Curso 2019-20
Premio Concepción Arenal da Deputación da Coruña
A Laboral gaña o concurso Concepción Arenal da Deputación da Coruña que este ano tivo como temática a Igualdade de xénero. O proxecto presentado recollía numerosas actividades desenvolvidas a nivel de aula como o obradoiro de rap, e a nivel de centro como a celebración do 25N, a mesa redonda sobre o sexismo no deporte, a exposición "Mulleres a contracorrente" e charlas con autoras como Antía Yáñez no club de lectura, entre outras. Todas tiñan como finalidade traballar a igualdade de xénero como elemento transversal. Outro recoñecemento máis ao labor de alumnado e profesorado da Laboral. Parabéns!!!
Premio estatal á Innovación na Formación Profesional
Na resolución da convocatoria de Premios a Proxectos de Innovación e transferencia de coñecemento na Formación Profesional para o curso 2019/2020, convocada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, o proxecto 53RV1C10 5.0 - da Industria 4.0 ao Servizo 5.0, coordinado polo IES Universidade Laboral e que conta coa participación do IES Monte Neme (Carballo), o CIFP Don Bosco (Guipuzkoa) e a empresa TECDESOFT, S.A., foi seleccionado polo Ministerio e premiado cunha cantidade de 155.900 € (49.450 € para a Laboral), sendo ademais o proxecto que obtivo maior puntuación no baremo da resolución.
O obxectivo primario do proxecto 53RV1C10 5.0 é a incorporación de Cobots (collaborative robots) ao sector servizos para que axude aos traballadores e traballadoras da hostalería na realización das operacións monótonas, mecánicas e impersoais que se realizan no seu traballo. Preténdese ofrecer un novo e mellor servizo ás persoas coa creación dun novo concepto. O Servizo 5.0.
Os cobots, a diferencia dos robots tradicionais, caracterízanse por ser lixeiros e de pequeno tamaño. E o que é máis importante, preparados para traballar "man a man" coas persoas. Estímase que a venta de cobots multiplicarase por vinte no ano 2025.
A obtención do premio vai permitir ao alumnado do IES Universidade Laboral formarse na tecnoloxía emerxente dos robots colaborativos e realizar un proxecto real usando os mesmos nun novo ámbito, o do sector servizos, e con novas aplicacións como o enchido de envases con bebidas a granel personalizadas, entre outras.
Premio Nacional de Buenas Prácticas
Premio Nacional de Buenas Prácticas, do Ministerio de Educación e Formación Profesional
O centro recibe neste curso o Premio Nacional de Buenas Prácticas, outorgado polo Ministerio de Educación e FP, na súa convocatoria do ano 2019, na categoría "Saúde integral".
Este premio recoñece o traballo feito no centro durante o curso 2018/19 e anteriores respecto da promoción de boas prácticas saudables, especialmente na Semana da Saúde.