Unha proposta curricular para o ámbito científico-tecnolóxico na ensinanza secundaria de persoas adultas no novo marco educativo

Neste traballo preséntase unha proposta curricular concreta das materias que configuran o ámbito científico-tecnolóxico para os catro módulos da ensinanza secundaria de persoas adultas que foi xustificada previamente no artigo “Cara a onde debe evolucionar o ámbito científico-tecnolóxico na ensinanza secundaria de persoas adultas no novo marco educativo”, publicado neste mesmo número da Revista Eduga. Para a súa elaboración tivéronse en conta os cambios do currículo das materias que integran o ámbito e a súa redistribución e ponderación lectiva na nova organización e estrutura da ESO, motivados pola entrada en vigor da nova lei educativa (LOMCE). Así mesmo, e seguindo as novas propostas de selección e secuenciación de contidos que se suxiren desde a investigación en didáctica das ciencias, procurouse mellorar a integración e globalización das diferentes materias que se inclúen no ámbito, tratando de ofrecer uns contidos atractivos e actualizados que faciliten neste tipo de alumnado o desenvolvemento das competencias que demanda a ensinanza e sociedade actual.

Concepción González Rodríguez, doutora en Psicopedagoxía. Catedrática de secundaria no Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía
concepcion.gonzalez@edu.xunta.es
Beatriz Martínez Rubal, profesora de ensinanza secundaria no Dpto. de Física e Química
bmrubal@edu.xunta.es
Ángeles Rozas Méndez, licenciada en Pedagoxía e mestra no Dpto.de Matemáticas
angeles.rozas@edu.xunta.es
Centro de Educación e Promoción de Adultos Eduardo Pondal (A Coruña)
Manuel Trigás Verdini, licenciado en Matemáticas. Inspector de Educación
mtrigas@edu.xunta.es

 

Organización das materias do ámbito nos catro módulos

Para a organización e distribución dos bloques de contidos das diferentes materias para cada módulo, tivéronse en conta fundamentalmente dous criterios:

  • a) A súa carga lectiva na ESO, para facilitar a incorporación e a homologación de estudos do alumnado procedente do ensino ordinario que se vai incorporar aos diferentes módulos da ESA.
  • b) As habilidades e coñecementos previos que demandan e desenvolven as propias materias que integran o ámbito xa que, como figura na introdución, entendemos o coñecemento científico como un conxunto no que cada materia contribúe desde a súa perspectiva.

Así, consideramos que o estudo das Matemáticas, ademais de ser un instrumento básico para o desenvolvemento das outras disciplinas, axuda a desenvolver a capacidade de razoamento e de abstracción do alumnado; por todo isto, é necesario que a súa presenza no ámbito supoña un 50 % do currículo en cada un dos módulos, deixando o outro 50 % para Física e Química/Bioloxía e Xeoloxía.

É importante subliñar que os coñecementos básicos de Tecnoloxía teñen a súa base epistemolóxica intimamente relacionada coas Matemáticas e co coñecemento da Física, motivo polo que os englobamos nos bloques correspondentes a estas materias. Do mesmo xeito, incluiranse na materia de Bioloxía e Xeoloxía determinados contidos correspondentes a Educación Física, especialmente aqueles que axuden a fomentar estilos de vida saudables. É a única forma de que sexan respectadas a carga horaria e os contidos das materias da ESO á hora de trasladalas aos ámbitos da ESA.

En canto á distribución destas dúas materias, consideramos que o alumnado que se matricula no módulo I non dispón dos coñecementos previos de Matemáticas que faciliten unha aprendizaxe significativa dos contidos que se van abordar en Física e Química, polo que nos parece axeitado incorporar esta materia no módulo II, comezando no módulo I polos contidos de Bioloxía e Xeoloxía que non precisan de destrezas e habilidades matemáticas. Esta distribución tamén facilita que o alumnado no módulo II e III se familiarice de forma progresiva con contidos científicos que teñen unha forte compoñente conceptual e procedemental de Física e Química (leis de Newton, lei de gravitación universal, lei de Lavoisier...), que son imprescindibles para comprender determinados contidos da materia de Bioloxía, como a orixe e evolución do Universo e da Terra, que por esta razón se incorporan no último módulo.

Por outro lado, e tendo en conta a curta duración de cada módulo (cuadrimestral), desde o punto de vista metodolóxico parécenos moito máis positivo para o alumnado o traballo progresivo e continuado dunha das dúas materias, durante cada cuadrimestre, xa que é moi difícil que nun intervalo de tempo tan pequeno (a metade ca na ESO) o alumnado poida interconectar contidos tan diferentes de forma significativa. Isto non supón a segregación de materias, xa que o seu estudo se fai de xeito interdisciplinar e secuenciado no ámbito cara á consecución das competencias e obxectivos de etapa. Así, a repartición que se propón sería a seguinte:

  • Modulo 1: 4 bloques de Matemáticas; 4 bloques de Bioloxía e Xeoloxía.
  • Módulo 2: 4 bloques de Matemáticas; 4 bloques de Física e Química.
  • Módulo 3: 4 bloques de Matemáticas; 4 bloques de Física e Química.
  • Módulo 4: 4 bloques de Matemáticas; 4 bloques de Bioloxía e Xeoloxía.

Esta proposta curricular non só trata de ser coherente no ámbito dos contidos, senón tamén á hora da organización do centro. Así, tendo en conta que os módulos son cuadrimestrais, procurouse que o profesorado dos diferentes departamentos implicados na docencia deste ámbito teña carga lectiva similar en ambos cuadrimestres. De aí que Bioloxía e Xeoloxía se imparta nos módulos I (primeiro cuadrimestre) e IV (segundo cuadrimestre) e Física e Química nos módulos II e III, que se imparten no segundo e primeiro cuadrimestre, respectivamente.

Secuenciación do currículo das materias do ámbito nos catro módulos

Secuenciación do currículo de Matemáticas

Os bloques de contidos matemáticos organízanse ao longo dos catro módulos da ESA en catro bloques de coñecemento (véxase o anexo I):
Bloque 1: Números e álxebra.
Bloque 2: Xeometría.
Bloque 3: Funcións.
Bloque 4: Estatística e probabilidade.

Estes bloques teñen todos eles a mesma importancia na formación integral do alumnado adulto, é necesario que se desenvolvan de xeito global pensando nas conexións internas da materia dentro de cada módulo e no seu conxunto na totalidade do ámbito, adquirindo unha progresiva complexidade ao longo da súa impartición nos módulos da ESA.

O carácter instrumental das Matemáticas fai delas unha ferramenta fundamental para a adquisición de novos coñecementos noutras materias, especialmente na de Física e Química dentro do ámbito, é por iso que a secuenciación de contidos nos módulos se fai en función dos coñecementos matemáticos que o alumnado debe posuír para levar a cabo a adquisición de novos coñecementos en Física e Química. Nos módulos I e II é necesario que o alumnado alcance soltura suficiente no cálculo apoiado na adquisición do sentido numérico e alxébrico; partindo de coñecementos elementais, o primeiro bloque de coñecemento “números e álxebra” ten un peso relevante nestes módulos, así como a introdución de coñecementos básicos da xeometría do plano, da función lineal e cuadrática e a iniciación á estatística e probabilidade.

Nos módulos III e IV o alumnado debe pasar de conseguir dominar os cálculos e ferramentas a progresar na adquisición das habilidades de pensamento matemático, desenvolvendo capacidades de análise e investigación, polo que os contidos se encamiñan máis á formulación, resolución e interpretación de problemas en contextos reais, fortalecendo tanto os aspectos teóricos como as aplicacións prácticas. Por esta razón, os contidos das Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas e das Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas da ESO selecciónanse e intégranse nunha única matemática nos módulos III e IV, o que lle garante ao alumnado adulto que, ao remate do ámbito, adquirirá os coñecementos necesarios para a súa posterior formación. Compleméntase a formación do alumnado adulto no ámbito cos contidos matemáticos referentes ao uso de axudas e ferramentas tecnolóxicas, como son o das calculadoras científicas e gráficas e o software específico.

Secuenciación do currículo de Bioloxía e Xeoloxía

Nos bloques do módulo I (véxase o anexo I), centrarémonos nos contidos máis próximos e facilmente observables para o alumnado e que non demanden un coñecemento académico previo excesivo, xa que a maioría dos estudantes da ESA levan tempo lonxe do ambiente escolar, aínda que, como xa se argumentou previamente, son portadores dunha bagaxe de coñecementos experienciais moi importante debido á súa idade e actividade profesional que, se sabemos utilizalos, nos van facilitar o proceso de ensinanza e a súa aprendizaxe. Así, en Xeoloxía, comezaremos polo estudo do noso planeta e os fenómenos e procesos observables que nel se producen (bloques I e II). En Bioloxía (bloque III e IV), abordaremos o estudo da biodiversidade desde unha visión macroscópica e, polo tanto, observable e recoñecible polo alumnado na vida, estudando os grandes grupos de invertebrados, vertebrados e plantas, facendo especial fincapé nos exemplos relativos aos ecosistemas próximos nos que trataremos os aspectos máis sinxelos das relacións que se establecen entres os seres vivos e o medio no que viven. Tamén introduciremos o concepto de ecosistema e os cambios e alteracións máis habituais que se producen derivados da acción humana, a contaminación, entre outros.

Nos bloques do módulo IV, trataremos os aspectos máis complexos e abstractos que se inclúen para esta materia nesta etapa, xa que o alumnado que accede a este módulo xa superou os ámbitos científicos dos tres módulos anteriores. Isto significa que dispón das destrezas e coñecementos científicos suficientes para poder iniciar de forma comprensiva o estudo das grandes teorías científicas actuais que explican os fenómenos e procesos xeolóxicos e biolóxicos que favoreceron o desenvolvemento do coñecemento científico, como son: a orixe e a evolución da Terra e da vida; a teoría celular e o estudo da célula como unidade funcional dos seres vivos (bloques I e II). Finalízase con dous bloques que abordan de forma global e integradora o funcionamento dos seres humanos como sistemas e a súa interacción nos ecosistemas, afondando no estudo das funcións vitais nas persoas e a repercusión dos hábitos saudables na saúde (bloque III) e na repercusión do ser humano nos ecosistemas e como lograr unha xestión sustentable do planeta (bloque IV). Todos eles son aspectos imprescindibles para que o alumnado que finalice esta etapa poida actuar como un cidadán crítico e responsable coa capacidade de posicionarse sobre temas transcendentais na sociedade actual.

Secuenciación do currículo de Física e Química

A distribución dos contidos de Física e Química nos módulos realízase de forma non homoxénea (véxase o anexo I), de xeito que a Química ten máis presenza no módulo II (tres bloques fronte a un de Física), mentres que no módulo III son tres os bloques de Física e un de Química. O motivo desta distribución radica na necesidade de lle dar tempo ao alumnado de acadar os coñecementos e destrezas matemáticas necesarias para abordar o estudo da Física (cuestión xa xustificada anteriormente).

Así, nos bloques I, II e III do módulo II centrarémonos nos contidos máis sinxelos e concretos que se consideran imprescindibles nun primeiro contacto académico coa Química: a estrutura da materia, os seus estados de agregación e as mesturas, facendo especial fincapé nas disolucións desde un punto de vista cualitativo, que capacite o alumnado para entender diversos procesos que teñen lugar na natureza e que van ser estudados na materia de Bioloxía-Xeoloxía no módulo IV. Esta mesma finalidade lévanos a introducir tamén no bloque 3 do módulo II a importancia da enerxía desde un punto de vista cualitativo nos cambios físicos e químicos. Finalmente, no bloque IV deste mesmo módulo, comézase o estudo da Física introducindo conceptos e estratexias claves para o traballo nesta disciplina como: magnitudes, tipos e unidades (SI), así como erros e notación científica, rematando cunha introdución á cinemática.

No módulo III, comezaremos cos bloques relativos á Física (bloques I, II e III) e enlazaremos de forma progresiva cos aspectos estudados no bloque IV do módulo II. Comezaremos polo estudo dos movementos e forzas (bloque I), xa que o alumnado que accede a este módulo xa dispón dos coñecementos matemáticos necesarios para introducir este tema, que demanda operar con cálculos complexos e abstractos como son as ecuacións de segundo grao e a realización de gráficas. Neste bloque abordaremos o estudo das leis de Newton e o recoñecemento das forzas que nos rodean, así como os mecanismos ou máquinas simples de transmisión de movemento, aplicadas á Bioloxía e a aparellos de uso cotián. Faremos especial fincapé na lei de gravitación universal, imprescindible para que na materia de Bioloxía, sexan quen de entender as leis que rexen a orixe e evolución do noso sistema planetario. Tamén se introducirán o concepto de presión e a hidrostática que nos vai permitir introducir a física da atmosfera e interpretar os mapas utilizados no prognóstico do tempo, así como explicar o fundamento da prensa hidráulica entre outras aplicacións tecnolóxicas dos principios da hidrostática. Nos bloques II e III, trataremos o estudo da enerxía e as súas transformacións desde un punto de vista cuantitativo, e enlazaremos coa enerxía eléctrica e as súas aplicacións tecnolóxicas.

Remataremos este módulo III cun bloque dedicado a contidos de Química, afincando os aspectos desenvolvidos no módulo II e introducindo aspectos máis complexos e abstractos que nos permitan realizar cálculos estequiométricos nas reaccións químicas estudadas anteriormente e recoñecer a presenza da química no noso contorno máis próximo, o que os conducirá ao achegamento ao traballo científico.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

CAÑAS, A.; MARTÍN-DÍAZ, M. E NIEDA, J. (2007). Competencia en el conocimiento y la interacción con el mundo físico. La competencia científica. Madrid, Alianza.

CAÑAL, P. (2012). “Saber ciencias no equivale a tener competencia profesional para enseñar ciencias”. En Pedrinaci, E. (coord.). El desarrollo de la competencia científica. Barcelona, Graó. pp. 217-239.

Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. DOG do 29 de xuño de 2015.

Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se regula a educación básica para as persoas adultas e se establece o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia. DOG do 23 de xullo de 2008.

GARCÍA ROVIRA, M. P. (2005). “Los modelos como organizadores del currículo en biología”. Enseñanza de las Ciencias, número extra. VII Congreso ESO, 1-6.

GÓMEZ GALINDO, A. A.; Sanmartí, N. & Pujol, R. M. (2007). “Fundamentación teórica y diseño de una unidad didáctica para la enseñanza del modelo ser vivo en la escuela primaria”. Enseñanza de las Ciencias, 25 (3), pp. 325-340.

PACCA, J. L.; PACCA, A. & VILLANI, A. (1996). “Un curso de actualización y cambios conceptuales en profesores de Física”. Enseñanza de las Ciencias, 14 (1), pp. 23-33.

PEDRINACI, E. (2012). “El ejercicio de una ciudadanía responsable exige disponer de cierta competencia científica”. En Pedrinaci, E. (coord.). El desarrollo de la competencia científica. Barcelona, Graó. pp. 15-38.

PORLÁN, R. (1993). Constructivismo y escuela. Sevilla, Diada.

SANMARTÍ, N. (2002). Didáctica de las ciencias en la educación secundaria obligatoria. Madrid, Síntesis.

TOBIN, K., & ESPINET, M. (1989). “Impediments to change: applications of coacing in high school science teaching”. Journal of Research in Science Teaching, 26 (2), pp. 105-120.

ZABALA, A., & ARNAU, L. (2007). 11 ideas clave. Cómo aprender y enseñar competencias. Barcelona, Graó.

Sección: