Feira BETT en Londres

Feira BETT en Londres

Unha aposta pola innovación das TIC no ensino

Mónica García Lago
Especialista en Educación Infantil
CRA de Narón (A Coruña)

BETT é unha feira anual que se leva a cabo na cidade de Londres a mediados do mes de xaneiro, no recinto feiral Olympia Exhibition Center. Alí concéntranse durante catro días numerosas empresas e profesionais que comparten os seus produtos e as súas experiencias e que presentan, ano tras ano, melloras e innovacións tanto en hardware como en software aplicado sempre á educación desde os niveis iniciais ata os superiores.

 
   
 

Os mestres da comunidade galega que asistimos a este evento gratuitamente facémolo invitados por Group Vision, distribuidor autorizado dos produtos Smart para España.

O día da inauguración da feira, Group Vision organiza unha cea-seminario na que mestres da escola pública e privada de diferentes comunidades, así como expertos en novas tecnoloxías aplicadas á educación de diferentes países, debaten sobre as posibilidades e mellor aplicación das TIC en contextos educativos determinados. Fálase, entre outros temas, sobre os problemas actuais que presenta a aplicación destas tecnoloxías innovadoras nas aulas (formación, materiais e mantemento fundamentalmente), así como das posibles solucións.

 
 
                         

Os temas que se van tratar preséntanse ao comezo da cea, para que poidamos discutilos en pequenos grupos durante esta; despois da sobremesa procédese a abrir un debate no cal todos temos cabida.

Á parte do debate, tamén se presentan proxectos e experiencias innovadoras como, por exemplo, o proxecto Magallanes de Portugal (proxecto de colaboración entre a empresa Intel e Microsoft e Samsung, consistente en dotar, por parte do Goberno portugués, a todos os escolares dun ordenador pequeno, distribuído gratuitamente ou a un prezo máximo de 50 €, co obxectivo principal de introducir as TIC dentro do ámbito social e educativo nas zonas menos favorecidas economicamente de Portugal), ou relatorios que ofrecen propostas para mellorar o proceso de aprendizaxe mediante o uso das novas tecnoloxías.

 
 
 

Ao día seguinte visitamos BETT, a cal, como todos os anos, reúne dentro das súas instalacións unha media de 650 expositores de máis de 100 países. Durante os catro días que dura a feira, pasan por ela máis de 30.000 persoas, a maioría, relacionadas co ámbito educativo.

  
 

A páxina web dedicada a BETT (http://www.bettshow.com) informa sobre as conferencias, obradoiros e seminarios que ofrecen os diferentes postos para que poidamos asistir aos que desexemos. 

Os galegos tamén temos presenza nesa feira, represéntanos a empresa Netex, dedicada á transformación de contidos mediante a dixitalización de libros e á creación de contidos propios, a cal ten a súa sede na Coruña.

 
 

Todos os expositores poñen á nosa disposición os seus produtos para que poidamos probalos alí e mesmo os venden cuns descontos especiais. Desta forma puidemos probar a mesa interactiva de Smart, encerados dixitais, software para desenvolver actividades en 3D...

Toda unha experiencia que recomendo, sen dúbida, para profesores innovadores e amantes das novas tecnoloxías.



Bibliografía: 
Sección: