O Mundo nas mans
Beatriz Seco González
Directora do Mupega
O Museo Pedagóxico de Galicia, situado en Santiago de Compostela, presenta coma cada ano unha nova exposición temporal —O Mundo nas mans—, seguindo o seu labor de conservación, estudo e difusión do patrimonio histórico-educativo de Galicia.
No ano 1916, o profesor da Escola Normal de Pontevedra e futuro director da Escola Normal de Santiago, José María Crespo Rodríguez, editaba o libro Nociones de geografía de Galicia, que se considera o primeiro manual de xeografía dedicado a Galicia. Exactamente cen anos antes, Domingo Fontán, matemático e topógrafo (1788-1866), iniciara no pombal do pazo de Sobrecarreira os exercicios preliminares para a realización da súa Carta geométrica de Galicia. Ambas as dúas, pezas emblemáticas no ámbito da cartografía en Galicia.
Con motivo da conmemoración do centenario e bicentenario das obras citadas, e dentro da programación do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), preséntase esta exposición temporal sobre cartografía escolar dos séculos XIX e XX, na que se mostra unha escolma de pezas relacionadas coa cartografía e as disciplinas que a empregaban como medio didáctico.
Noutra ocasión tivera lugar unha exposición de temática similar no Mupega, pero esta mostra supón unha novidade posto que nela se exhiben varias pezas que ven a luz por primeira vez. Ata o momento, conservadas e agora foron recuperadas e restauradas co obxectivo de ser expostas.
Así, O Mundo nas mans ofrécelles aos visitantes a posibilidade de observar pezas únicas. Algunhas delas teñen certo matiz pictórico por seren retocadas á man, con témperas ou acuarelas.
A mostra comeza cunha selección de pezas destacadas no mundo da cartografía, facendo referencia a dúas xeracións de xeógrafos galegos. A primeira xeración está representada por Domingo Fontán e a súa obra Carta geométrica de Galicia de 1845; segue, como representación das novas xeracións, un mapa de Galicia en relevo realizado polo profesor, xeógrafo e humanista Francisco Río Barja, que ideou esta peza en 1985 como mapa-prototipo de uso didáctico. Esta obra foi cedida polo propio autor á Consellería de Educación que, fiel ao seu legado, a conservou e agora se pon en valor ao recuperala para expoñela por primeira vez.
En canto á Carta geométrica de Galicia de 1845, é considerado o primeiro mapa de Galicia feito con rigor científico que se realizou en España. Ten ademais unha característica e é que está baseado no sistema métrico decimal que naquel momento aínda non se instaurara en España.
Carta geométrica de Galicia de Domingo Fontán, 1845. Cedida polo Arquivo de Galicia para a exposición
Neste prólogo expositivo inclúese una peza dun dos editores máis destacados do momento, o editor Paluzie, un impresor especializado en láminas e mapas no eido educativo. Paluzie é un dos representantes de todas as casas editoriais que existiron no Estado e que foron clave na difusión deste patrimonio educativo, tan importante para a educación visual nas aulas.
O intenso labor de recuperación desenvolvido no museo fai posible contemplar agora varios dos seus mapas de gran formato, dos que se conserva unha colección completa no Mupega. Nesta exposición temporal pódense contemplar tres mapas desta colección: Asia, Europa e o Mapamundi en dous hemisferios.
Mapamundi en dous hemisferios de Paluzie, 1914
A mostra, no seu conxunto, estrutúrase segundo a distribución clásica da xeografía descrita nos manuais do século XIX, nos que xa se definen distintas clasificacións e que organizan, do máis xeral ao máis concreto, todos os conceptos relativos á xeografía. Así, na exposición faise referencia á xeografía astronómica (as estrelas, o sol, os planetas, a terra...), xeografía física (as partes da terra, os minerais, os fósiles...), xeografía política (xeografía relacionada coas razas, a relixión, a política...) e, por último, a xeografía descritiva na que se mostran mapas e planos (mapamundi, continentes, España, Galicia, mapas provinciais e planos locais).
Na última parte da exposición, dedícase un apartado á historia, que tamén fai uso da cartografía mediante atlas históricos ou planos das cidades onde aconteceu algún feito histórico.
Planetario con movemento de translación dos planetas, 1930
Ademais dos mapas, na mostra exhíbense elementos que o alumnado e os docentes puideron ter ao seu alcance para o estudo da xeografía, facendo así que o visitante se traslade a outra época e coñeza os utensilios que se utilizaban para aprender e que usaban os xeógrafos para os seus traballos.
O Mundo nas mans vai acompañada dun programa de actividades didácticas dirixidas aos centros educativos que queiran coñecer o museo desde outra perspectiva. Este programa consta de obradoiros específicos adaptados a todas as etapas educativas (infantil, primaria, ESO, BAC e superior).
Con esta mostra, o Museo Pedagóxico de Galicia realiza unha posta en valor, unha vez máis, do rico patrimonio histórico educativo que temos en Galicia. Case todas as pezas, salvo a Carta geométrica de Galicia (préstamo do Arquivo de Galicia), son pezas que proveñen de centros educativos ou tiveron nalgún momento un uso pedagóxico dentro das aulas, no ámbito da xeografía.
Moitas das obras expostas tiveron que ser abordadas para a súa recuperación ou restauración, sobre todo no caso dos mapas enteados, que se poden considerar como os máis susceptibles de deterioración. Todo o traballo de recuperación é fundamental, non só para a súa exhibición, senón para a súa conservación de cara ao futuro e gozo das novas xeracións.
Sirva esta mostra temporal como escusa para visitar o Mupega unha vez máis, co obxectivo de coñecer moitas das pezas que se agochaban nos seus fondos, e que habitualmente non se expoñen de forma permanente.
O Mundo nas mans constitúe o resultado dun traballo que pon en valor o patrimonio histórico-educativo que alberga o Museo Pedagóxico de Galicia, promovendo así a súa recuperación e difusión.