Sobre bibliotecas e inclusividade

As experiencias inclusivas da biblioteca do IES de Poio

Anxos Rial Vidal
anxosrial@edu.xunta.es
IES Sánchez Cantón (Pontevedra))

De entre a totalidade do alumnado dos nosos centros de ensino, atopámonos todos os cursos cun pequeno grupo de rapaces e rapazas que, por presentar algún tipo de diversidade funcional, pertencer a algún grupo social en risco de exclusión social ou ser alumnado inmigrante, ve limitado o seu dereito a unha educación en igualdade.

A inclusión consiste na adaptación do sistema ao alumnado e non ao contrario e require de mudanzas institucionais, curriculares e didácticas, unha adaptación curricular inclusiva: crear culturas, políticas e prácticas inclusivas que estean ao servizo do noso alumnado.

A biblioteca escolar debe derrubar valados para facilitar o acceso e a participación de todos os seus usuarios; na súa programación débense establecer valores inclusivos e adoptar metodoloxías nas súas prácticas que ofrezan servizo a todos os membros da comunidade educativa, atendendo a alumnos e alumnas con dificultades educativas co fin de que estes desenvolvan todas as súas diversas capacidades e se sintan valorados por igual.

A biblioteca escolar debe ser, pois, dentro do centro de ensino, motor de cambios que favorezan unha educación inclusiva e de calidade, debe coordinar prácticas e actividades que respondan á diversidade do alumnado co fin de axudar á súa inclusión social e académica, debe desenvolver programas de lectura e escritura que apoien o estudo e a mellora no rendemento dos seus usuarios e eviten a exclusión e favorezan a participación.

As medidas que a biblioteca escolar ten que fomentar para o desenvolvemento da inclusividade comezan por abater as barreiras físicas que poidan excluír os seus usuarios. Algunhas destas disposicións poden ser:

Facilitarlle o acceso ao alumnado con mobilidade física reducida ou con algún tipo de limitación visual (a disposición do mobiliario, a instalación de guías sonoras, sinalización en cores ou táctil, instalación de andeis de fácil acceso, por exemplo…).

Na selección da colección dos fondos haberá que atender á adquisición para o seu catálogo de audiolibros, obras editadas en braille, de lecturas adecuadas a alumnos con NEE…, a inclusión nas mochilas viaxeiras de material específico para eles e elas.

No Plan anual de lectura teremos que lle ofertar ao noso alumnado proxectos e programas que faciliten os seus procesos de lectura e escritura, a súa alfabetización informacional e desenvolvemento AMI, deseñar actividades de fomento de lectura nas que todos e todas poidan participar (lectura en voz alta, os contacontos acompañados coa linguaxe de signos ou que se poidan seguir con auriculares, clubs de lectura inclusivos onde participen alumnos con problemas lectores conxuntamente con alumnos sen dificultades etc.).

Solicitamos a opinión das familias sobre como a biblioteca pode favorecer a inclusividade; valoramos e agradecemos estas achegas, que compartimos, pois consideramos un punto de incidencia para ter moi en conta os consellos e a cooperación das nais e pais destes alumnos e alumnas para o deseño da programación anual da biblioteca:

R. B. suxire: “A estes nenos e nenas gústalles moito oír a alguén que lles conte historias e poder facer algunha sesión de contacto cos rapaces maiores e incluso eles poden contar algunha historia coa axuda de imaxes dos principais personaxes do conto ou con marionetas, teatro de sombras, kamishibai...”.

L. F. achéganos: “Respecto dos fondos, ter en conta as dificultades dos rapaces, como as visuais, buscando textos con letra grande e máis fácil de ler, o tipo de letra tamén inflúe moito; buscar temas que os atraian para fomentar o seu interese na lectura; respecto das actividades, moitas das que se organizan non están ao seu alcance, poderíanse buscar algunhas máis sinxelas ou que as poidan facer en grupo para contar co apoio dos compañeiros; en canto ás mochilas viaxeiras, son iguais para todos os alumnos, non teñen en conta os seus intereses e posibilidades”.

O. L. comparte con nós: “Garantir a accesibilidade cognitiva (a través de pictogramas, apoios visuais ou calquera outro medio que sexa necesario); a coordinación do profesorado que traballa con alumnado NEE e a persoa responsable da biblioteca para detectar as necesidades e intereses e deseñar medidas, ademais dunha intervención lectora para formar este alumnado como usuario de biblioteca. Unha boa selección de lecturas adaptadas. Visualizar, sensibilizar e concienciar. Este apartado é tan importante coma todos os anteriores. A biblioteca escolar pode promover a inclusión do alumnado con diversidade entre toda a comunidade educativa, moi especialmente entre o profesorado e o alumnado: con fondos que teñan as necesidades educativas como temática, coa conmemoración de determinadas datas que visualizan a realidade dun colectivo desfavorecido que ademais é susceptible de sufrir acoso por razón da súa condición, coa posta en marcha ou coordinación de proxectos que teñan a diversidade como eixe central.

Teñamos, pois, en conta estas indicacións e deámoslles voz aos coidadores e coidadoras máis achegados ao alumnado e que mellor coñecen as súas necesidades.

Na biblioteca do IES de Poio desenvolvemos dous proxectos deseñados para favorecer a inclusión de alumnos e alumnas do noso centro que presentaban dificultades de lectura e escritura (curso 2013/14) e promover a inclusión social e a igualdade (curso 2015/16).

1. Proxecto de apoio á mellora da lectura e da escritura de alumnado con NEE

Neste proxecto participou alumnado de primeiro da ESO que presentaba moitas carencias no seu proceso de aprendizaxe (algunha delas orixinadas por limitacións auditivas, un alumno con síndrome de Asperger…) e unha autoestima moi baixa.

Os obxectivos do programa, entre outros, foron perfeccionar as súas competencias lingüísticas en lectura e escritura, crear hábitos lectores, aprender a escribir para aprender a ler (e viceversa), achegalos aos novos sistemas de alfabetización e ás TIC, aproveitar os recursos e fondos que proporciona a biblioteca co fin de compensar desigualdades e aumentar a autoestima.

A metodoloxía empregada prevía a creación dun blog como diario de aprendizaxe e como soporte para as súas creacións a partir da obra de lectura, a participación nun obradoiro de kamishibai, o teatro lido e a participación en actividades complementarias. Todas as intervencións se realizaron na biblioteca e dentro do horario lectivo do alumnado, unha hora á semana quincenalmente e unha hora de lecer ao mes para a participación en actividades complementarias en colaboración coa biblioteca. As sesións foron desenvolvidas pola persoa coordinadora da biblioteca e do Departamento de Lingua Galega e Literatura.

Algunhas das tarefas e a evolución do proxecto foron: a creación do club de lectura coa práctica arredor da novela Kafka e a boneca viaxeira de Jordi Sierra y Fabra (Colección Árbore, Editorial Galaxia); as pescudas na rede sobre o personaxe de Kafka, o escritor e a súa obra; traballamos o xénero epistolar mediante a redacción dunha carta respectando a súa estrutura (carta que foi enviada á profesora por correo postal); as primeiras gravacións co teléfono móbil do alumnado lendo a obra que se escoitaron posteriormente para reflexionar sobre as súas prácticas da lectura en voz alta.

Apertura do blog Gondalbelys / Sarjoborajma e presentación: http://gondalbelys.blogspot.com.es/

Desenvolvéronse outras tarefas, como a interacción coa contorna, a ampliación textual, os lugares da novela, a creación dun mapa xeográfico e dun pinterest; as análises, interpretacións e opinións da lectura, o muro de Kafka e a boneca viaxeira; a proposta dixital das tarefas; a busca de información e a interacción co mundo físico, os mapas dixitais (Imos de safari con Bríxida, Tanzania e os Massai); o obradoiro de kamishibai coa escritora Suevia Sobral e a súa preparación; a recreación textual, creamos novos personaxes para introducilos na novela.

Coa rúbrica de avaliación, aprendemos a valorar as lecturas e avaliamos o noso traballo do club de lectoescritura. A percepción da evolución da aprendizaxe do alumnado por parte da profesora mediadora do club foi por momentos irregular xa que os avances eran lentos e ás veces pouco explícitos; a autoestima do alumnado foi mellorando, sentíanse parte dun grupo que pouco a pouco ía cohesionando, a mellor mostra da súa madurez constatouse o día que realizaron a avaliación xa que, ao redactala en parellas, uns corrixían a ortografía e a redacción dos outros. Foi precisamente esta metodoloxía de traballo entre iguais, en parellas, unha das que deu mellores resultados ao sentírense ao tempo docentes e discentes.

A actitude do alumnado fronte á lectura xa non é tan negativa e o feito de utilizar o ordenador na redacción das tarefas levou a algún alumno, que segundo o seu profesor de lingua “non colle nin o bolígrafo na aula”, a redactar pequenos textos e a mostrar interese por elaboralos con corrección. É un indicador moi positivo de que os libros xa “non morden”.

Perfeccionaron as competencias lingüísticas de lectura e escritura e creáronse hábitos e novas prácticas lectoras e de escritura, xogaron coas palabras, experimentaron coa lingua, divertíronse e sorprendéronse, leron para descubrir, coñecer o mundo e interpretalo.

2. PALMAS: proxecto de inclusión social e fomento da convivencia e da igualdade entre xéneros

No IES de Poio contabamos no curso 2015/16 cunha poboación numerosa de alumnado de etnia xitana que vive nun poboado marxinal no cal unha parte dos seus moradores sobrevive do comercio coa chatarra e outra do tráfico de substancias ilegais.

Son alumnos cunha problemática social moi diferenciada á do resto, sen formación ou educación en valores e afeitos a resolver os conflitos con berros e golpes; as raparigas están minusvaloradas e carecen de control sobre as súas perspectivas de futuro. Este colectivo está xerando moitos conflitos de convivencia no centro, coas consecuentes medidas disciplinarias: expulsións e a apertura de expedientes como única medida correctora.

Desde a biblioteca propuxémonos programar un proxecto que axudase a mellorar a situación e favorecese a inclusión e integración destes alumnos e alumnas de etnia xitana; formamos con eles (e un pequeno número de alumnas payas) un grupo que se reunía unha hora lectiva á semana para fomentar a tolerancia e o respecto a través da lectura e da música como antídotos contra unha concepción do mundo excluínte e revulsivos contra a violencia. Esta actividade serviu para mellorar as súas competencias en comunicación lingüística, en competencias sociais e cívicas, en conciencia e expresións culturais.

Os obxectivos centráronse en favorecer a través da música e das lecturas o respecto cara ás persoas e os colectivos excluíntes/excluídos; recoñecer os factores que xeran a agresividade, a desigualdade e a exclusión no ámbito persoal e social.

O alumnado implicado cursaba primeiro ciclo da ESO, ao que conquistamos permitíndolle que compartise connosco a súa música, interpretando as súas cancións e escoitándoo. Nesta actividade participamos profesorado pertencente ao equipo da biblioteca e coordinador de grupos de clubs de lectura.

Organizabamos un encontro quincenal (que se adiantaba no caso de producirse algún conflito) no que se leron textos relacionados coa formación en convivencia e non violencia que foron apoiados por música escollida e interpretada polo propio alumnado. Facilitouse o diálogo sobre temas relacionados coa tolerancia e igualdade.

As profesoras parten sempre dun texto escollido previamente que se le no inicio da sesión e serve de punto de partida para dirixir o diálogo; trátase dunha selección textual, realizada por unha das profesoras, de textos literarios (poemas e pequenos relatos) ou non literarios (cartas, documentos) relacionados co mundo xitano, coa igualdade ou coa non violencia.

Nalgunha ocasión, coma na sesión de igualdade coas mozas, comezamos coa proxección dun vídeo relacionado coa violencia de xénero a maiores da lectura.

No comezo do curso era impensable que os alumnos do noso grupo entrasen voluntariamente na biblioteca se non era acompañados da súa clase, agora están cómodos nesta contorna e acceden con fluidez aos fondos e aos recursos (fundamentalmente informáticos) que a biblioteca lles ofrece.

Estes alumnos e alumnas non posúen libros no seu fogar (algúns deles viven en chabolas) nin conviven con eles (algúns non teñen nin libros de texto e, evidentemente, no seu poboado non hai biblioteca) e na biblioteca é onde se lles facilita o material que precisan. Serve, pois, a nosa biblioteca como recurso para achegalos á cultura impresa e á cultura dixital, posibilidade que noutro caso lles estaría negada.

Valoración e resultados: os resultados obtidos desta actividade son pouco visibles dado que é moi complicado avanzar e mudar comportamentos que son un referente entre as persoas da súa etnia. Houbo sesións das que saímos moi satisfeitos e con expectativas de logro que se derrubaron ao día seguinte, realmente os pasos foron lentos, cara adiante e cara atrás, pero confiamos na pegada que os diálogos puideron deixar nos participantes. Si que constatamos que o alumnado acode agora na nosa busca cando se ve ante un conflito, usa o diálogo para facerse entender e a súa autoestima mellorou.

No que respecta ás lecturas, ver un libro de García Lorca nas súas mans foi unha gran satisfacción e escoitalos ler os seus poemas tamén, aínda que comprobamos que o mellor xeito de que os versos cheguen a eles é coa música, polo que se promoveu esta modalidade en todas as sesións.

Indicadores de avaliación positivos son a mellora da convivencia na aula e no centro (a redución do número de expedientes abertos e partes de aula), a desaparición das agresións físicas, a mellora na actitude de escoitar ao outro e de establecer un diálogo para resolver os conflitos (impensable ao comezo de curso), a creación de intereses e motivación do alumnado participante nas actividades do proxecto e nos seus propios estudos, a mellora no deseño e aplicación de prácticas inclusivas e na xestión de conflitos de convivencia para o profesorado.

A experiencia de participación nestes dous pequenos proxectos afirmou a nosa convicción da grande importancia de desenvolver unha educación inclusiva nos nosos centros de ensino e do papel como promotora e de apoio da biblioteca escolar nesta tarefa.

 

 

Sección: