MEU PAI

Chámome Andrés e son fillo de Andrés de Tita.

Meu pai, ao igual ca seu pai e o pai de seu pai e así ata onde xa non hai nin acordo, pasou a vida no mar.

Desde moi pequeno aprendeu dos máis vellos todas as cousas que andando ao mar hai que aprender para poder sobrevivir. Nova Orleans, Hamburgo ou Alexandría foron algúns dos moitos portos que os seus pasos percorreron. E os seus ollos pousáronse en todos os océanos.

Desde moi pequeno xa se tivo que enfrontar á fame, ao frío, ás tormentas, ás ausencias e, a pesar dos sufrimentos, de todas as calamidades sempre saíu airoso.

Na súa vida nómade foi quen de construír un fogar. Un fogar no que eu nacín e onde sen el estar deu acubillo, alimento e moito amor. Onde sen el estar, estaba.

Con el aprendín todo o que nesta vida hai que aprender para poder sobrevivir e non houbo cousa que el soubera que non tratase de ensinarme.

Pero o tempo, que acabará desgastando incluso as pirámides, tamén pasou por meu pai e ao igual que os barcos nos que pasou a súa vida, pouco a pouco, foi perdendo primeiro a máquina, logo a pintura e a arboradura e, xa sen cartas de navegación nin portulanos que o guiasen, foi cando ese espeso neboeiro que é o esquecemento o rodeou para sempre.

Foi cando o vello barco, que era meu pai, perdeu por primeira vez na súa vida o rumbo do goberno e quedou varado para sempre.

Cando lle diagnosticaron Alzheimer non fixemos coma Laura do Corvo con seu pai que, despois de desmantelarlle todo o que tiña de valor, o entregou a unha chatarrería para que o despezasen pouco a pouco mentres lle comían a paga. (...) Dicía que seu pai xa non a coñecía nin sequera a ela e que, polo tanto, non importaba quen o coidase. (...)

Na súa noite sen lúa, meu pai tampouco nos coñece a nós, a seus fillos... pero nós si que o coñecemos a el. Esa é a diferenza. Nós, os seus fillos, facemos con el o mesmo que el fixo con nós: mimalo, coidalo e querelo. E farémolo ata o seu último alento, ata a súa última viaxe. Nós somos o seu radar, a súa máquina, a súa proa, o seu temón. El é a nosa nao capitá e nós, ao seu carón, protexémolo e subministrámoslle todo o necesario para súa comodidade e para súa actividade.

Navegamos sempre por todas as rúas deste pequeno porto e, aínda que sempre é o mesmo sitio, para meu pai tanto pode ser Hamburgo, como Nova Orleáns como Alexandría.

Meu pai non sabe quen somos nós pero nós, os seus fillos, si sabemos quen é el. Non sei que vai ser de min cando sexa vello nin sei que vai ser de Laura pero si que sei o que é e o que vai ser de Andrés de Tita, meu pai.

 

Relato do libro “Xeixos” (2015), de SUSO LISTA

Merlí (intro da serie)

Merlí (serie completa)