Abrindo as portas da nosa aula

O mellor xeito de protexer o coñecemento é facelo libre.
A escola atópase inmersa nunha sociedade en continuo proceso de transformación ante o que non pode permanecer allea. O uso pedagóxico dos edublogs como unha ferramenta educativa innovadora colócaa non só na dinámica que esixe o noso alumnado senón tamén na formación das competencias que a sociedade lles vai demandar.

Ana Martínez Rey

anamartinezrey@edu.xunta.es

CEIP de Maciñeira

 

 

Esta experiencia empezámola neste curso 2015/16 no CEIP de Maciñeira, a partir dun seminario sobre elaboración de blogs de aula, tamén chamados edublogs, incluído no plan de formación de centros no que estamos inscritos, coa finalidade de difundir e potenciar o uso das TIC en todo o claustro de profesores do centro e tamén no alumnado que amosa grandes carencias para o acceso a elas fóra do ámbito escolar.


O noso traballo consistiu na creación e posta en funcionamento de distintos blogs educativos tanto de aula como das distintas especialidades. Por que blogs educativos ou edublogs como tamén son coñecidos? Porque para nós, un blog é un instrumento que serve de apoio e complementa o proceso de ensino-aprendizaxe dentro dun contexto educativo e tamén porque as súas características propias fan desta ferramenta un instrumento de gran valor para o uso educativo dentro dun modelo construtivista: establecen unha canle de comunicación entre profesor e alumno, promoven a interacción social porque son un espazo aberto á participación de todos e dotan o alumno cun medio persoal para a experimentación da súa propia aprendizaxe.
 

Segundo Alejandro Valero, entre os obxectivos que se perseguen coa creación dun blog pódense citar:

  • Utilizar Internet con fins educativos e culturais e como complemento doutros medios de información e de coñecemento. Isto implica coñecer os lados positivos e negativos da rede e por iso hai que preparar o noso alumnado para un uso seguro e eficaz de Internet.
  • Fomentar a escritura de blogs como ferramentas para a publicación de contidos, o que supón ter á man un instrumento moi rápido e eficaz de proxección individual e colectiva.
  • Fomentar o traballo en colaboración xa que os distintos protagonistas suman as súas achegas individuais.
  • Propor outro xeito de avaliación dos coñecementos, situando agora a acción nun ámbito máis amplo ca o da aula ou o do centro educativo, pois os coñecementos están moi relacionados coa información, á que se pode acceder sen atrancos.
  • Concienciar sobre o bo uso da linguaxe e capacitar para a escritura de artigos cos que poder expresar coñecementos, ideas e experiencias e fomentar con iso a creatividade.
  • Propiciar o debate intelectual como forma de intercambio de coñecementos e de adquisición do hábito da crítica construtiva.
  • Coñecer a fondo a sociedade da información, a comunicación e o coñecemento na que xa estamos a vivir e que será a sociedade na que os estudantes se desenvolverán como persoas no futuro.

Palabras clave: 
Sección: