MUNCYT

Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía

 

O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía de España (MUNCYT) é un museo de titularidade estatal dependente da Secretaría de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Ministerio de Economía e Competitividade e xestionado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). A directora do MUNCYT é Marián del Egido.


O museo conta con tres sedes, unha no Paseo de las Delicias de Madrid que alberga o arquivo, a biblioteca e o almacén visitable do museo, outra na localidade de Alcobendas, tamén en Madrid, e a terceira na Coruña.

A súa misión é a promoción do coñecemento e a cultura científica. O MUNCYT actúa como referente social e punto de encontro en materia científica e tecnolóxica desde a consideración de que cada cidadán ten un papel importante que desempeñar en ciencia e tecnoloxía.

Obxectivos

Os obxectivos principais do museo son:

  • Contribuír á educación científica efectiva e de calidade.
  • Conservar e poñer en valor o patrimonio histórico científico e tecnolóxico.
  • Ser escaparate da ciencia e da tecnoloxía españolas.

Ademais das exposicións que presenta nas súas sedes e en centros asociados, realízanse conferencias, actividades lúdico-científicas, talleres didácticos, colabórase na formación do profesorado de ciencias, publícanse catálogos e obras de divulgación, entre outras iniciativas.

Historia do MUNCYT

No ano 2007, a Deputación da Coruña acordou ceder o edificio Prisma de Cristal para albergar o MUNCYT. Esta cidade conta con máis de 25 anos de traxectoria apostando pola divulgación científica, o que nos garante unha cidadanía comprometida e apaixonada coa ciencia. Este edificio foi deseñado polos arquitectos Victoria Alonso e Ángel Acebo, e foi galardoado co Premio Nacional de Arquitectura Xove en 2007. Visto desde fóra, aseméllase a unha caixa de cristal que acubilla no seu interior dous edificios nun. Por dentro, a súa estrutura é coma a dunha árbore, cuxas ramas son impoñentes bloques de formigón onde se sitúan os servizos do museo. Entre as ramas e o envoltorio de vidro defínense as salas de exposicións, de diferentes tamaños e alturas, todas cunha gran luminosidade. O museo é unha árbore de coñecemento, organismo vivo capaz de rexenerarse, adaptarse e renovarse.

 

 

O contido do MUNCYT consegue mesturar os valores tecnolóxicos cos valores culturais; por exemplo, a cabeza do Boeing 747 que en 1981 devolveu o Guernica a España, procedente dos Estados Unidos; ou a invitación, impresa no chan da entrada, a percorrer o museo seguindo o fío de Ariadna no labirinto do Minotauro. Este diálogo entre cultura e tecnoloxía articula e dá vida ao centro. A mestura de cultura humanista e de cultura tecnolóxica achega unha riqueza expositiva para o visitante.

 

En 2008 elabórase un plan museolóxico que concibiu unha institución descentralizada, con sede principal na Coruña, que mantiña viva a sede de Madrid e tiña en conta a posibilidade de habilitar novos espazos, creando así unha rede de museos asociados e entendendo que o apelativo “nacional” significa servir a todo o país e non soamente á cidade onde se sitúa.


A sede da Coruña foi inaugurada en maio de 2012 polas súas actuais maxestades os reis don Felipe e dona Letizia, e recibiu unha mención especial no Certame ao Mellor Museo Europeo de 2014 celebrado en Tallín (Estonia) “pola súa capacidade para comunicar conceptos científicos e técnicos, o seu compromiso e responsabilidade social e por conservar o patrimonio tecnolóxico, industrial e científico de España e Galicia”.

 

Nesta mesma liña de apoio aos valores que o museo representa, a Secretaría de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Ministerio de Economía e Competitividade e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía acordaron co Concello de Alcobendas a apertura dunha nova sede do museo que se inaugurou, neste municipio, o 11 de decembro de 2014.


A apertura dunha nova sede dun museo nacional foi unha magnífica noticia, dificilmente repetible, que demostra un posicionamento en favor da cultura e do coñecemento científico que promove a Marca España, coa difusión da situación das novas tecnoloxías, empresas, esforzo en I+D+i, especialmente nalgunhas áreas recoñecidas nacional e internacionalmente.


A nova sede de Alcobendas alberga unha parte importante da colección do MUNCYT, que aumenta, por unha banda, a súa superficie expositiva e, por outra, o espazo dedicado á divulgación da ciencia, con talleres, aulas e planetarios, conseguindo xuntar nun só edificio, unha parte histórica de exposición da súa colección e doutra, a interactividade, na que o público pode utilizar os distintos manipulativos para comprobar moitos dos principios físicos que os obxectos patrimoniais expostos nos ensinan. Así, é posible asociar as dúas caras da ciencia, a histórica e a experimental, o que completa a visión destes temas, nalgunhas ocasións difíciles de lle achegar ao visitante.

 

 

Colección do MUNCYT

Trinta e cinco anos despois da súa creación, a colección do MUNCYT está integrada por instrumentos científicos e tecnolóxicos desde o século II ata os nosos días, algo máis de 17.500 pezas científicas e tecnolóxicas na súa colección, 600 delas expostas na sede da Coruña, 550 na sede de Alcobendas, e outras 150 en diversas exposicións nas que o museo colabora.


O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, como institución garante da conservación, o estudo e a difusión das coleccións históricas de carácter científico e tecnolóxico do país, ten a obrigación de articular diversos programas que aseguren un correcto incremento das súas coleccións, dos seus sistemas de documentación, da investigación e as necesidades de conservación dos seus fondos. Os proxectos derivados destes programas permitirán preservar para o gozo de futuras xeracións os obxectos do pasado, presente e futuro que o museo albergue.


Como exemplo de innovación expositiva, cabe mencionar o proxecto Xanelas do MUNCYT, iniciativa que consiste en abrir “escaparates” noutros museos de ciencias de España, exhibindo pezas do MUNCYT, renovándoas cada certo tempo e acompañándoas de interactivos que explican a súa historia e o seu funcionamento. Desta maneira, o público visitante accede sen moverse da súa contorna á colección do museo nacional. Na actualidade, o MUNCYT mantén estes espazos expositivos no Parque das Ciencias de Granada, no Museo das Ciencias Príncipe Felipe de Valencia, no Planetario de Pamplona, no Museo da Ciencia de Valladolid e no Museo da Historia da Automoción de Salamanca, e está previsto inaugurar xanelas no Museo Elder de Ciencia e Tecnoloxía das Palmas de Gran canaria, no Museo Interactivo da Música de Málaga, no Museo de Historia do Medicamento e as Ciencias López Piñero da Universidade de Valencia e na Escola Técnica Superior de Enxeñería da Universidade de Sevilla.

Tipoloxía das coleccións

Unha posible definición de patrimonio científico e tecnolóxico relacionaríao con aqueles obxectos, instrumentos, libros, manuscritos, manuais, material audiovisual etc. que forzosamente implica a actividade científica, non soamente desde o punto de vista da investigación senón tamén desde a docencia e a divulgación. As aplicacións industriais, as referidas ao transporte, a enerxía, a informática, a agricultura, a pesca, derivados da actividade técnica, quedarían definidas no que poderiamos chamar o patrimonio tecnolóxico; todos aqueles obxectos mobles e inmobles necesarios para a produción industrial: fábricas e talleres, máquinas ferramenta e ferramentas, englobaría o que ao noso entender comprende o patrimonio industrial. Este conxunto conformaría unha boa aproximación ao tipo de coleccións que conservan os museos de ciencia e tecnoloxía, que en moitos casos deberían mellor denominarse museos de ciencia, tecnoloxía e industria, xa que a maioría, ademais do patrimonio científico e tecnolóxico, conserva un gran número de patrimonio industrial moble.

En calquera caso, os tres aspectos —ciencia, tecnoloxía e industria— están intimamente ligados e a tendencia dos últimos anos, no museístico, é o acondicionamento de espazos expositivos para mostrar este patrimonio, especialmente o industrial, no seu lugar de orixe, lonxe de conservalo, polo tanto, en grandes museos ou edificios construídos ad hoc. En España, o mellor exemplo é a rede de museos de Ciencia e Tecnoloxía de Cataluña, que recupera edificios e fábricas singulares ao longo de toda a xeografía catalá.

A colección do MUNCYT é tan variada como o seu nome indica. Con todo, o museo céntrase sobre todo nos aspectos máis científicos —especialmente a partir do Renacemento— e tecnolóxicos —nacidos da Revolución Industrial—, e reducen a súa presenza os aspectos de carácter etnolóxico ou etnográfico. Os tres grandes conxuntos de pezas do museo articúlanse, polo tanto, ao redor dos instrumentos científicos, os obxectos produto do desenvolvemento tecnolóxico e as máquinas e ferramentas industriais destinadas á produción.




Actividades do MUNCYT A Coruña

A sede da Coruña do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía ofrece un completo programa de actividades que se actualiza todos os meses e que inclúe celebracións temáticas científicas, charlas, exposicións, talleres para nenos…Algunhas das actividades máis habituais son, por exemplo, os Curtocircuítos MUNCYT (visitas guiadas de 45 minutos ao museo, a través do fío condutor dunha temática variable, para unha mellor comprensión do espírito e obxectivos de cada área expositiva), Teatro Científico, Taller do Chapuzas, Sábados Eureka… E dispón dunha oferta especial para colexios.




 

Sección: