O recuncho TIC na BiblioBN

O traballo coas tecnoloxías da información e da comunicación na EEI Barrionovo
Neste artigo presentamos unha síntese do traballo do alumnado e do profesorado coas ferramentas TIC aloxadas na biblioteca escolar. Faremos tamén referencia ao proxecto TIC do centro, que promove o achegamento a estas ferramentas para desenvolver os obxectivos do proxecto anual de traballo.

María José Pousa Rodríguez,
mestra de educación infantil e coordinadora de biblioteca.
mariapousa@edu.xunta.es

Aida Dourado Gantes,
mestra especialista en Audición e Linguaxe e coordinadora TIC.
aidadourado@edu.xunta.es


A EEI de Barrionovo é unha escola de tres unidades de educación infantil situada en Pastoriza, Arteixo (A Coruña).

No curso actual contamos con 66 alumnas e alumnos distribuídos en cuarto, quinto e sexto de infantil e con seis mestras (catro mestras de Educación Infantil, un especialista en Lingua Inglesa e un especialista en Audición e Linguaxe). Levamos cinco cursos traballando cun proxecto anual de centro, coordinado desde a biblioteca escolar. A biblioteca tamén está integrada no PLAMBE desde hai cinco cursos. A liña do PLAMBE é a biblioteca como xeradora dos proxectos de traballo e centro de recursos para a aprendizaxe.

O centro, así mesmo, conta cun proxecto TIC desde o curso 2012/13 que anualmente revisamos e adaptamos aos obxectivos en marcha. Este proxecto recolle a formación no eido das TIC tanto do profesorado como do alumnado.

As familias son informadas na reunión de inicio de curso da programación do PLAMBE e do proxecto TIC, na de final de curso reciben tamén a información do traballo realizado ao longo do ano. Estas programacións son avaliadas trimestralmente igual ca o resto de programacións e coordinacións, a finalidade é comprobar o cumprimento dos obxectivos e a posible desviación destes.

Desde o curso 2011/12 lévase a cabo co alumnado un taller TIC que pretende lograr o uso autónomo das ferramentas e programas cos que conta o noso centro. Todo o traballo deste taller e as producións do alumnado difúndense á comunidade educativa mediante un blog, TicsBn (http://ticsbn.blogspot.com.es/), que está aloxado dentro do blog da biblioBN (http://bibliobn.blogspot.com.es/).

Desde o curso 2013/14, a totalidade do claustro participa nun PFPP na liña TIC, no que levamos traballado o funcionamento coas tabletas e ipads, creación de apps, realidade aumentada, códigos QR, técnica do Croma, Moodle e programación con Scratch. De cara ao vindeiro curso, ao ser o noso centro un dos 20 elixidos no proxecto Escornabots na Biblioteca Escolar, precisamos formación para a programación co Arduino.

As ferramentas TIC do centro está aloxadas nun recuncho dentro da biblioBN, onde o alumnado atopa tabletas, ipads, cámaras fotográficas, videocámaras, trípode, beebots, escornabots, tableta gráfica, cámara web, disco duro, cascos, micrófonos, tea para o Croma e diversos complementos para estas ferramentas. Este recuncho está á disposición do alumnado durante toda a xornada lectiva.

Tanto a biblioBN, como os demais espazos contan con ordenadores de mesa, portátiles, EDI e canóns de ultracurta distancia.

O gran peso das tecnoloxías no noso centro é debido a que cremos que esta linguaxe forma xa parte da nosa vida educativa e, como tal, procuramos desenvolvela na busca, tratamento e exposición da información, no fomento da creatividade, no traballo lectoescritor, no fomento da lectura, na competencia matemática e na diversidade e autonomía do alumnado. Todo este traballo é difundido á comunidade educativa para adquirir conciencia da importancia desta linguaxe para o futuro dos seus fillos e fillas.

Deseguido pasamos a mostrar algúns dos traballos que desenvolvemos nestes anos co noso alumnado, todos eles aloxados nos blogs da escola:

Vídeo presentación da nosa biblioteca polo Día do Libro Infantil en abril de 2014.

http://bibliobn.blogspot.com.es/2014/04/dia-do-libro-infantil-na-bibliobn.html

Para a celebración do Día do Libro deste curso, elaboramos un vídeo coas técnicas do Croma e Stopmotion, inspirado no texto de Pedro Feijoo para as Bibliotecas Escolares de Galicia.

http://bibliobn.blogspot.com.es/2016/04/os-libros-son-para-valentes.html

Traballo coas tabletas e ipad e creación de apps co Scratch, Tiny Tap e Make It.

http://noaltodobarrio.blogspot.com.es/2016/05/xogando-e-apprendendo.html

Dentro do proxecto anual de traballo Pastoriza 101 Nomes, empregamos a realidade aumentada para acceder aos vídeos gravados polo alumnado coa información recompilada cos lugares de interese da parroquia.

http://bibliobn.blogspot.com.es/2015/06/encontro-fin-do-rueiro.html

No proxecto deste curso, Barionovo 2016, a realidade aumentada dá acceso á información ofrecida polas familias sobre os deportes olímpicos.

http://bibliobn.blogspot.com.es/2015/11/ra-con-aurasma-informacion-olimpica-en.html

Empregamos acotío os códigos QR na difusión de información á comunidade educativa dos traballos realizados polo alumnado.

http://bibliobn.blogspot.com.es/2016/03/8-de-marzo-as-mulleres-no-olimpismo.html

Tamén contamos cun horto QR no que os códigos dan acceso aos sitios elaborados polo alumnado cos datos do plantado.

http://ticsbn.blogspot.com.es/2014/01/horto-qr.html

http://ticsbn.blogspot.com.es/2014/01/creando-codigos-qr.html

Aprendemos a manexar o escáner e potenciamos a faceta máis creativa desta ferramenta facendo arte.

http://ticsbn.blogspot.com.es/2014/04/recicarte-tic.html

http://ticsbn.blogspot.com.es/2013/04/arte-co-escaner_9776.html

Coa mesa de luz experimentamos con formas, tamaños, texturas e cores mentres elaboramos diversas presentacións multimedia:

  • Difusión á comunidade educativa da información do aprendido

http://bibliobn.blogspot.com.es/2016/01/dia-da-paz-2016-tregua-olimpica.html

  • Celebración do Día contra a Violencia de Xénero

http://ticsbn.blogspot.com.es/2015/11/di-non-e-punto.html

  • Elaboración dunha curta de animación para a convocatoria de Nós Tamén Creamos 2015

http://barrionovofalagalego.blogspot.com.es/2015/06/un-can-e-un-gato.html

Traballamos a fotografía tamén desde unha vertente creativa e artística, elaborando numerosos stopmotions, inspirándonos en artistas como Escher.

http://ticsbn.blogspot.com.es/2014/02/escher-os-stopmotions.html

Neste curso xa comezamos o traballo no proxecto Escornabots na Biblioteca Escolar traballando coa robótica no noso día a día.

http://bibliobn.blogspot.com.es/2016/05/letras-e-arte-galego-co-escornabot.html
 

Sección: