Skip to Content

Novas da Xunta

Distribuir contido
Actualizado: fai 1 hora 39 min

Listaxe definitiva de cualificacións de carnés e habilitacións profesionais primeira convocatoria 2024

Xov, 27/06/2024 - 15:52
Idioma Gallego

Publicada a listaxe definitiva de cualificacións das probas da primeira convocatoria 2024 para a obtención de determinados carnés e habilitacións profesionais.

Máis información.

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Novas da Xunta

Resolución da Convocatoria de participación nos proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades durante o curso 2023-2024

Xov, 27/06/2024 - 12:50
Idioma Gallego

A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa resolveron a convocatoria de participación nos proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades durante o curso académico 2023/2024.

 

Seleccionáronse os seguintes proxectos, ao abeiro da Resolución da Secretaría Xeral da Lingua e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca a participación en proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades durante o curso académico 2023/2024 e se establecen as bases reguladoras para realizalos:

  • cinco proxectos aos que se lles recoñece a consideración de excelentes:

 

Proxecto

Centro

Concello

Provincia

Aquí tamén se fala

IES Rafael Dieste

A Coruña

A Coruña

Non só é lume

IES A Cachada

Boiro

A Coruña

Fai un trato co galego!

CEIP de Prácticas López Ferreiro

Santiago

A Coruña

A memoria das palabras

IES Fontem Albei

A Fonsagrada

Lugo

Abrazando a diversidade lingüística

CEIP Plurilingüe de Tenorio

Cerdedo-Cotobade

Pontevedra

 

Cada un destes cinco proxectos recibirá unha dotación económica de 2.000 € para o centro ou centros. O profesorado implicado activamente no seu desenvolvemento recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante, alén de apoio e asesoramento no seu desenvolvemento e a difusión a través da rede e da páxina web da Secretaría Xeral da Lingua.

 

  • dous proxectos aos que se lles concede unha Mención de Honra:

Son das flores, música para a transformación

CEIP Vicente Risco

Vigo

Pontevedra

PaliquéochoEU

CEE María Mariño

A Coruña

A Coruña

O profesorado implicado activamente no desenvolvemento destes proxectos recibirá unha certificación de Accésit, ademais de apoio e asesoramento durante o seu desenvolvemento e a difusión das experiencias e dos materiais educativos producidos a través da rede e da páxina web da Secretaría Xeral da Lingua.

Anuncio principal: 

Convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística

Tema: 

Programas e plans Plans e actuacións en innovación educativa

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Outras entidades Entidades autonómicas

Colectivo: 

Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez anuncia novas ferramentas no sistema educativo para seguir avanzando na igualdade das persoas LGTBI

Mér, 26/06/2024 - 18:39

Summary: 

Os centros contarán cun instrumento de mellora da convivencia tamén para as persoas LGTBI e actualizarase o Protocolo de atención á diversidade de identidade de xénero

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP dá conta no Parlamento do traballo da Xunta de Galicia a prol da igualdade e a convivencia nas aulas

Idioma Gallego

Todos os centros educativos contarán o vindeiro curso con novas ferramentas para seguir mellorando a convivencia nos centros a prol da igualdade e para protexer os dereitos das persoas LGTBI. Así o anunciou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, hoxe no Parlamento galego. “Levamos anos abordando a non discriminación e a igualdade por razón de orientación sexual ou identidade de xénero, e seguimos traballando para avanzar nesta materia”, asegurou.

 

A Xunta de Galicia porá en marcha no curso 2024/25 unha ferramenta para a detección concreta de casos de acoso ou ciberacoso, que inclúe especificamente as persoas LGTBI, o que permitirá “coñecer a situación en cada centro e realizar unha avaliación máis próxima ao alumnado”, sinalou Román Rodríguez.

 

Así mesmo, o Goberno galego actualizará o Protocolo de atención educativa á diversidade de identidade de xénero, co que se busca dar seguridade a moitas persoas e garantir a súa plena inclusión dentro das aulas. “Estará centrado en principios reitores como a seguridade e o interese superior de todos os menores, establecendo o centro educativo como un espazo seguro”, engadiu o titular da Consellería de Educación.

 

Prevención, detección e intervención

“Somos conscientes da importancia de actuar desde as escolas”, remarcou Román Rodríguez durante a súa intervención no Pleno, referíndose ao traballo de Educación en materia de prevención, detección e intervención.

 

Existen ferramentas de detección que permiten coñecer o clima de convivencia no sistema educativo, como é o caso das enquisas, e son fundamentais para que a partir deles cada centro implemente medidas concretas. De feito, “no último informe de convivencia”, dixo o conselleiro, “constatase que case o 90% do sistema considera que os conflitos nas aulas son pouco frecuentes”. Tamén alumnado, familias e profesorado observan que existe receptividade diante da diversidade nas aulas, con cifras por riba do 80%.

 

A través da Estratexia Galega de Convivencia 2025 a Consellería de Educación pon á disposición do conxunto do sistema educativo todos os instrumentos necesarios para garantir a igualdade nas aulas. Entre os proxectos máis destacados atópase o Plan contra o acoso e o ciberacoso, mentres que outros dos programas centrados na igualdade das persoas que se desenvolven nas aulas galegas son os Contratos Programa, onde máis de 300 centros desenvolven accións a prol da coeduación; o Plan Proxecta+, no que participan máis de 150 centros con numerosas iniciativas, ou os programas Que non te líen ti elixes, Cinema con perspectiva e Edureferentes.

 

Ademais, a Consellería de Educación vai lanzar un Plan de coeducación para crear espazos sen estereotipos que favorezan a liberdade do alumnado. E para completar toda a batería de medidas coas que se traballa, tamén se pon o foco na formación do profesorado e na información ás familias.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez recibe ao presidente executivo do foro internacional sobre innovación Ecosystems 2030

Mér, 26/06/2024 - 17:01
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión con Omar Hatamleh, presidente executivo de Ecosystems 2030, un dos foros de maior prestixio no campo da innovación, que celebrará este venres na Coruña un congreso con preto de 50 relatoras de todo o mundo baixo o título Mulleres en liderado.

 

Durante a recepción, o titular de Educación e Ciencia da Xunta puxo de relevo a importancia de apostar pola innovación e o desenvolvemento da intelixencia artificial en Galicia, unha tecnoloxía que será obxecto de análise no foro. Así mesmo, agradeceu a oportunidade que supón esta cita para reflexionar sobre a súa repercusión na seguridade, sobre as redes sociais ou a transformación de diversos sectores económicos.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta incrementa ata os 3M€ o investimento para ampliar o Instituto Eduardo Pondal de Santiago

Mér, 26/06/2024 - 14:33

Summary: 

O conselleiro de Educación anuncia a licitación, hoxe mesmo, da obra do centro, que será dotado de oito novas aulas e outros espazos e a mellora dos existentes

A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros adaptándoos ás novas necesidades

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Instituto IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela co gallo da licitación das obras de ampliación do centro, que abre o proceso hoxe. Neste senso, explicou que o investimento final superará os 3M€, máis do previsto inicialmente. O obxectivo é dotar ao instituto de oito aulas novas e outros espazos, ao tempo que se remodela o edificio xa existente.

 

A obra enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, un programa posto en marcha polo Goberno galego para renovar os colexios e os institutos, co fin de adaptalos ás esixencias actuais. No caso do Eduardo Pondal, “a obra responde ao crecemento demográfico dos barrios que comprende o instituto. Por iso, se amplía o espazo educativo aproximadamente 1.000 m²”, sinalou o conselleiro.

 

A ampliación, que se prevé que este rematada para o inicio do curso 2025/2026, realizarase sobre o edificio existente, en tres andares. Na planta baixa situaranse catro aulas, cunha saída nova ao espazo exterior; mentres que na primeira estarán as dúas aulas restantes e unha de tecnoloxía. No semisoto atoparase a clase de música, o almacén e o sistema de telecomunicacións. Ademais, se construirá un espazo cuberto de 140 m² con comunicación directa á nova pista deportiva e un soportal con acceso á zona de patio, para facilitar a entrada e saída do centro, ampliando así os espazos cubertos do centro.

 

Mellora das instalacións existentes

O proxecto de ampliación tamén contempla actuacións no edificio xa existente como a reforma dos aseos e a súa mellora instalando, entre outros, un baño accesible; e a substitución da cuberta da actual aula de tecnoloxía. Ademais, tamén se levarán a cabo diversos traballos de redistribución de espazos, facendo un desdobramento de oito aulas, entre elas, a clase de plástica.

 

A maiores, ampliarase a biblioteca, substituiranse as caldeiras de gasóleo por unhas novas de biomasa, eliminaranse os estrados de madeira de varias aulas e acometeranse outras melloras no relativo á seguridade do centro. Finalmente, recolocarase a pista polideportiva descuberta e darase solución ao desnivel.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta reforza a Formación Profesional en ciberseguridade con oito novos másteres e 200 prazas máis para o vindeiro curso

Mér, 26/06/2024 - 14:23

Summary: 

Os cursos de especialización nesta materia pasan de 6 a 14, e impartiranse en centros das catro provincias

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a directora de Formación Profesional presentaron hoxe os másteres nunha xornada en Ourense

Idioma Gallego

A Xunta reforza a especialización en ciberseguridade na Formación Profesional con 14 másteres e 340 prazas para o curso 2024/2025. Esta oferta formativa supón un incremento de 8 cursos de especialización e 200 prazas, ademais de ampliar o alcance xeográfico desta formación, que agora se impartirá en centros das catro provincias. Os cursos foron presentados esta mañá en Ourense polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Julián Cerviño, e a directora xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Eugenia Pérez.

 

A ampliación desta formación busca dar resposta á elevada demanda destes perfís por parte do sector tecnolóxico. Son dous os cursos de especialización ofertados: Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información e Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación, que se impartirán en modalidade presencial e online en centros da Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense, Marín, A Estrada, Vilagarcía, Lugo e Monforte.

 

Este reforzo da especialización en ciberseguridade na FP é unha das liñas de actuación do Proxecto Galego de Programas Superiores de Formación en Ciberseguridade, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Educacion, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e conta cun investimento total de 2,5 millóns de euros que permitirá dotar aos centros cos equipamentos de última tecnoloxía neste ámbito.

 

A iniciativa abrangue, tamén, a creación dun espazo de alta especialización en ciberseguridade no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros para conseguir a máis alta formación e especialización do profesorado e a xeración de proxectos de I+D+i que sexan de transferencia directa ás empresas e institucións.

 

O Proxecto Galego de Programas Superiores de Formación en Ciberseguridade enmárcase nas actuacións do programa RETECH (Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica) e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea con fondos Next Generation.

 

O director da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, sinalou que que os especialistas en ciberseguridade “son un dos perfís máis demandados polo sector tecnolóxico” e que “todas as organizacións”, dende as administracións públicas ás empresas de tódolos tamaños, “precisan cada vez máis profesionais que velen pola seguridade da súa información.”

 

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, salientou que desde o seu departamento se está traballando para “responder a todos os ámbitos onde xorden necesidades” como é o caso do da ciberseguridade, cunha oferta reforzada para “dar resposta á demanda de profesionais que garantan a seguridade das persoas e dos procesos produtivos”.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Publicación da relación definitiva de solicitudes de comisións de servizos, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral, admitidas e excluídas para o curso académico 2024/25

Mér, 26/06/2024 - 11:45
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 26 de xuño de 2024 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se aproba e se fai pública a relación definitiva de solicitudes de comisións de servizos, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral, admitidas e excluídas de conformidade coa Orde do 15 de abril de 2019, código de procedemento ED010A (DOG nº 82, do 30 de abril).

De conformidade co artigo 11 da Orde do 15 de abril de 2019, contra esta resolución definitiva, as persoas interesadas poderán formular recurso de reposición, no prazo comprendido entre o día 27 de xuño de 2024 e o día de 26 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos, por medios electrónicos, mediante o trámite Recurso de reposición activado no procedemento normalizado ED010A do seguinte xeito:

  1. Acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal
  2. Autenticarse co seu usuario e contrasinal de Chave 365 ou contrasinal se emprega certificado electrónico.
  3. Localizar o ÚLTIMO expediente presentado na sede correspondente á solicitude de comisión de servizos, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral, (código de procedemento ED010A) e premer na opción de “Acción” para elixir o trámite “Recurso de reposición”.

    IMPORTANTE: NO CASO DE QUE POSÚA VARIAS SOLICITUDES PRESENTADAS NESTE PROCEDEMENTO, LEMBRE QUE DEBE ESCOLLER A ÚLTIMA SOLICITUDE PRESENTADA (CÓDIGO DE PROCEDEMENTO ED010A). Non se tramitarán os recursos formulados en solicitudes que non sexan á última presentada neste procedemento en sede electrónica.

  4. Encher o formulario, anexar a documentación, se é o caso, e asinar e presentar electronicamente premendo no botón “Asinar e presentar”

O seu recurso estará correctamente presentado cando poida descargarse tanto o recurso asinado como o recibo de presentación deste.

Anuncio principal: 

Apertura do prazo de solicitude de comisión de servizo en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral para o curso académico 2024/25 (ED010A)

Tema: 

Programas e plans Comisións de servizo

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial Educación de persoas adultas

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Convocatoria de cursos Celga e cursos de linguaxe administrativa galega nas EOI para o curso 2024/25

Mér, 26/06/2024 - 09:42
Idioma Gallego

Publicouse a Resolución do 18 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia.

As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega, que estará activo nos seguintes prazos establecidos para a presentación das solicitudes:

  • Cursos do 1º cuadrimestre: do 1 ao 12 de xullo de 2024
  • Cursos do 2º cuadrimestre: do 11 ao 22 de novembro de 2024

 

Máis información: Resolución do 18 de xuño de 2024

    Tema: 

    Información xeral

    Ensinanza: 

    Ensinanzas de réxime especial Ensinanzas de idiomas de réxime especial

    Departamento: 

    Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente

    Colectivo: 

    Alumnado

    Sección: 

    Boletín Portada de boletín
    Categorías: Novas da Xunta

    Román Rodríguez anima aos sectores produtivos a seguir modernizándose a través do I+D+i e tecnoloxías punteiras

    Mar, 25/06/2024 - 18:53

    Summary: 

    O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP abre a xornada de presentación dos proxectos beneficiarios do programa Fábrica Intelixente e Sustentable 2023

    Os nove proxectos apoiados nesta última edición forman parte de sectores clave da economía galega como a automoción, madeira, TIC ou alimentación, e están liderados por empresas referentes nos seus respectivos eidos

    Idioma Gallego

    O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, apuntou esta mañá na xornada de presentación dos proxectos beneficiarios da última edición do programa Fábrica Intelixente e Sustentable que a investigación industrial, o desenvolvemento experimental e a innovación son os puntais que deben guiar aos sectores produtivos, na medida en que permitirán mellorar a produtividade e optimizar os recursos, e que as tecnoloxías da Industria 4.0 como a intelixencia artificial, a fabricación aditiva ou o blockchain son unha oportunidade única para aumentar o valor engadido e crear unha vantaxe competitiva sobre os demais.

     

    Por iso, o titular de Ciencia convidou ao tecido empresarial galego a seguir modernizándose a través da I+D+i e da adopción de tecnoloxías punteiras para consolidar a Galicia como unha potencia en I+D+i nos principais sectores da nosa economía, nun encontro celebrado na Cidade da Cultura de Galicia cos nove proxectos apoiados na última edición desta convocatoria.

     

    Precisamente, Rodríguez subliñou que os nove proxectos apoiados a través de Fábrica Intelixente e Sustentable 2023 forman parte de sectores clave da nosa economía como a automoción, a madeira, as TIC ou a alimentación e que están liderados por empresas referentes nos seus respectivos eidos. Ademais, apuntou que máis da metade destas iniciativas se apoian nos principais centros de investigación e centros tecnolóxicos de Galicia, o que recalca a importancia de fortalecer ese vínculo entre ambos axentes que se vai seguir fomentando dende o seu departamento.

     

    327M€ mobilizados desde 2016

    Na xornada, na que o conselleiro estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, presentáronse tamén os proxectos Plástic Tu Oil (Plastic2Oil), liderado por Tecnología y Reciclaje de Materiales (Tyrma) para a obtención de residuos cero en reciclaxe de plásticos e, o proxecto Fisterra, promovido por Norvento xunto á Universidade de Vigo e ao CTAG, que ofrece unha solución para embarcacións que permitirá ás autoridades portuarias dispor dun subministro eléctrico descarbonizado e adaptado ao seu tráfico marítimo. Finalmente, tamén se celebrou unha sesión formativa de xustificación da axuda dirixida aos beneficiarios.

     

    En total, a través das cinco edicións deste programa, apoiáronse un total de 33 proxectos, cunha axuda de 100 M€ e un investimento mobilizado que supera os 327 M€. As axudas desta convocatoria están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Feder Galicia 2021-2027.

     

    Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
    Categorías: Novas da Xunta

    A Xunta recolle as achegas das organizacións sindicais sobre a nova regulación da Formación Profesional en Galicia

    Mar, 25/06/2024 - 17:21
    Idioma Gallego

    A Xunta de Galicia recolle as achegas das organizacións sindicais sobre a nova regulación da Formación Profesional para o curso 2024-25. A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, reuníronse hoxe coa Mesa Sectorial Docente para analizar as instrucións sobre a ordenación e a organización da FP en Galicia. Unha normativa que, ante os retrasos do Ministerio, ten por obxectivo dar certezas a centros, equipo docente e alumnado sobre os cambios que leva consigo a lei estatal de FP que se aplicará a partir de setembro.

    Os representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP explicáronlle aos presentes na reunión que estas instrucións son de carácter transitorio, debido a que o Goberno galego non poderá concretar o decreto de ordenación da FP e o seu desenvolvemento, no que xa se está a traballar, ata que se publique o estatal.

    Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
    Categorías: Novas da Xunta

    Listaxes provisionais de cualificacións da proba que substitúe o requisito de titulación e de persoas admitidas e excluídas na proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas profesionais

    Mar, 25/06/2024 - 14:42
    Idioma Gallego

    Xúntase a:

    • Listaxe provisional de cualificacións da proba substitutiva do requisito de titulación para o acceso ás ensinanzas artísticas profesionais de ciclos formativos de grao medio e ciclos formativos de grao superior
    • Listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas profesionais de grao medio e grao superior

    Anuncio principal: 

    Resolución do 10 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan probas e se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado nas ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño en Galicia 2024/25

    Tema: 

    Escolarización

    Ensinanza: 

    Ensinanzas de réxime especial Ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño

    Departamento: 

    Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente

    Colectivo: 

    Alumnado

    Sección: 

    Boletín Portada de boletín
    Categorías: Novas da Xunta

    Rueda avalia cos reitores das universidades galegas os detalles da gratuidade da matrícula

    Lun, 24/06/2024 - 22:55
    Idioma Gallego

    O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta tarde cos reitores das tres universidades galegas para darlles conta dos detalles da gratuidade da matrícula para estudantes de grao, que se aplicará tamén nas ensinanzas artísticas superiores. Ambos decretos de prezos públicos aprobáronse hoxe no Consello da Xunta co obxectivo de que estean vixentes xa no próximo curso.

    Durante a reunión tamén abordaron outras cuestións de interese e vías de colaboración entre as universidades e a Administración autonómica.

    Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
    Categorías: Novas da Xunta

    O Goberno galego dá luz verde á matrícula gratuíta para os estudantes de grao universitario e de ensinanzas artísticas superiores a partir do próximo curso

    Lun, 24/06/2024 - 15:37

    Summary: 

    Rueda resalta a prioridade do Executivo autonómico de “garantir a igualdade de oportunidades” e lembra que Galicia foi “pionera na conxelación de taxas universitarias hai 13 anos”

    Galicia convértese na “única comunidade na que os alumnos que aproben poderán estudar unha carreira totalmente de balde se cumpren os requisitos”

    Terán matrícula de balde todos os que inicien estudos en primeiro curso, así como os de segundo e posteriores cursos que superen unha porcentaxe de créditos entre o 65% e o 90%, segundo a área de coñecemento

    A maiores, as taxas de máster continuarán conxeladas para o conxunto do alumnado, ao igual que as de grao para aqueles que non cumpran con requisitos da gratuidade

    Idioma Gallego

    O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe que o Consello de Goberno vén de dar luz verde á “gratuidade da matrícula para os estudos de grao universitario, así como para os de ensinanzas artísticas superiores (Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) en centros públicos galegos”, tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos, unha medida que será aplicable para o próximo curso e coa que, ademais, se cumpre un “compromiso adquirido para os primeiros 100 días de goberno”.

     

    Así pois, as familias cuxos fillos e fillas inicien por primeira vez estudos de grao universitario ou de grao en ensinanzas artísticas superiores o próximo curso terán bonificado o prezo da matrícula, o que contribúe, tal e como indicou Rueda, “a garantir a igualdade de oportunidades”, ao mesmo tempo que lembrou que Galicia foi “pioneira na conxelación de taxas universitarias hai 13 anos”.

     

    O Consello ratificou hoxe os dous decretos de prezos públicos a través dos cales se implanta esta acción que, na práctica, blinda que todos os universitarios e estudantes de ensinanzas artísticas superiores que aproben teñan asegurada a matrícula gratuíta ao longo de toda a súa carreira universitaria desde a primeira chamada para a matrícula de xullo en diante. Isto converte a Galicia na “única comunidade autónoma na que os alumnos que aproben poderán estudar unha carreira totalmente de balde se cumpren os requisitos”.

     

    Bonificación do 99%

    No que atinxe aos estudos de grao, todo o alumnado de novo ingreso obterá unha bonificación equivalente ao 99% da matrícula para iniciar os seus estudos nas tres universidades públicas galegas ou nun centro público galego de ensinanzas artísticas superiores. Isto supón que os alumnos que cumpran os requisitos tan só aboarán o 1% do custo da matrícula, o que se traduce nunha cantidade simbólica de 7,1 euros ao ano de media como taxa. É dicir, 0,6€ de media ao mes.

     

    Para iso, deberán cumprir co requisito de ter superado a ABAU nas convocatorias de 2024 ou ben as probas específicas para maiores de entre 25 e 45 anos organizadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), ou ter superado un ciclo formativo de grao superior no curso 2024.

     

    No caso do alumnado de continuidade de 2º curso en diante, deberá ter cursado estudos de grao en Galicia no curso 2023/24 e matricularse no curso 2024/25 na totalidade dos créditos correspondentes ás materias previstas para o curso de que se trate, nunha das tres universidades públicas galegas.

     

    A maiores, deberá ter superado as porcentaxes de créditos matriculados, algo que varía segundo a área de coñecemento: 90% dos créditos para as áreas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas, 80% para Ciencias da Saúde e 65% para as de Ciencias e Enxeñaría e Arquitectura.

     

    Continuidade na conxelación das taxas

    Doutra banda, para aqueles alumnos universitarios que non cumpran cos requisitos de gratuidade, o decreto aprobado hoxe tamén ratifica de novo a conxelación das taxas de grao e máster para o vindeiro curso, co que Galicia levará 14 anos consecutivos coas taxas universitarias conxeladas. Así pois, todos os alumnos que cursen un máster universitario e aqueles que cursen un grao e queden excluídos da gratuidade por non cumpriren os requisitos aboarán un prezo medio de 11,89 €/crédito.

     

    Deste xeito, Galicia continuará a ter a universidade máis accesible de toda España, coa matrícula de grao gratuíta e os másteres máis baratos do Estado. “O que queremos é premiar e estimular o esforzo do alumnado”, asegurou Rueda.

     

    Ensinanzas artísticas superiores

    Así mesmo, o alumnado de ensinanzas artísticas superiores tamén se beneficia da gratuidade da matrícula destes estudos que, no caso dos de novo ingreso, deberán ter superado as probas específicas de acceso en Galicia. Quedan exentos deste requisito os que acceden directamente aos estudos superiores de Grao en Deseño ou en Conservación e Restauración de Bens Culturais sen necesidade de realizar a proba específica de acceso ao ter acadado un título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.

     

    Para o alumnado de continuidade (de 2º a 4º curso), para optar á bonificación do 99%, requírese estar matriculado en curso completo nun centro público de Galicia no curso anterior e ter superado en primeira matrícula como mínimo o 90% da totalidade deses créditos.

     

    Estas medidas aprobadas hoxe supoñen redobrar a aposta da Xunta de Galicia polo apoio ás familias coa gratuidade da educación para o alumnado desde que entra na gardaría, na etapa 0-3 anos, ata que remata os seus estudos universitarios, ao tempo que se fomenta a cultura do esforzo, premiando o interese, a dedicación e o bo aproveitamento académico.

     

    Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
    Categorías: Novas da Xunta

    O alumnado galego que estude portugués no seu centro educativo poderá acreditar o seu nivel lingüístico de xeito gratuíto

    Lun, 24/06/2024 - 15:26

    Summary: 

    Román Rodríguez agradece a colaboración portuguesa para mellorar a formación dos estudantes galegos, poñendo en valor os vínculos coa lusofonía

    Trátase dun acordo pioneiro do que se poderán beneficiar estudantes de 4º de ESO e 2º de Bacharelato

    Farán as probas Camões Júnior desde os seus propios centros e poderán certificar os niveis A1, A2 e B1

    Idioma Gallego

    O alumnado que estude portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira nos centros educativos galegos poderá acreditar de xeito gratuíto o seu nivel lingüístico a partir do vindeiro curso, a través do Instituto Camões. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o embaixador de Portugal en España, João Mira, asinaron hoxe un acordo de colaboración para impulsar esta medida, entre outras dirixidas a difusión da lingua e a cultura lusas no ensino. No acto participaron tamén o secretario xeral da Lingua, Valentín García, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

     

    A medida está pensada para que o alumnado que estude a lingua do país veciño poida acreditar ata tres niveis de competencia lingüística do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas (A1, A2 e B1) ao remate das etapas de ESO e Bacharelato.

     

    Cómpre salientar que se trata dun acordo pioneiro xa que Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en subscribir un acordo deste tipo co Instiuto Camões que, ademais, deriva da aplicación da Lei Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa ou vínculos coa lusofonía.

     

    Román Rodríguez quixo agradecer ao embaixador luso a colaboración do Instituto Camões para mellorar a formación do alumnado galego, tanto a través desta nova liña de acción como do acordo que existe desde hai anos polo que a entidade portuguesa contribúe con varios auxiliares de conversa a centros educativos galegos.

     

    Neste sentido, puxo en valor a proximidade das linguas e culturas galega e portuguesa e a importancia de fortalecer estes vínculos para abrir novas oportunidades de presente e de futuro, seguindo o espírito da mencionada Lei Paz Andrade.

     

    Probas no propio centro

    Para acadar a certificación os estudantes terán que superar as probas do Exame de Portugués Lingua Estranxeira Camões Júnior, pero non terán que desprazarse para facelo, senón que as farán desde o seu centro educativo a través dunha plataforma electrónica.

     

    O exame ten unha duración de 120 minutos e consta de catro partes: comprensión oral, expresión oral, comprensión escrita e expresión escrita. Ten un carácter progresivo polo que, dependendo da puntuación acadada pola persoa que se examina, a puntuación equivale a un dos devanditos tres niveis. Seis semanas despois da realización do exame, emitirase a certificación Camões Júnior de xeito telemático a cada participante que acadase un nivel mínimo de A1.

     

    Accións de divulgación

    O acordo asinado hoxe inclúe, así mesmo, cooperación na divulgación de actividades dirixidas ao profesorado que imparte portugués como lingua estranxeira ou materia non lingüística en lingua portuguesa. Tamén en todo tipo de accións neste sentido dirixidas ao alumnado, como cursos, seminarios ou actividades culturais.

     

    Así mesmo, a Consellería e o Instituto Camões comprométense a promover a difundir este novo medio de certificación da lingua portuguesa.

     

    Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
    Categorías: Novas da Xunta

    Resolución definitiva dos centros participantes no programa Picasso Mob de intercambio individual de alumnado co de centros da Région Académique de Bourgogne-Franche Comté (Francia) no curso 2024/25

    Lun, 24/06/2024 - 14:56
    Idioma Gallego

    Achégase resolución definitiva dos centros públicos de ensino non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia para participar no programa Picasso Mob de intercambio individual de alumnado en réxime de reciprocidade con alumnado matriculado en centros pertencentes á Région Académique de Bourgogne-Franche Comté (Francia) durante o curso 2024/2025.

    Anuncio principal: 

    Selección de centros e alumnado matriculado en centros públicos de ensino non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia para participar no programa Picasso Mob de intercambio individual de alumnado

    Tema: 

    Lingua estranxeira Programas e plans

    Ensinanza: 

    Bacharelato

    Departamento: 

    Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

    Colectivo: 

    Profesorado Alumnado

    Sección: 

    Boletín Linguas estranxeiras
    Categorías: Novas da Xunta

    Convocatoria do programa educativo “VI CiberLiga 2024/25 modalidade preamateur"

    Lun, 24/06/2024 - 14:46
    Idioma Gallego

    Resolución do 24 de xuño de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca a “VI CiberLiga 2024/25 modalidade preamateur” dirixida a centros educativos de Galicia no curso 2024/25.
     

    • O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir da publicación desta convocatoria no portal educativo.

    File: 

    Resolución do 24 de xuño de 2024 Anexo I

    Tema: 

    Programas e plans

    Ensinanza: 

    Educación secundaria obrigatoria

    Departamento: 

    Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia

    Colectivo: 

    Alumnado Centros

    Sección: 

    Boletín Portada de boletín
    Categorías: Novas da Xunta


    by Dr. Radut