Tips de ruta
María Jesús Casado Barrio
Profesora de Matemáticas do IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos-Lugo)
mcasado@edu.xunta.es
Mapa rutas saudables
Contextualización
O proxecto Tips de ruta xorde a partir do programa Mobilidade sostible e segura ofertado dentro do Plan Proxecta, e do que o organismo responsable é a Dirección Xeral de Tráfico.
Para o profesorado participante a principal inquedanza foi a mellora da mobilidade dos habitantes da cidade e, particularmente, do alumnado no seu camiño ao centro educativo. Como é habitual desde que empezamos a traballar por proxectos, a fase cero consistiu nunha choiva de ideas de produtos finais que poderían dar resposta a diversos problemas asociados a esta temática. Obviamente, estes produtos deberían estar vinculados a actividades curriculares cunha secuencia coherente que permitise traballar as competencias a distintos niveis e cos distintos bloques temáticos.
Acudimos á rede, á bibliografía das nosas materias, buscando algún enunciado de problemas que se puidesen adaptar a situacións reais de mobilidade, e tamén á rúa, para ver que percorridos son máis ou menos seguros e cales son os habituais dos membros da comunidade escolar. A un tempo fomos creando os recursos necesarios para o traballo en equipo do profesorado (carpetas compartidas en Google Drive) e unha web onde facer visible o proxecto, o blog TIPS de ruta.
O noso centro, IES Francisco Daviña Rey, está situado en Monforte de Lemos (Lugo), corazón da Ribeira Sacra, entre a capital lucense (agora a corenta e cinco minutos en coche pola nova CG 2.2) e a ourensá (a corenta minutos pola N120). Aproximadamente o cincuenta por cento do profesorado vive fóra da cidade e viaxa en coche compartido, cando o horario é compatible, seguindo estas estradas.
A entrada principal do edificio está na rúa Doutor Casares, de sentido único, nunha zona próxima ao centro da vila e ao centro de saúde, con pouco espazo para aparcar, e con vías e beirarrúas estreitas. Isto é un problema porque, como non caben dúas persoas, é preciso invadir a zona dos vehículos co perigo que isto supón.
Unha parte do noso alumnado é de Bóveda, Pobra de Brollón e Rubián, tamén de vilas dos arredores, polo que ven no autobús escolar ou, segundo a idade, en coche particular. O autobús ten un lugar reservado que non sempre se respecta, que ten certa complexidade de manobra e que non está a carón do edificio do centro.
Ademais o noso IES ten formación profesional, con horario diúrno e nocturno, e outro centro educativo preto que non ten bo acceso en coche, polo que sempre hai vehículos ao seu redor complicando o tránsito dos peóns.
Abrindo o estudo á toda a cidade, Monforte ten dous elementos que o caracterizan. O primeiro é o río Cabe, que o atravesa de norte a sur, e que limita a circulación aos lugares onde haxa unha ponte. O outro é o tren, ao que está fortemente vinculada porque durante moito tempo foi o motor económico, con dúas liñas importantes: A Coruña-Palencia e Monforte-Vigo, pero que igual ca o río, só se pode cruzar onde haxa un paso que o permita. A vía está preto das vivendas e nalgunha zona aínda non ten barreiras nin valo protector.
En canto aos hábitos dos seus habitantes e en particular do alumnado e profesorado do Daviña Rey, obsérvase cada vez máis a tendencia de saír camiñar en tempo de lecer, pero non tanto para ir ao traballo ou ao colexio. Este factor foi determinante para a elección do noso produto final mais difundido: o metrominuto.
Obxectivos
As materias nas que se desenvolveu este proxecto foron Matemáticas e Informática, e os cursos participantes, primeiro, segundo e cuarto da ESO e primeiro de bacharelato. A nosa misión principal foi motivar o alumnado cun proxecto actual, innovador, integrador e aberto a toda a comunidade educativa, que os formase como cidadáns responsables.
Como obxectivos máis concretos podemos enumerar os seguintes, englobados en dous bloques, un social e outro didáctico.
Social:
- Identificar, formular e resolver problemas da contorna a partir da súa experiencia cotiá, utilizando para iso as matemáticas, a informática e os recursos dos que dispón o centro.
- Coñecer e difundir a mobilidade sustentable, a través de accións e publicacións realizadas por eles dentro das tarefas escolares.
- Sensibilizar a cidadanía en xeral e o noso alumnado en particular sobre a importancia da seguridade e da sustentabilidade nos seus desprazamentos como viaxeiros e como peóns, principalmente os escolares.
- Concienciar a comunidade educativa da posible prevención de accidentes de mobilidade a partir da análise das súas causas, dando a coñecer as condutas de risco e explicando como evitalas.
- Reducir os riscos nos desprazamentos, sendo conscientes dos elementos urbanos que neles se atopan.
- Potenciar un comportamento cívico no uso da rede urbana e do mobiliario, involucrándose na súa conservación e mellora.
- Xerar sinerxías entre o centro, os organismos locais e as familias, para lograr os obxectivos anteriores.
Unha parte do proxecto desenvolveuse cun centro do país veciño, a través do marco eTwinning, neste caso buscamos similitudes e diferenzas de mobilidade entre as zonas dos dous centros participantes de Portugal e de España.
Skype-etwinning
Didácticos:
- Cambiar o papel do alumnado para que adopte unha actitude activa fronte aos problemas da súa contorna, achegándolle ferramentas tecnolóxicas que lle permitan cambiar esta situación e comunicarse con outras persoas na procura dun ben común.
- Experimentar novas formas de desenvolver unha aprendizaxe innovadora, autónoma e cooperativa a partir das novas tecnoloxías, organizando o traballo a partir de almacéns na nube e sitios de recursos compartidos.
- Facer un uso responsable da rede e do hardware de conexión (dispositivos móbiles, tabletas, computadores), discriminando a información obtida e respectando os dereitos de autor e de imaxe.
- Romper os muros da aula e sacar ao exterior as actividades realizadas utilizando os medios de publicación da web 2.0. dentro dun contexto educativo e de valor social.
- Elaborar novos materiais didácticos relacionados co tema que faciliten o labor educativo doutros docentes.
Alumno 1º ESO. Mapa Geogebra
Recursos
Na lectura dos obxectivos anteriores pode deducirse que tipo de ferramentas TIC precisamos; as principais son as que propician o traballo colaborador e a comunicación en liña: Google Drive, correo electrónico, Skype, aula Moodle, Whatsapp. Así mesmo, as propias das materias implicadas —Geogebra, folla de cálculo, programas de retoque de imaxe e texto— e software de mobilidade, como Endomondo, Google Maps e Google Earth. Tamén software de programación como AppInventor e Scratch.
En canto ás webs consultadas, ademais das que proporciona o Plan Proxecta dentro deste programa, utilizamos wikiloc, un sitio para compartir rutas por todo o mundo que foi a semente das que máis tarde aparecerían no terceiro mapa que desenvolvemos.
Os recursos humanos pasan por establecer a cantidade de horas que empregamos neste proxecto que se prolongou durante todo o curso escolar. Non temos un cálculo exacto, porque ademais de facer unha reunión semanal de equipo, aproveitamos calquera encontro no recreo ou horas libres para compartir ideas ou establecer pautas de traballo. Así mesmo, tivemos apoio e colaboración de compañeiros do centro, do equipo directivo e doutros axentes externos, como as asesoras do Plan Proxecta e da DXT, axentes da Garda Civil, axentes forestais e persoal do Concello de Monforte, entre outros.
Como expertos que impartiron charlas destacamos o xefe da policía local, que nos falou das principais normas de tráfico que debiamos respectar como peóns, das actitudes seguras para previr accidentes, e das tarefas que desenvolve o seu departamento; e ao arquitecto Alfonso Díaz Revilla, responsable da oficina encargada de elaborar o PXOM da cidade, que nos permitiu ofrecer ideas para mellorala. Por último, agradecemos a colaboración de Alberto Varela García, profesor da área de Enxeñería Cartográfica na ETS de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña que aclarou todas as dúbidas que nos ían xurdindo respecto da elaboración dos mapas, e no uso do seu portal de enquisas xeolocalizadas EMAPIC que se está a utilizar actualmente para o proxecto GEOMOVE.
Os medios materiais foron principalmente os que xa tiñamos nas aulas, portátiles Abalar, ordenadores de sobremesa, encerados dixitais e os teléfonos móbiles do profesorado e do alumnado.
Actividades desenvolvidas e metodoloxía empregada
A mobilidade require un cambio de posición entre dous lugares nun tempo determinado e a unha velocidade concreta. Estamos a falar de tres magnitudes, espazo, tempo e velocidade. Como científicos e profesores interésanos esta parte formal e por iso a primeira actividade que deseñamos, e que foi elaborada en primeira instancia polo alumno en fase de prácticas do Mestrado de Profesorado José Antonio López Pérez, consistiu nun problema contextualizado no que se presentaba un mapa con varios lugares monfortinos unidos por segmentos formando rutas. O enunciado completo, a metodoloxía empregada e os aspectos curriculares poden verse na entrada que este profesor fixo para outro dos blogs do proxecto. Nela amósase o diagrama de Gant con todo o proceso do traballo en equipo, tanto por parte do profesorado como do alumnado. Tamén inclúe o noso logotipo dos metrominutos monfortinos [M3] (ideado por el) e as posibles aplicacións sociais no futuro destes mapas que máis tarde levariamos a cabo. Para comprender mellor a actividade fixemos a primeira saída de toma de datos, cun percorrido desde o centro educativo ata San Vicente. Empregando o cronómetro do teléfono móbil e aplicacións de rexistro de actividades deportivas como Endomondo, tomamos tempos e distancias que máis tarde comparamos coas calculadas na aula.
Alumnos de 2º ESO co profesor de prácticas
Despois do éxito desta actividade, decidimos facer o primeiro mapa sinóptico para publicar, o M3 Escolar. Máis tarde sairían o M3 Emerxencias e o M3 Rutas saudables, todos difundidos en formato tríptico e tamén descargables desde esta ligazón. Na mesma carpeta atópanse outros arquivos, como a folla de cálculo das distancias e os mapas elaborados en Google Maps, os modelos reais.
O proceso de elaboración destes modelos matemáticos é o mesmo en todos os casos: a partir dun mapa real (Google Maps) que se pon de fondo na aplicación Geogebra, elíxense os puntos que hai que percorrer e faise un primeiro borrador. Logo axústanse a un modelo xeométrico similar aos mapas de metro, no que o máis relevante é a conexión entre lugares e a harmonía visual que proporcionan os polígonos de tres, catro e cinco lados, as simetrías e as cores. Deseñamos tamén as iconas, os cálculos de tempos e distancias (estas obtidas de Google Maps) e os trípticos. Os mapas están rexistrados no depósito legal de documentos.
Cada un dos tres mapas ten a súa historia, o primeiro, o escolar, foi repartido entre os centros da cidade, para que nenos e maiores se animasen a ir xuntos ao colexio camiñando.
O segundo, o de emerxencias, está pensado para situar os puntos onde se atopan os desfibriladores, o centro de saúde, o hospital comarcal e as farmacias. Con este mapa o alumnado de cuarto da ESO na clase de Informática co seu profesor, Luís Vázquez López, elaborou unha aplicación para android app M3 Farmacias que indica cal é a farmacia de garda en cada momento, teléfonos de urxencias, e distancias e tempos, así como o prezo do taxi.
Alumnos de 4º ESO traballando na App
Ao mesmo tempo que os de cuarto facían a app, os de segundo da ESO estudaban as tarifas dos taxis monfortinos publicadas no boletín oficial da provincia, que nalgún caso non coincidía coa que se estaba a cobrar; e máis tarde compartiron con eles os resultados obtidos.
Aproveitando este estudo, deseñouse unha actividade de equipo co alumnado portugués. Eles tamén elaboraron un metrominuto dos centros educativos de Barreiro e compartiron os datos mediante unha actividade na que os de Portugal calculaban as fórmulas e prezos de desprazamentos por Monforte, e viceversa. Todo o proceso pódese visualizar no portal etwinning do proxecto, que acaba de conseguir o selo de calidade europeo.
O terceiro mapa, de rutas saudables, fíxose despois de asinar un convenio de colaboración co Concello de Monforte. O noso obxectivo era difundir o máximo posible esta publicación, pero tamén precisabamos información sobre lugares de interese que houbese que salientar, rutas xa elaboradas e zonas máis axeitadas para camiñar.
O proceso completo de procura de información sobre posibles rutas, o seu percorrido (que se repartiron entre grupos de alumnos de primeiro e segundo como tarefa de deberes durante as vacacións de Semana Santa), decisión sobre que puntos e rutas elixir, elaboración dos mapas sinópticos en Geogebra, cálculos e montaxe final do M3 durou tres meses. De xeito coordinado, os alumnos de cuarto remataban a app das farmacias e os de primeiro de bacharelato incluían as definicións de metrominuto e mapa sinóptico na Wikipedia en varios idiomas, presentábana en inglés e acadaban un recoñecemento no ámbito internacional.
Unha vez rematado o M3 de Rutas saudables e repartido por hoteis, oficinas de turismo, e diversos establecementos, chegou o momento de utilizalo, percorrendo unha das rutas do mapa. Eliximos a ruta número cinco porque incluía unha zona descoñecida para case todos os participantes, a subida ao miradoiro do monte de Distriz, que é un tramo con bastante pendente, contido que estabamos a estudar na clase de matemáticas.
Paseo pola ruta 5
A experiencia resultou moi gratificante e todos pensamos que había que repetila cando menos unha vez ao ano.
Ao redor dos metrominutos houbo máis actividades que se poden consultar nos tres blogs do proxecto, como presentacións na radio, na prensa e á comunidade educativa, e pequenas actividades de aula de contido estatístico e alxébrico. O terceiro blog contén os xogos elaborados na clase de programación con Scratch polo alumnado de primeiro da ESO, algúns deles teñen de fondo un mapa sinóptico da ruta do Camiño de Santiago de Inverno.
Avaliación e conclusións
Ao noso entender, a importancia deste proxecto radica na inclusión de actividades de aula de mobilidade moi competenciais e motivadoras, cunha achega social clara, e facilmente externalizables mediante os produtos finais obtidos, os metrominutos e a app de farmacias, que chegaron a toda a poboación da zona e doutros lugares, como Barreiro (Portugal).
A idea é sinxela e, polo tanto, pódese axeitar a calquera nivel educativo, pero tamén é moi útil e visualmente atractiva, polo que gusta en todos os lugares onde se presenta. Unindo a isto os bos resultados académicos (as actividades foron avaliadas dentro das probas trimestrais e mediante rúbricas) e as opinións recollidas nas enquisas finais, cremos que se conseguiron a maior parte dos obxectivos propostos, e recomendámoslle ao profesorado interesado que o leve ás súas aulas.
Este proxecto acadou, xunto cos dos catro anos anteriores, o primeiro Premio Proxecta de Innovación Educativa 2016.
Profesorado participante: María Jesús Casado Barrio (coordinadora) e Luis Vázquez López. Como colaboradores, Gema Gandón Bernárdez (Educación Física) e José Antonio López Pérez (prácticas de Mestrado de Secundaria).