O ensino: entre a tradición e a innovación

Cambios e permanencias nun ensino de calidade

 

"Alí onde recollemos unha ampla mostra de elementos caóticos, estivo a latexar unha forma de regularidade insospeitada e extremadamente fermosa."
 F. Galton.

 

Coma cada fin de curso, sae á luz unha nova entrega semestral da Revista Galega do Ensino, que fai o número 63. Na orde formal, queremos presentar unha revista remodelada, unha nova proposta estética que pretende adecuar o deseño orixinal de EDUGA como revista dixital ás directrices e tendencias de maior actualidade. Non se trata dun restiling meramente cosmético; sobre iso, o equipo que conforma a revista procurou implantar as potencialidades do software de soporte, de forma que o usuario poida acceder a un sistema de consulta, navegación e recuperación de información máis racional e útil.
 
Nos seus contidos, este número pretende poñer en valor certos elementos esenciais da historia recente do noso sistema educativo e suxerir, á vez, algunhas liñas de progreso e desenvolvemento que beben das últimas reflexións en innovación educativa, achegadas tanto polos centros de ensino de Galicia coma polos expertos que nos fixeron chegar as súas máis recentes investigacións. Deste xeito, tradición e modernidade van da man, no convencemento de que hai moito que conservar e tamén moito que progresar na busca permanente da excelencia educativa.
 
Outra novidade deste número 63 é a incorporación dun novo elemento temático, o cartafol, no que periodicamente trataremos asuntos monográficos de actualidade e interese para toda a comunidade educativa galega. O primeiro deles quixémolo dedicar á difusión dalgunhas das principais liñas de innovación na formación profesional, utilizando para iso boa parte da información vertida polos expertos congregados na recente Mostra do Ensino de Galicia. Como é coñecido, entre os días 11 e 14 do pasado mes de abril, a Consellería de Cultura, Educación e O. U. realizou en Expocoruña as xornadas correspondentes á Mostra do Ensino 2012, destinadas á difusión entre a cidadanía das principais liñas de innovación educativa que se están a desenvolver na nosa comunidade autónoma.
 
Pivotando en torno a catro eixes esenciais: a nova formación profesional, as tecnoloxías da información e a comunicación, o plurilingüismo e a atención á diversidade; a Consellería de Educación, coa colaboración dunha ampla representación do tecido empresarial galego, concibiu estes días como unha oportunidade para a reflexión e a posta en común de iniciativas que redunden tanto na mellora do noso sistema educativo coma na imprescindible vinculación deste coa nosa estrutura produtiva, elemento imprescindible á hora de abordar as intolerables cifras de desemprego xuvenil e a desertización empresarial que vimos sufrindo. Neste sentido, a conferencia inaugural, que foi ofrecida por Carsten Moser, presidente da cámara de comercio de Alemaña en España, achegou algunhas claves esenciais para comprender o camiño que se percorreu na formación profesional ata hai ben pouco, suxerindo perseverar no cambio de paradigma necesario para a revitalización da nosa malparado tecido económico. Os datos achegados foron sinxelamente demoledores; por exemplo, mentres tradicionalmente en Alemaña o 70% do alumnado optaba pola formación profesional ao finalizar os seus estudios básicos, en España, ata hai ben pouco, tendía a facelo tan só un 30%, cifra verdadeiramente irrisoria se se desexa contar con profesionais cualificados para desenvolver o tecido empresarial do que tan necesitados andamos. Parte do éxito económico de Alemaña –sinalou o conferenciante– reside no feito de que leva décadas fomentando o desenvolvemento dunha formación profesional de alta calidade e elevado grao de competencia, especializada, ademais, na elaboración de producións cun notable índice de valor engadido. En consecuencia, este novo concepto de especialización e eficacia na FP logrou dar co elemento clave, a palabra case taumatúrxica, capaz de extraer a Europa da súa prostración económica: competitividade.
 
Resulta evidente que o Vello Continente non pode vivir xa a expensas do concepto de "parque temático do mundo", ha de saber competir nun contexto globalizado e enormemente esixente, para iso necesítase máis tecnoloxía, máis I+D e un alto nivel de competencia e preparación da súa cidadanía. Perseverar na liña xa emprendida de implantación dunha formación profesional eficaz e intimamente vinculada coas demandas do mundo empresarial non é só unha boa idea, ha de ser un compromiso esencial e inaprazable.
 
Noutra orde de cousas, este director non podería deixar pasar a ocasión de elaborar este editorial sen lembrar aquí a cálida figura de Isaac Díaz Pardo que, como todos saben, nos deixou o pasado mes de xaneiro. Coñecín a Isaac da man do catedrático da USC e ata hai ben pouco presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández. De boa mañá, conduciunos a un grupo de doutorandos como de procesión ao pequeno habitáculo que obraba de despacho a pé de fábrica na factoría do Castro-Sargadelos en Sada. Alí, entre centos de papeis, bosquexos, libros, facturas e pregos enrolados de mil maneiras, atopámonos a Isaac Díaz Pardo. Eu creo que era o ano 1984, Isaac tería entón uns 64 ou 65 anos, mostrábase escuálido e forte, sempre foi así, pero o seu rostro sucado pola vida e a súa mirada entre curiosa e escéptica, parecían corresponder a un home moito maior, revestido da dignidade de quen non fixo outra cousa que traballar sen descanso toda a súa vida, perseguindo un soño que era un país enteiro. Foi unha longa entrevista, aquel grupo de cadetes atrevidos pasabamos o tempo pisándonos a palabra, tratando de lle explicar ao vello mestre os nosos "imprescindibles" e "definitivos" avances na investigación histórica do Antigo Réxime galego. Isaac, embutido na raída chaquetiña azul maó de linotipista que o acompañaba ao longo das súas moitas horas de traballo, asentía e sorríanos a todos. Eu creo que o divertían as nosas proclamas punto grandilocuentes, os nosos mediterráneos descubertos e por fin revelados ao home que máis exacta idea tiña entón da realidade profunda de Galicia. Logo levounos de paseo polo asombroso complexo, aquela especie de Bauhaus á galega que era O Castro; coa factoría de cerámica, herdeira das primeiras glorias industriais do país, traídas á Mariña luguesa por Antonio Raimundo Ibáñez, un sorprendente episodio de historia industrial, extraordinariamente glosado na novela Azul cobalto (Edhasa) por Alfredo Conde, que é, que eu saiba, ademais doutra gloria das nosas letras, o único autor galego co que comparto editorial. Tras a fábrica, percorremos xunto a Isaac o Museo Carlos Maside, memoria viva da nosa gloriosa vangarda e ese marabilloso segredo gardado que supón o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, recordo da obra monumental do profesor Isidro Parga Pondal.
 
Ao longo dos anos, volvín coincidir varias veces con Isaac Díaz Pardo, pero nunca esquecerei aquel primeiro encontro cun intelectual mítico, á florentina, o único artista total que nos quedaba, do que, por certo, conta saborosas vivencias comúns don Xosé Neira Vilas, que nos fixo a honra de deixarse entrevistar por nós para este número de EDUGA.
 
Un home, en fin, cuxa evidente grandeza só estaba á altura da súa propia e sincera humildade. Estes días lin un excelente obituario escrito polo fotoxornalista Victor Mejuto, nel reflectía unha anécdota do mestre que o define mellor ca calquera outra frase ou loa. Falando da creación xunto a Luís Seoane do Laboratorio de Formas de Sargadelos, Isaac definía así o seu propio e titánico labor: “Luis Seoane poñía ás ideas, eu facía os cacharritos”.
 
 
Juan Granados
Xuño de 2012

 

Bibliografía: 

Sección: