, arte...
  • Establecer unha canle fluída entre o concello e o noso instituto para difundir novas de interese para o alumnado e a súa contorna.

Reunión dalgunhas correspondentes co alcalde de Ferrol e o concelleiro de Participación Cidadá

 

  • Traballar colaboradoramente nos proxectos que se impulsan desde o EDLG e a Vicedirección.

 

Metodoloxía

Empregamos unha metodoloxía activa: os participantes constrúen a súa propia aprendizaxe ao interactuar cos materiais e aprender durante o proceso de preparación, non só ao espertar o seu interese pola investigación cando buscan información, senón tamén cando se implican na súa difusión. É interesante ter un amplo grupo de correspondentes, non só porque traballan con máis seguridade e confianza cando o fan en grupo ou en parellas, senón tamén porque deben compaxinar este traballo coas súas tarefas académicas e non sempre están todos dispoñibles en momentos de exames, excursións etc. Un grupo numeroso garante a continuidade neste traballo, esencial no que se refire á información actualizada.

Os correspondentes, Andrea e Cristian, preparando a información que van difundir no punto de información xuvenil que temos na biblioteca

 

A información e a participación son os dous eixes sobre os que pivota o programa. Moitos rapaces e rapazas que forman parte do equipo inscribíronse en actividades e animaron os seus compañeiros a facelo. Nunca houbera tantas solicitudes para as bolsas de estudos no estranxeiro ou para os campamentos científicos no noso instituto como desde que se difunden a través do programa. Pode visualizarse o traballo realizado na presentación á que se accede desde a seguinte ligazón.

Delimitamos con precisión, sistematicidade e cun criterio de funcionalidade todos e cada un dos aspectos: tarefas, asignación de funcións e responsabilidades, espazos, materiais... Foi moi importante a colaboración do equipo directivo (incorporou na maioría dos claustros a referencia ao programa para lle solicitar colaboración ao claustro, deseñou as credenciais para os equipos de aula e encargouse da súa impresión), de Marcos Padín, coordinador das TIC e xefe do Departamento de Tecnoloxía, así como tamén a implicación dos departamentos de Lingua Galega (Corona Tato e Carme Fernández son parte do equipo de CX), de Lingua Española (María Ríos López,) e o labor de difusión nas horas de titoría.

Outro aspecto esencial do programa, que forma parte do seu ADN, é a interdisciplinariedade, que deriva das diferentes actividades que se lle propoñen ao alumnado desde a Dirección Xeral de Xuventude. A oferta abrangue propostas de actividades de lecer, de voluntariado, bolsas de estudos, certames literarios, matemáticos, científicos, artísticos... Iso permítenos vincular o programa con varios departamentos:

  • Departamento de Física e Química: promoción dos campus científicos de maneira activa. Este ano foron admitidas catro alumnas, o cal supón un verdadeiro récord para un centro educativo.
  • Departamento de Lingua Española: traballo directo na difusión de concursos e linguaxe administrativa.
  • Departamento de Lingua Galega: difusión de actividades diversas e traballo con unidades didácticas; dirección de iniciativas para preparar xornadas; formación en oratoria para expor oralmente nas aulas; redacción de artigos para a revista do instituto sobre as actividades dos correspondentes; xornadas sobre difusión carné xove; preparación das actividades de campamentos; xornada de formación entre os propios alumnos (como usar un prezi, por exemplo); uso correcto das plataformas sociais para difundir a información
  • Ciclo Vídeo DJ: radio en rede.

Gravacións para emitir novas por radio

 

  • Dirección, incardinado co proxecto biblioteca: espazo xuvenil na biblioteca
  • Departamento de Tecnoloxía: inserción e actualización na páxina web.
  • Departamento de Inglés: difusión bolsas de idiomas e concursos de tradución.

 

Planificación e desenvolvemento

Intentamos que a información chegue a toda a comunidade educativa. Este labor de antenas informativas realizámolo a través de múltiples canles: 

- Mediante canles virtuais: redes sociais usadas habitualmente polo alumnado (Twiter, Facebook, Instagram), páxina web do instituto (que lles permite unha accesibilidade sinxela ás familias), proxeccións na pantalla do corredor durante os recreos. Deste xeito traballamos a competencia dixital do alumnado. Durante este curso comezamos o proxecto de radio coa colaboración de alumnado do ciclo de Vídeo DJ.

- A través de medios tradicionais, presenciais: taboleiro de anuncios, punto de información da biblioteca, equipos de información da aula, que comentan nos diferentes niveis a información que é considerada relevante tras a reunión quincenal... Os correspondentes son recoñecidos e respectados polos compañeiros. Expoñen as propostas nas aulas, apoiándose nas imaxes que aparecen na páxina web do centro. Fano cada día con máis naturalidade e seguridade e informan e aclaran dúbidas de forma moi competente.

Para exemplificar o noso plan de traballo achegamos as principais actividades desenvolvidas no curso 2015/16:

SETEMBRO/OUTUBRO 2015

  • Organizamos charlas nas que explicamos en que consiste o programa e seleccionamos un grupo de rapazas e rapaces motivados e responsables que voluntariamente se comprometen a participar neste proxecto e realizar un traballo colaborador e organizado, en beneficio da comunidade educativa. Resulta moi motivador comprobar como o alumnado participante en cursos anteriores xa nos pregunta nos primeiros días de clase se pode seguir integrando o equipo. (Inserir cuestionario inicial, así como cadro coas funcións ou anexalo. Creo que sería interesante poñer polo menos a táboa do cuestionario)
  • Estudamos con eles a mellor maneira de dar a coñecer no centro as novas que nos irán enviando. Solicitamos a colaboración dos delegados, titores, profesores, encargado da web, orientadora... para conseguirmos que o programa non quedase só na teoría e se consolidase nunha realidade práctica, útil e efectiva.
  • Fixamos as tarefas que cada membro do equipo debía realizar, tendo moi presente que nun traballo colaborador cada tarefa non realizada pode romper a cadea da información.
  • Planificamos a maneira de recoller, organizar, clasificar e expoñer a información de forma que sempre chegase aos destinatarios adecuados.

NOVEMBRO/ DECEMBRO 2015

  • Coméntase no claustro o proxecto e inclúese nas actividades de dinamización da lingua galega e do PLAMBE. 
  • Comezamos a informar empregando as diferentes plataformas que consensuaramos.
  • Marcos Padín pon en marcha a difusión das novas a través da web do centro e dunha gran pantalla instalada no corredor principal do instituto. Acompáñaas de música e iso esperta o interese do alumnado durante os recreos.
  • Carme, Corona e María comezan a traballar os textos formais recibidos nas aulas, segundo os destinatarios. Incorpórase como unha práctica lingüística: cando a nova nos parece de interese, proxectámola nas pantallas das aulas, lémola e comentámola. (Exemplo de ficha de traballo)

XANEIRO 2016

  • Continuamos cos labores de difusión a través das diferentes canles e seleccionamos dúas informacións como de máxima importancia: bolsas Amancio Ortega e Xuventude Crea. Cómpre salientar que na xuntanza do xoves 22-01-2015 redistribuímos algunhas tarefas, entregamos carnés e credenciais.
  • Organizamos a xornada de Manzaneda na que se desenvolverán actividades formativas e lúdicas (a actividade fomentou a convivencia entre o alumnado de diferentes centros que intercambiaron experiencias. Manzaneda: Viaxe á neve).

FEBREIRO 2016

  • Actualizamos os carteis do taboleiro principal e continuamos coas actividades, incorporando novas propostas tras o campamento de Manzaneda.
  • Elaboramos un vídeo que publican na páxina de xuventude sobre as tarefas que se desenvolven.
  • Organizamos o recitado co gallo do Día de Rosalía.

MARZO 2016

Continuamos coas actividades segundo as nosas funcións.

  • Incorporamos os correspondentes ao club de lectura que se desenvolve como actividade extraescolar.
  • Gravamos un vídeo co gallo do Día da Muller.
  • Preparamos a entrevista co alcalde e o concelleiro de Participación Cidadá. 
  • Preparamos presentacións en Power Point para difundir os campamentos de verán e o carné xove polas aulas e nunha xornada informativa na biblioteca.

ABRIL 2016

  • Organización da Xornada Solidaria do 26 de abril, encadrada no proxecto colaborador e interdisciplinar Irmandade de Anduriñas, nun concepto de aprendizaxe e servizo. Os correspondentes convertéronse en verdadeiros motores da actividade: informaron a toda a comunidade educativa, deseñaron logos para o photocall, animaron e participaron na actividade de elaboración e venda de doces, organizaron a tómbola solidaria... O éxito da actividade foi espectacular; conseguimos recadar 2400 € que doamos a ACNUR. Eco na prensa local.

MAIO 2016

  • Continuamos coas actividades de difusión das actividades.
  • Comezamos coa actividade de radio en colaboración co ciclo de Vídeo DJ que temos no instituto. Desenvolverémola no curso 2016/17.
  • Presentación da conferencia sobre a situación do Sáhara.
  • Os correspondentes dirixen como monitores os pequenos e pequenas de primeiro da ESO no desenvolvemento de Litelingua, co gallo da celebración das Letras Galegas. 

XUÑO 2016

  • Presentaron as xornadas de reflexións literarias incardinadas no PLAMBE, posto que nas sesións do club de lectura que se desenvolveron ao longo do curso participaron activamente.
  • Realizamos unha selección de libros para recomendar no verán na plataforma de xuventude.net. É un claro exemplo de como se está dimensionando o programa de correspondentes.
  • Preparamos as presentacións para a exposición que realizaron os correspondentes no III Encontro de Correspondentes de Gandarío.

 

Conexión do programa correspondentes con outros proxectos do centro

  • Conexión da coordinadora cos responsables do Concello de Ferrol para recoller a información local e incluíla na rede Correspondentes.
  • Implicación directa dos correspondentes nas actividades do PLAMBE: difusión e participación nas sesións dos clubs de lectura, voluntariado de biblioteca, recomendación de libros (desde a Secretaría Xeral de Xuventude crearon unha sección no proxecto na que os centros participantes recomendaban os libros mellor valorados polo alumnado)...
  • Dinamizadores e participantes nas actividades dos proxectos anuais interdisciplinares do instituto: Camiños, curso 2016/17, Irmandade de Anduriñas, curso 2015/16; Nós tamén somos elas e Donas de si, no 2014/15; e Namorando de Ferrol no 2013/14. Neste ámbito é esencial o traballo dos correspondentes. No curso 2016/17 foron eles os que se encargaron —dirixidos desde o EDLG e Vicedirección— de levar a cabo a Xornada Solidaria do 23 de abril na que se recadaron máis de 2000 euros para ACNUR e Vacacións en Paz: colaboraron activamente na organización da venda de doces, na tómbola solidaria, no concerto e recitado que se celebrou paralelamente para conmemorar o Día do Libro, na invitación e recepción do alcalde de Ferrol que acudiu ao acto...

Difusión na prensa local das actividades de voluntariado dos correspondentes

 

  • Nas conmemoracións do Día contra a Violencia de Xénero, da Paz, das Letras Galegas... son os colaboradores máis destacados. Gravan vídeos, coordinan os equipos de alumnado de primeiro da ESO no concurso Litelingua...
  • Presentan e interveñen en actos diversos no instituto: relatorios de escritores, entrevistas a persoeiros sobranceiros, como a Núñez Singala, Francisco Castro, o tristemente falecido Neira Vilas, o sociolingüista bengalí Anik Nandi...
  • Constituíron os equipos que representaron o instituto en actividades como Club Debate, Foro de Participación Cidadá...
  • Publicación na revista do centro da marcha das actividades desenvolvidas polos correspondentes.

 

Valoración da experiencia

Comezamos dicindo que confiabamos neste proxecto e podemos rematar afirmando que superou as nosas expectativas sobradamente.

A participación do alumnado en numerosos certames, bolsas, estadías no estranxeiro, campus científicos etc., a responsabilidade e o traballo ben feito dos correspondentes en actividades moi variadas, a solicitude de información de novos alumnos sobre o que hai que facer para ser correspondente... son os mellores indicadores de que este programa está vivo no instituto.

Unanimemente o alumnado pertencente ao programa valórao moi positivamente. Resulta realmente satisfactorio comprobar que hai moitos interesados en pertencer ao equipo e que todos os que están desexan continuar. Durante este curso incorporáronse ex-alumnos do noso instituto ao programa e seguiron colaborando nas actividades do centro grazas ao vínculo que se xerou pola pertenza a este programa. 

En conclusión, consideramos que o programa Correspondentes Xuvenís é unha proposta enriquecedora e moi ben xestionada desde a Dirección Xeral de Xuventude que nos permitiu dimensionala converténdoa na base do voluntariado no instituto desde a perspectiva de aprendizaxe e servizo.

 

Fontes de información

As nosas fontes de información foron sempre as que nos facilitaban os enlaces da Dirección Xeral de Xuventude e VoluntariadoXXV e a partir de aí dependía do grao de complexidade do proxecto que tratabamos de difundir. Ao introducir a información no ordenador da biblioteca que estaba destinado á información xuvenil, tamén activabamos os enlaces para lles facilitar a bibliografía aos potenciais interesados. Neste curso é salientable a incorporación das informacións procedentes directamente do Concello de Ferrol, en concreto da Concellería de Participación Cidadá.

 

Sección: