Adquisición de competencias no voluntariado de lectura

M.ª Carmen Bello Flores
CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos,A Coruña)
m.carmenbello@edu.xunta.es

M.ª de los Ángeles Collazo Fidalgo
CEP Altamira (Salceda de Caselas, Pontevedra)
angelesfidalgo@edu.xunta.es

Herminia Conde Conde
CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia, Ourense)
condeconde@edu.xunta.es

Beatriz González Blanco
CEIP Ramón Falcón (Castro de Rei - Lugo)
beatrizgonzalezblanco@edu.xunta.es

 

Unha biblioteca escolar ten que ser algo máis ca un conxunto de libros nunha sala. O obxectivo prioritario dunha biblioteca escolar ten que serconverterse no eixe vertebrador de todas as actividades culturais do colexio. Para conseguilo, debe contar coa implicación de toda a comunidade escolar: pais, alumnos e mestres. Mais non basta con iso. Non abonda con que a biblioteca se vexa como un elemento necesario, tamén se ten que ver  coma un espazo lúdico e divertido, un espazo de encontro no que todos queiran participar.

Como conseguir que a comunidade escolar e, sobre todo, os alumnos se impliquen no desenvolvemento diario da biblioteca? A palabra máxica é curiosidade. A curiosidade que todos os seres humanos e especialmente os nenos sentimos ante o que descoñecemos. A curiosidade, que é o motor da ciencia, a que nos leva a preguntarnos que é o que haberá un pouco máis lonxe da liña do horizonte. Esa debe de ser a finalidade dunha biblioteca escolar. E nese sentido o programa de voluntariado de bibliotecas escolares cumpre unha misión fundamental.

Por outra parte, a biblioteca tamén é un espazo de encontro social, un escenario no que se desenvolven as competencias e as relacións sociais, que tan importantes son para o desenvolvemento da persoa. Neste sentido, os nenos e nenas que participaron no voluntariado de biblioteca foron un campo de probas perfecto: autoestima, ilusión, respecto, tolerancia, solidariedade, responsabilidade. Poderíanse enumerar moitas cualidades e obxectivos para desenvolver no programa de voluntariado de bibliotecas escolares. Do que se trata, en definitiva, é de formar persoas preparadas e implicadas, que adquiran un compromiso e teñan a intención de traballar para conseguir unha biblioteca mellor, un centro mellor e unha sociedade mellor.

Todas estas cualidades persoais que potencia o programa de voluntariado de biblioteca  contribúen á adquisición e desenvolvemento de competencias básicas.

En canto á comunicación oral, os alumnos vense obrigados a explicarse e a ter que escoitar a outras persoas. Isto non só os obriga a expresarse mellor, senón que o propio proceso de comunicación facilita unha mellor comprensión da persoa que temos en fronte, o que tamén leva a unha maior tolerancia e respecto polos demais. En moitos casos teñen que ler para poder acceder á información que buscan, o que contribúe a mellorar a capacidade de comunicación e expresión dos alumnos tanto no ámbito oral como no escrito. Ademais, esta maior capacidade de comunicación tradúcese nunha maior capacidade de xerar ideas, de estruturar os coñecementos e, polo tanto, de ser capaz de formular xuízos críticos.

Como resultado da maior capacidade de xerar ideas, á que aludiamos no punto anterior, os alumnos son capaces de empezar a tomar as súas propias decisións, valorando os proles e os contras de cada unha delas. Isto é, logrando unha maior autonomía funcional e persoal que lles axuda a madurar e a desenvolverse como persoas.

Os alumnos participantes melloran a súa capacidade para aprender a aprender, así como o manexo de TIC e ferramentas informáticas. Os voluntarios de biblioteca vense obrigados a buscar información e, polo tanto, a tratala e seleccionala. En moitas ocasións, esta busca e análise de información realízase mediante instrumentos informáticos, o que contribúe a aumentar a súa competencia no campo das novas tecnoloxías.

Así mesmo, ao ter que atopar libros na biblioteca, os alumnos van desenvolvendo competencias de organización espacial, de orientación e mesmo de método, xa que os libros non están colocados caprichosamente.

A incorporación da lectura á vida diaria dos nenos tradúcese nun maior desenvolvemento das súas capacidades creativas e intelectuais. Ademais, o hábito de ler por pracer está relacionado cun maior rendemento escolar, segundo as últimas investigacións. Os nenos que len máis adoitan ser máis cultos e máis sensibles ás manifestacións artísticas.

Os voluntarios de biblioteca comezan a ser conscientes de que traballan cara ao público e que, polo tanto, non poden contestar nin comportarse como queiran, o que os obriga a ser máis corteses e educados na súa relación cos usuarios da biblioteca. Tamén aprenden a importancia de cumprir un compromiso, de ser responsables coas súas obrigas. En definitiva, disciplina, autoestima, responsabilidade e empatía. Por se fose pouco, tamén se converten nun modelo que hai que seguir, especialmente para os máis pequenos que, ao velos cos seus chalecos e os seus carnés identificadores, aspiran a ser coma eles e isto mellora as relacións sociais entre o alumnado.

Durante estes últimos meses, en cada un dos nosos coles, vivimos unha experiencia particular do programa de voluntariado de biblioteca. Quitadas as particularidades de cada centro, as catro mestras coincidimos en que, durante estes últimos meses, observamos como o alumnado participante crecía e evolucionaba como persoa. Adquiriron un compromiso coa biblioteca e durante todo este tempo intentaron cumprilo. Aprenderon o sacrificio e a responsabilidade que supón adquirir un compromiso; gañaron en autonomía e autoestima, en capacidade de servizo aos demais e tamén aprenderon que a lectura é unha ferramenta fundamental para todo o mundo, pero que tamén pode ser un xogo e un motivo de pracer e diversión. En definitiva, aprenderon cousas que lles axudarán a ser mellores persoas.

Como colofón, o traballo culminou coa participación nas Xornadas de Voluntariado de Lectura-A, premio ao traballo realizado polos alumnos e alumnas ao longo do curso como voluntarios da biblioteca escolar.

Cun programa variado e coidadosamente seleccionado, os voluntarios aprenden narración e expresión oral, teatro, danza, realizan saídas culturais, coñecen outras bibliotecas e, non menos importante, danlle voz ao seu traballo como voluntarios da biblioteca.

Un punto no que todos os mestres coincidimos é que tanto o seu labor como voluntarios como a participación nestas xornadas inciden directamente na mellora da súa autoestima. Comprobar que o seu traballo é recoñecido e valorado por mestres e compañeiros incide nunha maior seguridade e confianza.

Nestas xornadas tamén hai lugar para a autorreflexión e a reflexión compartida: que aprendimos hoxe? Como nos sentimos? Que nos achegaron estas experiencias? Como as podo aproveitar no meu día a día?

Cada día é unha nova oportunidade de mellorar a competencia comunicativa, o pensamento crítico: exercicios de oralidade, exposición dos traballos realizados, actividades de busca de información, de autocoñecemento a través da danza ou do teatro... pero tamén para fomentar a competencia social e cívica, cooperando con compañeiros que uns días atrás eran uns descoñecidos, traballando conxuntamente ou compartindo momentos de lecer. Melloramos a competencia tecnolóxica e a dixital con obradoiros audiovisuais de manexo de dispositivos móbiles ou de robótica e para coñecer a escritores galegos, contacontos, agrupacións musicais e culturais propias.

En definitiva, unha semana inesquecible para o noso alumnado que regresa ao seu centro coa satisfacción do traballo ben feito e coa cabeza chea de boas ideas que axudarán, sen dúbida, a mellorar as nosas bibliotecas e as súas vidas.

Sección: