Skip to Content

Novas da Xunta

Galicia e Arxentina asinan un acordo para que as súas universidades poidan impartir títulos compartidos

Novas da Xunta - Mér, 13/11/2024 - 12:01

Summary: 

Román Rodríguez preside o acto no que as axencias de calidade universitaria de ambos territorios rubrican un acordo marco para promover esta cooperación

Posibilitará ofertar titulacións conxuntas de grao, mestrado e doutorado co obxectivo de impulsar a internacionalización das universidades galegas

Tamén poderán intercambiar persoal, estudantes e impulsar proxectos de investigación e actividades conxuntas, entre outras iniciativas

As tres universidades públicas galegas referendarán acordos de colaboración con catro universidades arxentinas de prestixio para avanzar nos primeiros proxectos

Idioma Gallego

As universidades públicas galegas e universidades arxentinas poderán impartir titulacións conxuntas de grao, mestrado e doutorado. Farao posible un acordo marco asinado entre ambos territorios, primeiro froito da viaxe de traballo que encabeza o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. O representante da Xunta de Galicia presidiu ao acto de sinatura entre a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria (CONEAU).

Esta decisión, impulsada desde o Goberno autonómico co consenso das universidades galegas e a supervisión das axencias de calidade de ambos sistemas, promoverá tamén o intercambio de experiencias, metodoloxías e ferramentas entre os sistemas de educación superior a ambas beiras do Atlántico. O director da ACSUG, Eduardo Pereira, e o presidente de CONEAU, Martín Strah, rubricaron esta acción de cooperación.

“A Xunta e as universidades públicas galegas coincidimos no obxectivo de estar máis abertos ao exterior e ser máis internacionais -afirmou o conselleiro-. Nada mellor para comezar esta senda que estar en Arxentina traballando con varias universidades de Bos Aires para abrir oportunidades e que os alumnos arxentinos poidan formarse en Galicia e tamén para que a nosa Comunidade poida enriquecerse co seu talento”.

Definición dos primeiros proxectos

Román Rodríguez puxo en valor a disposición das tres universidades públicas galegas para sumarse a esta iniciativa. De feito, xa están a analizar a oferta académica para poder definir as primeiras titulacións nas que desenvolver esta colaboración.

A Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria propón catro universidades de prestixio para avanzar nos primeiros proxectos compartidos. En concreto, as universidades nacionais de La Plata, Tres de Febrero, de Lomas de Zamora e San Martín. Con este fin, os representantes das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo desprazados a Arxentina referendarán estes días acordos-marco de colaboración coas devanditas institucións académicas arxentinas. A axenda da viaxe inclúe hoxe unha xornada de traballo, con visitas institucionais a La Plata e Lomas de Zamora, mentres que mañá será a quenda de Tres de Febrero e San Martín.

Nestas visitas participan, ademais do propio conselleiro de Educación en representación do Goberno autonómico, os reitores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, Antonio López e Ricardo Cao; a secretaria xeral da Universidade de Vigo, María José Bravo; o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez, e o presidente e o director da ACSUG, Eduardo Pereira e Juan José Nieto.

Intercambios e investigación

Ao abeiro destes acordos, ademais da impartición de titulacións conxuntas, as universidades asinantes poderán tamén intercambiar persoal docente, investigador e administrativo, así como estudantes e diversa información académica e materiais.

Por outra banda, estas entidades académicas poderán impulsar proxectos de investigación conxuntos, ademais de conferencias, simposios, cursos e seminarios.

O representante da Xunta quixo agradecer o traballo da ACSUG e de CONEAU para establecer unha base sólida que permita poñer en marcha as primeiras iniciativas neste eido. “Non é doada unha colaboración deste tipo entre dous países que forman parte de continentes diferentes, pero estas dúas entidades de acreditación e supervisión da calidade das titulacións traballarán arreo para facelo realidade”, destacou.

“Con este acordo damos un importante paso para fortalecer as redes de cooperación entre as entidades académicas dos dous países e na estratexia de internacionalización do Sistema Universitario de Galicia que está a impulsar a Xunta”, explicou o conselleiro. “Aproveitaremos as sinerxías existentes entre as dúas partes, froito de décadas de estreita relación, moi vencellada á diáspora galega no país americano”, detallou.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Galicia colócase líder de España en inglés e no nivel alto do mundo segundo o maior estudo internacional ao respecto

Novas da Xunta - Mér, 13/11/2024 - 12:00

Summary: 

Sitúase como a primeira comunidade autónoma con 564 puntos, 13 máis que a segunda e cinco máis ca o pasado ano 

Obtén 26 puntos máis que a medida de España de 538 puntos, tal e como certifica o informe de EF sobre índice de dominio do inglés

Esta dinámica alcista referenda a aposta da Xunta de Galicia polo impulso da aprendizaxe de idiomas en Galicia

Idioma Gallego

Galicia sitúase líder de España en inglés e no nivel alto do mundo, tal e como o corrobora o estudo máis amplo a nivel internacional que cada ano realiza Education First (EF).

Segundo os datos que veñen de facerse públicos hoxe, a comunidade autónoma galega obtén 564 puntos, o que a coloca no primeiro posto de España e 13 puntos por riba da segunda, que é Madrid (551 puntos), 18 puntos por riba de Cataluña (que está en cuarta posición con 546 puntos) e 19 máis ca País Vasco (en quinta posición con 545 puntos).

Ademais, Galicia colócase no nivel alto da táboa entre os 116 países analizados por EF-EPI, fronte ao nivel medio no que se sitúa España con 538 puntos, e á que lle saca 26 puntos de vantaxe. Tamén está moi por riba (87 puntos máis) da media mundial de 477.

A comparativa co estudo de 2023 tamén arroxa unha dinámica positiva de Galicia, xa que sube cinco puntos e escala da segunda á primeira posición estatal.

Os datos  do estudo de EF-EPI é o resultado da realización de test a 2,1 millóns de persoas de 116 países e rexións de todo o mundo, dos cales o 54% foron mulleres e o 46% homes, cunha idade media de 26 anos.

Estes datos referendan as distintas accións da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para a aprendizaxe de inglés enmarcadas na Estratexia galega de linguas estranxeiras como é a rede de centros plurilingües, que este ano acada os 511 centros e institutos atendidos por un total de 665 auxiliares de conversa de 24 países de cinco continentes, ou iniciativas como os campamentos de inglés e as estadías no estranxeiro, entre outros.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A FP galega aborda con Telefónica o impulso da formación e a retención do talento en Galicia

Novas da Xunta - Mér, 13/11/2024 - 11:59

Summary: 

A directora xeral de FP reúnese coa representante da firma tecnolóxica para Asturias e Galicia co fin de abordar vías de colaboración en materia de ciberseguridade

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa directora de Telefónica para Asturias e Galicia, Paula Rodríguez, co obxectivo de abrir liñas de colaboración en materia de Formación Profesional e, en concreto, no eido da ciberseguridade, unha das áreas que rexistra unha maior demanda de profesionais cualificados a curto e medio prazo.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor este tipo de encontros na medida en que permiten escoitar “de primeira man” as necesidades do tecido empresarial e, deste xeito, “poder deseñar unha oferta formativa o máis pegada á demanda socioeconómica” ao tempo que “reter talento na nosa comunidade autónoma”.

Eugenia Pérez amosou a intención da Xunta en seguir reforzando a FP galega no eido da ciberseguridade, un compromiso que se reflicte en accións como a ampliación da oferta este curso con 14 másteres e 340 prazas neste eido repartidas en centros educativos das catro provincias. Nesta mesma liña, estase impulsando espazo de alta especialización en ciberseguridade no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros para conseguir a máis alta formación e especialización do profesorado e a xeración de proxectos de I+D+i que sexan de transferencia directa ás empresas e institucións.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta comproba no CEIP Plurilingüe da Carrasqueira o éxito dos programas de inclusión e innovación educativa

Novas da Xunta - Mér, 13/11/2024 - 11:59

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa coñece no centro algunhas das iniciativas candidatas á convocatoria do programa de impulso a Centros Referentes

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio CEIP Plurilingüe da Carrasqueira en Vigo, onde salientou o éxito dos programas innovadores que fomentan no centro a educación inclusiva e emocional. Esta visita enmárcase dentro da iniciativa da Xunta de crear unha rede de Centros Referentes, recoñecendo o labor de promoción dunha educación accesible e innovadora.

No percorrido, a representante da Consellería de Educación coñeceu espazos do centro como os patios inclusivos e a aula sensorial, deseñados para proporcionar aos alumnos unha zona adaptada que fomente a convivencia e a saúde emocional. Estas iniciativas son candidatas á convocatoria do programa de impulso de Centros Referentes que ten aberta a Xunta no marco do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia.

A directora xeral subliñou que estas iniciativas son fundamentais para crear un clima escolar positivo e inclusivo, destacando o “compromiso sólido da Xunta coa educación inclusiva e emocional”. Recordou tamén que Galicia conta cun dos sistemas educativos máis inclusivos do país e reiterou que a Consellería está traballando para seguir mellorando nesta dirección.

Ademais, Judith Fernández recordou que a Consellería de Educación está a desenvolver novos instrumentos para fortalecer a inclusión e o benestar emocional nos centros galegos, como unha ferramenta de sondaxe para medir o clima de convivencia, un Plan de Coeducación que fomente a igualdade e a renovación do protocolo de identidade de xénero. Estas medidas reflicten a aposta da Xunta por unha educación que sexa inclusiva e emocionalmente segura para todos os estudantes.

Durante a visita, coñeceu tamén as diversas iniciativas que o centro desenvolve en materia de innovación. Trátase de actividades dirixidas a fomentar a aprendizaxe e o desenvolvemento integral do alumnado, potenciando competencias clave como a comprensión lectora e a competencia matemática, á vez que promoven a igualdade, a convivencia e o benestar emocional.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Convocatoria do programa InnovaTech FP 2024-2025

Novas da Xunta - Mér, 13/11/2024 - 11:35
Idioma Gallego

Publicada a Resolución do 12 de novembro de 2024 da Dirección Xeral de Formación Profesional pola que se convoca o programa InnovaTech FP e se establecen as bases para a participación dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional durante o curso 2024-2025.

O prazo de presentación de solicitudes será do 14 ao 29 de novembro, ambos os dous incluídos.

 

Tema: 

Programas e plans Plans e actuacións en innovación educativa

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo Servizo de Coordinación co Sistema Produtivo

Colectivo: 

Profesorado Centros Empresas
Categorías: Novas da Xunta

Xunta e Universidades inician unha viaxe a Arxentina para avanzar na estratexia de internacionalización

Novas da Xunta - Mar, 12/11/2024 - 20:57

Summary: 

O conselleiro de Educación encabeza a delegación galega que visita desde hoxe o país americano para estreitar lazos e abrir oportunidades de cooperación

Participan tamén os reitores das universidades de Santiago e A Coruña, a secretaria xeral da UVigo e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

“Compartimos moitos obxectivos comúns e un deles é abrir as nosas facultades e centros de estudo a alumnos de todo o mundo”, afirma Román Rodríguez

A axenda comeza este martes cun encontro coa Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria arxentina e representantes de universidades do país

Idioma Gallego

O Sistema Universitario de Galicia inicia hoxe unha visita institucional a Arxentina que ten como obxectivo establecer novos marcos de colaboración para afondar na súa internacionalización. A Xunta de Galicia e as tres universidades públicas viaxan nunha delegación conxunta encabezada polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, cunha ampla axenda de reunións de traballo e intercambio ao longo de tres xornadas.

Co propósito de fortalecer as relacións entre as universidades do país americano e as galegas e estreitar lazos, participan nesta viaxe os reitores das universidades de Santiago e da Coruña, Antonio López e Ricardo Cao, e a secretaria xeral da Universidade de Vigo, María José Bravo. Xunto a eles, tamén o presidente e o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Juan José Nieto e José Eduardo López, e o secretario xeral de Universidades do Goberno galego, José Alberto Díez.

“A Xunta e as universidades públicas galegas compartimos moitos obxectivos comúns. Un deles é abrir as nosas facultades e centros de estudo a alumnos de todo o mundo e incrementar a calidade das titulacións que ofrecemos”, afirma Román Rodríguez na primeira xornada da viaxe. Por iso, sinala que esta visita “é unha enorme oportunidade para avanzar nesta estratexia de apertura, especialmente ao tratarse dun país irmán como Arxentina ao que estamos unidos por moitas razóns”. Neste senso, o conselleiro agradece a disposición do sistema universitario do país americano para buscar e determinar liñas de colaboración en beneficio mutuo coa USC, a UDC e a UVigo.

Implicación das axencias de calidade

A implicación da ACSUG resulta fundamental, pois previamente ten establecido xa contactos coa súa homóloga arxentina, a Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria (CONEAU), encargada de seleccionar as universidades do país americano que participan neste cumio. Son as universidades nacionais Tres de Febrero, de La Plata, de Lomas de Zamora e San Martín, que suman máis de 190.000 estudantes, máis de 20.000 docentes e máis de 1.500 titulacións. Trátase así de procurar unha maior internacionalización da educación superior a través do intercambio de experiencias e proxectos entre as institucións académicas de ambos territorios.

Precisamente, a axenda desta viaxe de cooperación comeza este martes cunha reunión de traballo con representantes da CONEAU en Bos Aires, seguida dun panel con expertos do ámbito académico arxentino. Ao longo dos vindeiros días, a delegación galega visitará cada unha das catro universidades americanas de xeito individual.

Arxentina, punto de partida

O feito de escoller Arxentina como punto de partida desta estratexia de internacionalización débese aos vínculos históricos, sociais e institucionais que a ligan con Galicia, ademais de polas similares sensibilidades, o que facilitará o establecemento de relacións educativas en materia de cooperación interuniversitaria. A participación das axencias de calidade universitaria de ambos lugares garante que todas as colaboracións que se poidan establecer se fagan dentro dun marco de máxima excelencia.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

A directora xeral de FP aborda coa Federación de Redeiras o impulso da formación no sector

Novas da Xunta - Mar, 12/11/2024 - 15:19

Summary: 

A Consellería de Educación leva emitidos 116 certificados de profesionalidade sobre a confección, a montaxe e o mantemento de artes e aparellos de pesca

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa Federación Galega de Redeiras O Peirao para explorar vías de colaboración para a mellora da formación e a capacitación deste colectivo que se dedica a unha actividade básica do sector marítimo-pesqueiro en Galicia. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP analizou coas representantes desta entidade a posibilidade de impulsar accións formativas específicas para que o sector poida afrontar novos rectos tecnolóxicos e de loxística. 

Cómpre lembrar que a Consellería xa ven mantendo liñas de colaboración con esta federación para a cualificación do colectivo a través da acreditación de competencias profesionais. Froito desta cooperación, nos últimos tres anos emitíronse 116 certificados de profesionalidade para as dúas unidades de competencia desta cualificación, que son as de confeccionar e montar e de manter artes e aparellos de pesca. En Galicia, o centro de referencia para estas unidades da familia Marítimo-Pesqueira é o Centro Integrado de FP CIFP Universidade Laboral de Culleredo. 

Precisamente o impulso da acreditación de competencias profesionais é un dos sete eixos nos que se basea a Estratexia de FP Galicia 2030, onde se fai fincapé, entre outros, na colaboración co tecido socioeconómico a través das entidades empresariais e profesionais para actualizar e adaptar a oferta a esas necesidades e mellorar a empregabilidade e a formación dos traballadores.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Resolución provisional de centros seleccionados para participar no programa de formación Observa_Acción, durante os cursos escolares 2024/25 e 2025/26

Novas da Xunta - Mar, 12/11/2024 - 13:07
Idioma Gallego

Resolución provisional de centros seleccionados para participar no programa de formación Observa_Acción ao abeiro da RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca a participación no programa de formación “Observa_Acción: desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais”, durante os cursos escolares 2024/25 e 2025/26, que se levará a cabo a nivel autonómico, nacional e internacional.

 

Anuncio principal: 

Programa de formación “Observa_Acción: desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais”, durante os cursos escolares 2024/25 e 2025/26, que se levará a cabo a nivel autonómico, nacional e internacional

Tema: 

Formación OBSERVA_ACCIÓN Plans e actuacións en innovación educativa

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Servizo de Programas de Formación Centro Autonómico de Formación e Innovación - CAFI e CFRs Centro de formación e recursos da Coruña Centro de formación e recursos de Ferrol Centro de formación e recursos de Lugo Centro de formación e recursos de Ourense Centro de formación e recursos de Pontevedra Centro de formación e recursos de Vigo

Colectivo: 

Profesorado Centros
Categorías: Novas da Xunta

A Xunta incrementa nun 18% o apoio ao Concello de Oroso para ampliar ata os 130 os usuarios do comedor do colexio CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés

Novas da Xunta - Lun, 11/11/2024 - 19:12

Summary: 

O Goberno Galego eleva a máis de 76.000€ a contía do convenio para incrementar en 20 o número de comensais, atendendo á demanda do servizo de comedor

A Xunta mantén o seu compromiso coa conciliación familiar e educativa en Galicia, beneficiando a 14 concellos destes programas de comedor en colaboración

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia aprobou unha terceira addenda ao convenio de colaboración co Concello de Oroso para o apoio á xestión do servizo de comedor escolar. Deste xeito, incrementarase nun 18% a contía do convenio, ata os 76.362€ (11.748€ máis), o que permitirá ampliar ata os 130 os usuarios de comedor escolar no Colexio CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés. Esta ampliación de 20 comensais responde á crecente demanda de prazas de comedor, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar.

Este apoio económico por parte da Xunta de Galicia permitirá ao Concello de Oroso xestionar o servizo de comedor de forma eficaz, incluíndo a contratación dos menús e o coidado do alumnado durante as comidas, mentres que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional subvencionará os custos dos menús escolares. O convenio ten vixencia ata o curso 2025/26, incluído.

A Xunta de Galicia colabora na actualidade con 14 concellos de toda a xeografía galega que xestionan comedores escolares, en concreto con Ames, Barreiros, Betanzos, Cangas, Ferrol, Lugo, Manzaneda, Meaño, Mugardos, Muíños, Oroso, Sada, Sarria e Vilalba. Un total de 4.809 alumnos benefícianse destes convenios de colaboración cos concellos. Ademais, a Consellería de Educación destina 1,6M€ para axudas ás anpas que xestionan comedores escolares.

Información xeral Ensinanzas de réxime xeral
Categorías: Novas da Xunta

Listaxe provisional de centros seleccionados nos programas do Plan Eduemprende 2024-2025

Novas da Xunta - Lun, 11/11/2024 - 13:50
Idioma Gallego

Publicada a listaxe provisional de centros seleccionados para participar nos programas do Plan Eduemprende 2024-2025 convocados pola Resolución do 10 de setembro de 2024 da Dirección Xeral de Formación Profesional.
O prazo para presentar reclamacións ou emendar documentación estará aberto do 12 ao 18 de novembro, ambos os dous incluídos.
 

Tema: 

Programas e plans eduemprende

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo Servizo de Coordinación co Sistema Produtivo

Colectivo: 

Profesorado Centros Empresas

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Relación provisional de persoas admitidas e excluídas e baremo provisional das listas de interinidades e substitucións en diversas especialidades do corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas (592)

Novas da Xunta - Lun, 11/11/2024 - 13:45
Idioma Gallego

Xúntase  Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se aproba e pública a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional no procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia en diversas especialidades do corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas (592) (código de procedemento ED003A)

  • As persoas interesadas poderán formular reclamacións contra a relación provisional de persoas excluídas e o baremo provisional, que presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos a través do modelo normalizado do procedemento ED003A, opción “Alegacións”, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED003A&ano=2020&numpub=1&lang=gl) no prazo de tres (3) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no portal de Internet da consellería.
  • Non se admitirán as alegacións que non sexan presentadas a través do procedemento indicado no parágrafo anterior.
  • Achégase resolución, baremo provisorio e a relación provisoria de persoas excluídas.

 

Anuncio principal: 

Convocatoria do procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións en diversas especialidades do corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas (592) (código de procedemento ED003A)

Servizo relacionado: 

Listas de substitucións

Tema: 

Programas e plans Interinidades e substitucións

Ensinanza: 

Ensinanzas de idiomas de réxime especial

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado
Categorías: Novas da Xunta

Publicación das listaxes provisorias de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional no procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia de relixión evanxélica

Novas da Xunta - Lun, 11/11/2024 - 13:32
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 11 de novembro de 2024 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional no procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia de relixión evanxélica, nos niveis de infantil e primaria (701402) e no nivel de educación secundaria obrigatoria e bacharelato (702403), nos centros docentes públicos que dependen desta consellería (código de procedemento ED003A)

As persoas interesadas poderán formular reclamacións contra a relación provisional de persoas excluídas e o baremo provisional, que presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos a través do modelo normalizado do procedemento ED003A, opción “Alegacións”, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no prazo comprendido entre o día 12 de novembro de 2024 e o 14 de novembro de 2024, ambos incluídos.

Non se admitirán as alegacións que non sexan presentadas a través do procedemento indicado no parágrafo anterior.

Achegase resolución, baremo provisorio e relación provisoria de persoas excluídas.

 

Anuncio principal: 

Publicación convocatoria listas de relixión evanxélica (primaria e secundaria)

Servizo relacionado: 

Listas de substitucións

Tema: 

Programas e plans Interinidades e substitucións

Ensinanza: 

Educación primaria Educación secundaria obrigatoria Bacharelato

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos

Colectivo: 

Profesorado
Categorías: Novas da Xunta

Publicación das listaxes provisorias de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional no procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia de relixión católica, no nivel de ESO e bacharelato

Novas da Xunta - Lun, 11/11/2024 - 13:13
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 11 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas e o baremo provisional no procedemento para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia de relixión católica, no nivel de educación secundaria obrigatoria e bacharelato (702400) nos centros docentes públicos que dependen desta consellería (código de procedemento ED003A).

As persoas interesadas poderán formular reclamacións contra a relación provisional de persoas excluídas e o baremo provisional, que presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos a través do modelo normalizado do procedemento ED003A, opción “Alegacións”, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no prazo de tres (3) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no portal de Internet da consellería.

O prazo de presentación de alegacións abranguerá desde o día 12 de novembro ata o día 14 de novembro de 2024, ambos incluídos.

Non se admitirán alegacións/reclamacións que non sexan presentadas a través do procedemento ED003A.

 

Anuncio principal: 

Publicación convocatoria listas de relixión católica (secundaria)

Servizo relacionado: 

Listas de substitucións

Tema: 

Programas e plans Interinidades e substitucións

Ensinanza: 

Educación secundaria obrigatoria Bacharelato

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos

Colectivo: 

Profesorado
Categorías: Novas da Xunta

Resolución definitiva de centros admitidos e non admitidos para participaren no Plan Proxecta+ durante o curso 2024/25

Novas da Xunta - Lun, 11/11/2024 - 12:10
Idioma Gallego

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publica a resolución definitiva de centros sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional admitidos e non admitidos para participaren no Plan Proxecta+ durante o curso 2024/25. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no portal educativo.

 

Anuncio principal: 

Resolución do 27 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se regula o Plan Proxecta+ e se establecen as bases para a participación dos centros docentes sostidos con fondos públicos durante o curso 2024/25

Tema: 

Programas e plans Plan Proxecta

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Servizo de Innovación e Programas Educativos

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Innovación
Categorías: Novas da Xunta

O Plan de mellora das bibliotecas escolares da Xunta supera por primeira vez os 800 colexios e institutos

Novas da Xunta - Sáb, 09/11/2024 - 15:17

Summary: 

Román Rodríguez gaba estes espazos como “epicentro da transformación docente” recoñecidos a nivel estatal e que avalan os bos resultados en competencia lectora

Salienta que a biblioteca escolar exercerá de motor do programa de reforzo da comprensión lectora incluído no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia

Idioma Gallego

O Plan de mellora de bibliotecas escolares de Galicia, Plambe, supera por primeira vez os máis de 800 colexios e institutos adscritos, ao igual que continúan medrando os centros que se suman ao resto de programas da Xunta neste eido como os Clubs de lectura (458 centros este ano), Radio na biblio (220), Biblioteca creativa (191) ou Lectura e familias (130), entre outros.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinala que a boa acollida que están tendo as distintas accións do seu departamento nesta materia referenda o apoio do Goberno galego á rede de bibliotecas escolares de Galicia como “epicentro da transformación docente” e lugar de “coñecemento, innovación e creatividade”. Así o sinalou esta mañá con motivo da inauguración da xornada Biblioteca escolar, a escena!, un encontro que reúne a preto de 700 persoas entre docentes, asesores, equipos de bibliotecas escolares e expertos na temática para compartir experiencias e boas prácticas centradas no teatro como soporte para a aprendizaxe. No acto tamén participou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

O titular de Educación gabou que, grazas á implicación e ao “traballo de base” dos docentes e responsables das bibliotecas dos centros educativos, estes espazos sexan hoxe “un entorno educativo de referencia” onde se combina a adquisición de competencias múltiples como as lectoras, as dixitais, o traballo en equipo  ou a formación en igualdade e inclusión que representan “un dos piares fundamentais do noso sistema educativo”. “Este traballo día a día tradúcese en resultados palpables”, sinalou o conselleiro en referencia a que Galicia sitúase por riba da media do Estado e da OCDE.

Informe ‘Bibliotecas Escolares en España’

As bibliotecas escolares galegas son, ademais, un referente a nivel estatal, con puntuacións superiores á media estatal na meirande parte das dimensións  contempladas no informe estatístico Bibliotecas Escolares en España que cada catro anos realiza o Goberno Central, destacando en apartados como a calidade dos espazos de aprendizaxe, as actividades relacionadas co tratamento da información e competencias dixitais ou a formación en diversidade e igualdade.

A biblioteca do futuro

Neste contexto, Román Rodríguez apelou a “seguir construíndo a biblioteca do futuro” co apoio da Xunta de Galicia á transformación e renovación destes espazos tanto no que atinxe a programas específicos como á dotación de equipamento.

Non en balde, as bibliotecas escolares galegas están chamadas a xogar un papel clave das accións recollidas no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, como é o programa de reforzo da comprensión lectora. Este programa artéllase a través da posta a disposición dos centros de iniciativas de lectura no conxunto da comunidade educativa, así como dun amplo abano de actividades para o fomento da lectura que redundará de forma efectiva na mellora da comprensión lectora dos estudantes.

A biblioteca escolar funcionará como motor deste programa, como o espazo mediador para o desenvolvemento de competencias comunicativas, informacionais e mediáticas, como requisito para a construción do pensamento crítico.

O teatro protagonista con Paula Carballeira

A xornada Biblioteca escolar, a escena! colle como fío condutor o teatro e o seu poder como soporte para diferentes relatos, así como o papel destes espazos como lugar de exploración de novos proxectos, de creación e de participación das familias.

A escritora e contacontos Paula Carballeira foi a encargada da conferencia inaugural co relatorio Teatro, o máis parecido á vida, nunha xornada que tamén conta co presenza dos escritores Rosalía Fernández Rial e Miguel Núñez Singala e o pedagogo Jorge María Larrosa. Ao longo do día desenvolveranse distintas mesas de exposición e debate sobre experiencias variadas como traballos por proxectos e lecturas dramatizadas, entre outras actividades.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Román Rodríguez presenta o proxecto de mellora das instalacións deportivas e de lecer do colexio CEIP Plurilingüe de Sestelo-Baión

Novas da Xunta - Ven, 08/11/2024 - 20:05

Summary: 

A Xunta investirá preto de 675.000 € na construción dun espazo multifuncional que servirá para as clases de Educación Física e como patio cuberto

O novo espazo vai en liña cos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a través do que se fomenta a creación de espazos flexibles

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio CEIP Plurilingüe de Sestelo-Baión, en Vilanova de Arousa, onde presentou o proxecto para mellora das instalacións deportivas e de lecer deste centro, no que o seu departamento vai investir preto de 675.000 € e que está previsto que a obra se realice no vindeiro 2025. Para iso, a consellería vai licitar a intervención por anticipado de gasto antes de que remate este ano.

Tal e como explicou, esta obra vén dar resposta á necesidade da comunidade educativa de contar cuns espazos renovados para as clases de Educación Física. O proxecto previsto inicialmente non se puido levar a cabo por cuestións técnicas do terreo, polo que a Xunta decidiu buscar unha alternativa e optar por unha nova proposta de espazo multidiciplinar que se poida empregar tanto para a práctica deportiva como a modo de patio cuberto, unha opción que foi consensuada coa comunidade educativa.

“Trátase dunha instalación que vai en liña cos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a través do que se fomenta a creación de espazos flexibles e multifuncionais nos centros educativos, que dean resposta ás diferentes necesidades do ensino actual”, destacou o conselleiro.

A obra consistirá na construción dun espazo cuberto con panel tipo sándwich opaco e panel policarbonato translucido, de 400 m², para uso como patio cuberto os días de choiva e zona para Educación Física. Debido ao desnivel do terreo, aproveitarase parte do espazo inferior para habilitar un almacén  de 190 m². A nova construción terá un soportal de conexión en continuidade co existente no colexio e paralelo á pista deportiva exterior.

Máis de 2 M€ nos últimos anos

Esta nova actuación súmase ás recentes melloras realizadas pola Consellería neste centro, en concreto na fachada, canlóns e baixantes, peche principal e luminarias exteriores , por importe de 26.000 €.

“A Xunta leva destinados máis de 2 M€ en obras en centros de Vilanova de Arousa nos últimos anos, un investimento que agora impulsamos con esta nova actuación no Colexio de Sestelo-Baión e coas melloras que imos realizar tamén no Colexio CEIP de San Roque. As obras consisten na rehabilitación e cambio de uso das antigas vivendas de mestres, para o novo comedor escolar, dando así un novo uso as construcións escolares”, detallou o conselleiro.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas da Xunta

Convocatoria do programa educativo Cinema con perspectiva 2024-2025

Novas da Xunta - Ven, 08/11/2024 - 14:18
Idioma Gallego

Resolución do 6 de novembro de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca o programa educativo “Cinema con perspectiva” dirixido a centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no curso 2024/25.

 

File: 

Resolución do 6 de novembro de 2024: Convocatoria Solicitude

Tema: 

Programas e plans

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia

Colectivo: 

Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas da Xunta

Corrección de erros da Resolución da Secretaría Xeral de Universidades pola que comunica o resultado da avaliación do rendemento das persoas investigadoras contratadas no Programa de axudas para a atracción e retención do talento investigador

Novas da Xunta - Ven, 08/11/2024 - 10:25
Idioma Gallego

Xúntase a Corrección de erros da Resolución da Secretaría Xeral de Universidades pola que comunica o resultado da avaliación do rendemento das persoas investigadoras contratadas no Programa de axudas para a atracción e retención do talento investigador na categoría de personal investigador distinguido nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

 

Anuncio principal: 

Axudas para a atracción e retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do SUG para o ano 2020

Tema: 

Bolsas

Ensinanza: 

Universidade

Departamento: 

Secretaría Xeral de Universidades Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Novas da Xunta
Distribuir contido


by Dr. Radut