Un paseo pola música de Galicia

O presente recurso dixital consta de cinco grandes bloques temáticos a través dos que se fai un percorrido pola historia e os aspectos máis característicos e distintivos da música de Galicia, tomando como punto de partida a música medieval e rematando na música pop e rock do século XXI.

Óscar Iglesias Vázquez
Profesor de Música no IES de Viós (Abegondo)
oscariglesias@edu.xunta.es

Introdución

Hoxe en día son moitos e moi variados os recursos dixitais que temos á nosa disposición en Internet. Independentemente da etapa educativa ou da materia da que se trate, a rede poderá fornecernos case con total seguridade calquera material que precisemos nun momento dado. Así, no caso da educación musical na educación secundaria obrigatoria, atopamos actividades de todo tipo: sobre o oído e a voz humana, familias instrumentais, linguaxe musical, historia etc. Con todo, considero que o número das relacionadas coa música da nosa comunidade é case insignificante se o comparamos con outras do tipo das anteriormente citadas, especialmente se buscamos algunha que nos permita obter unha visión xeral da música feita en Galicia.

É neste contexto no que xorde a idea de Un paseo pola música de Galicia. Nace coa finalidade de reunir nun único ODE (obxecto dixital educativo) unha serie de contidos e actividades sobre a nosa música, de xeito que tanto o profesorado como o alumnado poida acceder dun modo rápido e sinxelo a unha gran cantidade de material didáctico sobre o tema, tratado aquí no seu conxunto.

Portada de Un paseo pola música de Galicia

Obxectivos

A maiores dos obxectivos específicos propios dos bloques temáticos que compoñen este recurso, os cales aparecen reflectidos na guía didáctica que o acompaña, Un paseo pola música de Galicia pretende contribuír á consecución dos seguintes obxectivos xerais:

1.  Coñecer, apreciar e valorar o patrimonio musical galego.

2. Recoñecer a importancia da música como elemento fundamental para a configuración e desenvolvemento da identidade cultural de Galicia.

3. Utilizar de forma autónoma e responsable as novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC) para o coñecemento e gozo da música galega.

Recursos empregados

As principais ferramentas utilizadas na elaboración deste proxecto son eXeLearning e LIM, ambas as dúas plataformas moi ben consideradas no ámbito educativo e de uso frecuente entre o profesorado. A primeira delas constitúe a base sobre a que se asenta este recurso, pois é a que serve para presentar e organizar por medio dunha serie de menús principais e auxiliares os contidos de cada bloque. Aínda que o mesmo eXeLearning contén por defecto ferramentas para a realización de actividades, tamén permite o aloxamento de códigos HTML, e é posible deste xeito a inserción doutras aplicacións externas. Este é o caso da plataforma LIM, usada aquí para tal cometido e integrada dentro do eXeLearning.

Así mesmo, utilizáronse na confección deste material diversos editores de audio e vídeo, imaxe e texto. Os arquivos fotográficos proceden na súa meirande parte do banco de imaxes de Flickr e Google Images. Tanto estes arquivos como os de audio contan cos permisos pertinentes para seren incluídos neste traballo, ben sexa porque son arquivos que forman parte do dominio público ou de licenza aberta, ben porque os autores autorizaron expresamente a súa publicación. Neste punto, considero salientable o feito de que, en moitas ocasións, o primeiro contacto con estas persoas se realizou por medio das redes sociais, máis concretamente de Facebook.

É posible consultar a listaxe completa de ferramentas empregadas ao seleccionar  a pestana Ferramentas, integrada no menú.

Descrición da actividade

Aínda que nun principio Un paseo pola música de Galicia está pensado para ser empregado nas aulas de segundo da ESO, e os libros interactivos de actividades que se inclúen en cada unidade se adecúan a ese nivel, tamén é susceptible a súa implantación noutros cursos da educación secundaria obrigatoria debido, principalmente, á diversidade e amplitude dos contidos abranguidos.

Estes contidos organízanse en cinco grandes bloques temáticos:

1. Música medieval

2. Música tradicional

3. Música clásica

4. Música folk

5. Música pop e rock

O acceso a cada un deles é moi sinxelo: unha vez situados na páxina principal, só precisaremos de colocar o punteiro do rato enriba do apartado en cuestión para que emerxa un menú despregable. É por medio deste menú (con submenús en ocasións) que chegamos aos contidos teóricos de cada tema, ás actividades e ás licenzas das fotografías e audios presentes nesa unidade.

Exemplo de menú despregable

 

Cada tema conta cun libro interactivo de actividades, elaborado nesta ocasión coa plataforma LIM. Logo de seleccionar a pestana Actividades no menú correspondente, preséntasenos a primeira páxina de dito libro, na que figura o título do tema, a barra de menú e os botóns propios desta aplicación, caracterizada por ser moi intuitiva e de fácil uso. Todos os libros interactivos conteñen un mínimo de vinte variadas actividades, feitas coa intención de que o alumnado participe no proceso de aprendizaxe dun modo lúdico e ameno, tratando sempre de espertar a súa curiosidade para así asentar e reafirmar os contidos presentados con anterioridade

Metodoloxía

Para a abordaxe e desenvolvemento do material didáctico presente neste traballo poden ser utilizados dous procedementos metodolóxicos fundamentais; no primeiro deles, o docente presentará os contidos de cada un dos temas segundo o previsto na súa organización curricular e, posteriormente, o alumnado (de maneira individual ou en grupos) procederá á realización do bloque de actividades de cada tema. Na outra metodoloxía, o docente optará por ser apenas un orientador do traballo de investigación do alumnado. Así, os alumnos comezarán a traballar nas actividades en primeiro lugar, as cales lles suscitarán dúbidas que poderán ser resoltas mediante a consulta dos contidos presentados en cada tema. Estas son soamente dúas propostas entre moitas. O profesor poderá elixir calquera outra que lle resulte igualmente útil ou considere máis efectiva.

Páxina con imaxes, audio e texto

 

Avaliación

Na guía didáctica de Un paseo pola música de Galicia (á que podemos acceder mediante a descarga do recurso), expóñense os obxectivos, contidos e criterios de avaliación dos diferentes apartados aquí tratados. Coa avaliación pretendemos, en primeiro lugar, analizar o grao de consecución dos obxectivos por parte do alumnado para así detectar posibles erros ou carencias no proceso e, en segundo, propiciar a reflexión dos alumnos sobre o seu propio proceso de aprendizaxe. Aínda que o profesor fará uso dos instrumentos de avaliación que considere máis axeitados para valorar o grao de consecución destes obxectivos, o mesmo libro interactivo multimedia (LIM) ofrece a posibilidade de consultar, unha vez rematadas as actividades, o informe final de avaliación. Deste xeito, o alumno poderá comprobar o resultado obtido en cada unha delas, así como tamén a porcentaxe de acertos e erros no total. Convén remarcar que este é unicamente un instrumento de avaliación máis, na miña opinión moi válido atendendo ao perfil do alumnado a quen vai dirixido, nenos e nenas do segundo curso da ESO. Ao igual que acontece coas metodoloxías, existen na actualidade outras moitas alternativas que o profesorado poderá utilizar en función do seu estilo de ensinanza e do seu plan de traballo.

Portada do libro interactivo multimedia - Música tradicional

 

Conclusións

Como xa foi dito ao inicio deste artigo, Un paseo pola música de Galicia xorde coa idea de lle achegar ao alumnado da materia de Música unha visión xeral do patrimonio musical de Galicia, recollida nun único obxecto dixital educativo. Na súa elaboración tivéronse en conta dous aspectos fundamentais: unha presentación coidada e atraente para o utilizador e a facilidade de acceso e uso dos contidos presentados. Malia ser concibido para ser utilizado nas aulas de música do primeiro ciclo, considero, así mesmo, que a variedade e diversidade de temas aquí expostos fan deste material un recurso aproveitable tamén nas aulas de música do segundo ciclo. A miña experiencia persoal foi moi positiva: a maioría do alumnado manifestou unha gran receptividade á actividade, amosou unha predisposición ao traballo e un afán de curiosidade maior do habitual. É sabido por todos que o uso das TIC na aula constitúe de por si un elemento motivador para os nosos alumnos; se, como sucede neste caso, lle engadimos o feito de tratar un tema que lles resulta próximo e familiar, como o da música galega, os resultados positivos están case garantidos.

Por outra parte, gustaríame salientar o feito de que, unha vez descargado o recurso dixital no ordenador, todos os elementos que o compoñen funcionan sen necesidade de estar conectado á rede.

Desexo, por último, facer constar aquí o meu máis sincero agradecemento a todas as persoas que xentilmente cederon os dereitos de uso das fotografías e audios incluídos en Un paseo pola música de Galicia, e ás que, dunha maneira ou doutra, colaboraron na súa realización.