Proxecto "A arte rupestre e a súa aplicación na aula". Un brinco no tempo

O proxecto desenvolto durante o curso escolar 2014/15 foi levado a cabo por un grupo de mestres de distintos centros da comarca do Val Miñor e do Baixo Miño de distintos niveis e especialidades que abarcan desde infantil a primaria. Aínda que no proxecto figuramos tres mestres dos centros CEIP Humberto Juanes, CEIP da Cruz e CEIP Barrantes, participou tamén o Centro Juan María. Tivemos en conta que somos mestres que xa participabamos cada un en distintos proxectos nos nosos respectivos centros e en proxectos cooperativos con outros centros da provincia.

María José Lemos Cerqueira - CEIP  de Barrantes (Tomiño)
marialemos@edu.xunta.es
Begoña Martínez López - CEIP Barrantes ( Tomiño)
begonalo@edu.xunta.es
María Pilar Barreiro Vilas - CEIP da Cruz ( Nigrán)
pilibarreiro@edu.xunta.es
Bruno Centelles García - CEIP Humberto Juanes( Nigrán)
cblelua@gmail.com
María José Santos Comesaña - CEEPR Juan María ( Nigrán)
mari@centrojuanmaria.org

 

A investigación feita polos historiadores, o IEM (Instituto de Estudos Miñoranos) e a experiencia dos outros constitúen un fío condutor na transmisión e posta en valor do noso patrimonio en toda a comunidade educativa e ofrecen a posibilidade de facelo medrar desde as aulas. Temos que dicir que o IEM nos facilitou moito o labor, ofrecéndonos materiais de información, persoal especializado, exposicións e o local onde impartir as xornadas.

Pola súa vez, en cada centro participaron mestres de todas as especialidades para poñer en funcionamento o proxecto, dando cabida aos proxectos principais de cada centro co que, a través deste grupo de traballo, nos convertemos en formadores respectivos do ámbito educativo de cada un, destacando o carácter colaborador, cooperativo, e interdisciplinar que supón a súa posta en práctica, no grupo, co profesorado, co alumnado, familias, institucións, contorno, comunidade educativa en xeral.
As comarcas do Val Miñor e do Baixo Miño concentran unhas das maiores manifestacións da arte rupestre en Galicia. Consideramos conveniente explorar as posibilidades de investigación e actuación sobre o contorno e como facerllo visible á comunidade educativa, interactuando co medio para coñecelo, respectalo, valoralo e promover a súa divulgación.

Partimos de que o que non se coñece non se valora, e sentimos a necesidade de que o profesorado sexa unha canle de contacto con toda a comunidade educativa, promovendo a súa implicación. Cada centro implicado neste grupo de traballo difundirá e canalizará o proxecto a través das distintas prácticas e metodoloxías pedagóxicas no seu ámbito educativo.

No ámbito organizativo, cada un adaptou a investigación e propostas do grupo de traballo á metodoloxía e funcionamento dos centros participantes, adecuándose ao PE e tendo en conta a realidade sociocultural de cada un.

              https://prezi.com/_fjgzirdvjkc/terraescola/

Os nosos obxectivos foron a adquisición por parte do profesorado de formación científica e práctica na arte rupestre, a elaboración e dotación de materiais e recursos didácticos aos centros, no ámbito físico e dixital de xeito interdisciplinar. Tamén creamos o blog Terraescola, que recolle toda a posta en práctica e que serve de canle para futuras contribucións doutros centros, como eixe divulgativo e canalizador de experiencias.

Fomos quen de promover a evolución da arte rupestre en novas posibilidades de interpretación —documental, artística, multimedia…— a través dos proxectos de centro (Cooperarte “A arte local”, Reporteiros en rede, O monte, A historia) nas aulas para educación infantil, primeiro ciclo, segundo ciclo e terceiro ciclo.

Os contidos que pretendiamos abarcar presentábansenos claros e así o monte, os valores de cooperación e respecto, os principios de conservación e divulgación, os proxectos levados a cabo en cada centro coas súas desagregacións didácticas e tratamentos específicos, as saídas para poñer os nosos alumnos e as familias no propio contexto xeográfico e social fixeron que as nosas perspectivas medrasen con cada novo paso adiante e o que nun principio pensamos acoutado comezou a xerar unhas sinerxías de traballo de investigación, de contribución doutros centros, de participación doutros colectivos e a implicación do Concello de Tomiño que fixo que medrara en nós cada vez máis o interese e a ilusión no que estabamos desenvolvendo, co que se converteron, ademais de en proxectos de centro, en proxectos persoais.

Todo isto fíxose a través das actividades desenvolvidas de presentación nos propios centros, as reflexións iniciais e posta en marcha, a recompilación e busca de información e documentación, os relatorios de Xosé Lois Vilar, Fernado Costas Goberna e Elisa Pereira, así como o traballo de campo, localización de petróglifos, calcos, situación GPS, elaborar recursos TIC soporte informativo, crear o blog Terraescola, proporcionar recursos para proxectos de prehistoria para ciclos de infantil e primaria, os talleres, charlas, actividades de participación coas familias.

A elaboración de material específico para traballo nas aulas, así como de materiais para o grupo de formación; a organización de saídas e actividades complementarias e a organización de actuacións previstas co concello e das intervencións con artistas de renome nacional e internacional de Tomiño, e toda unha serie de actividades de ensino-aprendizaxe dentro dos propios centros construíron unha engrenaxe didáctica na que nos vimos gratamente sorprendidos. As actividades de avaliación, de reflexión persoal e grupal dos membros do grupo de traballo, das producións realizadas, do traballo desenvolvido, do interese, da motivación, da aplicación metodolóxica, dos obxectivos propostos e acadados, dos contidos, dos medios e recursos, da organización espacial, temporal, da atención a ACNEAE, do desenvolvemento das competencias básicas lograron anticiparnos e facer as correccións necesarias para axustarnos a este proxecto que para entonces adquirira xa unha forza e unhas dimensións non esperadas pero gratamente desexadas. A avaliación realizouse no mesmo grupo de traballo pero tamén no ámbito de cada un dos centros participantes no proxecto e nos proxectos xerados da sinerxía producida por Terraescola.



En canto á metodoloxía de traballo que formulabamos, estableceuse que fose activa, centrada no descubrimento, na investigación, que contribuíse a que o alumnado fose o protagonista das súas propias aprendizaxes. A cooperación como piar básico e, por suposto, tendo en conta os valores-respecto, integrados na educación en valores dos que destacamos o medio e o desenvolvemento sustentable, o lecer, a interculturalidade, a cidadanía e a cultura da paz, a colaboración e cooperación co profesorado, familias, colectivos, institucións e outros centros educativos.

O grupo de traballo Terraescola levou a cada centro unha proposta que encaixase dentro das perspectivas para ese ano escolar. Así, para cada centro, de xeito moi resumido destácase o seguinte:

CEIP Barrantes: a arte local-COOPERARTE. Traballada como proxecto de centro vinculado á arte rupestre e intercentros cos centros Juan María e CEIP Príncipe Felipe de Pontevedra.

Demos un brinco no tempo desde a prehistoria ata agora, atopando pintura, megalitismo, cobre... en artistas internacionais de Tomiño que se brindaron a participar encantados no proxecto. O Concello de Tomiño tivo un papel fundamental na entrega de espazos comúns onde poder crear e onde o creado perdurara no tempo.



       http://recunchobarrantes.blogspot.com.es/p/cooperate-arte-local.html

       http://concellotomino.es/gl/o-colexio-de-barrantes-celebrou-a-iii-xuntanza-cooperarte-xunto-a-outros-dous-centros-da-provincia/

       http://www.kizoa.es/Movie-Maker/d10929637kP124030801o2l1/2014-cooperarte


Os obradoiros levados a cabo no centro proporcionáronnos un repertorio de aprendizaxes para debater, reflexionar, recibir información, crear coñecementos e, por suposto, crear experiencias de reflexión e divulgación.

       http://www.kizoa.es/Movie-Maker/d9493859kP53164795o2l1/2014--galletas-tetons-de-tona

       http://www.kizoa.es/Movie-Maker/d9368094kP48529510o2l1/2014--poeglifos

       http://www.kizoa.es/Movie-Maker/d10484722kP87590903o2l1/2014--taller-arte-rupestre-manolo-ledo-6-de-maio

       http://www.kizoa.es/Movie-Maker/d9493859kP53164795o2l1/2014--galletas-tetons-de-tona

       http://www.kizoa.es/Movie-Maker/d8898746kP172625683o2l1/entroido-2014--un-brinco-no-tempo


A través do proxecto Turonia que levamos a cabo con cinco centros de Tomiño achegámonos ao monte Tetón e ás súas representacións e demos a coñecer o noso contorno.


       http://www.kizoa.es/Movie-Maker/d11299049kP152421011o2l1/2014--turonia-5-y-6-2


CEIP Humberto Juanes: realizadas as actividades inseridas no proxecto do monte a través da divulgación con centros de intercambio de Inglaterra e distintos obradoiros.



CEIP da Cruz: a través do proxecto da historia vivenciáronse a arte rupestre e o patrimonio a través da biblioteca do centro e do teatro.

Visita á exposición de calcos de Manolo Ledo na Aula de Cultura Ponte das Rosas, sede do IEM (Instituto de Estudos Miñoranos)



CENTRO Juan María: mediante Reporteiros en rede, as novas da evolución do proxecto eran recollidas e transmitidas a través da rede.



Para vivenciar, compartir e celebrar o esforzo e a satisfacción, os catro centros decidimos realizar unha saída conxunta aos petróglifos de Outeiro dos Lameiros xa a finais do curso e de novo o interese xurdido tanto no alumnado como nas familias impulsaba o ánimo a seguir, converténdose pola súa vez en divulgadores do noso patrimonio artístico na arte rupestre.


Desenvolvemento das competencias

A través do proxecto e os proxectos derivados nos centros contribuïamos á adquisición das competencias adaptando o proceso de ensino á sociedade actual e ao noso contorno en particular.

Axudamos a transformar a aprendizaxe na capacidade para resolver, para observar, investigar, reflexionar, adquirir habilidades e destrezas, e pautas de comportamento social, saber aplicar, saber que mira ao futuro, que xera coñecemento a partir do coñecemento.

       http://terraescolavida.blogspot.com

Valorar o resultado do traballo implica desagregar unha rede de participación de toda a comunidade educativa, de cada centro participante, pero en xeral a motivación e participación no proxecto superou todas as expectativas das nosas respectivas comunidades educativas.

 

Sección: