EMOCION-ARTE desde o corazón ao papel
Manuela Rial Otero (Coordinadora da biblioteca escolar)
Matilde Dieste Velázquez (Mestra de educación infantil)
Bárbara Iglesias Vilas (Mestra de educación primaria)
CEIP O Piñeiriño (Vilagarcía de Arousa - Pontevedra)
“Ensinar non é transferir coñecemento, senón crear as posibilidades para a súa produción ou a súa construción. Quen ensina aprende ao ensinar, quen ensina aprende a aprender.” (Paulo Freire)
Este artigo recolle a experiencia do centro educativo, CEIP O Piñeiriño, en Vilagarcía de Arousa, levada a cabo no curso 2014/15 na etapa de educación infantil (3-5 anos).
A través dos diferentes cursos de formación nos que participamos, foi cambiando a nosa visión do proceso de ensinanza-aprendizaxe e, polo tanto, o noso modo de traballar nas aulas. O construtivismo e os proxectos chegaron ás nosas clases da man dos PFPP e dos compañeiros que compartiron ás súas experiencias con nós. Este tipo de metodoloxía pareceunos moi positiva para traballar tanto cos nenos de educación infantil como cos de primaria, porque a través das propostas de diferentes proxectos abárcanse todas as áreas do currículo dunha forma coordinada e vivencial para os nenos. As aprendizaxes eran máis significativas para todos, o traballo colaborativo acadou unha maior relevancia na vida diaria das aulas e o noso alumnado contaba así coas ferramentas necesarias para aprender a aprender.
No curso 2014/15 nas aulas de educación infantil xurdiu a posibilidade de levar a cabo un proxecto sobre arte; pareceunos unha boa oportunidade para facilitarlles aos nenos certos recursos que lles permitisen romper barreiras e expresar sen medo as súas emocións, vivezas, sentimentos... Consideramos tamén que sería unha boa maneira de mellorar a autoestima, o respecto aos demais e unha ocasión excelente para facer uso dos debuxos e da cor para expresar a través deles os seus estados de ánimo, fomentar a súa innata creatividade e, ao mesmo tempo, facer un traballo de investigación sobre diferentes pintores.
Pintores
Neste curso o profesorado participaba nun PFPP de educación emocional baseado na análise transaccional, o cal nos supuxo un grande apoio á hora de poñer en práctica diferentes técnicas para traballar na aula. Neste caso, baseándonos na arte, utilizamos diferentes instrumentos de AT como, por exemplo:
COMO NOS SENTIMOS: (o que cada neno quere, sente ou precisa): co traballo diario na aula tratamos de facer aflorar e compartir cos demais, a través das súas representacións artísticas, os diferentes estados nos que nos podemos atopar. Botamos man, sobre todo, do uso da cor (cores cálidas e frías) xa que nos mesmos cadros observabamos como se reflectía a alegría, a tristeza, o medo… por medio das cores.
EMOCIÓNS: descubrimos que o noso estado de ánimo interno se traduce en manifestacións externas e que as nosas producións artísticas cambiaban con el. Utilizámolas como instrumento para expresar distintos tipos de emocións, comprendelas e compartilas.
CARICIAS: como expresión mínima de recoñecemento que todos precisamos. Distinguimos entre caricias positivas e negativas, pero centrámonos basicamente nas primeiras. As caricias positivas ofrécennos unha enerxía que nos axuda a lles facer fronte ás dificultades cotiás e funcionan como unha gratificación e recoñecemento das capacidades dos nenos. Aprendemos a utilizar caricias verbais e non verbais (sorriso, aplauso...), a aceptar as que nos gustan e a rexeitar as que non nos gustan.
Apoiándonos nos bits de intelixencia, presentamos nas clases obras de arte de diferentes pintores e correntes, para espertar a curiosidade e interese dos nenos e para observar tamén que corrente se axustaba máis a cada momento evolutivo. Así, nas aulas dos nenos de tres anos centrámonos en Miró pola simplicidade da súa obra, as súas cores e a similitude que os nenos atopaban coas súas propias producións.
Nas clases de catro anos escollemos a Kandinsky porque lles chamou a atención a utilización das formas xeométricas (círculo, cadrado e triángulo) e os diferentes tipos de liñas que aparecen nas súas obras. A expresividade dos seus cadros segundo a utilización de cores frías ou cálidas, expresando diferentes emocións, foi algo que descubriron con este pintor, e ademais atoparon na parte abstracta da súa obra a posibilidade de expresarse sen medo e de experimentar e crear sen barreiras.
Nas aulas de cinco anos eliximos para o proxecto a vida e a obra do pintor Andy Warhol, creador da técnica da arte pop. Decidimos realizar este traballo porque nas súas obras queda moi ben reflectida a utilización das cores como elemento principal de expresividade, os seus cadros son moi rechamantes para os nenos e dan renda solta á imaxinación.
Andy Warhol
Traballamos estes tres pintores nas diferentes aulas e leváronse a cabo distintas actividades:
Fixemos un traballo de investigación recadando datos da vida de cada un e das súas obras.
Realizamos representacións libres dos seus cadros.
Imitamos obras de arte.
Xogamos a buscar o pintor intruso, diferenciando así os diferentes estilos de pintura.
Preparamos unha exposición de arte no cole coas obras dos nenos.
Elaboramos xogos LIM cos datos que tiñamos da vida dos pintores.
Fixemos crebacabezas das súas obras.
Traballos de aula
O traballo da expresión artística non se reflectiu só no nivel plástico, senón tamén no musical e corporal: fomos quen de compoñer unha canción para o Carnaval relacionada co tema da pintura e cos artistas traballados, elaboramos e decoramos os traxes de Entroido, e participamos como pintores no festival do cole.
Outro piar básico no que apoiamos o desenvolvemento deste proxecto foi a expresión lingüística, posto que nos serviu de canle para compartir cos demais o que iamos aprendendo sobre a vida e a obra dos pintores escollidos, explicarlles os nosos descubrimentos sobre as diferentes técnicas de pintura ou os “trucos” que cada un de nós utilizaba para recoñecer obras dos diferentes pintores cos que traballamos. O diálogo, consigo mesmo e cos demais, estivo sempre presente no desenvolvemento do proxecto, axudándolles a afianzar os novos coñecementos, pero sobre todo o máis destacable foi poder chegar a ser quen de utilizalo para expresar o que pensamos, imaxinamos ou sentimos e aprendemos así a lles poñer nomes ás nosas emocións.
A través do coñecemento das obras destes pintores os nenos acadaron un dos principais obxectivos: perder os seus medos a expresarse libremente por medio da linguaxe artística, desde o nivel creativo de cada un, valorando as súas creacións e as dos seus compañeiros. (Non buscamos formas perfectas senón expresivas, que mostren os seus sentimentos, emocións, gustos e preferencias).
Traballo de aula
Profe, eu non sei, a min non me sae, o meu non é tan bonito… Estas expresións foron pouco a pouco desaparecendo, a medida que os nenos ían comprobando as súas infinitas posibilidades creativas, e a súa capacidade imaxinativa, comparando as súas obras coas dos pintores traballados, buscando similitudes, diferenzas, expresión de emocións, de sentimentos... Aprenderon tamén a valorar a planificación previa do traballo e o proceso de realización deste, non só o seu resultado.
Traballo de aula
O proxecto foi avanzando pouco a pouco, ata chegar a espertar o interese das propias familias dos nenos, que resultaron de grande axuda na achega de información e na creación, xunto cos seus fillos, de diferentes murais.
Foron aflorando as potencialidades de cadaquén, algunhas ocultas ata o momento. Vimos que había a quen se lle daba moi ben reproducir obras, mentres que outros eran mellores creando orixinais, outros eran verdadeiros artistas da palabra ou das formas xeométricas etc. Isto fíxonos reflexionar sobre a necesidade de afondar no coñecemento das intelixencias múltiples, o que nos animou para seguir participando no PFPP deste curso.
Este proxecto achegounos ao coñecemento das nosas emocións, á súa expresión e a escoitar os demais para empatizar con eles.