O Salustiano de romaría

María Luisa López Losada
marsheisa@edu.xunta.es
María del Carmen Dios Fernández
diosfernandez@edu.xunta.es
Coordinadoras do EDLG do CEP Salustiano Rey Eiras
(A Pobra do Caramiñal-A Coruña)

As Letras Galegas
de camiño a Bandaseca,
este ano homenaxeamos
a…
Xa chegou o gran día…
da nosa Romaría!
(2013 – 2015)

 

Xustificación

Esta idea nace do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, coa finalidade de dinamizar unha serie de actividades dirixidas a potenciar o emprego da lingua galega, para acadar unha plena normalidade no uso da nosa lingua.
O noso centro está situado nunha zona costeira (A Pobra do Caramiñal) onde a transmisión da lingua galega a través da familia se está debilitando e rompendo, para pasar a empregar a lingua castelá como lingua materna.
Ante este escenario, onde cada vez se potencia menos a nosa cultura, xorde a idea de celebrar un gran festexo polo Día das Letras Galegas no ámbito escolar, implicando a toda a comunidade educativa: nais/pais, avós/avoas, ANPA, coidadora, conserxe…
Por todo o exposto, o EDLG ponse a idear e traballar para esta celebración.

Contextualización

O CEP Salustiano Rey Eiras está situado na provincia da Coruña, na península do Barbanza e no lugar de Bandaseca. É un centro de educación primaria, formado por un claustro de 34 mestres e mestras e unha matrícula de aproximadamente 400 alumnos distribuídos en dous edificios dentro do mesmo recinto escolar. Nesta actividade coordinada polo EDLG, A Romaría das Letras Galegas, participou todo o profesorado e a comunidade educativa.

Obxectivos

  • Dinamizar a lingua galega.
  • Potenciar e normalizar o uso da lingua galega.
  • Achegar a riqueza do folclore e dos costumes galegos ao noso centro.
  • Favorecer a participación da comunidade educativa nas actividades do centro.
  • Festexar o Día das Letras Galegas dando a coñecer o autor homenaxeado

Recursos empregados

Hai que destacar que necesitamos? e como nos organizamos?

Que necesitamos?

Para que o proxecto se puidese levar a cabo tivemos que implicar a toda a comunidade educativa e buscar a participación de distintos sectores: mariñeiros, palilleiras, asociación Ambar (Asociación Minusválidos do Barbanza), Concello, gaiteiros... O traballo en equipo e o esforzo do día a día fixeron posible as celebracións das romarías das Letras Galegas. Os pasos que seguimos para levalas a cabo foron os seguintes:  

  • Tomar contacto co Concello, ANPA, profesorado, alumnado… para mostrar o programa e coñecer o nivel de implicación e colaboración que nos ían prestar.
  • Falar coas diferentes institucións e persoal externo ao centro (Ambar, gaiteiros, monicrequeiras, mariñeiros, palilleiras, churreiras, polbeira, oleira, educultoras…) para coñecer a súa dispoñibilidade.
  • Decidir, internamente, a organización, a presentación dos autores homenaxeados, os postos da romaría…
  • Deseñar e elaborar os carteis que publicitaron as romarías.
  • Implicar a toda a comunidade escolar.

Como nos organizamos?

Foi un traballo intenso e continuo ao longo de todo o curso. A idea tivo unha grande acollida no centro e implicáronse tamén os equipos de biblioteca e de extraescolares, que desde o inicio de cada curso colaboran no proxecto.Todo o persoal do centro está implicado desde os distintos equipos e titorías.
Partindo do eixe dos proxectos comúns anuais do centro, o EDLG coordinou e distribuíu as distintas tarefas que había que realizar. Os traballos elaborados polo alumnado ao longo de todo o curso teñen o seu espazo de exposición nesta grande festa: Romaría das Letras Galegas.
Pouco a pouco imos achegándonos ao día da festa. Todo ten que estar a punto: vestimenta do alumnado (que ía caracterizado cunha camiseta dunha cor segundo o nivel, un gorro e un pano de cor laranxa que tiña gravado o nome do EDLG e o do centro), vestimenta do profesorado (caracterizados de romeiros ou vestimenta segundo o posto que había que atender), horarios, actividades, comida, bebida, animacións e festa rachada... sen esquecer os case 400 alumnos cos que conta o centro, familias invitadas e persoal colaborador!

É moi importante telo todo ben organizado desde o primeiro momento, sen deixar nada para á improvisación. A idea articúlase estruturada en catro grandes bloques de actividades:

- Visita ao centro para observar a decoración e os traballos elaborados polo alumnado sobre os autores homenaxeados: Roberto Vidal Bolaño, Xosé María Díaz Castro e Xosé Filgueira Valverde.
- Postos (deseño dos postos: autores homenaxeados, fotocall, troco, artesáns e asociacións invitadas, traballos dos alumnos e postos coas merendolas).
- Actividades lúdicas (actuacións musicais e de bailes do alumnado, xogos populares, actividades artísticas…)
- Festexo (recollida de comida, bebida, música e baile, amenizado polos gaiteiros).

Para a celebración das actividades elaboráronse uns horarios onde, por quendas, os distintos cursos participan e visitan o festexo.

A ROMARÍA DAS LETRAS GALEGAS

Esta actividade celebrouse por primeira vez no CEP Salustiano Rey Eiras no curso 2012/13.

Era moita a ilusión e a dedicación que requiría. O obxectivo era achegar a cultura galega e o folclore á escola e… que toda a comunidade educativa participase activamente, como así sucedeu, polo que nos puxemos a traballar.

Neste ano, o Día das Letras Galegas, estaba dedicado a Roberto Vidal Bolaño, autor destacado no teatro galego. A festividade organizouse desde distintos ángulos:

  • Decoración e ambientación dos dous edificios do centro.
  • Visita de toda a comunidade educativa ás exposicións dos traballos feitos polos nenos e nenas.
  • Festival con actuacións.
  • Visita á feira da romaría.
  • Gran merendola e gaiteirada.

O alumnado contou e deseñou en formato fotograma a vida e obra do autor Roberto Vidal Bolaño (traballos expostos no centro).

Na decoración non faltaba:

  • “O arco das letras”, que recollía un percorrido polos autores homenaxeados o Día das Letras desde Rosalía de Castro a Roberto Vidal Bolaño, así como as súas facianas caricaturizadas.
  • Fotogramas sobre o autor homenaxeado, elaborados por todo o alumnado de primaria. Un traballo feito en equipo onde uns elaboraban en formato cómic as viñetas e outros coloreaban (combinándose entre os diferentes niveis).
  • Mural ambientado na Metro Goldwyn Mayer coa imaxe de Roberto Vidal Bolaño.

A comunidade educativa tamén puido gozar:

  • Do traballo “Facianas das Letras Galegas” elaborado (polo EDLG) en conmemoración do 150 aniversario da obra Cantares Galegos de Rosalía de Castro, onde se recollía: lugar de nacemento, vida, obra e traxectoria de cada un dos autores homenaxeados polo Día das Letras, para recordar, traballar e gozar na aula e en familia dos nosos autores galegos. O dito traballo foi publicado na prensa (La Voz de Galicia. Especial Letras Galegas 2013).
  • Do LIM “Letras Galegas” da vida e obra de Roberto Vidal Bolaño e curiosidades de Rosalía de Castro, elaborado polas coordinadoras de EACE e EDLG, enviado á coordinadora do Barbanza para o seu uso como material didáctico nos centros e que logo foi publicado na web da consellería e no espazo Abalar.
  • Dun Prezi de Bolaño e dun Gloster que recollía todos os traballos e revistas dedicadas aos días das Letras Galegas dos últimos anos.

As actuacións dos nenos e nenas con:

  • Recitados de poesía de Rosalía de Castro “Adiós ríos, adiós fontes”.
  • As pandeireteiras co “Pirimpimpin”.
  • Himno Galego, interpretado con frauta.

Non faltaron os xogos de tradición popular, para os cales se pintaron as pistas de xogo, o que propiciou que a partir desta data o alumnado xogase nos recreos e se recuperasen algúns xogos populares que xa estaban esquecidos.

  • Visita á feira, onde houbo diversos postos decorados con esmero por todo o alumnado e profesorado, ambientados e caracterizados segundo a temática que se quería representar:

- Viñeron os mariñeiros ensinarnos as súas artes, maquetas e aparellos de pesca, cadros de nós, chaveiros, cintos…
- Un taller de abelorios, onde o alumnado do centro fixo e expuxo fermosas pulseiras, colares, aneis…
- A asociación Ambar amosounos con moito entusiasmo como facer cestos e encadernacións.
- As palilleiras (avoas de alumnado do centro) ensináronlles aos nenos e nenas a arte de palillar, así como unha mostra de traballos elaborados por elas.
- Obradoiro de globoflexia e papiroflexia, impartido polas monicrequeiras, onde o noso alumnado gozou da realización de distintas figuras.
- Un posto de fotocoll onde os nenos sacaban a súa foto de “galegos” ou “romeiros” elaborado por profes do centro e a ANPA.
- Posto de troco, onde previamente cada neno e tamén os profesores deixan un agasallo que se ía poder cambiar por outro, de xeito que todos levaban un agasallo distinto para as súas casas (atendido pola coidadora e as nais e pais).
 

  • A merendar! Esperábannos os distintos postos con manxares para esta merendola:

- Panadería, con pan, empanadas…
- Froitería, onde se mostraba unha ampla exposición de froitas e os nenos e nenas elixían a que querían (atendidos pola froiteira).
- Doces, onde as familias se encargaron da súa elaboración e da cal fixeron unha apetitosa exposición para a súa degustación: tortas, biscoitos, galletas, roscas, melindres…
- Chacinería, posto que deseñou e atendeu a ANPA, onde non faltaron os saborosísimos embutidos (chourizo, salchichón…), queixos… xunto cos bocatas que ían preparando e ofertando segundo petición dos nenos e nenas.
- Taberna onde estaban as bebidas para refrescar! Eran servidas en vasos polos taberneiros.

E non podían faltar os gaiteiros, que estiveron amenizando este evento con todos nós ata a despedida da romaría.

A maxia e a ilusión de toda a comunidade educativa fixo que fose un día inesquecible e que quedasen ganas de celebrar a segunda romaría das letras galegas.

SEGUNDA ROMARÍA DAS LETRAS GALEGAS, “BANDASECA POLO MUNDO”

Aquí estamos de novo, celebrando a II Romaría das Letras Galegas, co lema “Bandaseca polo mundo”. Ao igual ca na l Romaría, implicouse toda a comunidade educativa e foron moitos os preparativos que se necesitaron.

  • Decorouse o recinto escolar e os dous edificios do centro. Neles estaban expostos os traballos feitos polos nenos e nenas para o Día das Letras e o mural que ilustraba a faciana de Xosé María Díaz Castro no centro do mundo, no que el saudaba en todas as linguas que coñecera e falara.
  • Coas imaxes dos traballos elaborados polo alumnado e do mural do autor homenaxeado, elaborouse un calendario de refráns do mes de maio que foi publicado na páxina da consellería.
  • Cada nivel elaborou o seu posto e escolleu algún dos países representados no mural, sen esquecer os persoeiros galegos polo mundo (persoeiros recordados nas aulas):

- O primeiro nivel decorou o posto de China, onde se plasmou todo o que nos achegaron os chineses en distintas épocas: tangram, número pi, fogos artificiais, papiroflexia, os foguetes, os vermes de seda (vermes que coidaron os nenos e nenas durante todo o curso), vídeos ilustrativos con costumes chinesas, disfrace do Entroido…
- O segundo nivel decorou o posto de Exipto: papiros, pirámides, ataúdes e momias…
- O terceiro nivel, Venezuela: imaxe e debuxos de Celso Emilio Ferreiro, o café…
- O cuarto nivel, Arxentina: moedas, biografía e debuxos de Castelao…
- O quinto nivel, África: vestimentas que elaborou e decorou o alumnado, figuras africanas…
- O sexto nivel, axencia de viaxes: ambientada con folletos e imaxes de distintos países.

  • O EDLG ideou e decorou  o posto do troco, o posto dos espetos de froita feitos pola ANPA, a taberna, os doces e a panadería, posto de Xosé María Díaz Castro (autor homenaxeado nas Letras Galegas 2014) no que se podía visualizar o retrato do autor, os trípticos con información da súa vida e obra, o programa da romaría, os carteis e caderno gañadores do concurso-exposición, mural coa biografía e imaxe en papel periódico do autor.
  • Hai que sinalar tamén o posto de nós mariñeiros (Ambar), o posto do fotocall (ao que lle engadimos dous peregrinos e un barco) e o posto do polbo.

Na romaría non faltaron as actuacións por parte do alumnado: tocaron o himno galego coa frauta, as pandeireteiras coa canción do grupo Treixadura e os gaiteiros que amenizaron o xantar. Ademais, fíxose un taller de manualidades que organizou a ANPA, xogos populares e vimos a curta Un naúfrago no Salustiano, curta que se fixo para o certame de “Nós tamén creamos” e que fora elaborada por un grupo de profesores do centro entre os que tamén estaban membros do EDLG. Os postos estaban atendidos por mestres, persoal non docente e pais, que lle explicaban ao alumnado (que visitaba en distintas quendas) todo o exposto.

A idea da romaría ía medrando! Toda a comunidade educativa estaba moi ilusionada con esta celebración no Día das Letras Galegas, polo que xa estabamos pensando en como organizar a terceira romaría.

TERCEIRA ROMARÍA DAS LETRAS GALEGAS

E xa chega a III Romaría das Letras Galegas! Este ano, ademais, temos que celebrar, o premio gañado no concurso-exposición do autor homenaxeado Xosé Filgueira Valverde 2014/15.

O día da celebración da romaría foi a entrega deste premio, para o cal contamos coa presenza do conselleiro de Educación, o secretario xeral de Política Lingüística, o alcalde da Pobra do Caramiñal e outras personalidades da Consellería de Educación, como Xulia Marqués e Pura Galán. Toda a comunidade educativa presenciou este acto. O noso alumnado amenizounos coas seguintes actuacións:

- Alumnado de sexto: rap de “Os maios”.
- Alumnado de quinto: representou “O ben dos pobres” de Quintana Viva.
- Alumnado de cuarto: himno galego cantado.
- Alumnado de terceiro: recitado do poema “Adiós ríos, Adiós fontes”.
- Alumnado de primeiro e segundo: canción núm. 4 de Cancións de mar in modo antico.
- Todo o alumnado: “O galo canta” e himno galego tocado con frauta.

Ao remate da entrega do premio, empezamos cos diferentes obradoiros e coa visita aos diversos postos que o EDLG organizara para a III Romaría das Letras Galegas. O tema principal foi a vida e obra do autor homenaxeado Xosé Filgueira Valverde.

O centro estaba decorado coa obra do autor e cos carteis gañadores. Coma en todas as romarías, toda a comunidade educativa colaborou e estivo moi implicada e, ao igual ca nas demais romarías, non podía faltar a visita aos postos e aos talleres:

  • Ambar: explicáronlle ao alumnado como facer nós mariñeiros e bonitas figuras co Tricotín.
  • Educultoras: fixeron dous talleres co alumnado de primeiro, segundo, terceiro e cuarto curso de primaria. Un taller foi o de papiroflexia e no outro taller elaboraron dous maios.
  • Mar Barral: levou a cabo un taller de cerámica co alumnado de quinto e sexto. O alumnado, ademais de aprender a traballar co barro, elaborou pezas de cerámica.
  • As madrugadoras realizaron un taller de galletas co alumnado de quinto curso que cociñaron no forno do comedor.
  • A ANPA elaborou mandalas de gran tamaño que o alumnado de sexto coloreou. Tamén fixo espetos de froita fresca e bocatas de embutido para xantar.
  • A baiuca do Salustiano ofrecía auga e chocolate.
  • A churreira facíanos os churros para comer co chocolate.
  • Na panadería/docería saboreamos uns ricos melindres, roscas e exquisitas empanadas.
  • Había un posto de xogos populares dos que o alumnado gozou. Elaboráronse carteis cos nomes dalgún xogo e un Power Point co nome e significado de cada un, segundo o Portal das Palabras.
  • Posto da música: estaban expostos instrumentos musicais típicos galegos.
  • Posto de Xosé Filgueira Valverde: na visita a este posto fíxose entrega dun folleto informativo das actividades da romaría, vida e obra de Filgueira e a guía gañadora.
  • Posto de “Unha lingua chea de palabras”: estaban expostos todos os traballos que o alumnado elaborou ao longo do curso referido ao Portal das Palabras. Ademais había dúas caixas: nunha había colgantes (coas palabras traballadas do portal) e na outra piruletas de cor azul, para que o alumnado mostrase a súa lingua ao pronunciar a palabra do colgante despois de comer as piruletas.

Despois da visita aos postos e de participar nas diferentes actividades, fixemos unha gran merendola no campo para gozar da romaría neste fermoso día amenizados polo grupo de gaiteiros Barlovento.

Avaliación

Para avaliar esta actividade partimos dos obxectivos propostos. Que avaliamos? Foi moi positiva e satisfactoria a participación do alumnado, profesorado e persoal non docente, familias, administracións locais, asociacións culturais, Política Lingüística…, así como a participación de todo o persoal coordinado e traballando en equipo. Este esforzo do día a día fixo posible acadar os obxectivos propostos e converter esta romaría nun día inesquecible para toda a comunidade educativa.

Conclusión

Esta celebración converteuse ano tras ano nunha celebración “singular” do noso centro, que potencia o uso da lingua galega, o folclore e o coñecemento dos nosos autores galegos, e favorece, ademais, o achegamento da escola e as familias.

Queremos transmitirlle o noso agradecemento a todo o persoal que fixo posible e viable a realización destas romarías e o desexo de que se sigan realizando ano tras ano.

 

 

 

Bibliografía: 

 

Referencias lexislativas:

Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Diario Oficial de Galicia, 25 de maio de 2010.

Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro de 2004.

Estatuto de autonomía de Galicia, do 6 de abril de 1981.

Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Diario Oficial de Galicia, 14 de xullo de 1983.

Ligazóns de interese:

www.aescolafala.blogspot.com

https://sites.google.com/a/bandaseca.es/edlg-bandaseca

 

Palabras clave: 
Sección: