Historia do Centro

Historia do CIFP Universidade Laboral

A Universidade Laboral foi a primeira en ser construída, cando tomou corpo a decisión de dedicar unha Universidade Laboral para as profesións Marítimo-pesqueiras (alá por xullo de 1962 e dentro do I Plan de Desenvolvemento Económico e Social 1964-1967).

A construción empezouse no 1962. Sita en Acea de Ama, a 5 km. da Coruña, no Concello de Culleredo.

Unha gran praza de acceso dá entrada ás instalacións da Universidade, de 3500 m2., nun extremo sitúase un mastro de navío de 38 metros de altura.

O conxunto harmonízase dende unha idea de funcionalidade do espazo, o que se concreta nunha serie de edificacións intercomunicadas a través de galerías cubertas dando lugar a un Centro singular nun entorno único. Foi proxectada polos arquitectos José López Zanón e Luís Laorga Gutiérrez e elixiuse polo Colexio de Arquitectos da Coruña, no día Mundial da Arquitectura (edición 2001) como exemplo da “recuperación da modernidade arquitectónica no noso país nos anos 60”.

A andadura do centro iníciase en outubro de 1964 co nome de Universidade Laboral “Crucero Baleares”, con dependencia do Ministerio de Traballo e subvencionado polas Mutualidades Laborais. A orientación profesional preferente era Marítimo-pesqueira, e a procedencia do alumnado, que abarcaba toda España, e a súa condición de bolseiros en réxime de internado, implicou a construción dun internado, ademais das aulas e talleres e dun importante complexo deportivo.

Cos anos seguintes viñeron sucesivas mudanzas que irán configurando a súa identidade: primeiro foi adscrito como Instituto Nacional de Ensinanzas Integradas (INEI) ao Ministerio de Sanidade; posteriormente como Centro de Ensinanzas Integradas (CEI) ó Ministerio de Educación e Ciencia, pasando a denominarse Instituto de Educación Secundaria e Profesional (IESP). Na actualidade está transferido á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia coa denominación de CIFP “Universidade Laboral”.

A superficie total tamén se reduciu; primeiro pola expropiación perimétrica de Autopistas do Atlántico no seu tramo Coruña-Santiago no ano 1977, posteriormente (anos 90) coa subdivisión en cinco entidades de funcionamento autónomo: Complexo Deportivo (dependente da Secretaría Xeral de Deportes e Xuventude), Colexio Público Sofía Casanova, Centro Residencial Docente, Instituto de Educación Secundaria Obrigatoria Eduardo Blanco Amor e Instituto de Educación Secundaria Postobrigatoria “Universidade Laboral”. O ano 2016 incrementouse unha zona mais ao inaugurarse o IES Rego de Trabe. Por último, no curso 2020-21, o centro sofre unha nova cercenación da súa superficie xa que vese obrigada a ceder o emblemático edificio de Mariñas, onde se impartían os ciclos de Marítimo Pesqueira, ao recén inaugurado IES Rego de Trabe, xa que este centro pasa a asumir o ensino de bacharelato e secundaria para adultos, e o IES Universidade Laboral impartirá exclusivamente ensino de FP.

A orientación profesional inicial de Marítimo-Pesqueira ampliouse pouco a pouco a outras familias profesionais (Electricidade, Frío e Climatización, Electrónica de Comunicacións e Caldeirería, Enerxía e Auga, Actividades Físicas e Deportivas), BUP, COU, estudos da UNED e ensinanza profesional de adultos, para incorporarse máis tarde ós novos proxectos educativos deseñados polo MEC (Bacharelatos, FP específica, Educación permanente de adultos (EPA) e Programas de Garantía Social). Todo iso condúcenos a outra calidade distintiva do noso centro: a aposta permanente por estar sempre á vangarda do mundo educativo.

Deste xeito, cun equipamento material de enorme potencial pedagóxico-didáctico e cun profesorado dedicado en plenitude profesional ao seu labor docente, chegamos ó convencemento de que a través da orientación persoal e profesional, así como da adecuada interacción das actividades académicas coas complementarias e extraescolares do entorno socio-cultural próximo ou remoto, pretendemos lograr a mellor preparación dos nosos alumnos.

fachada.jpg
Vista da fachada principal da Universidade Laboral no ano da inauguración (1964)

 

aerea.jpg

Vista da aérea da Universidade Laboral no ano da inauguración (1964)

 

aerea2.jpg

Vista da aérea da Universidade Laboral no ano da inauguración (1964)

 

aerea3.jpg

Vista da aérea da Universidade Laboral despois da súa ampliación en 1970

 

aerea4.jpg

Vista da aérea da Universidade Laboral depois da sua ampliación en 1970

Distribuir contido