Acreditación de Competencias Profesionais

Información xeral

A acreditación de competencias é un proceso polo que a persoa candidata adquire unha acreditación oficial de competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral ou vías non formais de formación, previa avaliación das mesmas.

Este proceso permite acreditar unidades de competencia que forman parte dun Título de Formación Profesional ou dun Certificado de Profesionalidade.

Finalizado o procedemento, a comisión de avaliación indicará a formación complementaria que o participante ten que cursar, se desexa continuar a súa formación para obter o Título de Formación Profesional ou o Certificado de Profesionalidade.

Cualificación Profesional

É o conxunto de competencias (coñecementos e capacidades) válidas para o exercicio dunha actividade profesional que poden adquirirse a través da formación ou da experiencia laboral. Cada cualificación organízase en unidades de competencia.

A unidade de competencia é o agregado mínimo de competencias profesionais, susceptible de recoñecemento e acreditación parcial. Cada unidade de competencia leva asociado un módulo formativo e/ou profesional, onde se describe a formación necesaria para adquirir esa unidade de competencia. Un conxunto de unidades de competencia forma a cualificación profesional que son os referentes para elaborar despois as ofertas formativas conducentes a Títulos de Formación Profesional e/ou Certificados de Profesionalidade.

A quen lle pode interesar?

Se adquiriches os teus coñecementos profesionais desenvolvendo unha actividade laboral e non tes titulación:

  • Se abandonaches os teus estudos para incorporarte ao mundo laboral e aprendiches a túa profesión no posto de traballo.
  • Se realizaches actividades non remuneradas que che permitiron adquirir competencias do mundo laboral ou
  • Formácheste por vías non formais.

Podes presentarte ás convocatorias de acreditación de competencias profesionais relacionadas coa túa actividade e obter un certificado oficial válido en toda España que demostra a túa experiencia e coñecemento, e que pode axudarte a mellorar o teu futuro profesional.

Requisitos de participación

Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias acreditables.

  • Experiencia laboral
    • Nivel 1: Máis de 18 anos con 2 anos de experiencia e 1200 horas traballadas.
    • Nivel 2 e 3: Máis de 20 anos con 3 anos de experiencia e 2000 horas traballadas.
  • Formación non formal
    • Nivel 1: Máis de 18 anos con un mínimo de 200 horas de formación.
    • Nivel 2 e 3: Máis de 20 anos con un mínimo de 300 horas de formación.

As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nun ciclo de formación profesional ou realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia nas cales solicita a súa inscrición.

Fases do procedemento

1. Asesoramento

Nesta fase unha persoa asesora axudará ás persoas solicitantes a recoller todas as probas que poidan achegar para defender a súa competencia profesional: Proxectos, traballos realizados, certificados de estudos, cursos, referencias, informes e certificados de empresas.

2. Avaliación das competencias profesionais

A comisión de avaliación empregará os métodos que considere necesarios para comprobar o exposto na documentación achegada na fase de asesoramento. Poden ser, entre outros, a observación directa no posto de traballo, simulacións, probas estandarizadas de competencia profesional e/ou entrevista profesional.

3. Acreditación e rexistro das competencias

Cando se supere o proceso de avaliación obterase un certificado de acreditación de cada unha das unidades de competencia nas que se demostrara a competencia profesional.

Como realizar unha solicitude

A solicitude de participación no procedemento de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias (Procedemento ARA) deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia, co que será preciso ter a Chave 365. (ligazón: http://sede.xunta.gal)

Previamente deberán cubrise os datos correspondentes a través da aplicación informática ACREDITA

Nesta ligazón podes ver os datos e documentación que precisas á hora de realizar a solicitude na aplicación ACREDITA: Datos e documentación 

Máis información

Para máis información podes visitar as seguintes ligazóns:

 

 

 

Programa cofinanciado polo Ministerio de Educación y Formación Profesional no marco do Programa de Cooperación Territorial "Plan de Formación Profesional Para El Crecimiento Económico y Social y La Empleabilidad", e pola Unión Europea-NextGenerationEU.