A avaliación da nosa biblioteca
Belinda Blanco Fernández
Mestra responsable da biblioteca do CEIP de Cervo
belindablanco@edu.xunta.es
Presentámonos
O Colexio de Cervo está situado na vila do mesmo nome, na Mariña Lucense, a carón do complexo artístico e industrial de Sargadelos; o cal lle imprime unha personalidade especial ao centro.
O colexio de Cervo
Somos un centro pequeno, dunha soa liña, cunha matrícula de 115 alumnos e alumnas procedentes da capitalidade do concello, das súas parroquias e dos concellos limítrofes. O claustro está formado por 18 mestras e mestres, a maioría definitivos, o que facilita a continuidade no traballo da biblioteca e a coordinación entre o profesorado. Sempre participamos en proxectos de formación e de innovación, baixo a coordinación da biblioteca, para mellorar a nosa práctica docente. Dos antigos GT e SP pasamos a pertencer á rede de centros COMBAS e posteriormente á realización de PFPP.
Todo este proceso xurdiu das inquedanzas que sentiamos por mellorar a nosa práctica docente e por ampliar a implicación da biblioteca escolar na adquisición das competencias clave do alumnado, de xeito que se convertese no eixe sobre o que xirase o desenvolvemento do proceso de E-A e o proxecto educativo do centro.
Tamén aspirabamos a ser un motor cultural o suficientemente dinámico que fose capaz de integrar a toda a comunidade educativa e ofrecerlle oportunidades únicas:
- Obradoiros con artistas como Xosé Blanco, Mauro Leivas, Hipólito Xeada, Neira Broch…
- Encontros con múltiples escritores e ilustradores galegos e nacionais: Gonzalo Moure, J. M. Gisbert, P. Carballeira, Antonio Reigosa… son só algúns dos últimos en visitarnos.
- Visitas e videoconferencias de xornalistas como Nuria Tesón (Al Jazeera) ou de representantes internacionais como o excelentísimo vicecónsul de Italia don Francesco Milani.
- Gañadores de Premios Goya como o director cinematográfico Jorge Coira, músicos como Maxín Blanco… E moitas outras persoas que voluntariamente pasaron polo noso centro para compartir un pouquiño do seu tempo cos nosos agradecidos nenos e nenas.
No ano 2008 comezamos a formar parte do PLAMBE e no 2010 recibimos o Premio de Boas Prácticas do MEC; ambas as dúas cousas nos deron un pulo importante cara á consecución dos nosos obxectivos.
Nestes anos son moitos os PDI que fomos desenvolvendo, pero cabe resaltar o feito de que todos eles xiraron arredor dun tema común, a arte. A arte en todas as súas vertentes. Desde aqueles primeiros tempos que comezamos con Lendo e pintando, Lendo e creando, A arte que nos rodea, A arte na cociña (fotografía), Cántame un conto (música) para rematar este último ano con Un colexio de película, no que incidimos sobre o cine, a sétima arte.
Cada mes de xuño, o equipo de biblioteca define as directrices sobre as que vai asentar o proxecto do vindeiro curso e preséntallelo ao claustro e ao consello escolar. A partir dese momento, comeza un arduo proceso a través do cal se articulan os mecanismos precisos para coordinarnos cos diferentes equipos e departamentos, posto que todos remamos nunha mesma dirección.
Para satisfacer as demandas do profesorado e do resto da comunidade educativa, así como para facilitarlles o acceso ao proxecto, a biblioteca encárgase de actualizar e ampliar os fondos bibliográficos e videográficos para o seu desenvolvemento, busca recursos dixitais e centralízaos no blog, elabora materiais e organiza obradoiros de formación de usuarios, ALFIN, trípticos de recomendacións lectoras, actualiza os itinerarios lectores e programa as actividades complementarias para desenvolver. Este plan anual facilítaselle ao profesorado no mes de setembro, de xeito que o poida incorporar á súa programación de nivel. Así mesmo, inclúese na PXA e o mestre responsable da biblioteca incorpórase á CCP.
Ao finalizar cada proxecto, despois de tanto traballo, similar ao que se leva a cabo en moitos colexios, xórdennos grandes interrogantes:
Como podemos saber se a biblioteca acadou os seus obxectivos? Ten visibilidade a nosa biblioteca e o proxecto traballado fóra do centro? Contamos cos recursos axeitados? Mellorou o grao de adquisición das competencias clave do noso alumnado? E o profesorado… que uso fai da biblioteca e dos seus recursos? Na resposta a estas grandes interrogantes é precisamente onde marcamos anualmente o noso punto de partida. Agora ben, como o facemos? Autoavaliándonos.
Por e para que nos autoavaliamos?
O obxectivo fundamental que nos formulamos cando comezamos co proceso de autoavaliación é reflexionar dun xeito ordenado e compartido sobre a nosa práctica docente e sobre o papel que a biblioteca exerce no centro e no desenvolvemento do proceso de E-A; non só en canto ao grao de cumprimento dos obxectivos senón que queremos ir un pouco máis alá, queremos saber cal é a percepción real da biblioteca por parte do alumnado e do profesorado.
Tomando como referencia o modelo escocés de autoavaliación How good is our shool?, así como o manual Bibliotecas escolares ¿entre interrogantes?(1), podemos representar o proceso de autoavaliación que levamos a cabo do seguinte xeito:
A autoavaliación baseada en preguntas
O proceso de traballo
a. Dimensións e instrumentos de avaliación
Parece evidente pensar que, para dar resposta ás interrogantes formuladas, o máis lóxico é facer unha avaliación interna. Pero cando e como facela? O primeiro é determinar que estruturas e instrumentos nos proporcionarán a información que precisamos. Para isto tomamos como referencia o modelo de avaliación de Stufflebeam e Shinkfield(2), o cal determina que non chega con comprobar o grao de adquisición dos obxectivos propostos, senón que tamén debemos recoller información sobre o propio proceso de desenvolvemento do proxecto, para poder mellorar cara a un futuro próximo. Así, este modelo estrutura a avaliación arredor de catro dimensións: o contexto, a entrada, o proceso e o impacto.
ANÁLISE DO CONTEXTO (context): a análise do contexto educativo realízase a través do PEC, o cal se actualiza periodicamente para adaptarse aos diferentes cambios lexislativos.
ANÁLISE DA ENTRADA (input): refírese á avaliación da propia biblioteca, á integración que ten no centro, así como á análise dos recursos cos que conta e a súa accesibilidade e visibilidade ante a comunidade educativa. Esta dimensión avaliámola tendo en conta os seguintes parámetros:
- Presenza da biblioteca na documentación do centro: proxecto educativo de centro, PXA, programacións de niveis, memoria xeral anual, plan lector…
- Presenza do responsable nos diferentes órganos: claustro, CCP e CE (comisión de biblioteca).
- Nivel de participación do claustro en proxectos de innovación e formación relacionados co ámbito da biblioteca e coordinados por esta.
- Dotación económica específica: ao redor do 10% do total do orzamento do centro por curso.
- O gran dinamismo do blog da biblioteca(3) achéganos datos relevantes en canto á visibilidade da biblioteca cara á comunidade educativa, así como a alta participación e colaboración das familias.
- Xuntas mensuais dos membros do equipo de biblioteca, organizadas pola xefatura de estudos e o grao de implicación destes no desenvolvemento do plan anual proposto.
ANÁLISE DO PROCESO (process): para avaliar o propio proceso, é dicir, o desenvolvemento do PDI de carácter anual e do plan de actividades proposto cara ao centro, as aulas, as microrredes de bibliotecas de centros (Microrrede da Mariña) e as familias, decidimos realizar unha adaptación, axeitada ás nosas necesidades dos instrumentos de avaliación propostos no manual Bibliotecas escolares ¿entre interrogantes?
Creamos unhas enquisas dirixidas ao alumnado e ao profesorado que aplicamos cada ano no mes de maio. Trátase duns instrumentos de medida sinxelos, pero de especial importancia, que pode cubrir con autonomía todo o alumnado de primaria, de xeito anónimo. A análise estatística dos datos ofrécenos información totalmente obxectiva que dá resposta a moitas das interrogantes xurdidas inicialmente e nos facilita a toma de decisións para elaborar propostas de mellora.
Non son estes os únicos instrumentos que utilizamos, posto que tamén nos ofrecen moita información as estatísticas do proxecto Meiga(4), principalmente en canto á tipoloxía de recursos e aos movementos dos fondos. Así mesmo, dun xeito máis informal, ao longo do curso tanto as familias como o propio alumnado poden deixar as súas suxestións nunha caixa de correos que a nosa mascota, Puca, ten habilitada na biblioteca; do mesmo xeito que poden achegar as súas suxestións a través dos Cadernos Viaxeiros que van coas mochilas en infantil e primaria.
Enquisa
ANÁLISE DO IMPACTO (impact): por último, analizamos as repercusións que teñen a biblioteca e as actividades realizadas sobre os usuarios, principalmente en canto ao grao de satisfacción por parte do alumnado e ao grao de adquisición das competencias clave.
Para tales obxectivos aplicamos outra enquisa, adaptada anualmente, na que se inclúen as actividades realizadas ao longo do curso que teñen que ser valoradas gradualmente.
Enquisa
Tamén temos en conta os resultados acadados polo alumnado na competencia lingüística nas avaliacións diagnósticas dos últimos anos e na reválida do curso 2014/15.
Resultado da análise dos últimos datos sobre a nosa biblioteca
Cómpre lembrar que tiñamos como obxectivo primordial analizar os cambios e melloras que se observan no alumnado, no profesorado, no centro e as repercusións que tivo na comunidade educativa, en xeral, a aplicación do noso proxecto.
Así, da análise pormenorizada das enquisas sacamos os seguintes indicadores, que representamos en gráficos de barras e histogramas e que, unha vez dados a coñecer a toda a comunidade educativa a través do consello escolar, marcan o camiño que debemos seguir.
ALUMNADO
- Visita á biblioteca e uso que se fai maioritariamente dela
O 100% do alumnado visítaa habitualmente. O 69% úsaa para lectura persoal ou colectiva, o 21% para actividades relacionadas coas alfabetizacións múltiples e un 10% para xogos de manipulación.
Uso da biblioteca escolar
- A participación nas actividades e uso dos recursos
O 100% do alumnado participa e valora as actividades que programa a biblioteca e un 98% declara que está satisfeito coas actividades realizadas, así como cos recursos dos que dispón.
- Suxestións do noso alumnado en canto aos fondos
O curso pasado pediron ampliar os fondos da sección multimedia, en especial con documentais, películas e musicais, e que se fagan empréstitos destes. Estas suxestións foron satisfeitas no mes de setembro, este ano incrementamos moito os nosos fondos multimedia, principalmente con material cinematográfico e documentais e puxémolos en empréstito, como pode comprobarse a través do blog e do Catálogo central da nosa biblioteca(5).
- A Hora de Ler e os itinerarios lectores
O 100% do alumnado dedica polo menos 20 minutos diariamente á lectura silenciosa e sostida. Tamén o 100% asegura facer, dentro da aula, lecturas colectivas de maneira habitual. Só un 3,33% do noso alumnado mostra o seu desgusto con ese tempo diario de lectura.
O 94% do alumnado considera que os itinerarios elixidos son axeitados, mentres que un 6% considera que non se adaptan ás súas necesidades ou gustos.
Adecuación dos itinerarios lectores propostos
- Valoración media dalgunhas actividades programadas (de 1 a 5)
Valoración das actividades polo alumnado
PROFESORADO
Cabe destacar os seguintes resultados do último ano:
- Grao de contribución da biblioteca á adquisición das competencias clave
O 92% do profesorado considera que contribúe moito á adquisición das competencias clave por parte do alumnado, mentres que un 8% só considera que contribúe algo e ninguén percibe que contribúe pouco ou nada.
Grao de contribución á adquisición das competencias clave
- Grao de uso dos recursos da biblioteca para programar e traballar nas áreas curriculares
O 33% do profesorado fai un uso habitual dos recursos da biblioteca neste sentido, mentres que o 67% só os utiliza en ocasións, pero si os coñece.
Grao de uso dos recursos da biblioteca
- Grao de contribución da biblioteca no fomento da lectura
100% do profesorado confirma e recoñece, en diferentes graos, o papel que desempeña a biblioteca neste sentido.
[Imaxe 10: Gráfico 6. Valoración da biblioteca no fomento da lectura]
- Grao de coñecemento da organización e catalogación da biblioteca por parte do alumnado e do profesorado
O 50% do profesorado considera que o seu alumnado coñece moi ben o sistema utilizado. Este alumnado tende a corresponderse cos nenos e nenas de primaria, mentres que o outro 50% manifesta que só o coñece algo, que tende a corresponderse co alumnado de educación infantil. Cómpre que teñamos en conta que a mellora competencial en canto á formación de usuarios vai incrementándose paulatinamente ao longo de toda a escolaridade a través da realización de diferentes actividades neste sentido.
- Grao de renovación das bibliotecas de aula para adaptalas aos proxectos que se desenvolven trimestralmente e adaptación dos fondos ás necesidades
O 67% do profesorado renova moito as súas bibliotecas de aula para adaptalas aos proxectos trimestrais e ás unidades didácticas integradas que está a desenvolver, mentres que o 33% as renova algo. Así mesmo, un 75% dos mestres e mestras considera que os fondos se adaptan ás súas necesidades e un 25 % manifesta que só se adaptan nalgunhas ocasións.
Grao de adaptación dos nosos fondos ás necesidades]
Conclusións
Cada curso levamos a cabo un seguimento continuado do proxecto anual de biblioteca nas reunións do equipo: en canto ás actividades desenvoltas, a análise dos datos estatísticos de Meiga, os comentarios nos cadernos das mochilas, ás suxestións nas cartas de Puca que o alumnado vai deixando no caixa de correos da biblioteca etc. Ademais consideramos prioritario realizar unha avaliación final, no mes de maio. Así confeccionamos e aplicamos unhas enquisas ao alumnado e ao profesorado, coa finalidade de analizar os cambios e melloras que se observan no alumnado, no profesorado, no centro e as repercusións que tivo na comunidade educativa, en xeral, a aplicación do noso proxecto. Algunhas das conclusións ás que chegamos, baseadas en datos puramente obxectivos, e en función da valoración da tipoloxía de actividades que desenvolvemos, reflíctense no seguinte gráfico:
Valoración das actividades polo profesorado (de 1 a 4)
Tamén prestamos especial atención aos datos que ofrecen as avaliacións externas, tanto nas pasadas avaliacións diagnósticas de cuarto de primaria como nas reválidas. Os datos dos últimos anos reflicten a tendencia positiva a superar a media da comunidade en competencia lingüística, o cal atribuímos en gran medida ao papel fundamental que desempeña a nosa biblioteca como motor catalizador do proceso de E-A, centro de recursos e piar cultural imprescindible para o desenvolvemento do noso proxecto educativo de centro.
Somos conscientes de que nos queda moito por mellorar pero, despois deste amplo proceso de autoavaliación, consideramos que o sentir xeral do alumnado e do equipo docente é que desexan que a nosa biblioteca continúe a traballar no mesmo sentido por moitos anos. Isto dános novos folgos para seguir esforzándonos en beneficio de toda a nosa comunidade educativa.
Notas
(1) Inés Miret, Mónica Baró, Teresa Mañá e Inmaculada Vellosillo. Fundación Germán Ruipérez e equipo asesor do manual Bibliotecas escolares ¿entre interrogantes?
(2) Modelo de avaliación de Stufflebeam e Shinkfield (context, input, process e impact)
(3) Bibliocervo: http://bibliocervo.blogspot.com.es
(4) Proxecto Meiga. Xunta de Galicia.
(5) Rede de Bibliotecas de Galicia. Catálogo: http://www.opacmeiga.rbgalicia.org
- STUFFLEBEAM, D. L. e SHINKFIELD, A. J. (1987). Evaluacion sistemática, guía teórica y práctica. Barcelona: Paidós-MEC.
- How good is our shool? Incorporating the six-point scale. Self-evaluation using quality indicators. Norwich: HM Inspectorate of Education, 2002.
- VARIOS (2011). Biblioteca escolar ¿entre interrogantes? Madrid: Ministerio de Educación e Ciencia.