Ciencia activa, ciencia creativa!

Como chegar á motivación a través da creatividade e das TIC
Nun novo contexto social e educativo, as TIC, a creatividade e o entusiasmo no ensino, como medios na aula para acadar unha aprendizaxe activa e conseguir a motivación do alumnado.

Beatriz Temes Pérez
CPR Padre Feijoo-Zorelle (Ourense)
beatriztemes@edu.xunta.es
Ramón Temes Pérez
CEIP Ben Cho Shey (Ourense)
ramontemes@edu.xunta.es

 

 

A revolución dixital é un dos trazos definitorios do mundo en que vivimos. Internet e dispositivos móbiles como portátiles, tabletas e teléfonos intelixentes son instrumentos indispensables para comunicarse e intercambiar información no noso día a día. Ademais, as novas xeracións manexan esta nova tecnoloxía de forma espontánea; son, en definitiva, nativos dixitais.

Porén, a revolución dixital no ámbito educativo aínda no está completada. Levamos uns anos afondando no que parece un lento proceso de cambio de paradigma metodolóxico: intentamos pasar do modelo de escola tradicional, centrada no profesor, a unha escola de século XXI, centrada no alumno visto como axente activo e central no proceso de ensino e aprendizaxe.

Un dos motivos desa lentitude é que calquera cambio supón dúbidas e medos, non é sinxelo saír daquilo ao que un está afeito, da nosa zona de confort.

Para superar eses atrancos e dar resposta ás preguntas e inquedanzas que se nos formulan na innovación metodolóxica, o claustro de profesores do CEIP Ben Cho Shey participamos nun Plan de formación permanente do profesorado (PFPP) e unha das actividades do plan foi un seminario que tivo por título As competencias clave e aprendizaxe por proxectos. A formación recibida foi de grande axuda e transmitiunos unha enorme dose de entusiasmo. 

Neste seminario descubrimos varias experiencias docentes. Entre elas, hai que salientar o proxecto Ciencia Activa, pola cantidade de recursos e actividades que nos foron presentados.

Ninguén o pode explicar mellor ca a súa propia autora…

Experiencia educativa: proxecto Ciencia Activa 

Como facer para espertar o interese dos estudantes de secundaria e bacharelato pola aprendizaxe das ciencias? 

O xerme de Ciencia Activa foi unha reflexión sobre a utilidade das novas tecnoloxías, de como as TIC poderían ser unhas boas aliadas e foron claves para axudarme na procura da motivación e a implicación do alumnado na súa aprendizaxe. Ao comezo do ano académico pensei: “Todos os meus estudantes son nativos dixitais, a sociedade é tecnolóxica… Teño que facer algo para intentar adaptarme aos cambios da educación do século XXI”. Foi así como xurdiu Ciencia Activa.

Ciencia Activa é un proxecto da materia de Bioloxía levado a cabo no Colexio Padre Feijoo de Ourense, que pretende motivar o alumnado na aprendizaxe das ciencias, cunha metodoloxía activa e participativa, onde os estudantes son os protagonistas da aprendizaxe e chegan ao coñecemento por eles mesmos. O papel da profesora é de guía e mediadora no proceso educativo: propón e coordina tarefas, resolve dúbidas, formula retos, amosa estratexias, motiva e anima. Estes principios son propios do construtivismo.

Iniciei o proxecto hai tres anos, coa creación duns blogs de aula xestionados polos alumnos, onde difundiron novas científicas, procesos e produtos finais dos traballos relacionados coa materia de Bioloxía e Xeoloxía, un bo xeito de responsabilizalos da aprendizaxe e de achegar a ciencia ás aulas.

O resultado foi moi positivo e conseguín unha gran motivación e implicación por parte do alumnado ao poder ver o seu traballo recoñecido nos Premios Espiral Edublogs, no que obtivemos o terceiro premio co blog de alumnos de bacharelato, proxecto Ciencia Activa no ano 2015: 

O primeiro premio foi o logro na derradeira edición 2016, co blog de alumnos de secundaria Ciencia Activa, ESO é!

Os blogs de alumnos, en efecto, son unha plataforma excelente para expoñer a toda a comunidade educativa os traballos e tarefas que abrangue Ciencia Activa e que difundimos a través das redes sociais Facebook, Instagram e Twitter, cunha tarefa diaria co hashtag: #undiacomahoxe para compartir feitos científicos do pasado e da actualidade.

Pero Ciencia Activa ten un obxectivo máis amplo, pretendemos desenvolver unha aprendizaxe por tarefas empregando as TIC coma ferramenta principal, pero non única. En realidade, traballamos moitas máis competencias, como se irá vendo a continuación:

Os alumnos activan a competencia dixital con diferentes ferramentas 2.0, deseñan encrucillados e sopas de letras interactivas co emprego de aplicacións coma Educaplay:

Isto permítelle ao resto dos compañeiros xogar e resolver as actividades propostas a través do blog. O estudo pode ser divertido!

Os estudantes tamén dispoñen dunha canle de podcasts:

e dunha canle de TV en streaming

Nestas canles periodicamente publican novas de ciencia, e deseñan e realizan entrevistas aos profesionais que nos visitan para impartir charlas, conferencias ou obradoiros, potenciando a competencia lingüística, o sentido de iniciativa e o espírito emprendedor ao elixir e difundir as novas seleccionadas por eles mesmos.

O feito de estar en contacto na aula con profesionais de diferentes sectores (unha doutora en física, unha psiquiatra, doutores en informática, escritores ou actores) enriquece o ensino e achega a aula á realidade.

O proxecto conta tamén cunha canle de vídeos propia en Youtube onde se comparten vídeos elaborados polos estudantes: 

Na metodoloxía detrás de Ciencia Activa cómpre destacar a importancia da aprendizaxe colaboradora con traballos en grupo nos que a repartición de tarefas e a coordinación enriquecen o resultado, e que se materializa en tarefas coma a elaboración dunha maqueta de ADN e un informe dixital que a acompaña.

Tamén cómpre destacar outras tarefas do proxecto que espertan a creatividade do alumnado e, por extensión, a motivación. Unha delas é #ArtCienciaActiva, que consiste na creación de maquetas sobre contidos de bioloxía empregando caramelos de xelatina, plastilina e lambetadas. Para potenciar a creatividade e o traballo colaborador,  os alumnos de primeiro de bacharelato, despois de elaborar unha maqueta coas principais partes do corpo humano en inglés, explicáronllela a escolares de infantil, o que constitúe un bo exemplo de aprendizaxe entre pares.

Novos profesores-pequenos científicos é outra actividade creativa que consiste no deseño de prácticas de laboratorio por alumnado de secundaria que, ademais, as expón aos compañeiros de primaria. Son tamén profesores tecnolóxicos e informan os pequenos sobre un bo uso de Internet na tarefa Coach-Kids:

Exemplos de educación entre iguais, que traballamos en Ciencia Activa e que enriquecen moito o proceso de aprendizaxe.

O teatro tamén ten cabida na ciencia!

Dentro do proxecto Ciencia Activa dedicamos un tempo ao teatro coas Aventuras científicas, nas que as alumnas e alumnos elixen científicos relevantes da historia —Einstein, Newton, Marie Curie…—, investigan sobre as súas achegas científicas e, con moita creatividade, deseñan breves escenas teatrais que representan ante o resto do alumnado.

A imaxinación, a creatividade e as capacidades do alumnado son innumerables. Por iso, cando lles facilitamos as vías, deseguida brotan.

Outros recursos que promovemos dentro do proxecto son o concurso de presentacións:

Ou o concurso de microrrelatos científicos, onde poden relatar unha historia inventada empregando termos de ciencia a modo de metáfora (neste vídeo vemos algúns exemplos).

Cada curso, Ciencia Activa procura adaptarse aos novos estudantes, cambiando os blogs en función dos gustos, contribucións  e tarefas que entre todos van ideando. Este pulo inicial pronto se ve recompensado coa altísima motivación e traballo do alumnado. Están desexando que os asombre con esta nova forma de aprender máis participativa, divertida e chea de acción, e moitas veces son os alumnos os que non deixan de sorprenderme e aprendo deles constantemente.

Este proxecto, que cada día me apaixona máis, favorece a adquisición das diversas competencias, produce unha mellora da cohesión e traballo en grupo, permite acadar un desenvolvemento das intelixencias múltiples, atender adecuadamente á diversidade no alumnado, incrementa o vínculo afectivo educando-educador, logrando unha maior implicación dos estudantes que acaban por entusiasmarse coa ciencia e coa aprendizaxe.

Valoración final

Coñecer este proxecto e a gran variedade de tarefas e actividades que realizan, destacando a creatividade, motivación e emprego de ferramentas 2.0, foi unha boa achega de ideas para todos nós, despois de escoitar a relatora e promotora do proxecto propoñéndonos cambiar aspectos das nosas clases. De feito, puxémonos mans á obra co desenvolvemento do proxecto documental integrado As Olimpíadas, no que puidemos levar á práctica algúns aspectos aprendidos no PFPP. A finalidade era fomentar a participación dos estudantes para que perdesen o medo a equivocarse e desenvolver a creatividade e a paixón por aprender.

No curso 2016/17 o CEIP Ben Cho Shey é un dos nove colexios de Galicia que participa no programa Piteas (programa de formación e mentoring para o desenvolvemento do talento nas aulas) co fin de implantar unha metodoloxía innovadora desde a atención á diversidade. Ciencia Activa pode proporcionarnos moitos recursos para iso.

Pero esa será outra aventura…

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

ROBINSON, K. e ARONICA, L. (2015): Escuelas creativas. La revolución que está transformando la educación. Tradución de Rosa Pérez Pérez. Grijalbo.

ACASO, M. (2013): Reduvolution. Hacer la revolución en la educación. Ilustracións de Clara Mejías. Paidós Contextos.

 
Palabras clave: 
Sección: