Espazos de formación de Pablo Ruiz Picasso

O Instituto da Guarda,1891-1895

María Isabel Ruso de Lago
IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)
isaruso@yahoo.es

 

 

A raíña Isabel II dispuxo a creación dun instituto local na cidade da Coruña, na Real orde do 13 de novembro de 1862, que refundiría os estudos da Escola de Comercio. Estableceuse na casa dos marqueses de Camarasa, na rúa de Ferrerías, despois chamada do Instituto. Conséguese tras unha longa reivindicación, iniciada xa en 1845, da cidadanía coruñesa, xunto co Concello e a Deputación, que pugnaran en cinco ocasións por acadar un centro educativo do que xa dispoñían o resto das capitais de provincia e Santiago, sede da universidade.

Anos máis tarde, en 1870, a petición da corporación coruñesa para declarar o instituto como provincial obtén o prace ministerial, o que permitiu que o alumnado do ensino privado e “doméstico” fose examinado neste centro, que verá multiplicada a matrícula case por sete nos primeiros 25 anos, e na que se observa un importante incremento de alumnas a finais de século. Porén, as condicións do edificio dos marqueses de Camarasa non eran as máis idóneas para este centro de ensino: axiña comezaron a ser habituais os amaños —os danos da fachada posterior, a insegura muralla contigua, a ruinosa galería fronte ao Campo da Estrada…— e a mediados da década dos setenta a deterioración xa era evidente, como se pode comprobar na prensa da época.

A principios de 1881, don Eusebio da Guarda faille un ofrecemento desinteresado ao Concello da Coruña: construír, ás súas expensas, un edificio no lugar do Caramanchón destinado a ser instituto e escola de belas artes e oficios. Este novo centro comeza a funcionar o 1 de outubro de 1890.

Un ano máis tarde, don José Ruiz Blasco, axudante de profesor da Escola de Belas Artes de Málaga e conservador do museo desa cidade, obtén a praza de profesor numerario da cátedra de Debuxo e Figura da Escola de Belas Artes e Oficios coruñesa, establecida na planta baixa do Instituto da Guarda. Toma posesión o 27 de abril, pero o 29 volve a Málaga para gozar das súas vacacións e comeza a organizar o traslado da súa familia, que se realiza en barco.

Rubén Ventureira e Elena Pardo, autores da última publicación sobre o paso de Picasso pola Coruña, apuntan os días do 6 ao 13 de outubro como os que a familia Ruiz Blasco pasa a bordo do vapor Asturias, que os traslada de Málaga a Vigo, onde desembarcan debido ao mal tempo e deciden facer o resto do traxecto en tren. A chegada á estación coruñesa sería o 14 de outubro ás 11:00 dese mércores de 1891. O curso académico comezara dúas semanas atrás.

Instálanse nunha das tres casas da rúa Paio Gómez, a un paso da praza de Pontevedra, onde se levanta o Instituto da Guarda desde hai un ano, ao carón da estatua erixida na honra de Eusebio da Guarda, o promotor, inaugurada dous meses antes da súa chegada. Como se observa na imaxe adxunta, realizada desde o observatorio meteorolóxico do centro, con vistas á casa do pintor, non sorprenden as observacións de Picasso realizadas ao periodista Antonio D. Olano: “Mi madre, para vigilarme, se tenía que subir a la taza del retrete. Se ponía de puntillas y, en tan incómoda postura y desde tan angosto ventanuco, contemplaba mis juegos”.

Vista desde o observatorio; ao fondo a rúa da casa de Picasso. Fotografía de Mario S. García

 

Este curso 1891/92 seus pais deciden matriculalo no instituto, cuxo director é Pérez Ballesteros. Pablo está a punto de facer dez anos cando asiste por primeira vez ás clases.

A escaleira de mármore da entrada, deseñada por Pedro Nicoli e realizada á medida en Carrara, conducirá os pasos do novo alumno cara ás aulas, situadas na primeira planta. Seu pai impartirá clases nas aulas da planta baixa, onde Fernández Deus dirixe a Escola de Belas Artes.

Escaleira principal do instituto deseño de Pedro Nicoli (fotografía de Olga Vázquez)

 

Picasso matricúlase de Xeografía co profesor Ramón López de Vicuña e de Latín e Castelán cos profesores Manuel María Feijóo y Queimaliños e Pedro Hernández Calles. Na primeira obtén un 7 en xuño, pero para aprobar as outras dúas terá que agardar a setembro para sacar un 5.

Daquela, o Regulamento de segunda ensinanza establecía a retención dentro do edificio dos estudantes que cometesen faltas: as leves permitíanlles volver á casa polas noites e as graves sancionábanse mesmo con oito días sen volver aos seus fogares, sempre asistindo á clase. Non sorprende que sexa neste curso académico cando Picasso pasa máis tempo nos “cuartos de arresto”, situados na segunda planta do edificio, fronte ás vivendas que ocupaban os conserxes e as súas familias. Ao mozo, segundo as súas propias declaracións a Antonio D. Olano, divertíao que o encerrasen alí: “Llevaba bloc y dibujaba sin parar. Por lo tanto, los castigos constituían una fiesta, y creo que hasta provocaba situaciones que obligaban a los profesores a castigarme”. Na fotografía recréase esa “aula de castigo” cun pequeno Picasso do ano 2015; substituíndo os pupitres por bancos, este sería o espazo coñecido como cuarto de arresto, onde era sancionado cun período de illamento.

“Aula de castigo” no Instituto da Guarda. Fotografía de Pedro Rodríguez Porca (Guillermo Alonso-Jáudenes, 2015)

 

No curso 1892/93 Pablo Ruiz estuda Historia de España, tamén con López de Vicuña, e Latín e Castelán cos profesores Feijóo y Queimaliños, Hernández Calles, Iglesias Teso e González de Castro, materias que aproba en xuño con cualificación de 5. Ademais, o seu pai solicita a matrícula na Escola de Belas Artes para Pablo, á que asiste pola tarde. Matricúlase na materia de Debuxo de Figura e Adorno, que imparte seu pai, José Ruiz Blasco, con Román Navarro e Antonio Amorós como profesores axudantes. Obtén, en xuño, sobresaliente con accésit ou mención honorífica tras un «exame oposición».

O 1 de outubro asiste a dúas inauguracións do curso académico: unha, a do instituto, á unha da tarde; outra, a da escola, ás oito do serán. Sentado nos bancos de veludo vermello do magnífico paraninfo, o mozo Picasso observa os frescos que realizou Román Navarro no teito. Non é estraño que, cando lle pidan un bosquexo para un teito, pareza lembrar esa imaxe.

Teito do salón de actos. Alegoría das Artes e das Ciencias, obra de Román Navarro.  Fotografía de Mario Simón García

 

Bosquexo para un teito. Pablo Ruiz Picasso. A Coruña, 1894.  Museo Picasso. Barcelona. Doazón Pablo Picasso. 1970

 

A gran novidade é que polas tardes despraza a súa actividade académica á planta baixa do edificio. É un ambiente moi diferente ao do instituto, que podemos recrear con estas fotografías inéditas dos corredores conseguidas grazas á colaboración do director da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, Manuel Soto.

Corredor do piso inferior. Á esquerda na actualidade (fotografía de Xosé Reimunde) e á dereita na época da Escola de Belas Artes (imaxe cedida pola Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso. A Coruña)

 

Así mesmo, é sorprendente comparar o espazo que ocupaba a que probablemente sería a aula de Debuxo cunha foto dos anos vinte, procedente da mesma fonte, e que dá unha idea de como eran as clases de don José, ás que asistirá o seu fillo Pablo. Vallan como referencia os datos extraídos da “Memoria del curso 1891/92”, na que aparecen matriculados 146 alumnos en Debuxo de Adorno, divididos en dúas seccións, e 143 en Debuxo de Figura, repartidos en tres.

Aula de Usos Múltiples/Aula de Debuxo. Abaixo na actualidade (fotografía de Pedro Rodríguez Porca) e na imaxe de arriba a mesma aula na época da escola (imaxe cedida pola Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso. A Coruña)

 

Durante o curso 1893/94 o mozo Picasso debe dedicar moi pouco tempo aos seus estudos no instituto. Os seus resultados académicos así o indican: aproba unicamente Aritmética e Álxebra cun 5, en setembro (profesor Luis Vives), e suspende Retórica e Poética (profesor Ramón Casal y Amenedo) e Historia de España (profesor Ramón López Vicuña), tanto en xuño como en setembro. Curiosamente, á materia de Francés, que imparte o profesor Atanasio Mosquera, nin sequera se presenta na convocatoria extraordinaria.

Algo moi diferente ocorre polas tardes. Pablo Ruiz matricúlase outra vez en Debuxo de Figura e Adorno, que imparte seu pai xunto a Amorós e Navarro como axudantes. Obtén sobresaliente en Debuxo de Figura (unha Real orde do 15 de xaneiro establece que a materia se divida en dúas) concedido por un tribunal do que queda excluído seu pai por incompatibilidade.

No curso 1894/95, o último que pasou na cidade coruñesa, matricúlase unicamente na Escola de Belas Artes. Nesta ocasión, de Debuxo do Antigo (copia do xeso), con Isidoro Brocos e Antonio Amorós de profesores; de Debuxo de Figura (sección do xeso) para alumnos avantaxados, unha vez máis con seu pai e os seus axudantes Amorós e Navarro como profesores, ata que a Real orde do 20 de novembro nomea este último profesor numerario na Escola de Belas Artes de Barcelona, á que se despraza; e a partir do 1 de febreiro de Pintura e Copia do Natural, tamén con José Ruiz Blasco de profesor. Soamente realizará unha proba extraordinaria de curso en Debuxo de Figura antes de irse (marzo), na que obterá sobresaliente.

Segundo Ventureira e Pardo, é sorprendente que as materias de Debuxo do Antigo (copia do xeso) e de Debuxo de Figura (sección do xeso) gardasen idéntico horario e que Picasso non tivese falta de asistencia ningunha. A resposta atópase na proximidade das aulas nas que se impartían, o que, lle permitiría ao mozo artista desprazarse rapidamente dunha a outra e cumprir as súas obrigas en ambas.

Este curso matricúlase tamén a súa irmá Lola, en Solfexo. Como podemos ver, a nena tiña un agarimo especial polo galego, tal como o evidencian as palabras que lle envía á súa tía nunha postal co seu retrato:  «Eu meu querida tía. A miña querida tía.Quereiye muyto, su Sobrina Dolores»

Fotografía José Seller, A Coruña 1890/91. Herdeiros de Ricardo Huelin Blasco

 

 

Hai que destacar a situación do Instituto da Guarda, orientada a súa fachada principal cara á praza de Pontevedra e a rúa Paio Gómez —onde residía a familia Ruiz Picasso— e a fachada posterior directamente ás praias de Riazor e do Orzán, o que nos permite entender o realismo das mariñas que realizou nestas datas.

Ademais na aulade Debuxo, nunha zona da parede pintada nun azul agrisado para funcionar como fondo, realizou Picasso moitos dos retratos do natural.

Por este motivo, e para conmemorar o 125 aniversario do Instituto da Guarda, pintouse desa cor a parede do fondo da que foi a aula de José Ruiz e na que comezou a formación do seu fillo Pablo e que pasou a chamarse Aula Picasso na honra do xenial artista.

Pero este curso é complicado para o director da escola, Fernández Deus: o seu equipo, no que  participaba José Ruiz Blasco como secretario, empeza a ter problemas con algúns membros do claustro. Aínda que inicialmente é apoiado polo reitor, que visita o centro e chama á orde os profesores díscolos, é substituído o 24 de febreiro por González Jiménez, un profesor interino enfrontado con el. O pai de Picasso, molesto pola súa situación académica, afectado polo falecemento por difteria da súa filla pequena, Conchita, e cunha reuma articular que recomenda un cambio de clima, solicita –e concédeselle– a permuta da súa praza coa de Román Navarro, quen, cando regresa, ocupa a Dirección da Escola de Belas Artes desde o 27 de marzo de 1895.

A familia abandona A Coruña con destino a Málaga, desde onde, tras pasar alí o verán, se dirixirán a Barcelona para comezar un novo período da súa vida. Pablo Ruiz Picasso chegara á Coruña e ao Instituto da Guarda o 14 de outubro de 1891 coas súas primeiras obras infantís e abandonará a cidade para sempre o 14 de abril de 1895, tras nacer a súa vocación de artista.

Agradecementos pola súa contribución gráfica e documental: Xosé Crisanto Gándara (Colección Pilar Eiroa), Mario Simón García, Xosé Reimunde, José Carlos Rivas, Pedro Rodríguez Porca, Pedro Luis Rodríguez, Olga Vázquez, Escola de Artes Superior e de Deseño Pablo Picasso da Coruña (Manuel Soto), IES Salvador de Madariaga da Coruña (María Gromaz e Juan Pablo Fernández).

 

 

Bibliografía: 

 

 

BARRIOS ESCALANTE, M.ª C. (2008): De Picasso estudiante. Isla de Arriarán, Málaga, xuño, XXI, pp. 215-253.

D. OLANO, A. (1992): Picasso gallego. Santiago: Editorial Compostela.

MEIJIDE PARDO, A. (1991): Eusebio da Guarda y el Instituto de 2ª enseñanza de La Coruña. A Coruña: La Voz de Galicia, DL. 

La Academia y Escuela de Bellas Artes de La Coruña (1850-1875). A Coruña: Deputación da Coruña, 1989.

PADÍN PANIZO, Á.(2004): Los cinco años coruñeses de Pablo Ruiz Picasso (1891-1895). A Coruña: Deputación da Coruña (3.ª edición).

“Reglamento de Segunda Enseñanza”. Gaceta de Madrid, 144, 24 de maio, 1859.

“Reglamento para el régimen y gobierno interior de la Escuela de Bellas Artes de La Coruña”. A Coruña: Tipografía Galicia, 1885.

VENTUREIRA, R.; PARDO, E. (2014): Picasso azul y blanco. A Coruña: El nacimiento de un pintor. A Coruña: Fundación Rodríguez Iglesias y Fundación Emalcsa.

 

Sección: