Skip to Content

Novas da Xunta

Distribuir contido
Actualizado: fai 5 días 21 horas

A Xunta apoia con 8 M€ a mellora das infraestruturas de investigación e ensaio dos centros tecnolóxicos galegos

Lun, 01/07/2024 - 18:33

Summary: 

O Consello da Xunta autoriza a resolución das axudas para fortalecer e ampliar as capacidades científico-tecnolóxicas dos centros tecnolóxicos Aimen, CETIM, CTAG e Gradiant mediante o apoio a investimentos

O obxectivo é facilitar o seu crecemento potenciando a súa internacionalización e reforzar as súas actividades de transferencia cara o tecido produtivo

Esta terceira convocatoria de fortalecemento dos centros tecnolóxicos galegos, que inclúe por primeira vez tanto edificación como equipamento, contribuirá ao mantemento de 516 postos de traballo

Desde a posta en marcha deste programa no 2018, téñense apoiado en total 19 proxectos con axudas por 17 millóns de euros, mobilizando 35 millóns de euros

Idioma Gallego

A Xunta vai apoiar a mellora das infraestruturas de investigación e ensaio de catro centros tecnolóxicos galegos con 8M€, do que se deu conta hoxe no Consello da Xunta, autorizando dúas delas por superar os 3M€ de axuda pública. A actuación, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, busca apoiar os investimentos neste eido dos centros tecnolóxicos Aimen, CETIM, CTAG e Gradiant. Esta terceira convocatoria permitirá mobilizar ao redor de 16 M€ contribuíndo ao mantemento de 516 postos de persoal altamente cualificado.

Con esta liña de axudas, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través da Axencia Galega de Innovación, apoia a creación e ampliación das infraestruturas de investigación e experimentación de catro centros tecnolóxicos galegos, cubrindo desde a adquisición de terreos e equipamento ata a construción ou ampliación de edificacións e activos inmateriais.

O obxectivo destas axudas é reforzar as capacidades científico-tecnolóxicas dos centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación galegos para acadar unha I+D+i pioneira capaz de atraer talento e investimento privado, mellorando o posicionamento galego a nivel internacional, e facilitar o seu crecemento, excelencia e actividades cara ao tecido produtivo. Ademais, os proxectos están orientados á xeración de capacidades nos ámbitos estratéxicos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, evitando solapamentos coas infraestruturas xa existentes e favorecendo sinerxías entre elas.

Cada solicitude inclúe un plan de explotación adaptado ao tipo de infraestrutura que permitirá comprobar a sustentabilidade financeira das mesmas e estimar o seu impacto potencial no ecosistema galego de innovación. A intensidade dos apoios é a máxima permitida para este tipo de axudas, o 50 %.

Infraestruturas apoiadas

No caso de Aimen, que recibirá algo máis de 3,2M€, realizará un investimento de 6,4M€ destinado á construción dun novo centro de fabricación intelixente no Porriño , onde se lanzarán novas liñas de infraestruturas singulares de fabricación avanzada e sustentable e de dixitalización punteiras en ámbitos de grande impacto para Galicia como o transporte, a enerxía e a construción, así como reforzar e fortalecer as xa existentes.

O CETIM, con sede en Culleredo e que recibirá ao redor de 442.000 euros, investirá 883.000 euros na mellora da súa excelencia científica e de investigación no eido da Economía Circular, focalizando os esforzos nos seis ámbitos de investigación estratéxica do centro: baterías, augas, hidróxeno verde, polímeros sustentables, materiais de construción sustentable e industria sustentable.

O CTAG, que obtén unha axuda de 4M€, realizará un investimento de 8M€ en infraestruturas de investigación no Porriño asociadas ás liñas de investigación da mobilidade autónoma, conectada, segura e ecolóxica que caracterizan o futuro da industria do automóbil.

Por último, Gradiant, cun apoio de preto de 263.000 euros en Vigo, ten como obxectivo a adquisición e posta en marcha dunha infraestrutura de investigación e computación a baixa escala para a realización de actividades de I+D en tecnoloxías de alto impacto e potencial de aplicación en diversos ámbitos, cun orzamento total de preto de 526.000 euros. En concreto, ditas actividades propoñen a investigación en tecnoloxías cuánticas, micro-nanoelectrónica e fotónica, computación confidencial, análise multimedia, tecnoloxías da linguaxe e, en xeral, intelixencia artificial aplicada.

Balance desta liña de axudas

En total, a través das tres convocatorias desta liña de axudas (2018, 2020 e 2024) téñense apoiado en total 19 proxectos con axudas por importe de 17 millóns de euros, mobilizando 35 millóns de euros. Pero non son as únicas destinadas a estes entes e, de feito, desde o ano 2009, o Goberno autonómico ten destinado preto de 26 M€ en apoios aos centros tecnolóxicos galegos a través de financiamento basal e diferentes programas de concorrencia competitiva. Estas infraestruturas ocupan unha posición destacada no ecosistema galego de I+D+i pois o seu papel é esencial na transformación da economía polo seu potencial para xerar vantaxes competitivas no tecido empresarial.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta destina case 450.000€ ao cofinanciamento de 17 comedores escolares que dan servizo a 780 alumnos

Lun, 01/07/2024 - 18:22

Summary: 

O Goberno galego incrementou este curso as partidas para estas colaboracións entre un 10 e un 20% para axudar a estas entidades a facer fronte á inflación

Renóvanse os acordos con 13 asociacións especializadas na atención a persoas con discapacidades e coa Deputación de Pontevedra para 557 alumnos con necesidades

Tamén se dá continuidade aos convenios cos concellos de Oroso, Manzaneda e Vilalba, a través dos que se facilita o servizo a 223 escolares

Idioma Gallego

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á renovación de 17 convenios de colaboración con diferentes entidades e concellos para o cofinanciamento do servizo complementario de comedor escolar. En total destinaranse case 450.000€, a través dos que se atenderá a 780 alumnos.

O Goberno galego incrementou este curso as partidas para estas colaboracións entre un 10 e un 20%, con especial fincapé na atención ás necesidades específicas de atención educativa, co fin de contribuír a que estas entidades fixeran fronte á inflación.

O investimento máis importante ten como obxectivo facilitar o servizo de comedor adaptado aos alumnos con necesidades educativas específicas. Para iso, por una banda renóvanse os acordos para o curso 2024/25 con 13 asociacións especializadas na atención a persoas con discapacidades, cun investimento total de 264.067€ para os 517 usuarios destas entidades, 14 máis ca no curso anterior.

En concreto, asinaranse addendas aos convenios xa subscritos coa Asociación de Apoyo a Personas con Diversidad Intelectual (ACEESCA), coa Asociación de Atención a la Parálisis Cerebral y Afines (AMENCER—ASPACE), coa Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Psíquica das Comarcas do Barbanza e Noia (AMICOS), coa Asociación de Padres de Personas con Parálisis Cerebral – A Coruña (ASPACE), coa Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da Provincia da Coruña (ASPANAES), coa Asociación en Favor de las Personas con Discapacidad Intelectual de la Provincia de Pontevedra (ASPANAEX), coa Asociación Pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia (ASPRONAGA), coa Asociación Autismo Ourense, con Hogar y Clínica San Rafael de Vigo, coa Asociación BS A Esperanza do Val Miñor, coa Fundación Menela, coa Asociación San Xerome Emiliani e coa Asociación Nuestra Señora de Chamorro.

O obxectivo destes acordos é facilitar a este alumnado o servizo de comedor adaptado ás súas particulares necesidades, de tal forma que as asociacións colaboradoras asumen a súa atención e coidado durante o período comprendido entre o fin das clases e o remate do servizo de comedor. Deste xeito, o alumnado pode aproveitar o carácter didáctico do comedor no que atinxe á aprendizaxe de habilidades que redunden nunha maior autonomía persoal e, polo tanto, nunha maior inclusión.

Por outra banda, asinarase unha addenda ao convenio coa Deputación de Pontevedra para facilitar o servizo de comedor escolar a alumnos e coidadores do CEE Pontevedra (un centro pertencente á Consellería) en dependencias da residencia provincial situada na cidade infantil Príncipe Felipe e que depende do ente provincial.

Trátase, tamén neste caso, dun servizo de comedor axustado ás necesidades especiais deste alumnado. O importe é de 23.923,20 € para atender ao 40 usuarios.

Apoio aos concellos

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a colaborar cos concellos que solicitaron a xestión dos comedores escolares de centros de ensino do seu municipio. Neste Consello autorizouse a renovación dos acordos subscritos cos concellos de Oroso, Manzaneda e Vilalba para os cursos 2024/25 e 2025/26.

Deste xeito, cofinanciarase o servizo de comedor a 110 alumnos do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso), a 38 do Colexio CEIP de Manzaneda e a 75 da Escola de Educación Infantil de Vilalba, neste último caso cun incremento de 30 usuarios respecto do curso 2023/24. O importe total ascende a 160.556€, o que supón un incremento de 14.685€ por ano académico.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Selección de centros e alumnado matriculado en centros públicos de ensino non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia para participar no programa EduMob de intercambio individual de alumnado

Lun, 01/07/2024 - 13:33
Idioma Gallego

Resolución definitiva da selección de centros e alumnado matriculado en centros públicos de ensino non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia para participar no programa EduMob de intercambio individual de alumnado en réxime de reciprocidade con alumnado matriculado en centros pertencentes á Région Académique de Grand Est (Francia) durante o curso 2024/2025.

 

Anuncio principal: 

Selección de centros e alumnado matriculado en centros públicos de ensino non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia para participar no programa EduMob de intercambio individual de alumnado

Tema: 

Lingua estranxeira Programas e plans Programas europeos e internacionais

Ensinanza: 

Bacharelato

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa

Colectivo: 

Alumnado Centros

Sección: 

Linguas estranxeiras
Categorías: Novas da Xunta

Nota informativa sobre a presentación de méritos ante o tribunal do persoal aspirante relativo aos procedementos selectivos convocados mediante a Orde do 31 de xaneiro de 2024 (ED001A)

Lun, 01/07/2024 - 10:05
Idioma Gallego

Para os efectos do previsto na base 11.3.1 da Orde do 31 de xaneiro de 2024 relativa á "Presentación de méritos ante o tribunal do persoal aspirante", xúntase modelo normalizado de alegación de méritos.

O persoal aspirante poderá visualizar os méritos que constan na aplicación de oposicións, accedendo á paxina web www.edu.xunta.gal/oposicions, lapela As miñas instancias, Opción Ver méritos.

 

Anuncio principal: 

Publicación da Orde do 31 de xaneiro de 2024 pola que se convocan procedementos selectivos de corpos de persoal docente non universitario (ED001A)

Servizo relacionado: 

Oposicións

Tema: 

Programas e plans Oposicións

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial

Departamento: 

Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta financia a 72 investigadores posdoutorais para que afiancen a súa traxectoria en Galicia

Dom, 30/06/2024 - 09:47

Summary: 

A Consellería de Educación vén de adxudicar os contratos tanto para a formación completa como para a consolidación de liñas de investigación propias

Un total de 60 investigadores traballarán nas universidades públicas (27 na USC, 18 na UVigo, 15 na UDC) e outros 12 farano en organismos públicos de investigación

Enmárcanse na aposta do Goberno galego por favorecer a carreira científica e o desenvolvemento dun sistema galego de investigación forte e especializado

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vén de resolver dúas convocatorias de axudas para contratos posdoutorais de formación e continuidade co obxectivo de que os investigadores seleccionados desenvolvan o seu labor científico en estruturas de investigación en Galicia. Trátase da resolución das axudas á etapa posdoutoral de modalidade única e á de continuidade.

 

As dúas accións forman parte das oito que conforman o Plan iTransfer de Promoción da Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), dotado con 104M€ no 2024, co fin de impulsar a investigación en excelencia feita en Galicia e promover que os avances xerados polo persoal investigador se convertan en solucións efectivas aos retos de futuro. Neste programa inclúense, ademais das citadas bolsas, outras iniciativas como os Campus de especialización e convenios de I+D+i cos centros de investigación.

 

Modalidade formación completa

Investigadores das tres universidades públicas e varios organismos públicos de investigación da Comunidade son os beneficiarios das 49 bolsas de axudas para afianzar a súa formación nos seus centros, unidades ou departamentos, permitindo a mellora das súas capacidades e o desenvolvemento da súa carreira científica.

 

A resolución das axudas do 2024 ten como novidade que o investigador acceda a unha convocatoria única de seis anos de duración dividida en dúas fases de tres anos cada unha, cunha avaliación intermediaria para pasar dunha etapa á outra.

 

Durante os primeiros tres anos do contrato, os beneficiarios recibirán unha bolsa de 32.000 euros/ano en concepto de salario e custos sociais. A maiores, cobrarán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino e se teñen a condición de bolseiro Fulbright. Durante a segunda fase, os beneficiarios cobrarán 49.000 euros ao ano durante todo o período, dos cales 38.000 euros son en concepto de salario e custos sociais e o resto son complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación. En total, a Xunta de Galicia destina case 15M€ a esta bolsa de axudas.

 

A convocatoria inclúe un compromiso por parte das universidades que acollan contratados ao abeiro da mesma de crear, tras a finalización do contrato, postos de traballo permanente vinculados ás necesidades docentes ou investigadoras.

 

Modalidade de consolidación de novas liñas de investigación

Así mesmo, tamén se revolven as axudas posdoutorais de continuidade, coas que se posibilita o perfeccionamento da formación dos investigadores posdoutorais e o establecemento dunha liña de investigación propia. Trátase de 23 bolsas (20 para as universidades públicas do Sistema Universitario Galego e tres no resto de entidades beneficiarias) por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha delas.

 

A novidade das axudas deste ano 2024 é que os contratos posdoutorais de continuidade terán unha duración de tres anos e unha axuda complementaria para o establecemento dunha liña de investigación propia para que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria no sistema de I+D+i galego. Desta maneira, a Xunta de Galicia reforza o investimento ata os 3,6M€.

 

O importe das axudas nesta modalidade destinarase ao pagamento dos contratos, custos sociais, axuda para a creación dunha liña de investigación propia e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Entre os gastos considerados elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, están a compra de pequeno equipamento inventariable e material funxible ou material bibliográfico, a contratación de persoal investigador ou auxiliar ou os gastos derivados do uso de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, entre outros.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez desexa “a mellor formación e experiencia” aos centos de estudantes galegos que este verán viaxan a cinco países coas bolsas da Xunta

Sáb, 29/06/2024 - 14:50

Summary: 

Os estudantes de 1º e 2º de Bacharelato mellorarán as súas competencias lingüísticas en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña

O Goberno galego destina preto de 2M€ a esta actividade, de tal xeito que se subvenciona ata o 92% da mesma para as tres semanas de estadía

O titular de Educación sinala que esta iniciativa é “unha porta de entrada a unha nova cultura, a outra forma de ver e entender o mundo”

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na xornada de benvida para os estudantes de Bacharelato que este verán viaxan ao estranxeiro para perfeccionar o seu nivel en diferentes linguas estranxeiras grazas ás bolsas da Xunta. En concreto, un total de 645 alumnos e alumnas de toda a Comunidade realizarán estadías en cinco países ao longo destes meses. A todos eles desexoulles “a mellor formación e experiencia”.

 

Como recordou o conselleiro, o propósito destas estadías “non é só que o alumnado asistente aprenda un idioma estranxeiro, senón tamén que entre en contacto con outras linguas, persoas, culturas e realidades” nun contexto de inmersión ou integración nun país estranxeiro, “o que contribúe á súa formación integral e ao seu desenvolvemento persoal en plena adolescencia”. O titular de Educación sinalou que esta iniciativa é “unha porta de entrada a unha nova cultura, a outra forma de ver e entender o mundo”.

 

Fíxoo estas declaracións durante unha xornada de benvida para o alumnado beneficiario destas bolsas -o denominado programa AxudasLe- e para as súas familias co fin de proporcionar orientacións sobre a viaxe e a estadía e resolver dúbidas. No acto, estivo acompañado da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

 

Complemento ao traballo na aula

Román Rodríguez explicou que o Goberno galego está comprometido co avance das competencias en linguas estranxeiras do alumnado. “Mellorar a capacidade de comunicarse noutros idiomas é un incentivo imprescindible hoxe en día”, afirmou. Por iso, logo de traballar intensamente nas aulas grazas a medidas como os auxiliares de conversa, ofrécense tamén outras alternativas como os campamentos de inmersión en Galicia durante a primavera e o outono, e as propias estadías lingüísticas estivais.

 

O representante autonómico animou aos alumnos participantes neste programa de verán a representar Galicia no estranxeiro, exercendo como bos embaixadores da nosa Comunidade. De feito, convidounos “a falar con todo o mundo, a integrarvos e participar activamente no programa formativo dentro e fóra das aulas”.

 

Distribución por cursos e países

Para o programa de estadías lingüísticas en países estranxeiros este verán, foron seleccionados un total de 407 alumnos de 1º de Bacharelato e outros 238 de 2º de Bacharelato, que gozarán de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal, Canadá e Alemaña no período estival, entre xullo e agosto.

 

Así pois, 339 estudantes desprazaranse a Reino Unido e 230 a Canadá para mellorar as súas competencias en inglés; 60 farano a Francia para facelo co seu francés; dez irán a Alemaña para perfeccionar o alemán, e seis a Portugal para reforzar o seu portugués.

 

Curso

Modalidade

Prazas

2º de Bacharelato

Inglés en Canadá

90

Inglés no Reino Unido

120

Francés en Francia

20

Portugués en Portugal

3

Alemán en Alemaña

5

1º de Bacharelato

Inglés en Canadá

140

Inglés no Reino Unido

219

Francés en Francia

40

Portugués en Portugal

3

Alemán en Alemaña

5

 

O Goberno galego destina preto de 2M€ a esta actividade, de tal xeito que se subvenciona entre o 92% e o 62% do custo das estancias dos estudantes. Con cargo a esta partida, a Consellería de Educación sufraga parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan a cada grupo, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e certificado de realización do curso.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta celebra os 20 anos do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo formando á canteira desta disciplina en Galicia

Ven, 28/06/2024 - 23:54

Summary: 

É o centro da Xunta onde se pode cursar ensinanzas elementais e profesionais de danza e o único en Galicia coa especialidade de contemporánea

Desde a súa creación, duplicou a matrícula e organiza numerosas actividades culturais e de promoción das ensinanzas dentro e fóra de Galicia

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, asistiu hoxe á gala do 20 aniversario do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, o centro dependente da Xunta onde se poden cursar as ensinanzas elementais e profesionais de danza na nosa Comunidade e as ensinanzas profesionais de danza na especialidade danza contemporánea

No evento, celebrado no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, participou unha pequena representación do ex alumnado do centro que na actualidade está a desenvolver a súa carreira no eido da danza, e que no seu momento formou parte da canteira desta disciplina que o Conservatorio leva dúas décadas formando

O centro iniciou a súa actividade no ano 2003 e foi medrando ata que no curso 2011/2012 acadou a implantación definitiva das ensinanzas de danza, cos catro cursos de grao elemental e os seis cursos de grao profesional nas especialidades de Danza clásica e Danza contemporánea. Este crecemento reflíctese tamén no alumnado matriculado, que hoxe é o dobre que hai 20 anos.

O Conservatorio Profesional de Danza conta, ademais, coa única biblioteca especializada en danza de Galicia e cunha comunidade educativa moi dinámica, que programa unha grande cantidade de actividades culturais e de promoción e organiza obradoiros con coreógrafos galegos de prestixio internacional, ofrecendo ao alumnado a oportunidade de entrar en contacto coa creación coreográfica máis actual.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Galicia contribúe a avanzar na medicina personalizada de precisión no marco do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde

Ven, 28/06/2024 - 14:28

Summary: 

A participación galega está liderada pola Fundación Kaertor, ademais da presenza das tres universidades públicas e das tres fundacións de investigación sanitaria

Galicia coordina a liña de cribado de fármacos e está a desenvolver 15 proxectos disruptivos sobre descubrimento de fármacos, nanotecnoloxía, terapia celular e aplicación biomédica das TIC e da intelixencia artificial (IA) cunha dotación de 3M€

Román Rodríguez subliña o apoio económico da Xunta de Galicia a este proxecto para contribuír ao progreso da medicina a través da innovación

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou esta mañá que o traballo cohesionado de todos os axentes de coñecemento con capacidades no eido da biotecnoloxía “contribuirá ao avance da medicina personalizada de precisión e, polo tanto, a facer fronte aos grandes desafíos aos que nos enfrontamos”, como a mellora nos diagnósticos e nos tratamentos avanzados.

 

O representante da Xunta de Galicia fixo estas declaracións na inauguración da xornada de presentación do Plan Complementario de Biotecnoloxía aplicada á Saúde en Galicia, onde tamén gabou “o gran labor que está a realizar a Fundación Kaertor”, a encargada de liderar a participación galega. Xunto ao conselleiro, interviñeron tamén Josep Samitier, coordinador do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde; Mabel Loza, coordinadora para Galicia do Plan, e Raquel Yotti, comisionada do PERTE de Saúde de Vangarda.

 

“Este traballo faime reflexionar na importancia do carácter aglutinador, pois o feito de que neste plan esteamos sete comunidades coordinadas a través do Ministerio e na que todos os implicados tratan de aportar o seu valor e coñecemento ao proxecto é algo a destacar”, subliñou o titular de Ciencia, quen tamén valorou o papel de Galicia neste eido: “O traballo dos nosos investigadores é moi importante para lograr mellorar a calidade de vida das persoas, algo polo que temos que seguir traballando sen descanso, pois a ciencia non é un fin en si mesmo, senón un medio”.

 

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, apuntou que a biotecnoloxía seguirá sendo “o aspecto diferencial da prosperidade médica e innovadora e, por este motivo, Galicia continuará apoiando as iniciativas vencelladas ao seu desenvolvemento”, como a participación neste Plan ou a Estratexia Galega de Consolidación da Biotecnoloxía. Dito plan, elaborado por sete comunidades e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades ten como obxectivo desenvolver ferramentas para a medicina personalizada a través de seis liñas de actuación.

 

A participación galega, dotada con 3M€ procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e de fondos propios da Xunta de Galicia, agrupa ás tres universidades públicas e ás tres fundacións de investigación sanitaria, baixo a coordinación da Fundación Kaertor e o cofinanciamento da Xunta de Galicia. Os axentes galegos desenvolven 15 proxectos de investigación disruptivos sobre descubrimento de fármacos, nanotecnoloxía, terapia celular e aplicación biomédica das TIC e da intelixencia artificial (IA) e coordinan a liña de cribado de fármacos. Esta última liña traballa na identificación de novas dianas terapéuticas e no desenvolvemento de fármacos específicos personalizados que maximicen o seu potencial terapéutico minimizando os efectos adversos.

 

Investimento de 45,6M€ en catro plans

Galicia participa noutros tres plans complementarios: Comunicación
Cuántica, Ciencias Mariñas e Biodiversidade. Para os catro plans, incluído o de Biotecnoloxía aplicada á Saúde, conta cun orzamento global de 45,6M€, dos que 26,5M€ son de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e 19,1 de fondos propios. Os plans complementarios son unha ferramenta para a posta en marcha de programas de investigación en áreas estratéxicas, cogobernados e cofinanciados polo Estado e as comunidades autónomas. Estes plans aspiran a fortalecer o sistema español de I+D+i establecendo colaboracións e aliñando os esforzos da administración central, as comunidades autónomas e os fondos europeos ante retos clave.

 

O compromiso da Xunta de Galicia coa biotecnoloxía recóllese na Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia que aspira a converter Galicia nunha biorrexión de referencia no horizonte do 2025.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

O CESGA e Brazolinda presentan na Maker Faire Galicia ‘QLAB’, un xogo educativo de inspiración cuántica

Ven, 28/06/2024 - 13:09

Summary: 

O obxectivo deste xogo de mesa é divulgar os principios básicos da mecánica cuántica ao tempo que se entreteñen os xogadores

A súa creación é parte dos esforzos de divulgación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, impulsado pola Xunta e cofinanciado con fondos europeos

Idioma Gallego

Mañá, sábado 29 de xuño, ás 10,30h e no marco da celebración da X Maker Faire Galicia en Área Central en Santiago de Compostela, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a empresa de deseño e comercialización de xogos de mesa Brazolinda presentan QLAB Laboratorio cuántico. Na presentación participarán a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; Lois Orosa, director do CESGA, e Irimia Fernández, creadora de Brazolinda.

 

QLAB, Laboratorio cuántico é un xogo de mesa colaborativo que ten como principal obxectivo aprender os principios básicos da Mecánica cuántica nos que se basea o deseño e funcionamento dos computadores cuánticos. Para iso, incorpora nas normas do xogo conceptos como a superposición ou o entrelazamento, facilitando que os xogadores gañen comprensión destas propiedades da materia que adoitan resultar pouco intuitivas para o común dos mortais.

 

Tras a presentación do xogo, os asistentes á Maker Faire Galicia, terán oportunidade de testar o xogo nunha partida dirixida polos seus creadores.

 

Material educativo desde Compostela

QLAB pretende ser pasatempo educativo para os xogadores e unha ferramenta de apoio para educadores e formadores en Física. Está deseñado especificamente para servir como material educativo en etapas de Secundaria, aínda que é apto para ser xogado por calquera que teña interese en gañar coñecemento sobre os conceptos cuánticos e mesmo para quen simplemente goce xogando a xogos de mesa.

 

A idea orixinal é de Irimia e Brais Fernández Álvarez, da empresa de deseño e comercialización de xogos con sede en Compostela Brazolinda. No deseño do xogo contaron co asesoramento científico de Mariamo Mussa Juane e Guillermo Díaz Camacho, ambos doutores en Física e investigadores en Computación cuántica no CESGA. Os creadores e deseñadores de xogos de Brazolinda e os investigadores do CESGA mantiveron intensas interaccións durante todo o proceso de deseño e testeo de QLAB.

 

A creación de QLAB é parte dos esforzos de divulgación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, impulsado pola Xunta de Galicia e que conta con financiamento europeo como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez avoga polo bo uso dos avances tecnolóxicos como ferramenta de progreso e cohesión

Ven, 28/06/2024 - 12:18

Summary: 

O conselleiro de Educación participa na inauguración do foro internacional sobre innovación Ecosystems2030 baixo o título ‘Mulleres en liderado’

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai apostar polo impulso e aproveitamento dos avances tecnolóxicos, como a intelixencia artificial, para poñelos ao servizo do desenvolvemento produtivo e a cohesión social. Así se comprometeu o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, con motivo da inauguración do foro Ecosystems2030 baixo o título Mulleres en liderado.

 

O titular de Ciencia da Xunta avogou por priorizar “as novas tecnoloxías como ferramentas que benefician a inclusión e o fomento das oportunidades” co obxectivo de “lograr a transmisión de coñecemento e repercutir no avance social e económico”.

 

Román Rodríguez fixo fincapé “na importancia dun desenvolvemento sostible da dixitalización das novas tecnoloxías e no uso adecuado dos recursos”. Isto posibilitará un maior “crecemento económico, melloras na sociedade e combater a brecha de xénero”, engadiu o conselleiro. Non en balde, aproveitou o foro para invitar aos asistentes e relatores a deseñar e programar as novas tecnoloxías dirixíndose a toda a poboación, sen estereotipos e prexuízos. Ao longo do congreso, moitas mulleres líderes nos seus respectivos ámbitos servirán de inspiración para avanzar neste traballo.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Convocatoria dos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2023-24

Ven, 28/06/2024 - 10:29
Idioma Gallego

Xúntase a Orde do 19 de xuño de 2024 pola que se convocan os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2023/24 (código de procedemento ED311E).

  • O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezará o día 19 de agosto de 2024 e rematará o día 18 de setembro de 2024.

File: 

Orde do 19 de xuño de 2024 (DOG) Extracto da Orde do 19 de xuño de 2024 (DOG)

Servizo relacionado: 

Premios ao alumnado

Tema: 

Axudas e premios Premios autonómicos

Ensinanza: 

Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo Servizo de Avaliación do Sistema Educativo

Colectivo: 

Alumnado Familias Centros

Sección: 

Boletín
Categorías: Novas da Xunta

Resolución da convocatoria dos premios de curtas de animación en galego elaboradas no marco do Programa Nós tamén creamos! para o curso académico 2023-2024

Ven, 28/06/2024 - 10:13
Idioma Gallego

Resolución da XII edición dos premios a curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos!, da Secretaría Xeral da Lingua e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación educativa, en colaboración coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia e OQO Editora.

A Comisión de Selección, logo de avaliar as curtas presentadas á XII edición de Nós tamén creamos!, resolveu outorgar os seguintes galardóns:

 

Categoría 1: 2º ciclo de

educación infantil

1º Premio

Caracola, do EEI do Vao (Pontevedra)

Accésit

Quen levou o pemento de Padrón, dos EEI da Escravitude, de Pontecesures, de Arretén e de Extramundi de Arriba, de Padrón (Pontevedra)

Categoría 2: 1º e 2º de educación primaria

1º Premio

Quen levou a Lúa?, do CEIP Carlos Casares, de Nigrán (Pontevedra)

Categoría 3: 3º e 4º de educación primaria

1º Premio

Quen levou a Lúa?, do CEIP A Igrexa-Calo, de Teo (A Coruña)

Accésit

Chocolata, do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa, do Barco de Valdeorras (Ourense)

Categoría 4: 5º e 6º de

educación primaria

1º Premio

O que ten que aprender un cempés, do CEIP Viñagrande-Deiro, de Vilanova de Arousa (Pontevedra)

Accésit

A sopa queima, do CEIP Ramón Otero Pedrayo, da Laracha (A Coruña)

 

Anuncio principal: 

Convocatoria dos premios a curtas de animación en galego Nós tamén creamos!

Tema: 

Lingua galega Programas e plans

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Entidades autonómicas

Colectivo: 

Profesorado Alumnado Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Rueda destaca a excelencia e o talento do alumnado universitario galego como claves para o futuro da comunidade

Xov, 27/06/2024 - 21:57

Summary: 

Salienta o esforzo e dedicación dos 209 estudantes galardoados por contar cun expediente sobresaínte

Subliña a creación de novos másteres, a conxelación das taxas universitarias e a gratuidade da primeira matrícula como algunhas das medidas impulsadas para fortalecer o Sistema Universitario Galego

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o “talento e esforzo” dos universitarios galegos, asegurando que son “a Galicia do futuro”. Así se referiu no acto de entrega dos Premios Fin de Carreira correspondentes aos cursos 2021/2022 e 2022/2023, onde destacou as “horas de estudo e as renuncias a moitas cousas” dos 209 estudantes galardoados polos seus expedientes sobresaíntes.

 

“Parabéns por acadar este éxito enorme e por ter sido os mellores nun mundo competitivo”, asegurou, ao mesmo tempo que quixo tamén felicitar ás familias e ás tres universidades públicas galegas.

 

No acto, Rueda comprometeu o apoio da Xunta para seguir fortalecendo un Sistema Universitario galego “excelente”, axustando a oferta académica ás necesidades do tecido produtivo e do propio alumnado. Así, o ano que vén estrearanse 5 másteres novos –Biofabricación, Internet das Cousas e Ensino do Español como Lingua Estranxeira (de carácter interuniversitario entre as tres universidades públicas galegas); Biociencias Moleculares (USC): e Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible (UDC)–.

 

Ademais, o titular do Goberno galego lembrou que as taxas universitarias levan “conxeladas” 13 anos consecutivos e que, a partir do vindeiro curso, a primeira matrícula para os alumnos de grao e de ensinanzas artísticas superiores será gratis. Unha medida ratificada esta mesma semana no Consello da Xunta, que fará que a comunidade sexa a única na que os estudantes que aproben e vaian cumprindo os requisitos, poidan estudar unha carreira totalmente de balde.

 

O presidente enmarcou todas estas iniciativas no afán do Goberno galego por impulsar a igualdade de oportunidades e desexoulles moita sorte aos galardoados na nova etapa que hoxe comezan. “Hai talento, hai esforzo e hai futuro en Galicia grazas a vós”, manifestou.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta


by Dr. Radut