Voluntariado na biblioteca escolar

Contribución na socialización e no desenvolvemento das competencias do alumnado
Experiencia co alumnado de quinto e sexto cursos de primaria como "axudantes de biblioteca" no CEIP Amor Ruibal de Barro, centro rural a escasos quilómetros da cidade de Pontevedra. Autoavaliación realizada polo alumnado para dar testemuño do papel socializador e das competencias desenvolvidas co desempeño da actividade.

María Carmen Estévez Pérez,mestra e responsable de biblioteca
CEIP Amor Ruibal (Barro-Pontevedra)
mcarmenestevez@edu.xunta.es

 

A miña experiencia como docente no equipo da biblioteca do CEIP Amor Ruibal remóntase ao ano 2007, e á fronte dela como coordinadora levo desde o ano 2008 ata o presente. O equipo da biblioteca é un equipo estable e, na súa maioría, profesorado definitivo no centro.

Tiñamos conciencia de que había que involucrar a toda a comunidade educativa —profesorado, alumnado e familias— para facer da biblioteca o lugar atractivo, dinámico e activo que hoxe é.

O inicio do cambio produciuse no ano 2011 coa entrada no Proxecto Abalar e, ao ano seguinte, a incorporación ao PLAMBE. "Todo" o profesorado se implicou totalmente a partir deste momento nun proxecto de formación en centro cun plan de acción a catro anos. Participamos tamén no proxecto COMBAS, o que levou a unha reflexión colectiva no centro e cambios na metodoloxía de traballo, conscientes de que a biblioteca tiña que chegar a ser o motor do centro e impulsora de todos os proxectos que nel se desenvolven e sempre en colaboración co EDLG do centro.

O noso lema inicial "A biblioteca: formar, innovar, gozar" segue vixente e témolo presente, sabedores de que a ilusión que nós depositemos nela lla transmitiremos á nosa comunidade.

Desde o curso 2013/14 o alumnado de quinto e sexto nivel de primaria do noso centro ten a oportunidade, de forma totalmente voluntaria, de asinar un compromiso de colaboración coa biblioteca escolar mediante o cal responsabiliza durante un "recreo" semanal de prestar axuda na biblioteca. Poden acudir máis días se o desexan para suplir a algún compañeiro en caso de necesidade.

Durante o mes de outubro e antes de "abrir as portas" da biblioteca no novo curso escolar, en sesións de formación de usuarios para todo o alumnado destes niveis, fálaselles das implicacións do compromiso e ofréceselles a posibilidade de que se inscriban como "axudantes da biblioteca" (asinan o seu compromiso, reciben o seu carné de axudantes e fórmanse os grupos de axudantes para cada xornada).

As tarefas que desempeñan os "axudantes" son de dous tipos:

A. Organizativas e de xestión

En primeiro lugar deben aprender, se non o coñecen aínda, o funcionamento da etiquetaxe dos libros, pois o profesorado responsable rexistra e cataloga os novos fondos e é o alumnado "axudante" quen se encarga de colocar as etiquetas (coa signatura e a cor da sección) para, a continuación, pasarllos novamente ao profesorado do equipo de biblioteca para forrar. Por último, volven estes documentos novamente ao equipo de axudantes para colocalos nos armarios e andeis correspondentes.

Coa celebración do Día da Biblioteca iníciase o servizo de préstamo cada curso escolar.

En anos anteriores o préstamo era manual, en papel, mediante fichas, e atendíao unicamente o profesorado. Desde o pasado curso (2015/16) comezamos o servizo de empréstito no programa Meiga e agora é o alumnado axudante o que se fai cargo, durante os recreos, grazas á aplicación de Autoempréstito do programa Meiga. O alumnado de sexto curso que ten experiencia instrúe os novos axudantes para que se familiaricen coa aplicación.

 Axudantes xestionando o préstamo

Outra función dos "axudantes" é a de recolocar os libros nos andeis logo da devolución dos documentos en préstamo ao caixón das devolucións. Ao mesmo tempo que colocan os libros, revisan que os armarios e andeis estean ordenados.

O alumnado de primaria que visita a biblioteca no recreo pode acceder aos ordenadores para realizar consultas no opac, facer buscas de información, para traballos da aula, entrar nos blogs do centro... A tarefa do equipo de axudantes nesta sección é a de asesorar e axudar a quen ten dificultades, así como a de controlar que se faga bo uso dos ordenadores, cumprindo e facendo cumprir as normas que rexen nesta sección. Ante dúbidas ou problemas, sempre poden acudir á mestra responsable que está con eles na biblioteca.

Dentro deste grupo, a última actividade que realizan no centro é de implantación recente, pois levouse adiante por vez primeira o curso pasado. Consiste na organización e preparación de obradoiros para desenvolver durante os recreos na biblioteca. Buscamos que sexa o propio equipo de axudantes quen se encargue da súa creación e organización. Ás veces en datas sinaladas, ou buscando certa periodicidade, o propósito é que sexan quen de planificar unha actividade sinxela para lle ofrecer ao resto de alumnado.

Malia non sempre estar relacionada coa lectura, o que pretendemos é favorecer a socialización e a propia autonomía do alumnado.

Obradoiros "marcapáxinas montruosos"

B. Lecturas compartidas

Durante a Hora de Ler é habitual no noso centro a realización de actividades de colaboración entre distintas aulas ou niveis nas que todo o alumnado sempre está desexoso de participar. Por esa razón, ao alumnado voluntario gústalle participar en actividades de fomento de lectura e lecturas compartidas, máxime cando se lles pide que eles mesmos sexan quen de preparar as actividades de cara ao alumnado de niveis máis baixos.

Non todas as tarefas desta modalidade que se desempeñan no centro son realizadas en exclusiva polo equipo de axudantes, nalgunhas participa todo o alumnado.

As actividades de lecturas compartidas nas que participa directamente o equipo de voluntariado son dúas:

A primeira chamámola Venres de contacontos. Para desenvolvela, os voluntarios de lecturas preparan contacontos para as diferentes aulas (principalmente para o alumnado de educación infantil), ben como inicio dalgún proxecto do centro (nese caso a biblioteca "suxire" títulos), ben como proposta ou petición dalgunha aula aos axudantes, ou incluso por elección do grupo de axudantes que o vai preparar.

Estes contacontos preparados polo alumnado teñen lugar na biblioteca (na maioría dos casos) ou nas aulas (en ocasións concretas que un grupo pide un conto específico).

 Venres de contacontos no Samaín

A outra leva por nome Lesme un conto? Esta é unha actividade moi recente no centro e realízase ás veces nos recreos, ás veces na Hora de Ler, os axudantes "lenlle" un conto a un grupo ou aula de primeiro ou segundo curso de primaria. Neste caso buscamos que os máis cativos "pidan" a lectura do conto.

Con respecto ás actividades nas que participa todo o alumnado, no noso centro levamos varios cursos desenvolvendo xornadas de contacontos, seguindo unha modalidade que chamamos Contacontos interciclos. Neste caso, grupos de alumnado ou aulas preparan un conto, recitado de poemas, escenificación... para outro grupo ou aula de diferente nivel. Colaboran con nós o IES de Barro (a través do EDLG) e esperamos contar este ano coa Escola Infantil de Barro.

A outra actividade na que participa todo o alumnado do centro é o Apadriñamento lector. Asignámoslle a cada alumno de infantil e primeiro curso un "padriño" ou "madriña" lector dun nivel superior que lle lerá un conto. Esta actividade desenvólvese en distintos lugares do centro segundo a necesidade (aulas, corredores, patios...), deslocalizando ese día a biblioteca. Independentemente da súa realización con todo o alumnado do centro, o alumnado voluntario fará o seu "apadriñamento lector" coas aulas de infantil.

Ofrecemos un código QR coa ligazón ao blog da biblioteca onde presentamos de forma pormenorizada as entradas referidas ao traballo e desempeño do voluntariado.

 www.oblogdemimi.blogspot.com.es/search/label/Axudantes de biblioteca

 

Tal como citamos ao inicio deste artigo, o desenvolvemento/desempeño de todas e cada unha das actividades realízano de forma totalmente voluntaria e autónoma.

No comezo do curso, a mestra responsable organiza os equipos de traballo, pero, a medida que o alumnado vai tomando consciencia das funcións inherentes ao posto e dos seus propios logros, tanto o seu nivel de implicación na xestión do grupo como a súa iniciativa na toma de decisións increméntase de forma exponencial e, en consecuencia, o grao de adquisición das competencias postas en xogo.

Para verificar esta afirmación, presentámoslles aos voluntarios unha escala de valoración na que avaliaron o grao de capacitación que consideraban que adquiriran nas tarefas como axudantes da biblioteca, que presentamos como táboa 1.

Avalío as miñas competencias como voluntario ou voluntaria

 

Se miramos os resultados recollidos e representados nos dous primeiros gráficos —gráfico 1 coa porcentaxe total de logros e gráfico 2 cos resultados en porcentaxes de cada cuestión da escala de valoración feita— e que corresponden aos axudantes que comezan a súa andaina na biblioteca, é curioso comprobar como con só un mes e medio de formación e traballo (unha ou dúas sesións semanais nos recreos) os voluntarios e voluntarias que se están iniciando son conscientes das súas competencias, así como das súas limitacións.

Porcentaxe global no voluntariado de primeiro ano

Autoavaliación do alumnado de primeiro ano

 

Con respecto aos resultados representados no gráfico 3 e gráfico 4 (cos mesmos parámetros ca os anteriores), faise máis salientable a experiencia, pois corresponden estes ao equipo que forman os que están inscritos como axudantes por segundo ano e o nivel de logro das distintas actividades é, por norma xeral, superior.

Porcentaxe global no voluntariado de segundo ano

Autoavaliación do alumnado de segundo ano

 

Para nós, neste intre, é gratificante ver que, logo da autoavaliación, o proceso de "toma de decisións" nalgúns axudantes é máis evidente, pois o feito de rexistralo axudoulles a percibir dunha forma máis nítida todas as funcións inherentes ao rol do voluntariado.

Para rematar, teño que dicir que, despois do tempo que levamos desenvolvendo esta experiencia, hai un elevado grao de satisfacción no centro, non só por parte do alumnado senón tamén do profesorado.

Somos conscientes do seu carácter humanitario e socializador e coidamos que é importante fomentar estes valores entre o noso alumnado.

 

 

Sección: