JUANA RODRÍGUEZ REGO, A PEINETA

Miúda, delgada, lixeira, case como o vento. Sen pousar o corpo e coa patela na cabeza Juanita andaba sempre ergueita. O pelo tíñao rizado tirando a loiro e chegáballe aos ombros. -A ver quen me leva esta parrocha viviña! Quen me merca xurelos...? -Levo polbo viviño...! E ollomol e panchos que vendía por centos. Comezaba a cantar as ofertas xa por riba da Falperra, por Santa Lucía. Logo encaraba a Nelle, A Cancela, Santa Margarida, Agra de Bragua, o Campo da Feira, a Enfesta e o Ventorrillo. Despois A Ramalleira, Silva de Abaixo, Fontenova e O Regueiro. Tamén pola Moura, San Xosé e ás veces aínda ía até A Grela. Os cartos quedaban na faltriqueira e as sobras camiño dun guiso de patacas que preparaba para os seus fillos.

Un día Juanita, na festa da Silva de Abaixo, escoitou tocar o contrabaixo a Gervasio. Para ela foi toda unha ledicia velo levando o peso da orquestra. Gervasio gordo, baixo de voz rouca e ollada doce era amigo de Florencio, o seu home.

E ver a Juanita con Florencio e os seus fillos era un feitizo. Ela coa súa fachenda de muller sinxela honrando cos seus a festa da Silva. Tan chea de nervio e ben peiteada, co pelo aloirado, rizado, ollos claros facendo vida desde a pobreza.

De onde sacou a forza logo da brutal persecución do seu fillo Holando nunca se soubo. Paseárono no Areal de Bastiagueiro o mesmo día que Arturiño Meirás.

Aos dous veláronos os veciños de Liáns, perto de Santa Cruz de Mera. Foron eles quen levaron os seus corpos nun carro de vacas até o cemiterio. Os dous levaban as caras machucadas.

Holando e Arturo Meirás tiñan no corpo máis de vinte balazos cada un. As súas caras xa foran machacadas mesmo antes de lles dispararen e as mans apareceron atadas e con grandes feridas.

Anos despois, os seus asasinos morreron como porcos ricos e cebados.

Dona Juana Rodríguez Rego, Juanita A Peineta, pescantina de patela, cada día de defuntos collía o tranvía de Santo Amaro cun ramo na man. Lévaballe a Holando flores vermellas, amarelas e moradas.

 

Relato do libro “Memoria de ferro” (2005), de Antón Patiño Regueira

Menhires pola Paz

Campo da Rata

Gallo rojo, gallo negro (Silvia Pérez Cruz, Raül Refree)