ARRIBA O PANO!
M.ª Jesús López Vila, especialista de PT
mjlvila@edu.xunta.es
Pedro de Uña Álvarez, especialista de E. Musical
puna@edu.xunta.es
María Boado Valiño, Especialista de AL
mbovali@edu.xunta.es
CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña)
Contextualización
O CEIP Emilia Pardo Bazán é un colexio de liña tres que escolariza a máis de 600 alumnos de educación infantil e primaria, situado no barrio de Labañou da Coruña. Pola súa situación, recolle nenos e nenas de tres áreas de características urbanas e sociais moi diferentes: un barrio de nova construción, con familias novas e nivel socioeconómico medio; outra zona de urbanización máis antiga e nivel económico máis baixo e unha última zona sen equipamentos e con infravivendas, onde habita poboación xitana e/ou marxinal con elevado nivel de absentismo e desmotivación.
Tamén atende un número crecente de nenos con necesidades educativas de todo tipo: permanentes e transitorias (síndromes e trastornos, dificultades de relación social, dificultades instrutivas e/ou na xestión da emocionalidade…).
Por outra banda, na maioría do noso alumnado os niveis de coñecemento e emprego da lingua galega é moi baixo. Nestas circunstancias, no centro sempre se traballou con distintos proxectos que intentaban compensar e corrixir estas desigualdades, carencias e necesidades tanto instrutivas como educativas e persoais. Dentro destes proxectos, sempre houbo profesorado partidario de empregar o teatro como recurso didáctico. Así, entre algúns mestres integrantes do Departamento de Orientación e do Equipo de Dinamización da Lingua Galega constatamos a necesidade de:
- Deseñar actividades onde se puidesen relacionar os nenos de diferentes aulas, niveis e ciclos, co obxecto de mellorar as relacións interpersoais do alumnado, con frecuencia demasiado centrado no seu grupo-clase.
- Organizar espazos e tarefas que permitisen integrar con normalidade os nenos con necesidades educativas, atendidos desde as nosas aulas de PT e AL.
- Ofrecer actividades que promovesen o emprego da lingua galega, moi pouco falada no colexio, e mesmo rexeitada por parte dalgúns alumnos.
Unidas estas necesidades á tradición teatral do colexio e á nosa experiencia noutros centros, as especialistas de PT e AL organizamos a representación dunha obra cos nenos do primeiro ciclo: Os trasnos zapateiros.
Ao mesmo tempo, un dos profesores especialistas de E. Musical tamén estaba organizando un grupo con nenos do terceiro ciclo, axudado dunha das titoras de quinto. Xuntos puxeron en escena a obra El príncipe que todo lo aprendió en los libros.
Os resultados ao final de curso foron moi satisfactorios nos dous casos, polo que todos se propuxeron dar continuidade aos seus proxectos durante o curso seguinte, aínda que con algunhas modificacións: a mestra de AL quedou ao cargo do grupo de pequenos e o profesor de Música quedou ao cargo do grupo de maiores. Ambos grupos foron apoiados pola profesora de PT. Ese curso os alumnos do primeiro ciclo representaron Filloas para todos e os maiores Un intruso nos sentimentos. Unha vez máis, o resultado foi moi positivo, pero ao facer a avaliación final estivemos de acordo en que podía ser máis produtivo xuntar esforzos e facer unha obra conxunta entre os especialistas, e quedar a titora de quinto máis liberada para outras tarefas de coordinación no centro.
Así pois, no noso terceiro curso no Emilia, unha mestre de AL, outra de PT e un mestre de Música creamos o Equipo de Teatro Interaulas. Iniciamos a nosa cooperación co “megaproxecto” de teatro, onde uniamos os obxectivos de cada un dos anteriores e algúns máis inspirados por outros compañeiros.
Obxectivos
- Fomentar a relación entre o alumnado de distintos niveis, como elemento cohesionador do noso centro.
- Favorecer a integración do alumnado con NEAE (transitorias e permanentes) en proxectos de traballo colectivo, como semente de inclusión social.
- Estimular as capacidades artísticas e o descubrimento de novos intereses polos nosos alumnos.
- Estimular o desenvolvemento de habilidades e capacidades: autocontrol da propia conduta, motricidade, memoria, atención, fluidez verbal… nun contexto máis amplo ca a aula.
- Transmitir valores como: a responsabilidade e o compromiso na tarefa común, o espírito de autosuperación fronte á competitividade e a capacidade de aceptar ao outro con todas as súas particularidades: de aprender del e con el.
- Desenvolver a capacidade de esforzo prolongado, co fin de metas a longo prazo.
- Achegar e adaptar á nosa comunidade un patrimonio cultural pouco difundido: música clásica, ópera , danza, compositores, obras…
- Presentar a lingua galega nun contexto culto e lúdico, non como un fin en si mesma, senón como un medio de comunicación natural e perfectamente válido en calquera ámbito.
Recursos empregados
A evolución histórica do proxecto de teatro tamén se reflectiu no incremento progresivo dos recursos empregados. Despois duns comezos moito máis modestos, na actualidade contamos con…
RECURSOS HUMANOS
Mestres:
- Tres mestres que compoñen o Equipo de Teatro Interaulas: profesoras de AL e PT e profesor de Música.
- Claustro de mestres, que participa:
- Vestindo os actores nos ensaios xerais de actos e colaborando no control do alumnado nestes ensaios.
- Elaborando algunhas pezas de aderezo ou vestiario.
- Comprando teas e maquillaxes.
- Facendo probas de maquillaxe previas á estrea.
- Ensaiando aspectos específicos da representación (emisión da voz no canto).
- Acompañando o alumnado cando se realizan probas no exterior (gravacións -na Escola de Imaxe e Son).
- Vestindo e maquillando os actores para as representacións.
- A Comisión de Teatro, creada no presente curso, como apoio loxístico á actividade de teatro, en progresivo crecemento no noso centro
Persoal non docente:
Nas distintas edicións do proxecto de teatro contamos coa colaboración de:
- Conserxes e limpadora, na realización de decorados, vestiario e aderezo.
- Familias do alumnado, na elaboración de vestiario, aderezo ou asistencia con transporte.
Persoal alleo ao centro:
- Pai de dous ex-alumnos, mestre noutro colexio, que fixo os decorados para dúas edicións.
- Asesora do ámbito artístico e deportivo do CFR da Coruña.
- Alumnos e profesorado da Escola de Imaxe e Son onde se gravaron as arias e duetos da obra A frauta máxica.
- Maquilladora profesional do barrio, que se ofreceu para maquillar os actores en dúas edicións do proxecto.
RECURSOS MATERIAIS
- Elementos para crear os decorados, vestiario e aderezo.
- Almacén de teatro onde se garda o vestiario, pezas de aderezo e decorados.
- Sala de usos múltiples, aula de música e aulas de inglés para usar nas sesións de ensaio.
- O teatro do Colexio Calvo Sotelo. A participación no certame Candilexas-Don Bosco permítenos actuar nun local con capacidade suficiente e cun escenario axeitado para representacións tan numerosas.
- Equipo de son (amplificador, micrófonos…).
- Equipamento informático e audiovisual (ordenadores, cámaras, micrófonos…).
Descrición da actividade
O Equipo de Teatro Interaulas representou desde a súa creación as seguintes obras:
Curso 2012-2013: O crebanoces, con alumnos de terceiro, cuarto, quinto e sexto nivel (elenco: 60 actores).
Curso 2013-2014: O crebanoces, con alumnos de segundo, terceiro e cuarto nivel (elenco: 60 actores).
Curso 2014-2015 : A frauta máxica, con alumnos de cuarto, quinto e sexto nivel (elenco: 41 actores).
No presente curso estamos a preparar a obra O lago dos cisnes con alumnos de terceiro, cuarto, quinto e sexto nivel (elenco: 80 actores).
A posta en marcha de cada proxecto segue os seguintes pasos:
0. Selección da obra e creación ou adaptación do guión.
1. Selección e adaptación da música e efectos sonoros, recorte e montaxe das diferentes pistas, engadindo os “efectos”.
Normalmente, este proceso facémolo nós mesmos con diversos programas como o Audacity. Sacamos a música dos CD ou vídeos baixados da web (co aTube Catcher) e despois recortamos o fragmento que necesitamos. Así mesmo, adoitamos gravar a algúns dos nosos actores facendo unha presentación inicial e saúdo ao público que acuda á nosa actuación.
Non obstante, o ano pasado, con A frauta máxica, complicóusenos a tarefa porque queriamos que os propios nenos cantasen algunhas arias, que adaptou o profesor de Música e ensaiou coa axuda doutra mestra do colexio. As adaptacións quedaron preciosas, pero tiñamos medo de que non se puidesen apreciar ben nun teatro tan amplo como o do Calvo Sotelo e cun público tan animado. Foi por iso polo que pensamos en gravar os nenos antes, para que se escoitasen pola megafonía. Intentámolo cos nosos medios e coñecementos, pero o resultado era de pouca calidade técnica (moito ruído de fondo, asubíos…), indigno do esforzo e traballo dos nenos.
Pensamos entón en pedirlle axuda ao Centro de Formación e Recursos, que nos puxo en contacto coa Escola e Imaxe e Son para poder ir alí gravar. Os alumnos e o profesorado da Escola de Imaxe atendéronnos moi ben, gravamos as arias e mesmo nos ensinaron a súa escola. Foi unha experiencia moi gratificante (acceder a arquivo adxunto ao final do artigo).
2. Selección e adaptación das coreografías (danzas, desprazamentos…).
3. Convocatoria - Selección de actores e repartición de papeis.
A actividade de teatro iníciase no noso centro cada curso coa apertura da convocatoria para o alumnado dos distintos niveis. Unha persoa do equipo explica en cada aula os horarios, condicións e características dos ensaios, e advirte sobre o compromiso que o alumno adquire cando solicita participar, xa que o traballo de cada un ten repercusión directa en todo o grupo. Algúns dos alumnos con necesidades educativas son (por instancia dos seus titores, familias e/ ou profesores de apoio) animados a intervir, aínda que para todos a actividade é voluntaria. Acéptase o maior número posible de alumnos. Como a cantidade de solicitudes é numerosa, utilízanse distintas estratexias para poder darlle cabida a todo o alumnado: duplícanse papeis, auméntanse escenas, escríbense pequenas pezas que se utilizan para dar información sobre a obra, as circunstancias de creación, a vida do autor ou compositor... (como o prólogo en A frauta máxica e en O lago dos cisnes).
Algunhas obras, polas súas características, son moi axeitadas para ser representadas por elencos numerosos (coa introdución de coros en adaptacións de óperas, de corpos de danza en adaptacións de ballets, de números musicais en pezas dramáticas...). En caso de ter que facer unha selección, ten prioridade:
- O alumnado con necesidades educativas permanentes e transitorias.
- O alumnado que non participou en cursos anteriores.
Repártense papeis despois de varias lecturas colectivas e dalgunhas pequenas representacións guiadas. A repartición tamén se decide, despois de múltiples deliberacións, atendendo ás necesidades educativas e persoais de cada neno. Normalmente, nesta fase, fanse reaxustes no libreto, introducindo personaxes, dividindo diálogos, reescribindo algúns discursos para adaptalos ás características e/ou necesidades doa alumnado....
4. Convocatoria ás familias.
Unha vez feita a repartición de papeis, inícianse os ensaios co alumnado e, paralelamente, desenvólvense todas as actividades que darán cobertura á representación. Faise unha convocatoria das familias para unha reunión conxunta que serve para:
- Informar sobre os obxectivos educativos do proxecto (preparamos un Powerpoint coa información máis relevante).
- Acadar compromisos firmes das familias e, polo tanto, dos alumnos.
- Asesorar as familias sobre as súas intervencións educativas encamiñadas a desenvolver os valores e actitudes que queremos acadar: compromiso, esforzo sostido na procura de metas a longo prazo, toma de decisións cando hai conflito de intereses (ensaios/quendas de uso de pistas de fútbol; coincidencia en datas de festas de aniversario e ensaios xerais...).
- Recadar información sobre alerxias a maquillaxes (preparamos unha folla de recollida de datos para que a cubran as familias).
- Solicitar colaboración. Pásase un formulario onde as familias sinalan as posibilidades de colaboración (toma de medidas, patronaxe e costura, creación de aderezos, préstamos de roupa, achega doutros elementos, como máquina para producir fume... responsabilidade de buscar material como, por exemplo, un modelo determinado de calzado...).
5. Preparación do vestiario
a) Selección e proba de roupa do almacén. Limpeza e acondicionamento.
b) Tarefas de costura para adaptar o vestiario existente.
c) Creación de novos traxes e complementos.
d) Compra de teas.
e) Toma de medidas por grupos de nenos e rexistro dos datos nunha folla de Excel.
f) Distribución de tarefas entre os colaboradores, atendendo ás posibilidades de cada un.
g) Corte e costura dalgunhas pezas.
h) Preparación coa modista do resto do vestiario. Convócanse os alumnos por grupos, fóra do horario lectivo. As familias encárganse de levar os nenos á modista, onde os esperan as profesoras do equipo de teatro para facer as probas da roupa.
i) Organización e etiquetaxe da porta vestiario.
6. Deseño e probas de maquillaxe
a) Busca de ideas na web.
b) Selección entre os recursos do almacén.
c) Deseño e probas de maquillaxe.
d) Compra de maquillaxes e distinto material cosmético (bases hidratantes, desmaquillantes, capas protectoras...).
7. Organización das representacións
Aínda que o noso colexio foi deseñado para dar cabida a moitos alumnos, non foi dotado cun salón de actos en condicións. Iso fixo que o ximnasio tivese que converterse en salón de usos múltiples (ximnasio, teatro, auditorio, local de reunións…); pero as súas dimensións e condicións de acústica e distribución non son nada axeitadas para as representacións teatrais.
Isto foi o que nos levou a apuntarnos ao certame Candilejas-Don Bosco, organizado polos responsables do Colexio Calvo Sotelo, centro veciño do noso.
Deste xeito, temos a oportunidade de actuar nun contorno moito mellor acondicionado: escenario e bambolinas moito máis amplos, camerinos, gran capacidade…
Por iso a participación neste certame de teatro foi moi importante para a nosa actividade, non pola participación no concurso, senón pola posibilidade de presentar o noso traballo en moito mellores condicións ca as que tiñamos no noso centro.
As representacións cun grupo de actores tan numeroso e fóra do centro implica un labor previo de organización e planificación.
- Autorizacións das familias: de participación no certame, permisos de maquillaxe, de realización de material audiovisual, de distribución deste material.
- Elaboración e comunicación de normas: para as familias, sobre calzado/peiteados de cada actriz/uso de complementos e accesorios... e para o alumnado, unha guía para o día da estrea.
- Elaboración de guías para os profesores - monitores que se encargarán de vestir e maquillar os actores. Cada monitor recibe a lista de actores con especificacións sobre o vestiario e os complementos, así como a fotografía da maquillaxe, con indicacións escritas sobre a realización dos deseños.
- Desprazamento de toda unha infraestrutura persoal e material (actores, axudantes, decorados, aderezos, vestiario, maletíns de maquillaxe...).
8. Difusión e unidade didáctica sobre a obra de cada ano
O noso obxectivo é chegar ao maior número posible de membros da comunidade educativa. Por iso deseñamos:
- TRÍPTICOS: con información sobre o argumento da obra adaptada, compositor ou autor desta. Igualmente neles reflíctense as colaboracións e agradecementos a persoas e entidades. Son distribuídos entre todas as familias e os asistentes á estrea.
- CARTEIS: elabóranse con fotografías tomadas nos ensaios. Colócanse tanto no interior como no exterior do centro para publicitar a obra e animar a asistir á representación.
- MÚSICA PARA A MEGAFONÍA: selección musical da obra escollida que soa nas entradas e saídas do centro. O obxectivo é achegarlle á comunidade educativa o patrimonio musical universal (diferentes estilos e xéneros).
- FOTOGRAFÍAS: tomadas nos ensaios e nas representacións, serven para ilustrar o desenvolvemento do proxecto do ano en curso. Por primeira vez, no curso 2014/15 faise un DVD para os actores coas fotografías e o vídeo da estrea, logo de pedir o consentimento das familias, así como o seu compromiso de facer un uso estritamente privado deste.
- PUBLICACIÓN NA REVISTA ESCOLAR (e-journal) e páxina web do colexio: de pequenos artigos e comentarios relativos ás obras en curso.
Metodoloxía das sesións con actores
Tanto as sesións teóricas como os ensaios realízanse en horario de 11:30h a 12:20h (recreo e sesión de lectura), desde o mes de outubro a xuño. Os grupos de actores convócanse cada día no taboleiro do ximnasio. Realízanse dous tipos de sesións cos actores:
SESIÓNS TEÓRICAS:
- Vocalización e proxeción de voz: en pequenos grupos, a profesora de AL explícalle ao alumnado, apoiándose en vídeos e debuxos, en que consiste a respiración costo-diafragmática e a proxección da voz. A continuación fanse exercicios prácticos para adestrar esa habilidade.
- Control da velocidade e ritmo do discurso: en grupos pouco numerosos, explícanse as técnicas para alongar a emisión do discurso, lograr unha mellor dicción, entoar as frases e lelas a ritmo axeitado. Igualmente fanse uns exercicios prácticos.
- Expresión dramática sen voz: para conseguir unha mellor expresividade nos actores, primeiro explícaselles a escena/acción, os movementos requiridos, e os sentimentos e/ou emocións que deben transmitir. Cando xa controlan a linguaxe corporal, pouco a pouco, vanse introducindo os textos.
- Movemento e desprazamento sobre o escenario: os alumnos reciben unhas pautas xerais de actuación: non darlle as costas ao público, manter a vista elevada, abrir os movementos, desprazarse sen cruzar os pés.
- Argumento da obra con apoio audiovisual: antes de repartir os papeis, todos os actores e actrices son convocados para ver un vídeo ilustrativo da obra que van traballar (argumento, personaxes, vestiarios, música...). Con isto pretendemos que teñan unha visión do conxunto.
SESIÓNS PRÁCTICAS: ENSAIOS
- De control da escena: é deseñada previamente polo equipo, incluídos planos de movemento, posición estática e pautas de actuación co acompañamento instrumental...Cada actor e actriz debe dominar o espazo ao longo da obra, controlar o seu corpo, os seus desprazamentos en escena (tamén as súas posicións figurantes) e ter unha visión global desta. Empezamos pola explicación do deseño da escena, practicamos os movementos e desprazamentos e imos introducindo detalles a medida que avanzamos.
- De texto dramático: fanse sesións con grupos de actores por escenas. Trabállase a variación de ton coa expresión das distintas emocións, así como a expresión xestual e corporal.
- De canto e coreografías: adaptadas e practicadas baixo a dirección do especialista en Música, seguindo os seguintes pasos:
- Escoita do tema musical.
- Explicación e práctica das figuras sen a música: coordinación, atención, lateralidade, desprazamento e conxunción.
- Práctica dos pasos coa música.
- De representación do conxunto: todos os ensaios parciais (dramatización, coreografía, escena…) adoitan ser simultáneos, a cargo de cada un dos profesores do equipo. Unha vez traballados, realízanse os ensaios da escena, nos que se incorporan todos os elementos (desprazamento, texto, música e coreografías). Baixo a dirección de todo o equipo, tómase nota de todos os aspectos que hai que mellorar en posteriores ensaios parciais.
- De representación individual: sesións que se aplican a alumnos que precisan traballar sobre aspectos particulares da súa intervención:
- De comprensión e memorización do texto: particularmente nenos en situación sociofamiliar desfavorecida, con baixo rendemento académico e/ou necesidades específicas.
- De dicción: alumnos con dificultades e atraso na linguaxe, nenos con NEAE, alumnos estranxeiros ou baixo nivel de uso do galego…
- De expresión dramática e da emocionalidade: en alumnos tímidos, con baixa autoestima, baixo índice de sociabilidade ou inseguridade… É preciso traballar primeiro a súa expresión en solitario, sen a presión do grupo para, nunha segunda fase, pasar a incorporalos aos ensaios conxuntos.
Outras particularidades metodolóxicas
- Emprego da titoría entre iguais: especialmente valiosa cos nenos de NEAE. Utilízase para o seguimento da convocatoria de ensaio, mantemento da atención á entrada en escena, desenvolvemento da autonomía...Tense dado o caso de que o titorizado pasa, en ocasións, a titorizar o seu compañeiro de xeito espontáneo.
- Organización dos ensaios colectivos, atendendo a tres niveis de intervención:
- Expresión corporal e verbal dos actores que falan.
- Expresión xestual e control corporal dos figurantes nesa escena.
- Desenvolvemento da escena global: atención a entradas e saídas, percorridos e límites do desprazamento...
Esta é unha ferramenta que nos permite traballar moi eficazmente sobre o desenvolvemento da capacidade de atención dos nosos alumnos, unha das necesidades máis urxentes, expresada reiteradamente por todos os titores.
Avaliación e conclusións
Despois destes anos de experiencia, a avaliación do Proxecto de teatro é altamente positiva, baseándonos en:
- Alto número de participación do alumnado en todas as edicións.
- Apoio continuado do claustro de profesores.
- Interese, por parte dos titores, en contar co teatro como un recurso educativo máis, complementario do seu labor de titoría. Todos os anos hai titores que solicitan a inclusión dalgún alumno no proxecto.
- Interese por parte das familias que, nalgúns casos, tamén solicitan a inclusión dos seus nenos por motivos educativos.
- Implicación directa da comunidade educativa, en progresivo aumento.
- Repetición de solicitudes de participación en sucesivas edicións.
- Motivación de alumnos que non adoitan interesarse na participación en actividades de centro doutro tipo, nenos con fracaso escolar, de etnia xitana, con dificultades de integración social…
- Aumento do grao de compromiso e responsabilidade do alumnado: seguimento de convocatorias de ensaio, xustificación espontánea de faltas de asistencia...
- Melloría do nivel de atención e autocontrol da maioría dos actores.
E numerosos factores máis, como:
- O sorriso dos nenos cando ensaian, cando se visten, cando lles proban a maquillaxe ou ao escoitar a ovación final.
- A emoción dun pai cando descobre unha capacidade descoñecida no seu fillo.
- O traballo cun variado número de persoas que, de xeitos diversos, se implican no proxecto.
- Vivir a emoción, expectación que se palpa no colexio as vésperas da estrea.
Todo isto é o que nos anima a seguir neste proxecto, que leva implícito un esforzo enorme, pero que obtén unha resposta entusiasta por parte de toda a comunidade.
Non vos parece que paga a pena animarse?