Superheroes e superheroínas

Proxecto Tic Audiovisual, Caranguexo Films
Experiencia educativa na que o alumnado utiliza os recursos da linguaxe cine-matográfica en Educación Plástica Visual e Audiovisual, co que se posibilita que abran vías de experimentación, buscando novas formas de expresión e creación a través das novas tecnoloxías. Colabórase con outros departamen-tos, desde unha didáctica interdisciplinar e transversal, fomentando a educa-ción en valores.

Profesora coordinadora: Luz María Beloso Rodríguez
Educación Plástica Visual e Audiovisual no IES As Barxas - Moaña
beloso@edu.xunta.es

Introdución

No IES As Barxas de Moaña levamos xa seis anos traballando o recurso au-diovisual e cada ano é sempre diferente, e obtemos moi bos resultados tanto en participación como na calidade do traballo. Os recursos como o audiovisual e a animación responden sempre moi ben ás necesidades e oportunidades do mundo cambiante no que vivimos. Actualmente a imaxe que proxecta o noso centro é a dunha gran produtora au-diovisual e a participación sempre é moi global: alumnado, profesorado, fami-lias, veciños, o que mellora moitísimo as relacións persoais e a autoestima de todos os participantes.

A idea de crear un proxecto ao redor dos superheroes xorde das inquietudes do noso alumnado (eles son a nosa fonte de motivación no traballo diario), e serviu ademais para dinamizar o centro e conectalo coa nosa contorna ao proxectar todas as curtas realizadas ao final de curso, nun festival audiovisual cunha gran difusión mediática na vila de Moaña.
No proxecto participou o alumnado de terceiro da ESO (animacións), cuarto da ESO (creación de curtas e animacións) e primeiro de bacharelato (curtas e animacións), aínda que colaborou toda a comunidade educativa, 70 alumnos e 10 profesores; un número moi alto tendo en conta que somos un centro peque-no. Tamén participaron pais, nais, avoas, xente da vila, a asociación DOA de Cangas, músicos como Jorge Vidal, a cantante de rap asturiana A Ziega, escritores como Isabel Branco e Miguel Alonso Diz, o psicólogo Isaac Figueroa Pi-ñeiro, o Gabinete Psicopedagóxico Olga, Ana Fernández e a enfermeira espe-cialista en saúde mental Rosa Díaz Beloso.

Pero, por que o tema dos superheroes? Quen son para nós os superheroes?
Os nosos superheroes son persoas de carne e óso, eles están ao noso lado, afrontan dificultades e están á fronte de batallas moi duras. Esta é a nosa ho-menaxe a todos eles, tratando temas como o acoso, a transexualidade, a saúde mental, o cancro, a diabetes ou a violencia de xénero. Cito un fragmento do guión da curta A muller lamprea, escrito un ano máis pola nosa compañeira e escritora Iria Collazo: “Os heroes e heroínas non sempre forman parte de lendas. Constrúense cada día. Todos podemos ser heroes e heroínas”.

Descrición da actividade

O proxecto audiovisual Caranguexo Films parte da Área de Educación Plástica e implica a toda a nosa comunidade educativa: profesores, pais, nais, colaboradores, asociacións e un gran número de alumnas e alumnos no proxecto. Este proxecto naceu non só co obxectivo de producir curtas e animacións senón co de desenvolver as capacidades persoais e profesionais do alumnado (e de toda a nosa comunidade educativa); a través da creatividade queremos educar bos cidadáns que melloren o mundo no que vivimos.

A falta de motivación do alumnado fainos crear e deseñar novos proxectos cada ano, nos que buscamos a implicación do alumnado e da comunidade. Traballamos desde a emoción, poñendo moito corazón en cada novo curso. Levamos xa seis anos traballando o recurso audiovisual e cada ano é sempre diferente, e obtemos moi bos resultados tanto en participación como en calidade do traballo. Actualmente a imaxe que proxecta o noso centro é a dunha gran produtora audiovisual e a participación é moi global: alumnado, profesorado, familias, administración, veciños, o que mellorou moitísimo as relacións persoais e a autoestima de todos os participantes.

O principal obxectivo, coma sempre, é motivar e ilusionar, non só o alumnado senón os nosos compañeiros, toda a comunidade educativa e a nosa contorna en xeral. Isto implica necesariamente estar en constante evolución, ser curioso, crear, innovar, adaptarnos aos novos tempos, ver que necesidades ten o noso alumnado, escoitalo máis e falar menos.
Motivar desde o acto creativo: a creación dunha curta ou dunha animación é un proceso creativo estruturado e planificado, onde é imprescindible traballar con ferramentas TIC para o seu deseño e produción.
Nós tamén escapamos, do mesmo xeito ca o noso alumnado, dese ensino caduco das clases maxistrais onde o profesor se segue empeñado en usar exclusivamente o xiz e o encerado. O profesor é o guía, aconsella e facilita o traballo do alumnado, o audiovisual é froito dun traballo en equipo, onde o esforzo colectivo se centra no ben común, cada novo proxecto é un novo obxectivo, un novo acto creativo onde todo o equipo traballa como unha única persoa cun único fin: comunicar unha idea, un pensamento.

O noso segundo obxectivo é a repercusión, presentándoo nun festival audiovisual, aberto a calquera persoa que queira vir e ao que acoden pais, alumnos, alumnas, xente da vila, de fóra. Este é un elemento motivador, xa que o alumnado ve recompensado o seu esforzo, as súas obras son coñecidas e que o público rompa en aplausos é sempre o mellor premio, e a auténtica avaliación deste proceso.


Trátase sempre dunha aprendizaxe transversal, onde colaboran todos os departamentos, xa sexa na investigación e documentación sobre cada temática, na elaboración de guións (Lingua Castelá e Lingua Galega), creando camisetas co logo da produtora para o día do festival (Economía), actuando, facilitando e creando espazos. Nos días previos, o centro é decorado integramente, para o evento e na vila repártense carteis sobre as curtas, un labor de difusión que é tarefa de toda a comunidade educativa.
Outros obxectivos son:

  • Coñecer todo o proceso de creación dun proxecto audiovisual, desde a elaboración do guión gráfico á realización, edición e posterior difusión na rede.
  • Desenvolver destrezas onde é necesaria unha competencia na comunicación audiovisual, analizar e reflexionar sobre as mensaxes audiovisuais, coñecer os seus códigos e ser capaces de utilizalos para comunicarnos.
  • Manexar os equipos de rexistro visual, os programas de edición, os sonoros, así como a manipulación da imaxe dixital, de forma que sexan capaces de expresar e plasmar aquilo que senten sen ningún impedimento.
  • Fomentar a creatividade: o alumnado é produtor de arte, a creatividade é sempre o noso obxectivo máis importante, necesitamos xente máis creativa neste mundo en cambio e que respecte os dereitos de autor. A nosa música ou está cedida polo músico (que nos dá o permiso para utilizala, como o caso da rapeira A Ziega) ou é libre de dereitos.
  • Traballar temas tabús sobre todo: trátase dunha educación para a vida, traballando temas que preocupan os nosos adolescentes, como as enfermidades mentais ou a transexualidade. Estes aspectos non adoitan traballarse na aula e constitúen un aspecto básico na formación e crecemento persoal de calquera persoa, por iso, quizais a mellor forma de facelo, sexa mediante un proxecto audiovisual, que permite que o alumnado se informe, fomente o seu espírito crítico e chegue ás súas propias conclusións, mediante un proceso no que aprenden profesora e alumnado (sempre asesorados por expertos).

A metodoloxía é activa, aprendemos facendo, o alumnado aprende en distintos momentos do curso 2015/16 a realizar un guión, planificar mediante o guión gráfico, desenvolve destrezas onde é necesaria unha competencia na comunicación audiovisual, analiza e reflexiona sobre as mensaxes audiovisuais, coñece os seus códigos e é capaz de utilizalos para comunicar, aprende a manexar os equipos de rexistro visual, cámaras de fotografía, vídeo, os programas de edición e manexa distinto software de animación para os proxectos e os créditos das curtas ao estilo dos motion graphics.

Traballando por grupos, asumiron o papel de director, cámaras, editaron o son, foron actores, animadores, maquillaron, buscaron o vestiario e os escenarios. Eles son os protagonistas en todas e cada unha das fases do proxecto, incluíndo a súa difusión cun festival audiovisual, que eles presentan e onde expoñen os seus traballos. Trátase de asumir responsabilidades, todos teñen un papel dentro do plan da rodaxe. Son como o mecanismo interior dun reloxo, se unha peza falla, o reloxo detense.

Valoración

  • Motivamos e ilusionamos, desde a emoción e a creatividade, non só o alumnado senón tamén os nosos compañeiros, toda a comunidade educativa e a nosa contorna en xeral.
  • Fomentamos o traballo en equipo, a negociación, a resolución de conflitos, a planificación e a cooperación a través dun enfoque creativo e lúdico.
  • Conectamos os diferentes axentes dentro do ámbito da escola e esta coa contorna.
  • Levamos a cabo unha aprendizaxe transversal e significativa, combinamos varias actividades interdisciplinares. A realización dun produto audiovisual é un bo recurso para fomentar valores e é, ademais, claramente interdisciplinar.
  • Fomentamos o traballo en rede e o uso das tecnoloxías da información, a aprendizaxe e a comunicación.
  • Traballamos a innovación tecnolóxica en software gráfico, animación etc.
  • Coñeceron todo o proceso de creación dun proxecto audiovisual, desde a elaboración do texto, de guións gráficos, filmación, edición e posterior distribución e difusión. Isto implicou desenvolver destrezas onde é necesaria unha competencia na comunicación escrita, analizar e reflexionar sobre as mensaxes, coñecer os seus códigos e ser capaces de utilizalos para comunicarnos.
  • O alumnado tamén se manexa no campo da escritura creativa, os programas de edición, a comunicación oral, de forma que foi capaz de expresar e plasmar aquilo que sente sen ningún impedimento.
  • Crearon un proxecto audiovisual totalmente orixinal, feito por alumnos e alumnas dentro do currículo escolar e cos poucos medios que contamos, tocando temáticas de grande importancia social e buscando que os nosos produtos se convertan nun detonante do espírito crítico e conciencia individual, promovendo a mellora da sociedade.
  • Traballaron todas as competencias básicas e, en especial, melloraron a atención á diversidade a través das TIC.
  • Difundimos a cultura libre e empoderamos os creadores, o alumnado sempre é o protagonista.

 

Avaliación

Os criterios de avaliación para o proxecto baseáronse en aprender a avaliar entre iguais. A autoavaluación constante foi a clave para traballar as trece curtas e animacións que se realizaron durante o curso 2015/16, e o alumnado foi o produtor de arte e coñecemento. Puxemos en común cada unha das curtas en distintos momentos do segundo trimestre, corrixindo e volvendo repetir escenas se era necesario, todos opinamos e valoramos, alumnado e profesora, asumindo sempre o papel de guía en todo este proceso, dando información, aconsellando ou facilitando recursos.

1. Nunha primeira fase valorouse a creatividade e claridade do guión das curtametraxes cunha exposición en grupo.

2. Nunha segunda fase valorouse a autonomía e a toma de decisións do alumnado.

3. Eles valoraron os proxectos de cada equipo en función duns criterios establecidos.

4. No proceso de avaliación tamén hai que incluír a difusión do proxecto.

As enquisas a profesores/alumnos destinatarios dos nosos produtos e servizos audiovisuais danlles unha nota media de 10, e destacan a calidade das curtas, a orixinalidade dos guións, a profesionalidade na procura e tratamento da información, así como a sensibilidade e emotividade das interpretacións. A valoración de profesionais, asociacións, gabinetes etc. foi moi gratificante. O seguimento nos medios locais —El País, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Morrazo ao día etc.— foi moi amplo e favorable.

Esta experiencia tivo lugar desde setembro de 2015 a xuño de 2016, pero resultou tan motivadora que xa estamos a pensar en novas edicións para o curso seguinte, no que continuaremos investigando nas posibilidades da animación, a realidade aumentada.

Resultados

Esta páxina web recolle todo o proxecto, os trece traballos realizados, así como os recursos empregados. O proxecto divídese en curtas e animacións segundo a técnica empregada:

CURTAS

1. Ariadna quere ser Teseo. A curta pertence á web serie A muller lamprea. A nosa heroína sae loitar co Minotauro cada día. Unha curta que trata o tema da transexualidade na aula, partindo dun guión escrito, un ano máis, pola profesora e escritora Iria Collazo.

2. Beta. O debut na diabetes contado con moito humor por Isabel Cascante, alumna guionista e directora do proxecto. Segundo as súas propias palabras: "Con esta curta pretendiamos dúas cousas: unha era informar a xente sobre a diabetes de tipo 1 ou infantil, que se confunde a miúdo coa diabetes tipo 2, a pesar de ser enfermidades moi distintas (a tipo 1 é autoimmune, a diabetes tipo 2 está ligada principalmente ao estilo de vida: sedentarismo, mala alimentación). Outro obxectivo era desdramatizar a situación porque, a pesar de que a diabetes parece un grande inconveniente ao principio, moitas persoas conviven con ela e poden levar unha vida totalmente normal, o que cremos que é algo moi positivo.

3. Iris. A esquizofrenia irrompe na vida de Iris, e ela terá que adaptarse á súa nova vida co espírito dunha auténtica superheroína.

Esta curta dirixida, editada e producida por Nerea L. de Castro, divídese en escenas para explicar como Iris, a nosa protagonista, interpretada por Cynthia González, se enfronta a esta enfermidade. Segundo palabras da alumna de cuarto da ESO, Nerea Lareu: “grazas a asociacións como DOA en Cangas do Morrazo ou o Gabinete Psicopedagóxico Olga, aprendemos que esta enfermidade é tratada como un tabú, creando un rexeitamento con só nomeala. Nós queremos cambiar iso, queremos loitar contra o estigma, é unha enfermidade máis común do que cremos, un 1 % da poboación padécea. Coas pautas necesarias e a medicación podes facer unha vida normal, temos que normalizala, falar sobre ela”.    
Nesta curta implicouse a asociación DOA en Cangas, que nos prestou material para informarnos sobre a enfermidade, nos deixou gravar nas súas instalacións e a súa directora, Estrela, revisou o guión xunto á enfermeira especialista en saúde mental Rosa Díaz Beloso, que o supervisou.
Contamos cunha composición de Jorge Vidal con música orixinal adaptada á curta. O Gabinete Psicopedagógico Olga deixounos as súas instalacións e varios dos seus membros actuaron na curta xunto a Ana Fernández ou o psicólogo Isaac Figueroa.

4. Corazón de superheroe. Un corazón que regala vida, o noso heroe é doador de órganos.

5. Cicatrices. Unha curta necesaria sobre os malos tratos.

6. Micromachismos cotiáns. Non permitir os micromachismos é a base de todo. Non á violencia invisible!

7. Lingua que traba. Unha curta sobre os prexuízos lingüísticos creada polo alumnado de primeiro de bacharelato partindo dun guión de Brais Pérez e coa colaboración de María José Soto, unha profesora sempre disposta a loitar connosco en calquera batalla.

ANIMACIÓNS

8. Latexos (Poema do escritor Miguel Alonso Diz). Animación 2D de terceiro da ESO dedicada ás mulleres do mar en Galicia. As nosas superheroínas, as mariscadoras, as mulleres da nosa ría de Vigo.

9. Píntame de rosa. Animación 2D de primeiro de bacharelato que parte dun poema da escritora Isabel Branco sobre o cancro de mama.

10. Non somos invisibles. Grazas a unha proposta da profesora Ana Moreiras, botámonos para diante e decidimos empezar este proxecto. O meu alumnado necesitaba documentarse e empezamos a informarnos sobre a endometriose, unha gran descoñecida para moitos de nós. Unha enfermidade sobre a que apenas se investiga, ignorada e invisibilizada malia afectar a  moitísimas mulleres (do 10 ao 15 % da poboación feminina), tardando anos en ser diagnosticada.Pode verse máis sobre este proxecto nesta ligazón.

11. Non aos malos tratos (violencia de xénero). Unha animación realizada coa técnica da rotoscopia por terceiro da ESO. Case 3000 debuxos dan vida a este vídeo que ilustra a música da artista asturiana A Ziega.

A rotoscopia consiste en debuxar os fotogramas un a un a partir dun vídeo orixinal. O proceso comeza coa gravación do vídeo que queremos animar. Despois de gravar o vídeo, procederemos á súa fragmentación en imaxes; para que o movemento sexa natural o ideal é capturar 24 imaxes por cada segundo de animación, aínda que con nove nós conseguimos movemento. Ao terminar de capturar as imaxes ou exportalas co Imovie, imprimímolas, os meus alumnos e alumnas realizaron a animación á man debuxando, un por un, cada fotograma en papel vexetal. Coas novas imaxes (escaneadas ou fotografadas unha por unha co móbil, tableta ou cámara) creamos a animación, podes realizala co mesmo software que utilizas para realizar un stop motion, desde o Monkey jam para Windows ou o Frame, o propio Imovie para Mac ou Movie maker para Windows.

Véxase a ligazón con recursos.

12. Cabelos de batalla, curta premiada no FICBUEU 2016 (Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu). Unha animación do alumnado de cuarto da ESO que loita nunha batalla moi dura, a do cancro infantil. Unha vez máis, o escritor Miguel Ángel proporcionounos un fermoso poema para esta curta e así darlles visibilidade aos nosos pequenos heroes.

Conclusións

Cremos que a experiencia foi moi estimulante e motivadora para todos e que mellorou, notablemente, as relacións persoais. Contribuíu tamén a que todos tomemos conciencia de que as capacidades das persoas son diferentes, de que cada un ten as súas, pero todas son válidas e que xuntándoas podemos chegar a producir moi bos resultados. Sobre todo cremos que ensinar e aprender pode ser moi divertido e que só se aprende aquilo que se ama.

 

Outras ligazóns de interese:

CURTAS DO VI FESTIVAL 

CANLE YOUTUBE EDUPLÁSTICA

CANLE VIMEO EDUPLÁSTICA

EDUCORTOS, blog

VI FESTIVAL AUDIOVISUAL AS BARXAS

CURTA PREMIADA DO NOSO PROXECTO NO FICBUEU (BOTÓNS, PORTAL GALEGO DE EDUCACIÓN)

RECURSOS DE ANIMACIÓN, FRAME BY FRAME (JUAN SICILIA E LUZ BELOSO)

 

        

Sección: